ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE EFECTÚA CONVOCATORIA COMPLEMENTARIA PARA PROGRAMAS DE PROMOCIÓN E DIVULGACIÓN DO COOPERATIVISMO.

I.  ANTECEDENTES

O día 13 de xullo de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se efectúa convocatoria complementaria para programas de promoción e divulgación do cooperativismo e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A disposición adicional segunda da Orde do 27 de marzo de 2006, pola que se desenvolven os programas de promoción e divulgación do cooperativismo, reserva á Consellería de Traballo a posibilidade de efectuar convocatorias complementarias no caso de que, unha vez adxudicadas as axudas e subvencións previstas nela, resultase remanente de crédito.

En consecuencia, xa que existe remanente de crédito, efectúase a convocatoria complementaria mediante dous programas de singular importancia para o fomento do cooperativismo:

1. Programa de impulso de proxectos empresariais cooperativos, incluso na fase previa a súa constitución formal (programa I-BIS).

2. Programa de fomento do acceso dos asalariados á condición de socios traballadores para incentivar a plena integración na empresa cooperativa (programa V-BIS).

Non existen antecedentes, xa que é a primeira vez que este proxecto normativo se recibe para ditame.

Do contido do proxecto normativo destácase o seguinte:

Solicitudes.- As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nos distintos programas desta orde deberán formalizarse por separado para cada un deles, adxuntando a documentación específica relacionada no artigo 7º, aínda que a documentación xenérica non ten que duplicarse. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 16 de outubro de 2006.

Resolución.- A concesión realízase en réxime de concorrencia non competitiva, tendo en conta as características dos novos programas e a suficiencia dos créditos orzamentarios para outorgar as subvencións a todos aqueles que cumpran os requisitos esixidos. O órgano que resolve a concesión é o conselleiro de Traballo. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de tres meses.

Pagamento.- O pagamento efectuarase de forma nominativa e pagamento único pola súa totalidade, a favor dos beneficiarios e logo de acreditación dos gastos realizados. Unicamente se aboará ata o 75% dos gastos realmente realizados e xustificados, ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.
PROGRAMA I-BIS: Impulso de proxectos empresariais cooperativos.
Este programa ten como finalidade esencial fomentar e promover o cooperativismo no ámbito da Comunidade Autónoma, concedendo axudas económicas que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais que se articulen baixo a fórmula cooperativa, tanto para aqueles que sexan de nova creación como para os xerados  polas entidades existentes.

Procúrase, así mesmo, facilitar a incorporación de socios traballadores procedentes de procesos de reestructuración, reconversión ou peche de empresas, aos devanditos proxectos.

A contía máxima subvencionable por proxecto non poderá superar os 50.000 euros.

PROGRAMA V-BIS: Fomento do acceso á condición de socio traballador.
Este programa ten como obxectivo o fomento do acceso dos asalariados das sociedades cooperativas á condición de socios, como xeito de promocionar o cooperativismo facilitando a súa participación e plena integración na empresa, mediante a concesión de axudas económicas destinadas a financiar, parcialmente, a achega ao capital social que o traballador debe desembolsar para incorporarse como socio.

A contía das axudas será de ata 5.000 euros por socio, sen que en ningún caso exceda o 75% da achega que cada novo socio deba desembolsar, cun tope máximo subvencionable de 10 socios traballadores por cooperativa.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se efectúa convocatoria complementaria para programas de promoción e divulgación do cooperativismo” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezaséis artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras, así como dun anexo coas bases reguladoras dos programas I-BIS e V-BIS.
O día 26 de xullo de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

DICTAME 30/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se efectúa convocatoria complementaria para programas de promoción e divulgación do cooperativismo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de xullo de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de xullo de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo da exposición de motivos debe engadirse que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 7º. Documentación específica.

No Programa I esíxese a presentación dunha factura individualizada correspondente a cada concepto subvencionable, mentres que no Programa V basta con unha certificación do acordo da cooperativa.

Este Comité Delegado propón que debe seguirse un criterio análogo en todos os programas de axudas, polo que suxire que en lugar da factura individualizada se esixa unha factura proforma ou un orzamento de cada concepto subvencionable, co compromiso de constitución da entidade cooperativa.  

Terceira. Artigo 10º.2. Resolución e recursos.

O proxecto normativo que se somete a ditame establece no apartado 2 deste artigo que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
Proponse a substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.