ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 37/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DE CURSOS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTE AO EXERCICIO DE 2007.

I.  ANTECEDENTES

O día 8 de novembro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional ocupacional dirixidos aos traballadores desempregados, que teñen por obxecto a súa cualificación para o acceso a un emprego.

A formación profesional ocupacional constitúe unha vía fundamental para conseguir un incremento da competencia, da empregabilidade e das posibilidades de inserción laboral dos traballadores desocupados.

Os orzamentos previstos nesta Orde financian o Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 27 de decembro de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2005, obsérvanse que se tivo en conta a consideración manifestada polos axentes sociais respecto da extensión das bolsas ou axudas a todos os alumnos sen excepción.

O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións:

Na exposición de motivos figuran os créditos para os programas regulados no proxecto normativo, incrementándose lixeiramente, agás o destinado ás universidades públicas, que continúa sendo de 300.000 euros.

No artigo 2º suprímese a prohibición de subcontratación ou cesión a terceiro na execución dos cursos aprobados, que se preveía na normativa anterior.

No artigo 2º. c), inclúense como entidades beneficiarias as persoas físicas, as entidades xurídicas e institucións que desenvolvan unha actividade que teña relación directa coa formación, así como as fundacións constituídas por entidades empresariais ou sindicais entre cuxos fin estea a formación.

A maior novidade obsérvase en relación coa presentación de solicitudes e á súa tramitación, pois introdúcense ex novo tres vías de programación no capítulo primeiro do título II (artigo 10º):

1.- Refírese ás accións formativas prioritarias a través dos centros colaboradores homologados – vía de programación 1a- , ou a través de centros que soliciten unha homologación provisional– vía de programación 1b.

2- As accións formativas xestionaranse a través de convenios de colaboración baseados nas necesidades formativas consideradas prioritarias pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

3.- Refírese aos proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata.

O artigo 3º modifica o prazo para presentación de solicitudes, que agora é dun mes para a vía de programación 1, rematando o 30 de setembro de 2007 para as vías 2 e 3.

Segundo as vías de programación referidas, no artigo 4º prevénse procedementos específicos para a tramitación das solicitudes. Para a vía de programación 1 a, os órganos instructores do procedemento serán a Dirección Xeral de Formación e Colocación ou as delegacións provinciais da Consellería de Traballo. No ámbito provincial, a propia comisión de valoración, logo de informe, elevará a proposta de resolución ante o delegado provincial. Nos expedientes de resolución centralizada, o Director Xeral de Formación e Colocación, tendo en conta o informe da comisión de valoración, elevará a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

Para a vía de programación 1b, os órganos instructores serán as delegacións provinciais da Consellería de Traballo e os expedientes remitiranse á comisión de valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o delegado provincial.

Así mesmo, determínase  (artigo 5º) para  cada vía de programación o órgano competente para a súa resolución. Na vía de programación 1 a, será o Director Xeral de Formación e Colocación ou os delegados provinciais, segundo os supostos. Para a vía de programación 1b, a competencia corresponderá aos delegados provinciais e finalmente na vía de programación 2 corresponderá ao Director Xeral de Formación e Colocación.

Establécese ademáis a orde que se seguirá para a resolución das solicitudes, sendo as primeiras en resolverse as que correspondan á vía 1 a, e posteriormente os expedientes da vía de programación 1 b. As solicitudes das vías 2 e 3 iranse resolvendo a medida na que os expedientes sexan completados ata agotar os orzamentos.

A resolución da concesión da subvención fixará expresamente a contía total concedida e incorporará, de ser o caso, o compromiso de inserción ou de prácticas non laborais dos alumnos.

No apartado 6 do artigo 4º, regulánse os criterios que terá en conta a comisión de valoración para avaliar as solicitudes para as vías de programación 1, con concreción do número de puntos máximos que pode acadarse polo cumprimento de cada un destes criterios, extremos que non determinaba a normativa do exercicio pasado. Obsérvase tamén que o proxecto normativo que se somete a ditame suprime certos criterios esixidos anteriormente, como a existencia doutros recursos formativos na zona e o número de desempregados no territorio para o que se soliciten os cursos.

O ultimo párrafo do artigo 6º inclúe como novidade a obriga de realizar un informe individualizado de cada alumno calificando os progresos acadados en cada un dos módulos profesionais da acción formativa.

Entre os custos subvencionables que figuran no artigo 7º, establécese que os gastos xerais que se citan no apartado 2 e) non poden superar o 25% do módulo B (na orde de 22 de decembro de 2005 o límite era do 30%).

Obsérvase un erro no artigo 12º que establece a data do remate das accións, sendo o correcto o 30 de novembro de 2007, erro que se repite no artigo 28º que di na última frase “dentro do ano 2006”.

Modíficase o disposto no artigo 13º, relativo á selección dos alumnos: na Orde de 22 de decembro de 2005 era de 10 días, tal e como se propoñía polos axentes sociais no ditame 36/05; sen embargo, no novo proxecto normativo volve a ser de 15 días. Ademáis engádese un último número (o 5) a este artigo, que dispón que, excepcionalmente, por razón da peculiaridade do colectivo ao que se dirixe a acción formativa, a entidade poderá seleccionar directamente aos alumnos, logo de autorización do Director Xeral de Formación e Colocación.
O artigo 14º regula o seguimento e control dos cursos, que consistirá na realización de visitas a todos os cursos aprobados, establecéndose que se aplicará un sistema propio e/ou a través de concurso público, extremo este que non se concretaba na normativa anterior. Así mesmo, suprímese a referencia ao modelo de excelencia baseado no modelo europeo de calidade EFQM para centros de formación.

O artigo 15º.4 que regula as especialidades formativas,  engade aqueles módulos formativos asociados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, como proxectos experimentais ou innovadores.

No artigo 16º engádese un módulo transversal para o ano 2007, denominado Habilidades Comunicativas (Código XUTR03), cunha duración de 20 horas.

No artigo 18º, que regula as axudas dos alumnos, inclúese, como novidade, unha axuda de asistencia, equivalente ao 75% do IPREM, para determinados colectivos, vinculada á realización de actividades de mellora da empregabilidade, incompatible coa axuda de asistencia prevista para todos os alumnos.

Como novidade, entre os requisitos que regula o artigo 23º.2 para os proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata, permítese acudir a este procedemento ás empresas que recuperen o nivel de emprego dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude do curso e a contratación indefinida do 20% dos alumnos que inicien o curso.

Modifícase o órgano competente da resolución das solicitudes (artigo 32º), que agora é o Director Xeral de Formación e Colocación, mentres que na orde de 2005 a competencia era do Conselleiro de Traballo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2007” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, trinta e dous artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 17 de novembro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dezaoito específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo).

DITAME 37/06

En relación coa solicitude de ditame sobre novo proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2007, da Consellería de Traballo, remitido pola Secretaría Xeral o 8 de novembro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de novembro de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  E EMPRESARIAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames valora positivamente os cambios introducidos na Orde obxecto de ditame, así como a integración nesta do que anteriormente regulábase cunha Resolución, sen menoscabo das consideracións específicas que se formulan a continuación.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.-

Este Comité observa que, tanto no título do proxecto normativo como nos artigos 2º a), 12º e 28º, figura o ano 2006 en lugar do 2007 que corresponde.

Segunda.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias.

No apartado b) deste artigo consideránse posibles entidades beneficiarias as persoas físicas e as entidades xurídicas e as institucións que desenvolvan unha actividade que teña relación directa coa formación.

Este Comité propón, para evitar a discrecionalidade, a supresión das persoas físicas como posibles beneficiarias e esixir ás entidades xurídicas e as institucións unha experiencia demostrable previa dun ano.

Terceira.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias.

No apartado c) deste artigo citánse, entre outras posibles beneficiarias, as universidades públicas, entidades legalmente autorizadas para impartir estudos universitarios e aquelas entre cuxos fins se atope a colaboración entre a universidade pública e empresas.

Este Comité propón a creación dun novo apartado neste artigo 2, que sería o d),  para estas entidades, cunha regulación autónoma, debendo limitarse a súa intervención a accións formativas de carácter experimental que figuren como de grado 3 ou superior no Sistema Nacional de Cualificacións Profesionais.

En consecuencia co anterior, no apartado c) do proxecto normativo deberían figurar como entidades beneficiarias, exclusivamente, as organizacións empresariais, sindicais, ou fundacións constituídas por ditas entidades empresariais ou sindicais entre cuxos fins estea a formación e os concellos.

Cuarta.- Artigo 4º. Procedemento.

Este Comité considera que a redacción deste artigo é confusa.

Proponse que se concrete o seu apartado 4, pois non determina o procedemento para a tramitación das vías de programación 2 e 3.

Así mesmo, proponse que no seu apartado 5 se indiquen as funcións das Comisións de Valoración e a súa relación co órgano instructor do procedemento.

En relación co apartado 6, o Comité observa que non se achegan os anexos IV e V citados.

Este precepto recolle os criterios que terá en conta a comisión de valoración para avaliar as solicitudes para as vías de programación 1 a, e 1 b. O Comité considera que este baremo debe ser soamente aplicable para a vía de programación 1 b, e propón unha nova redacción normativa axustada a tal circunstancia.

Ademáis, considera que o compromiso de realización de prácticas profesionais non laborais nas empresas que establece o apartado 6.b) debería suprimirse xa que o seu contido relaciónase co apartado c) do mesmo artigo.

Así mesmo, no apartado e), en relación coa calidade do centro ou experiencia docente, no número 2, non se entende qué se puntúa cando se fala da baremación da xestión administrativa e contable (puntuarase negativamente), nin tampouco cómo se puntúa.

Quinta.- Artigo 5º.4. Resolución.

Este Comité considera que o prazo para resolver debe ser de tres meses en lugar dos seis que prevé este artigo, tendo en conta ademáis o sentido negativo do silencio administrativo.

Sexta.- Artigo 6º. Obrigas dos centros colaboradores.

No apartado 17 deste artigo esíxese un informe individualizado de cada alumno calificando os progresos acadados en cada un dos módulos profesionais da acción formativa.

Este Comité considera que a estes efectos deberíase elaborar unha plantilla informatizada única, que podería estar integrada na aplicación informática SIFO.

Sétima.- Artigo 7º. Custos subvencionables.

Nos apartados 1; 2. c); 6 e); 6 f) deste artigo, establécense diversas limitacións na imputación dos gastos que non poderán superar unha determinada porcentaxe dos módulos A (art. 7º.1) ou B (art. 7º.2.c); 7º.6.e) e 7º.6.f)).

O Comité propón a supresión destes límites ou ben establecer unhas porcentaxes máis altas que se acheguen aos custos reais xerados polas accións formativas.

Este Comité chama a atención sobre o establecido no último punto do apartado 6.e)  deste artigo, que, a suxerencia deste Comité, foi ampliado en 2006 do 25% ao 30% e que de novo volve a reducirse.

Oitava.- Artigo 8º. Pagamento.

Establécese neste artigo, no seu apartado 3, que poderanse aboar anticipos de ata o 50 por 100 da subvención concedida, sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Traballo. Sen embargo, na Orde do 19 de abril de 2005, pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, no seu artigo 19º “Sistemas de pagamento”, non se esixe a constitución desta garantía.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que para as organizacións sindicais e empresariais se manteña a posibilidade de obter anticipos sen a constitución da garantía, como se permite nos contratos programa, tendo en conta que as citadas organizacións están asumindo un alto grao de colaboración coa Consellería de Traballo na realización de actividades de formación continua e ocupacional.

Subsidiariamente e para o caso de que non se acepte esta proposta, tendo en conta que a constitución de garantía a favor da Consellería ocasiona unha serie de gastos financeiros que terá que soportar o centro impartidor, para que este poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, becas de alumnos, etc., este Comité Delegado suxire que estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, posto que teñen relación co programa formativo en cuestión.

Por outra parte, o apartado 1 deste artigo 8º regula o aboamento da subvención, establecendo, na letra a), que poderá concederse ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos de cada curso, en concepto de anticipo.
Proponse que o anticipo sexa de ata un 80 por 100, suprimíndose en consecuencia o apartado 2 deste artigo 8º, xa que obriga a duplicar o traballo administrativo de xustificación da subvención, considerando que podería regularse da mesma maneira que se fixo na Orde do 11 de novembro de 2004, reguladora das subvencións mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados (DOG 15.11.04), no seu artigo 20º.B. 1 d).

Novena.- Artigo 10º. Vías de programación.

O Comité observa que non se achega o anexo III que se cita. Ademáis, considera que debe incluirse neste artigo unha referencia aos procedementos previstos para a tramitación de cada unha das vías de programación.

Décima. Artigo 12º. Remate das accións.

Este artigo establece como data límite do remate e xustificación dos cursos o 30 de novembro de 2007 (no proxecto normativo, como dixemos anteriormente, figura por erro 2006), permitíndose excepcionalmente, con autorización do órgano competente, rematar os cursos con posterioridade.

Este Comité considera que é preciso incluir no texto deste artigo que a referida autorización comportará unha prórroga no prazo de xustificación.

Décimo primeira.- Artigo 13º. Selección de alumnos.

O apartado 1. a) deste artigo establece un prazo mínimo de 15 días hábiles antes da realización da proba de selección, para solicitar á oficina de emprego a lista de desempregados. O mesmo artigo, no apartado 1. e), fixa un prazo de 15 días de espera para poder realizar a convocatoria pública.

Este Comité Delegado propón reducir o prazo a 10 días hábiles, que se entende suficiente, xa que os 15 días hábiles poden supoñer unha demora innecesaria na programación e xestión das accións formativas. Esta reducción a 10 días xa se recollía na orde do exercicio pasado de 22 de decembro de 2005.

O apartado 5 deste precepto prevé que, excepcionalmente, por razón da peculiaridade do colectivo ao que se dirixe a acción formativa, a entidade poderá seleccionar directamente os alumnos. Este Comité considera que deberían concretarse as características dos colectivos aos que se refire este apartado.

Décimo segunda.- Artigo 14º. Seguimento e control dos cursos.

O apartado 1 deste artigo establece, para o seguimento e control dos cursos, que se aplicará un sistema de control, propio e/ou a través de concurso público.

Este Comité considera que o seguimento e control é unha actividade propia da función pública polo que a Administración Pública debería realizala polos seus propios medios, tendo en conta ademáis que a posibilidade de control a través de concurso público podería crear inseguridade xurídica sobre os solicitantes acerca do cumprimento da Lei Orgánica 15/99 de Protección de Datos de Carácter Persoal.

Así mesmo, o Comité observa que non se motiva a supresión da aplicación do modelo de excelencia baseado no modelo europeo de calidade EFQM na valoración da xestión da acción formativa, que recollía a regulación anterior.

Décimo terceira.- Artigo 15º. Especialidades formativas.

O apartado 4 deste artigo prevé que con carácter excepcional a Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá autorizar a impartición das especialidades formativas que non estean incluídas no Ficheiro de especialidades formativas, así como aqueles módulos formativos asociados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Este Comité propón que se determinen as vías nas que pode existir esta autorización e que a mesma se faga extensiva aos certificados de profesionalidade que poideran non estar incluidos no referido Ficheiro.

Décimo cuarta.- Artigo 16º. Módulos transversais.

Na regulación dos módulos transversais, este Comité propón que se volva a incluir o módulo de prevención de riscos laborais naquelas especialidades en que o mesmo non figure no programa.

Décimo quinta.- Artigo 18º. Axudas dos alumnos.

Este Comité considera que debería retirarse deste artigo toda referencia á axuda de asistencia equivalente ao 75% ou 100% do IPREM, vinculada ao itinerario individual de inserción, xa que esta debería ter unha regulación global e autónoma, sen que interfira na xestión dos cursos do Plan FIP.

Décimo sexta.- Artigo 19º. Dereitos e deberes dos alumnos.

O Comité observa que os apartados 3 e 4 deste precepto, que regulan a xustificación das faltas de asistencia aos cursos por medio de copia do contrato de traballo, resultan reiterativos. Proponse a supresión dos dous últimos puntos do apartado 3 por estar xa desenvolvidos no apartado 4.

Décimo sétima.- Artigo 20º. Diplomas.

O apartado 6 deste artigo prevé que os alumnos deberán acudir á súa oficina de emprego unha vez rematado o curso para cancelar a suspensión da demanda.

Este Comité non entende a inclusión desta obriga neste artigo, polo que propón que esta disposición se engada ao artigo 19º, que regula os dereitos e deberes dos alumnos.
Décimo oitava.- Artigo 29º. Solicitudes.

No apartado 2, que establece a documentación que se deberá presentar, figuran as letras j) e k). Este Comité propón a corrección da redacción por non existir estas letras en lingua galega, debendo substituirse polas que correspondan, l) e m).

Igualmente, a nova letra m) -antes k)- establece que os programas deberán ser remitidos inescusablemente en soporte informático, e virán redactados polo menos en lingua castelá.

Este Comité suxire que se suprima a esixencia de vir redactados en lingua castelá.



ANEXO


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


Artigo 21º. Prácticas en empresas.

O apartado b) deste artigo, regula as prácticas a maiores das horas lectivas do curso.

Este Comité considera que este apartado b) debería suprimirse en consecuencia co manifestado na consideración cuarta, penúltimo parágrafo, deste ditame, ou ben, incluirse no capítulo V “Proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata”.