ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBAN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDAS Á XERACIÓN DE ACTIVIDADE NO MARCO DO PROXECTO EUROPEO EQUAL COMPOSTELA SOCIAL, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2006.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de xuño de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa de axudas á xeneración de actividade no marco do proxecto europeo Equal Compostela Social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Con data 17 de xuño de 2004 o concello de Santiago de Compostela dispuxo presentar a solicitude de participación na convocatoria das axudas do Fondo Social Europeo (FSE) correspondente á Iniciativa comunitaria Equal II en España.

Nesa mesma data os concellos e outras entidades da comarca de Santiago constitúen a Agrupación de Desenvolvemento do proxecto “Compostela Social”, Obradoiros de empresarios para a inserción sociolaboral, sendo aprobada pola Unidade Administradora do FSE en novembro de 2004 a participación do citado proxecto no programa da  Iniciativa Equal para os anos 2005, 2006 e 2007.

O proxecto Equal Compostela Social ten por obxecto promover o espírito de empresa e a creación de empresas nos concellos participantes, como medio para a incorporación sociolaboral das persoas con máis dificultades de inserción no mercado de traballo.

A Consellería de Traballo participa no referido proxecto a través da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, como órgano executor de parte das actuacións desenvolvidas no marco de Equal Compostela Social, en particular, a xestión das axudas para o fomento do autoemprego reguladas no proxecto normativo sometido a ditame, que subvencionan tanto a creación e constitución de novas empresas como o inicio de actividade empresarial como autónomos/as, cun importe total para o ano 2006 de 168.000 euros, sendo financiados polo FSE nun 75% e con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia nun 25%.

Non existen antecedentes, xa que é a primeira vez que este proxecto normativo se recibe para ditame.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa de axudas á xeración de actividade no marco do proxecto europeo Equal Compostela Social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, catro artigos e un anexo que contén vinte bases que regulan o citado programa.

O día 7 de xullo de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén, como anexo, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I).

DITAME 28/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo, pola que se aproban as bases reguladoras do programa de axudas á xeración de actividade no marco do proxecto europeo Equal Compostela Social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de xuño de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de xullo de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité considera que as bases reguladoras do programa de axudas contemplado no proxecto normativo sometido a ditame deberían ter sido publicadas no primeiro trimestre do ano, entendendo que o prazo establecido para solicitar as axudas devén moi curto coa publicación posiblemente no terceiro trimestre do ano.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Base segunda. Beneficiarios

Proponse que se mellore a redacción da letra b) do apartado 1 desta base.

Segunda.-  Bases oitava e décima.
Proponse que as letras j) e k) que figuran nestas bases sexan substituidas polas que correspondan, ao non existir estas na lingua galega.

Terceira.- Base undécima. Procedemento de concesión das axudas.

Considérase excesiva a habilitación que se establece no apartado 7 desta base, permitindo ao director xeral de Promoción do Emprego alterar todo o procedemento de concesión das axudas se estima que hai unha situación de excepcionalidade.

Cuarta.- Base Vixésima.

Esta disposición faculta ao director xeral de Promoción do Emprego para que dite as resolucións e aclaracións necesarias ..”

Considérase que se debería suprimir o inciso “e aclaracións”, por razóns obvias.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira.- Base quinta. Gastos subvencionables.

A CEG considera que o investimento en activo fixo debería subvencionarse.

Segunda.- Base décima. Criterios obxectivos de adxudicación das axudas.

A CEG considera que debe terse en conta como criterio de valoración o esforzo inversor.