ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 33/06

DITAME SOBRE O ANTEPROXECTO DE LEI DE CREACIÓN DO INSTITUTO GALEGO DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL.

I. ANTECEDENTES

O día 9 de outubro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo anteproxecto de Lei de creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O anteproxecto de Lei regula no seu Título I a creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral como un organismo autónomo de carácter administrativo, con personalidade xurídica propia, autonomía funcional e plena capacidade de obrar, adscrito organicamente á Consellería de Traballo, co obxectivo de promover a mellora das condicións de traballo, así como de elevar o nivel de protección da saúde das persoas traballadoras galegas (artigo 1º).

O artigo 2º define o ámbito de actuación, que se estende a todas as empresas e a todas as persoas traballadoras, incluídas as administracións públicas, nos seus centros de traballo radicados en Galicia, incluíndo especificamente as cooperativas de traballo asociado e as demáis cooperativas en relación aos seus socios de traballo.

Os artigos 3º e 4º regulan os fins e funcións do Instituto e o artigo 5º, 6º e 7º os órganos de dirección e xestión: Unha persoa encargada da dirección que representa legal e institucionalmente ao Instituto e a Comisión de Goberno, composta por once membros (cinco representantes da Administración, tres designados polas organizacións empresariais e tres polas organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma).

O Título II regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral como órgano de participación e asesoramento de todos os axentes implicados na prevención de riscos laborais, asignándolle funcións de carácter consultivo e de participación, establecéndose -na disposición derrogatoria do anteproxecto normativo- que no momento da súa constitución quedará disolto o Consello creado polo Decreto 200/2004.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Anteproxecto de Lei de creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral” consta de: Exposición de motivos, dous títulos, catorce artigos, seis disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións finais.

O día 20 de outubro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unhas consideracións sobre a valoración da norma de carácter non unánime: dúas manifestadas polas organizacións sindicais CIG e SN de CC.OO. de Galicia (anexo I) e catro consideracións manifestadas pola CIG (anexo II).

DITAME 33/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Anteproxecto de Lei de creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de outubro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de outubro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais valoran positivamente o anteproxecto, en liña co que este Comité demandou no seu Ditame 23/04, emitido sobre o proxecto de Decreto polo que se creaba un organismo do mesmo nome, sen menoscabo das consideracións de índole particular que se realizan de seguido.

Segunda.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do anteproxecto de lei cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista (por exemplo, alúdese a traballadores, título de diplomado universitario, escala de farmacéuticos etc.  cando debería ser persoas traballadoras, diplomatura universitaria, escala de farmacia, etc.).
Así mesmo, en lugar de director/a, conselleiro/a, etc. debería dicir persoal encargado da dirección, titular da consellería, etc.

Terceira.

Este Comité considera que debe revisarse o texto para evitar erros como o que figura na exposición de motivos (páxina 3, 2º parágrafo), ao dicir que o Instituto nace co propósito de servir de “couce” para o encontro e participación de todos os sectores implicados.

Cuarta.

Obsérvase na clasificación do artigo 4º que se utilizan as letras j) e k), impropias do idioma galego, polo que proponse sexan substituidas polas seguintes que correspondan, modificando correlativamente todas as letras dos ítems seguintes.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos.

Obsérvase que falta, na exposición de motivos, un parágrafo final que aluda á consulta verificada ao Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.-  Artigo 4º. Funcións.

Na primeira liña deste artigo establécese que o Instituto realizará, entre outras, as seguintes funcións.
Este Comité considera que debe suprimirse a expresión “entre outras”, xa que outras funcións das establecidas teñen cabida na letra q) do citado artigo 4º, que se refire a cantas outras sexan necesarias para os fins previstos.

Terceira.- Artigo 5º. Órganos do Instituto Galego de Seguridade e Sáude Laboral.

Este Comité considera que debe darse unha redacción ao texto do artigo.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E SN DE CC.OO. DE GALICIA.

Primeira.- Disposición adicional cuarta.

Esta disposición establece que o regulamento orgánico e funcional do Instituto elevarase ao Consello da Xunta, pero non concreta o órgano competente que o elevará. Tendo en conta o establecido na última liña do artigo 6º, podería deducirse que tal función lle corresponde á dirección dun Instituto inexistente.
Polo exposto, entendemos que debería concretarse na citada disposición adicional cuarta o órgano ao que lle corresponde elevar ao Consello da Xunta o regulamento citado.

Segunda.- Disposición derrogatoria.

As organizacións CIG e SN. de CC.OO de Galicia consideran que debe clarificarse a redacción do segundo parágrafo desta disposición, xa que entenden que a referencia ao regulamento é á do regulamento interno do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral (previsto no artigo 12.B.6) e non ao regulamento do Instituto.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CIG.

Primeira.- Artigo 3º. Fins.

A CIG considera que o segundo parágrafo deste artigo tería unha mellor cabida no artigo 4º que relaciona as funcións do Instituto, polo que propón que os fins relacionados (letras a á e) sexan incluídos como funcións no citado artigo 4º.

Segunda.- Artigo 6º. A dirección do Instituto.

Neste artigo  defínese a dirección do Instituto, correspondéndolle (última liña do artigo) o exercicio das facultades non atribuídas específicamente a outros órganos.

Entende esta organización que as funcións e competencias de cada órgano, e máis no caso de órganos individuais, deben estar taxadas na lei. En todo caso, semella máis apropiado que de ter que figurar na lei ese exercicio de facultades non expresamente atribuídas, deberían residir na Comisión de Goberno, prevéndose pola súa vez a posible delegación de facultades concretas desta Comisión na dirección do Instituto.

Terceira.- Artigo 7º. A Comisión de Goberno.

No artigo 7 establécese a Comisión de Goberno do Instituto, que estaría conformada por 3 representantes designados polas organizacións sindicais máis representativas, outros 3 designados polas organizacións empresariais e 6 representantes da Administración, entre os que se atopa, con voto de calidade, quen ostente a Presidencia (que será a mesma persoa que exerza o cargo da Dirección Xeral de Relacións Laborais).

A CIG entende que esa composición, na que a capacidade de decisión real corresponde única e exclusivamente á Administración, non é congruente co que se sinala na exposición de motivos a respecto da participación especial dos interlocutores sociais. Entendemos que aínda sen chegar ao tripartismo paritario que sería de desexar, caben fórmulas intermedias que dean mostra dun compromiso real coa participación dos interlocutores sociais e empresariais, e outorguen a éstes un maior protagonismo e corresponsabilización en cuestión tan significada para o ámbito das relacións laborais como é a seguridade e saúde laboral.

Cuarta.- Artigo 8º. Estrutura orgánica do instituto.

Este artigo establece para o Instituto unha estrutura básica da que forman parte un órgano central e centros territoriais “xurdidos da integración no instituto dos actuais centros provinciais de Seguridade e Saúde Laboral”.

A CIG considera que debe constar neste artigo que os centros territoriais se crearán co ámbito que se determine regulamentariamente, establecéndose nunha disposición transitoria da lei que os actuais centros provinciais de Seguridade e Saúde Laboral pasarán a integrarse nos centros territoriais do Instituto.