ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 34/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE REGULA A CUALIFICACIÓN DAS EMPRESAS DE INSERCIÓN E SE CREA O SEU REXISTRO ADMINISTRATIVO.

I. ANTECEDENTES

O día 9 de outubro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Decreto polo que se regula a cualificación das empresas de inserción e se crea o seu rexistro administrativo, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As empresas de inserción teñen como finalidade facilitar o acceso ao emprego de colectivos desfavorecidos mediante o desenvolvemento dunha actividade produtiva na que se alternan formación e emprego, posibilitando a adquisición de experiencia e habilidades laborais mediante o desempeño dun posto de traballo, que permitiralles adquirir a cualificación profesional e a produtividade necesaria como paso previo para acceder á empresa ordinaria.

O obxecto do proxecto normativo sometido a ditame é establecer un marco normativo que, por unha parte, permita o desenvolvemento ordenado das empresas de inserción laboral dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e regule o seu rexistro administrativo e, por outra,  promova e fomente a inserción laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social, para conseguir a súa total integración laboral e social no mercado laboral ordinario, a través da súa incorporación ás empresas de inserción.

Para o cumprimento deste obxectivo, o proxecto de Decreto sometido a ditame ten o seguinte contido:

§ Delimita as situacións que, de ser o caso, poden determinar a adopción das medidas que establece.

§ Define as características que debe ter unha persoa xurídica para ser considerada empresa de inserción e procura o seu desenvolvemento e consolidación.

§ Regula as actividades destas empresas nos procesos de inserción.

§ Determina os requisitos necesarios e o procedemento para incorporar ás persoas afectadas polas situacións de exclusión social nas empresas de inserción.

§ Establece o Rexistro de Empresas de Inserción laboral de Galicia.

§ Establece medidas de fomento da actividade das empresas de inserción.

Non existen antecedentes, xa que é a primeira vez que este proxecto normativo se recibe para ditame.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se regula a cualificación das empresas de inserción e se crea o seu rexistro administrativo” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, dezaséis artigos, tres disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións finais.

O día 26 de outubro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e quince consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexo, tres consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 34/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Decreto polo que se regula a cualificación das empresas de inserción e se crea o seu rexistro administrativo”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de outubro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de outubro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Estando actualmente en curso un proceso de diálogo social entre o goberno da Xunta de Galicia e os interlocutores sociais e económicos representativos, proceso no que se están a abordar as políticas de emprego, da economía social ou de cohesión social, parece un contrasentido que este proxecto normativo non teña sido presentado na mesa de diálogo correspondente. Por outra parte, a administración autonómica non debería pasar por alto as competencias do Comité Autonómico de Emprego, ao que entendemos correspóndelle cando menos ser puntualmente informado deste proxecto de Decreto.

Segunda.

Suscítanselle dúbidas a este Comité sobre a conveniencia de que antes da promulgación deste decreto se poidera ter disposto dunha base legal sólida e propiamente galega, sobre a creación e mantemento das denominadas Empresas de Inserción Laboral, base legal que tería perfecta acollida nunha lei galega de servizos sociais, en términos competenciais. Coidamos que iso permitiría afrontar con maior precisión, claridade e flexibilidade a regulación que se fai no proxecto de Decreto, que ten a súa base (segundo se recoñece na exposición de motivos) na Disposición Adicional novena da Lei Estatal12/2001, de medidas urxentes de reforma do mercado de traballo, disposición que resulta realmente xenérica e superficial en relación á complexa problemática deste tipo de empresas.

Terceira.

Na redacción do proxecto descuidouse seriamente a utilización correcta do idioma, con arreglo á normativa que para a súa escrita está vixente actualmente. Localízanse non menos dun cento de incorreccións, polo que este Comité suxire unha revisión lingüística de todo o texto. En relación con esta cuestión, temos que facer notar que, unha vez máis (nesta ocasión no artigo 2 do proxecto que se ditamina) úsanse incorrectamente nas clasificacións as letras “j” e “k”, que son impropias do noso idioma.

Cuarta.

Este Comité observa a coexistencia de artigos correctamente redactados con outros que non o están, ignorando as diferencias de xénero, polo que propón unha revisión do texto para evitar unha lingüaxe sexista.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Título do proxecto de decreto.

Este Comité considera que o título do proxecto normativo non se corresponde co contido deste, polo que se propón a súa modificación para axustalo ao contido material da norma, que regula aspectos que van máis aló da mera cualificación e rexistro. Por exemplo, no artigo 2 defínense os colectivos beneficiarios da inserción laboral; no artigo 9 establécense as competencias das administracións públicas, etc.

Segunda.- Exposición de motivos.

No duodécimo parágrafo, erroneamente, establécese que o decreto artéllase en 16 artigos, catro disposicións adicionais e unha final, cando o correcto sería 16 artigos, tres disposicións adicionais, unha transitoria e dúas finais.

Terceira.- Exposición de motivos.

Obsérvase que falta, na exposición de motivos, un parágrafo final que aluda á consulta verificada ao Consello Galego de Relacións Laborais.

Cuarta.- Artigo 2º. Suxeitos e beneficiarios da inserción sociolaboral.

No apartado 1 deste artigo afírmase que aos efectos deste decreto, a inserción sociolaboral vai dirixida a persoas en situación ou risco de exclusión social “que estean en situación de desemprego”.

Este Comité entende que esta esixencia, relacionada coa definición legal da situación de desemprego, pode impedir a inclusión de persoas que deberían ser beneficiarias, polo que se propón a substitución da expresión en negrita pola de “que estean en paro ou sen ocupación”.

Quinta.- Artigo 2º. Suxeitos e beneficiarios da inserción sociolaboral.

No apartado 2, letra d), deste artigo establécese que son suxeitos de inserción laboral os mozos maiores de 16 e menores de 30 procedentes de Institucións de Protección de Menores.

Este Comité considera que deben ser tamén beneficiarios os mozos procedentes de Institucións de Reforma de Menores.
Así mesmo, neste apartado 2, letra m), relaciona como beneficiarias da inserción laboral ás mulleres que abandonaran o exercicio da prostitución.

Considera este Comité que sería máis correcto dicir “que proveñan do exercicio da prostitución”.

Sexta.- Artigo 3º. Concepto de Empresa de Inserción.

O apartado 1 deste artigo considera empresas de inserción aquelas que incorporen ao mercado laboral “persoas en perigo ou situación de exclusión social”.

Este Comité entende que é máis correcto dicir “persoas en risco ou situación de exclusión social”.

Sétima.- Artigo 6º. Rexistro e cualificación.
Entende este Comité, no apartado 4 deste artigo, que  sería máis exacta a inclusión dunha terceira sigla na denominación destas empresas: Empresa de Inserción Laboral, ou en abreviatura E.I.L.

Oitava.- Artigo 9º. Competencias das administracións públicas.

O apartado 2, letra c), deste artigo establece que é competencia do Servizo Público de Emprego de Galicia facilitar, se procede, procesos de orientación e formación profesional aos traballadores.
Este Comité considera que debe suprimirse a expresión en negrita “se procede”.

Novena. Artigo 9º. Competencias das administracións públicas.

Este Comité entende que deberíase engadir un novo ítem (letra d) ao apartado 3 deste artigo, que estableza a obriga da administración de destinar persoal educativo e formativo para tutelar axeitadamente o proceso de inserción laboral.

Décima.- Artigo 11º. Características da contratación para a adaptación sociolaboral.

No apartado 1 deste artigo fálase de "convenio de Inserción" sen que se especifique na norma nin o seu contido nin a súa finalidade, se ben podería desprenderse do establecido noutros artigos.

Este Comité considera que conviría clarificar o contido mínimo dese Convenio de Inserción, con quen haberá de subscribirse, as obrigas que o mesmo establece e respecto de quen.

Undécima. Artigo 11º. Características da contratación para a adaptación sociolaboral.

O apartado 1 deste artigo refírese ao contrato que vincula ao traballador coa empresa de inserción.

Entendemos que se debería establecer un límite máximo de duración do contrato de inserción, coa posibilidade de incorporar excepcións a esta norma xeral, que estén claramente taxadas e cun procedemento transparente.

Duodécima. Artigo 11º. Características da contratación para a adaptación sociolaboral.

Este Comité sinala que neste mesmo precepto bótase en falta tamén unha maior concreción e/ou separación da actividade formativa da actividade laboral propiamente dita, de modo que sería conveniente establecer uns parámetros obxectivos para a formación, que poderían cifrarse nunha porcentaxe de xornada que obrigatoriamente se destinase a ese tipo de actividade formativa (por exemplo, un 15 ou 30% da xornada).

Décimo terceira. Artigo 12º. Obrigas da empresa de inserción.

O apartado 1 deste artigo establece que a empresa de inserción debe asumir as obrigas que establece a normativa laboral vixente.

Este Comité considera que debe engadirse neste apartado que debe asumir especialmente a lexislación laboral vixente en materia de riscos laborais.

Décimo cuarta. Artigo 14º. Fomento da inserción sociolaboral.

Nas letras b), c) e e) deste artigo establécense subvencións á contratación de xerentes ou técnicos, expertos en orientación laboral e para a realización de labores de mediación laboral.

Este Comité considera que debe suprimirse este tipo de subvencións.

Así mesmo, a letra d) establece subvencións para a incorporación do traballador que ocupe unha plaza de inserción ao autoemprego. Entende este Comité que, neste caso, o beneficiario da subvención é o traballador e non a empresa de inserción, polo que non corresponde a inclusión da subvención ao autoemprego nun artigo adicado a establecer subvencións ás empresas de inserción.

Décimo quinta. Artigo 14º. Fomento da inserción sociolaboral.

No último parágrafo deste artigo, afírmase que as axudas serán independentes das que se poidan establecer con carácter individual para cada un dos colecltivos en situación ou risco de exclusión social.

Este Comité entende que esta cuestión parece obvia, pero deberíase aclarar se as axudas son ou non compatibles.

ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira.- Artigo 4º. Requisitos para a cualificación como empresa de inserción.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera excesivo que, no apartado 1.b) deste artigo, se esixa que as entidades promotoras da Empresa de Inserción que ostenten o 51 por 100 (ou o 49 por 100 no caso de SAL ou un 33% no caso de Cooperativas) e desincentiva a posibilidade de que as empresas que non reúnan os requisitos regulamentarios se incorporen a un proxecto deste tipo.
Sería máis desexable, ao entender desta Confederación, que se reducise a porcentaxe de participación das entidades promotoras polo menos ao 33 por 100, como no caso Canario ou Vasco, co fin de posibilitar a empresas a participación activa neste tipo de iniciativas.

Segunda.- Artigo 4º. Requisitos para a cualificación como empresa de inserción.
O apartado 1, letra e) deste artigo establece como requisito para a cualificación como empresa de inserción aplicar, polo menos, o 80% dos resultados ou dos excedentes dispoñibles obtidos en cada exercicio á mellora ou ampliación das estruturas produtivas e de inserción, ou a programas de inserción sociolaboral das entidades promotoras.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera insuficiente que se aplique o 80 por 100 dos excedentes do reinvestimento na inserción, por canto se trata de empresas que serán fortemente apoiadas pola Administración autonómica, non só a través das medidas de fomento que se consideran no capítulo V, senón tamén pola preferencia na adxudicación dos contratos administrativos convocados pola Administración Galega.

Sendo así e tendo pois certa situación de "bo trato" ou "vantaxes" respecto doutras empresas que non sexan de inserción, o lóxico sería, ao entender desta Confederación, esixirlle o reinvestimento do 100% dos excedentes en actividades relacionadas directamente coa inserción (como fai, por exemplo, a normativa vasca).

Permitir a este tipo de empresas, con tal beneficioso trato por parte da Administración, obter beneficios aínda que só sexan do 20 por 100, podería chegar a crear unha seria alteración da libre competencia respecto doutras empresas que non sexan de inserción.

Terceira.- Disposición adicional segunda. Claúsulas sociais.

A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta o seu total rexeitamento á redacción desta disposición que outorga unha preferencia nos contratos administrativos ás empresas de inserción, polo mero feito de selo, xerando un agravio comparativo co resto de empresas e descoñecendo a regulación actual da contratación administrativa, pois a introdución dun criterio de preferencia non relacionado co obxecto do contrato debe ser considerado ilegal conforme ao vixente marco regulatorio estatal e europeo. Debe sinalarse ao respecto que o texto refundido da Lei de contratos só contén unha cláusula de preferencia relativa á presenza de discapacitados no cadro de persoal.