ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/02

DICTAME SOBRE O BORRADOR DA ORDE DA CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DIRIXIDOS A FAVORECE-LA CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, remitida pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en data do 15 de febreiro de 2002, con rexistro de entrada neste Consello do día 18 de febreiro, a efecto de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2.b) da Lei 7/1988, de 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o 27 de febreiro dos correntes, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen a continuación:



1. Consideración xeral.

Considérase que a vixencia e os prazos das axudas contempladas na presente Orde, (ó igual que todas aquelas que a Xunta de Galicia emita en materia de contratación) deberían ter como referencia todo o ano natural para o que se publican, é dicir, do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2002, neste caso, e non establecer topes temporais distintos á data do remate do ano en curso.

2. Artigo 2. Beneficiarios.

Este artigo establece como beneficiarios potenciais das axudas ás empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica.
Na redacción do precepto non parecen ter cabida, polo tanto, os traballadores autónomos. Este Comité considera oportuno facer algunhas matizacións, de maneira que podan beneficiarse das axudas aqueles traballadores autónomos que, ou ben traballan para si, sen empregados, ou que contan cun só empregado.

Proponse, en consecuencia, incluír como potenciais beneficiarios da norma ós devanditos traballadores.  






ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA RESOLUCIÓN MANIFESTADAS POLO S.N. DE CCOO DE GALICIA, UGT E MAILA CIG
A conciliación da vida laboral e familiar debe enfocarse, fundamentalmente, desde medidas directas á persoa que precisa de dita conciliación e a través dunha rede de servicios sociais de calidade. Primeiro, hai que atopar medidas para soluciona-los problemas familiares que dan lugar á necesidade de conciliar ámbalas dúas facetas da vida e logo, atopar axudas para acada-la incorporación do beneficiario, que é a fase que regulamenta esta Orde.

Considérase pois imprescindible contempla-las dúas situacións, que deberían ter acollida no texto da norma: hai que afronta-los problemas previos que xorden para incorporarse ó mercado de traballo, tendo en conta, fundamentalmente, as situacións dos traballadores e traballadoras e non só considerar estas situacións desde a postura da empresa.







ANEXO II

CONSIDERACIÓN DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA RESOLUCIÓN MANIFESTADA POLA CEG

Artigo 13.e) Obrigas dos beneficiarios.

Este precepto, establece a obriga de reintegra-la parte proporcional da subvención concedida no caso de producirse, por calquera causa, a extinción da relación laboral.

Considérase lóxico establecer unha obriga de mantemento de posto fixo para acceder á axuda, pero tal obriga non é incompatible, por exemplo, con determinadas extincións da relación laboral, xa que de producirse esta, a obriga cumpriríase substituíndo ó traballador por outro traballador a efectos de mante-lo emprego estable.