ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 38/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE REGULA A HABILITACIÓN DO PERSOAL TÉCNICO PARA O EXERCICIO DE ACTUACIÓNS COMPROBATORIAS DAS CONDICIÓNS DE SEGURIDADE E SAÚDE NAS EMPRESAS E CENTROS DE TRABALLO.

I.  ANTECEDENTES

O día 9 de novembro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de decreto polo que se regula a habilitación do persoal técnico para o exercicio de actuacións comprobatorias das condicións de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

É obxecto desta disposición establecer o procedemento e réxime da habilitación do persoal técnico público dependente da Xunta de Galicia, para o exercicio das actuacións comprobatorias das condicións materiais ou técnicas de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo radicados en Galicia, en colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social, conforme ao establecido nos artigos 9º.2 e 9º.3 e a disposición adicional décimo quinta da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
Non existen antecedentes, xa que é a primeira vez que este proxecto normativo se recibe para ditame.

Do contido do proxecto de decreto destácase o seguinte:

No artigo 1º establécese que a actuación dos técnicos habilitados ordenarase pola Dirección Xeral de Relacións Laborais e será programada pola Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia para súa integración no plan de acción en Seguridade e Saúde Laboral da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

O artigo 2º establece os requisitos de acceso á habilitación, esixíndose ser persoal funcionario, en propiedade ou en interinidade, pertencente a corpos ou escalas dos grupos A ou B da Xunta de Galicia, adscrito a algún dos centros provinciais de Seguridade e Saúde Laboral; contar coa titulación universitaria e a formación mínima  prevista no artigo 37.2 e 3 do Regulamento dos servizos de prevención; ter superado os cursos específicos que se establezan para a habilitación e acreditar unha experiencia mínima dun ano no exercicio de funcións técnicas na materia de prevención de riscos laborais.

O artigo 4º establece que a habilitación terá validez temporal, rematando ao final do ano natural seguinte ao da concesión, podendo prorrogarse, sucesivamente, por anos naturais. O persoal habilitado terá dereito a percibir un complemento retributivo pola asunción de novas responsabilidades.

O artigo 6º faculta ao conselleiro de Traballo para habilitar de oficio novos técnicos mediante resolución motivada, cando as habilitacións outorgadas ou prorrogadas non sexan bastantes para cubrir a programación fixada.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de decreto polo que se regula a habilitación do persoal técnico para o exercicio de actuacións comprobatorias das condicións de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, oito artigos e dúas disposicións finais.

O día 20 de novembro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e tres específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

DITAME 38/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se regula a habilitación do persoal técnico para o exercicio de actuacións comprobatorias das condicións de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de novembro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de novembro de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.

As organizacións empresarial e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, representadas neste Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, valoran a oportunidade do desenvolvemento regulamentario pola Comunidade Autónoma de Galicia da normativa en materia de prevención de riscos laborais despois das modificacións introducidas pola Lei 54/2003, de 12 de decembro, regulando así a habilitación específica dos técnicos funcionarios públicos de dependencia autonómica para o exercicio de actuacións comprobatorias nas condicións de seguridade e saúde nas empresas.

Segunda.

Este Comité Delegado entende que se debería someter o proxecto normativo obxecto de ditame á consideración da Comisión de Persoal da Xunta de Galicia.

Terceira.

Este Comité Delegado suxire que se revise o texto do proxecto normativo para axustalo á normativa oficial para a escrita do idioma galego.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.

En relación coa redacción do parágrafo segundo da exposición de motivos, este Comité Delegado considera que debe modificarse no relativo á referencia feita ás competencias no ámbito da minaría, así como substituir a expresión “ampliar/outorgar ao persoal funcionario … ” pola de “ampliar ou outogar, segundo o caso, ao persoal funcionario …”.

Segunda.- Artigo 2º. Requisitos de acceso á habilitación.

No apartado a) deste artigo esíxese “ser funcionario ou funcionaria público, ou persoal interino”.

Este Comité Delegado considera que debería suprimirse a referencia ao persoal interino, entendendo que a interinidade é unha condición limitada polo disposto no apartado d) deste artigo 2º que esixe acreditar unha experiencia mínima dun ano, e que só en casos excepcionais podería darse esta circunstancia que, en todo caso, estaría amparada pola condición explícita de funcionario da persoa afectada.

Terceira.- Artigo 2º. Requisitos de acceso á habilitación.

No apartado d) deste artigo esíxese “acreditar unha experiencia mínima dun ano no exercicio de funcións técnicas na materia de prevención de riscos laborais…”.

Este Comité Delegado considera que deberíase primar a experiencia real, máis que a temporal, valorándose o conxunto de actuacións efectivamente verificadas polo técnico.