ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 35/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE SUBVENCIÓNS ÁS CENTRAIS SINDICAIS PARA O ANO 2007

I. ANTECEDENTES

O día 6 de novembro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2007 e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto de orde se fai constar que o marco xeral de subvencións destinadas ás centrais sindicais, que no campo laboral convoca anualmente a Administración autonómica, está regulado no Decreto 106/1994, do 21 de abril, no seu artigo 4º, que establece que as subvencións serán destinadas ás centrais sindicais con representación na comunidade autónoma, para o desenvolvemento das súas actividades.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 4 de xaneiro de 2006 constátase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais, agás no que se refire á contía dos créditos habilitados para o financiamento das axudas, que veñen aumentando lixeiramente desde o exercicio anterior.

Así, as axudas para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2007, reguladas no programa I, financiaranse, segundo o disposto no artigo 3º do proxecto normativo, cun crédito por importe de 1.152.900,00€ (en 2006 o crédito foi de 1.119.320,00€).

Igualmente, as axudas ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, reguladas no programa II, financiaranse, segundo o disposto no artigo 7º do proxecto normativo, cun crédito por importe de 241.623,00€ (en 2006 o crédito foi de 234.585,00€), correspondendo a cada unha das centrais sindicais máis representativas unha subvención por importe de 65.890,00€, destinando o resto do crédito a atender as solicitudes das outras centrais sindicais con representación en Galicia segundo os resultados electorais referidos ao 31 de decembro de 2005 (art. 9º)

Finalmente, as axudas para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegados sindicais, reguladas no programa III, financiaranse, segundo o disposto no artigo 11º do proxecto normativo, cun crédito por importe de 863.688,00 € (en 2006 o crédito foi de 838.532,00 €), correspondendo a cada unha das centrais sindicais máis representativas, para gabinetes técnicos de formación, unha subvención por importe de 30.660,00€, destinando o resto do crédito a atender as solicitudes das citadas centrais sindicais para plans de formación de cadros e delegados sindicais, en proporción ao número de representantes que tiveran o 31 de decembro de 2005 (art. 13º).

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Na exposición de motivos non figura que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

No artigo 1º, inclúese a esixencia de axustar as axudas ao disposto na Lei 38/2003 xeral de subvencións.

No artigo 18º, establécese que as subvencións concedidas publicaranse de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 4/2006 de 30 de xuño de transparencia e boas prácticas na administración pública galega.

No artigo 19º, que regula a forma de pagamento e xustificación,  modifícase o apartado 4 do borrador remitido en 2005 e agora, en lugar da declaración complementaria, a central sindical deberá comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá ser individualizada por programa e deberá efectuarse tan pronto se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Esta modificación foi xa recollida na orde que se publicou no DOG do 4 de xaneiro de 2006.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula regula o rexime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións derradeiras.

O día 14 de novembro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral e tres específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).

DITAME 35/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o rexime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2007,  da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de novembro de 2006, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de novembro de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Obsérvase que falta, na exposición de motivos, un parágrafo final que aluda á consulta verificada ao Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto para respetar as diferencias de xénero. Así, por exemplo, nos artigos 4º, 8º, 12º e disposición adicional segunda, debe substituirse “beneficiarios” por “beneficiarias”, tendo en conta que se trata de centrais sindicais.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, sen prexuizo de avaliar positivamente o lixeiro incremento das contías das subvencións reguladas neste proxecto normativo, non poden deixar de significar que, aínda con esta actualización, persisten importantes diferencias con respecto aos créditos orzamentarios de programas similares existentes na maior parte das restantes Comunidades Autónomas, polo que propoñen que se consignen incrementos superiores ao IPC.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:
Primeira.- Artigo 18º. Resolución.

Este artigo segue establecendo que o prazo para a resolución das subvencións será de catro meses (no borrador da mesma orde en 2003 era de tres meses). Este aumento do prazo non parece axeitado, pois retrasará todavía máis o proceso, polo que se propón que sexa de tres meses.

Segunda.- Artigo 19º. Forma de pagamento e xustificación.

Establece este artigo, con carácter específico para o programa I, a posibilidade de librar anticipos no momento en que se teña constancia por escrito da aceptación expresa pola organización beneficiaria da subvención concedida.

As organizacións sindicais que integran o Consello propoñen que esta posibilidade se amplie aos programas II e III.

Terceira.- Artigo 20º. Compatibilidade e comprobación da aplicación das subvencións.

No segundo parágrafo deste artigo disponse que cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2008 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores adscritos ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2007 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2007.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de aportación documental, cando xa no artigo 16º se require, específicamente para este suposto, a aportación de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recolle o art.15).

ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2007.

Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais, estase a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como organización empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións  empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas –incluída a economía social-, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Esta Confederación empresarial entende ademais, que non se pode poñer como excusa e xustificación desta discriminación as diferencias establecidas polo Tribunal Constitucional entre a representación sindical e a empresarial, pois iso non é óbice para establecer no mesmo marco subvencional, ou noutro diferenciado como se ten dito, un ámbito de axudas para asociacións empresariais.

A exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outogarmento de subvencións a uns órganos de representación (de traballadores) con obxecto de que desenvolvan a súa función de interlocución social coa idoneidade técnica e profesional requerida.

A exposición de motivos polo tanto podería dar cobertura á regulación  nun plano total de igualdade, de idénticas subvencións ás organizacións empresariais, para que estas podan desempeñar as funcións de interlocución social e fomento da profesionalidade de tales organizacións e de creación de emprego.

Este plantexamento é o que ten levado a outras Comunidades Autónomas a establecer axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais. Por poñer un exemplo, é o caso da Orde da comunidade Autónoma de Cantabria, pola que se aproba a convocatoria de axudas económicas a organizacións sindicais i/e empresariais, a que consideramos, salvando as distancias e diferencias entre Comunidades, debera terse en conta por parte da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia.

É incuestionable o papel fundamental que cumpren as organizacións sindicais, pero exactamente no mesmo nivel é necesario situar ás organizacións empresariais. Asi mesmo, non podemos esquecer que se as organizacións sindicais e empresariais cumpren unha función fundamental no noso sistema ata o punto de estar recollida a súa existencia no Título Preliminar da Constitución Española como garantes da defensa e promoción dos intereses económicos e sociais de traballadores e empresas, resulta totalmente inxustificado que existan subvencións específicas unicamente para unha das dúas partes.