ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 32/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS ÁS UNIDADES DE APOIO Á ACTIVIDADE PROFESIONAL NO MARCO DOS SERVIZOS DE AXUSTE PERSOAL E SOCIAL DOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2006.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de xullo de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A disposición adicional terceira do Real Decreto 469/2006, do 21 de abril (BOE nº 96, do 22 de abril), polo que se regulan as unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, atribúelle á Consellería de Traballo a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das subvencións ás referidas unidades de apoio.

Mediante o programa regulado neste proxecto normativo mellóranse as medidas establecidas para a integración laboral das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, reguladas na Orde da Consellería de Traballo do 17 de marzo de 2006 (DOG nº 64, do 31 de marzo), posto que mediante os servizos de axuste persoal e social se trata de orientar as funcións das persoas con discapacidade cara un axuste laboral que permita superar os obstáculos para a súa incorporación plena a un posto de traballo, así como a permanencia e progresión no mesmo.

Non existen antecedentes, xa que é a primeira vez que este proxecto normativo se recibe para ditame.

Do contido do proxecto normativo destácase o seguinte:

Solicitudes.- As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto nas normas vixentes en materia orzamentaria e de subvencións, ao Real decreto 469/2006, do 21 de abril, polo que se regulan as unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, así como ao disposto neste proxecto normativo sometido a ditame. O prazo para a presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2006.

Funcións das unidades de apoio á actividade profesional.- Cabe destacar, entre outras, a de detectar e determinar as necesidades de apoio para que o traballador con discapacidade poda desenvolver a súa actividade profesional; a de establecer as relacións precisas co contorno familiar e social dos traballadores con discapacidade para estimular a estos na súa incorporación laboral; a de desenvolver programas de formación necesarios para a adaptación do traballador ao posto de traballo, etc. (artigo 4º).

Destinatarios finais do programa.- Son os traballadores dos centros especiais de emprego que, ou ben teñan unha discapacidade intelectual, enfermidade mental ou parálise cerebral, cun grao de minusvalía recoñecido igual ou superior ao 33%, ou ben teñan unha discapacidade física ou sensorial cun grao de minusvalía recoñecido igual ou superior ao 65%.

Subvencións e contía das mesmas.-  As subvencións destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade Social derivados da contratación indefinida dos traballadores das unidades de apoio á actividade profesional nos centros especiais de emprego, para o desenvolvemento das funcións descritas anteriormente, sendo a contía de 1.200 euros anuais por traballador contratado (artigo 7º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, seis disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas derradeiras.

O día 26 de xullo de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

DITAME 32/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de xullo de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de xullo de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 1º. Finalidade.

No parágrafo 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Segunda.-  Artigo 11º. Solicitudes e documentación.
Este artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude. Este Comité propón substituir as letras j) e k) polas que correspondan, dado que son impropias da lingua galega.

Terceira.- Artigo 13º. Resolución e recursos.

Este artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, considerando o de seis meses excesivamente longo.