ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 36/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PARA O FOMENTO DAS TRANSFORMACIÓNS DOS CONTRATOS DE CARÁCTER TEMPORAL EN INDEFINIDOS, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA 2006.

I. ANTECEDENTES

O día 6 de novembro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento das transformacións dos contratos de carácter temporal en indefinidos, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos, dícese que o obxectivo desta orde é lograr acelerar o ritmo de crecemento da contratación indefinida, para o que establece incentivos ás conversións de contratos temporais en indefinidos que se realicen na nosa Comunidade Autónoma no período comprendido dende o 16 de setembro ao 31 de decembro de 2006, aos efectos de complementar as bonificacións extraordinarias que o Servizo Público de Emprego Estatal (S.P.E.E.), ao abeiro do acordo pola estabilidade e a productividade, vai conceder a todas as transformacións de contratos temporais en indefinidos que se realicen en todo o Estado ata o 31 de decembro de 2006.

Obsérvase que os incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos estaban regulados no exercicio pasado nos anexos da Orde de fomento da estabilidade no emprego, sendo novidade este ano a súa regulación única neste proxecto normativo.  

Tendo en conta o ditame do Consello de data 21 de febreiro de 2005, sobre a referida Orde de fomento da estabilidade no emprego, obsérvase que foron tidas en conta algunha das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Do contido do novo proxecto normativo destácanse algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Na exposición de motivos inclúese a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tal como suxería o ditame de 21 de febrero de 2005.

No artigo 1º relaciónanse os principios de acordo cos que se xestionará o programa: publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 2º establece definicións e as contratacións suvencionables, determinando o plazo no que deberon celebrarse as mesmas.

No artigo 3º inclúense, como beneficiarios dos incentivos, ademáis das empresas, os traballadores autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, como xa recollía a normativa de fomento da estabilidade no emprego de anos anteriores.

O artigo 4º establece tres requisitos para que as empresas podan acceder aos beneficios previstos nesta orde: unha taxa de estabilidade do cadro de persoal igual ou superior ao 70% no mes que se realice a conversión do contrato temporal en indefinido ou a taxa que se establece na disposición adicional cuarta nas empresas pertencentes aos sectores de actividade obxecto de acordo sectorial e incrementos da da taxa de estabilidade e do cadro de persoal fixo da empresa en Galicia respecto da media aritmética dos doce meses anteriores á data de transformación.
O artigo 5º prevé incentivos á transformación dos contratos temporais en indefinidos ata un máximo de 4.750 euros, que se determinarán en base á idade do traballador (segundo sexa maior ou menor de trinta anos), ao  tipo de contrato e ao incremento da taxa de estabilidade que acade a empresa coas transformacións realizadas, contemplando incrementos dos incentivos en cada caso cando as transformacións se realicen con mulleres, cunha axuda máxima de 7.500 euros. Así pois, suprímense desta orde os incentivos á contratación de desempregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social previstos no programa de fomento da contratación indefinida do exercicio pasado.

O artigo 6º atribúe competencia ao director xeral de Promoción do Emprego, entre otros supostos, cando se trate de solicitudes para contratación de 10 ou máis traballadores/as, frente aos 15 que esixía o programa para fomento da contratación indefinida de 14 de marzo de 2005.

O artigo 7º establece o 28 de febreiro de 2007 como data de finalización do prazo para presentar solicitudes, estimando a consideración do ditame 17/2005 de determinación expresa do mesmo, e regula novidades relativas á presentación daquela, pois comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo a Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e conlevará a prestación expresa de consentimento á Consellería de Traballo para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos correspondentes, de acordo co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro.

No artigo 10º prevése un prazo de seis meses para resolver e notificar, transcorrido o cal, as solicitudes entenderanse desestimadas. Corrísexe polo tanto a redacción equívoca do programa para o fomento da contratación indefinida para o 2005, estimándose a consideración do ditame 17/2005.

O artigo 17º regula entre as obrigas dos beneficiarios o manteñemento, por un período mínimo de tres anos, do cadro de persoal fixo, no que se incluirán os traballadores contratados ao abeiro desta orde, (cinco anos cando se trate de empregos ligados a un investimento) e da estructura do cadro de persoal no seu cómputo anual nunha taxa de estabilidade mínima do 70%, estimándose a consideración do ditame de 21 de febreiro de 2005. Tamén esíxese a adopción das medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos do Regulamento (CE) 1159/2000, da Comisión, do 30 de maio de 2000, sobre actividades de información e publicidade.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento das transformacións dos contratos de carácter temporal en indefinidos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para 2006” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaoito artigos, seis disposicións adicionais e unha derradeira.

O día 14 de novembro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dúas específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola CIG (anexo I) e as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).

DITAME 36/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento das transformacións dos contratos de carácter temporal en indefinidos, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para 2006,  da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de novembro de 2006, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de novembro de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que o proxecto normativo que se somete a ditame tiña que ter sido tratado previamente na Mesa 1 no proceso aberto de Diálogo Social.

Segunda.

Este Comité propón unha revisión do texto para respetar as diferencias de xénero. Así, por exemplo, nos artigos 3º e 17º debe substituirse “beneficiarios” por “beneficiarias”, máxime tendo en conta que se trata de empresas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo 10º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses. Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, considerando o de seis meses excesivamente longo e tendo en conta, ademáis, que o silencio administrativo é negativo.

Segunda.- Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.

O apartado 5 deste artigo establece como obriga a adopción de medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1159/2000, da Comisión, do 30 de maio de 2000, sobre actividades de información e publicidade.

Este Comité considera que deberían concretarse no texto da norma as obrigas emanadas do citado Regulamento para aclarar que se entende por medidas axeitadas de difusión.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

O texto articulado desta Orde outorga carácter xeral ás subvencións, por canto delas serán beneficiarias as empresas que cumpran os requisitos establecidos na norma, pola simple transformación de contratos temporais en indefinidos antes do 31 de decembro de 2006.

Ademáis, como a propia norma declara, trátase de incrementar ainda máis os beneficios establecidos a nivel estatal durante o prazo de transformación de contratos temporais en indefinidos, aumentando extraordinariamente a cantidade de recursos públicos transferidos á empresa privada, que se teñen demostrado durante todos estes anos como ineficientes para o fín perseguido, que non é outro que a diminución da taxa de precariedade, cuestión esta que entra en aberta contradición cos principios de “cumprimento dos obxectivos fixados” e de “eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos” que se sinalan no Artigo 1º, parágrafo 3, letras b) e c) desta Orde.

Neste sentido, a CIG quere lembrar o sinalado no Ditame 17/05 do Consello Galego de Relacións Laborais, insistindo na necesidade de “redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:

. As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

. Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

. Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

Se ben consideraríamos máis adecuado que os obxectivos e os contidos da presente Orde se debatisen no marco do proceso de diálogo social, o feito do seu carácter extraordinario e complementario ao Real decreto – Lei 5/2006, e o período de tempo reducido ao que se refire en canto ás contratacións obxecto de incentivo, fan que esta Confederación de Empresarios de Galicia valore positivamente a oportunidade da mesma coas matizacións que a continuación se sinalan:

1) En canto á EXPOSICIÓN DE MOTIVOS do proxecto, faise a seguinte referencia expresa:

"... Neste senso, son necesarias medidas que permitan evitar o abuso da temporalidade que leva consigo un aumento"...

Non obstante o anterior, no articulado da norma e noutras partes da exposición de motivos declárase que o que se fomenta é a conversión dos contratos temporais, que por definición son legais.

É por iso polo que consideramos desafortunada tal redacción, propoñendo a súa eliminación ou cambio por outra con máis fortuna que faga referencia a un incremento da establilidade sen máis.

2) En canto ao texto articulado:

A) Se o obxectivo que se pretende é incrementar a capacidade do mercado e crear emprego, os incentivos establecidos no art. 5 deberían ser iguais para a transformación de contratos temporais en indefinidos, independentemente da modalidade de contrato temporal da que se trate, distinción que non se fai, por certo, no art. 3 do Real decreto-lei 5/2006 estatal para a mellora e crecemento do emprego que, referido ao Plan extraordinario para a conversión de emprego temporal en fixo, sinala bonificacións á Seguridade Social iguais para todas as transformacións.

Igualmente, se o que se pretende é complementar as axudas estatais, e dada a limitación temporal da medida, que abarca pouco máis de tres meses, tampouco deberían introducirse os requisitos que o artigo 4 establece e que fan referencia á taxa de estabilidade, pois estamos ante unha norma de fomento extraordinaria que ten unha finalidade e un obxectivo moi concretos, que non é senón a consolidación dos acordos alcanzados a nivel estatal.

Neste caso non se bonifica a contratación sen máis, senón que o que se está a facer é tratar de incentivar as transformacións nun período de tempo excepcional, excepcionalidade que vén dada polo RD-Lei indicado e polo acordo interconfederal do que trae causa.

B) En ningún caso parece garantirse que as empresas que reúnan todos os requisitos esixidos vaian ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta norma, xerando así incerteza e inseguridade, que non favorecen o mercado de traballo; e iso xa que se fala dunha serie de axudas de ata “X” euros, polo que non parece garantirse o seu importe total.

Ademais, a D.Adicional 5ª recoñece expresamente que a concesión das axudas e subvencións estará suxeita á existencia de crédito presupostario; entendemos que deberían garantirse, como dereito, os importes sinalados na Orde.

C) No art. 14 declárase a compatibilidade das subvencións previstas na orde con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas, e sinala, non obstante, que son compatibles, “de ser o caso", coas bonificacións á Seguridade Social.

A inclusión deste condicionante, "de ser o caso", debe eliminarse, por canto xerará dúbidas nos potenciais solicitantes e podería desincentivar a súa acollida, máxime se o que pretende é complementar as axudas xa previstas no ámbito estatal.

É por iso polo que propoñemos a súa supresión.

D) En relación co art. 17, apartado 6), sería fundamental permitir que xa dende un principio as empresas puidesen proceder á cobertura dos postos de traballo vacantes por baixa voluntaria mediante contratacións indefinidas iniciais, non tendo carácter prioritario a transformación sobre a contratación inicial; todo iso en beneficio dunha mellor xestión dos recursos humanos da empresa, o que se conseguiría directamente eliminando o punto e seguido e introducindo a conxunción "ou".

Establecer a necesidade de transformar con carácter previo un contrato temporal vixente na empresa a unha nova contratación non ten sentido se se pensa no persoal da empresa, e así, dada a redacción dos artigos, parece pretender impoñer a conversión de calquera outro contrato temporal na empresa á nova contratación, aínda cando as funcións dos traballadores nin sequera sexan similares.

A redacción, tal e como está, pode xerar indubidables problemas aplicativos e, sobre todo, pode frustrar ou desincentivar as transformacións que pretende fomentar.

E) Tamén sería conveniente clarificar que tipo de empregos se consideran ligados a un investimento no art. 17 apartado 7), pois os prazos de mantemento do posto de traballo son maiores, 5 anos (o prazo ordinario é de 3 anos).

F) En canto á necesidade de manter as taxas de estabilidade durante o prazo dos 3 ou 5 anos seguintes, valen as consideracións antes realizadas sobre o carácter extraordinario da medida, a súa vinculación co acordo estatal e a necesidade de eliminar este requisito.

G) Tampouco nos parece operativa a obriga dos beneficiarios de presentar no primeiro trimestre natural de cada ano, seguinte á conversión, a documentación á que se refire o apartado 9), do artigo 17, dado que se a consellería xa vai establecer mecanismos de control, estas obrigas formais serán difíciles de canalizar administrativamente e son unha carga nada doada de levar para o empresario, dada a ausencia de formulario ao respecto.

H) Consideramos importante recoller que a documentación que pode ser requirida pola Consellería de Traballo, conforme á disposición adicional segunda, debería estar directamente relacionada coas contratacións obxecto da subvención.