ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 39/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS EXPERIMENTAIS E COMPLEMENTARIAS DO PLAN FIP DIRIXIDAS A DESEMPREGADOS COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O EXERCICIO DE 2006

I. ANTECEDENTES

O día 16 de decembro de 2005 foi remitido novamente ao Consello Galego de Relacións Laborais proxecto de orde da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas a desempregados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas de carácter experimental e complementario respecto do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP), dirixidas a desempregados, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Neste sentido, a regulación do Plan FIP, que conta cun catálogo preestablecido de especialidades homologadas, pode deixar sen atender especialidades formativas de especial interese, tanto desde o punto de vista do  colectivo que atenden como dos sectores produtivos aos que se dirixen.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde do exercicio pasado, publicada no DOG o 29 de decembro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 1 de decembro de 2004, parece que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polo Consello Galego de Relacións Laborais no ditame emitido o exercicio pasado.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Exposición de motivos.
Figura que son de aplicación á orde obxecto de ditame algúns artigos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 6º.- Módulos económicos.
No exercicio pasado a valoración económica das accións facíase aplicando por analoxía os módulos do Plan FIP, agás casos excepcionais.
Agora, aplícanse os modulos de contratos programa de formación continua e se inclúe, ademáis, a excepción de que para determinadas especialidades o módulo poderá chegar aos 16,00 € por alumno e día de formación.

Artigo 15º.- Solicitudes.
O novo proxecto normativo contempla a posibilidade de substituir a licenza municipal de apertura da actividade (que antes esixíase con carácter obligatorio) por unha serie de documentos segundo o tipo de entidade de que se trate.

Artigo 16º.- Prazo.
O prazo de presentación de solicitudes pasa de 40 días a un mes, porque así o especifica o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

Anexos.
Inclúense dous anexos novos, un para que o solicitante declare que non está incurso nos supostos de prohibicións da Lei 38/2003 para obter a condición de beneficiario; outro, para que o responsable da entidade declare que o local reúne as condicións esixidas para impartir as accións formativas (suple á licenza municipal de apertura nos casos nos que a entidade non a teña).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas a desempregados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2006” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaoito artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 22 de decembro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén nove consideracións específicas de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais:

DITAME 39/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas a desempregados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2006”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de decembro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de decembro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS

Primeira.-  Artigo 2º. I-c). Accións subvencionables.
Neste parágrafo, relativo ao subprograma I-c (accións de carácter experimental), dase preferencia ás accións vencelladas aos novos xacementos de emprego, citando entre paréntese “calidade, ambiente e novas tecnoloxías da comunicación e da información”.
Este Comité considera que a relación desas accións non debe ser taxativa, polo que suxire que se engada ao principio da paréntese a expresión “entre outros”.
Segunda.- Artigo 5º a). Custos subvencionables.
O Comité considera que este apartado adoece dunha falta de definición de gastos necesarios, como, por exemplo, os gastos de publicidade para a organización e difusión da acción formativa, as retribucións dos formadores internos e externos, os gastos do seguro de accidentes dos participantes, etc., polo que propón que se inclúan neste apartado todos os gastos que se relacionan na Orde da Consellería de Traballo, que convoca a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa, de ámbito autonómico, para a formación de traballadores ocupados.
Terceira.- Artigo 6º. Módulos económicos.
Este Comité considera necesario que se recolla no proxecto normativo, neste artigo 6º, un novo apartado co establecido na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de 30 de xullo de 2004, sobre o mesmo tema, que, no apartado quinto, dous, das súas disposicións xerais, establece: “De conformidad con lo establecido en el artículo 11.2 de la Ley 38/2003, de 17 de noviembre, General de Subvenciones, los miembros asociados de la entidad beneficiaria que se comprometan a ejecutar la totalidad o parte del plan de formación en nombre y por cuenta de la misma tendrán igualmente la consideración de beneficiarios”.
Cuarta.- Artigo 6º. 2. Módulos económicos.
O apartado 2 do artigo 6º establece que, excepcionalmente, poderase autorizar a aprobación dun módulo superior que non poderá superar os 16 euros por alumno e hora de formación.
Este Comité propón que a cantidade límite sexa de 18 euros, tendo en conta as especiais circunstancias dalgúns cursos formativos.
Quinta.- Artigo 6º. 6. Módulos económicos.
Este apartado permite a subcontratación da realización de accións formativas.
Este Comité propón engadir que se permita a subcontratación por riba do 50%, establecido como tope na Lei 38/2003, xeral de subvencións.
Sexta.- Artigo 9º.B. 1. Pagamento e liquidación das subvencións.
No apartado B), punto 1, deste artigo “Sistemas de pagamento”, establécese que os anticipos serán ata o 50 por 100 (letra a) e que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c). Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

Igualmente, este apartado 1, a) establece que o anticipo poderá chegar ata o 50% do total do orzamento de gastos de cada acción formativa, cando na Orde sobre os contratos programa establécese que o anticipo poderá chegar ata o 50% do total do orzamento de gastos do contrato-programa, polo que este Comité propón que se anticipe o 50% de todas as accións formativas.

Asi mesmo, respecto ao establecido na letra d) deste apartado 1, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituir garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos proveedores, becas de alumnos, etc., así como os gastos financeiros que se lle ocasionan, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha relación coa acción formativa a impartir.

Sétima.- Artigo 12º. 1. Selección de alumnos.
O apartado 1 deste artigo dispón que a selección realizarase mediante sondaxe pola oficina de emprego correspondente entre os demandantes inscritos nela.
Este Comité considera que a selección deberá realizarse sempre polo Servicio Público de Emprego de Galicia, polo que no citado apartado 1 debe constar o procedemento de selección que se recolle na Orde de convocatoria dos cursos do Plan FIP.

Oitava.-  Artigo 17º.- Instrución do procedemento.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 2º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 5. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro.
Polo exposto, propoñen engadir un novo parágrafo ao apartado 2 deste artigo, que regula a Comisión de Valoración, que quedaría como segue:  “2. Previamente ao informe dos expedientes pola Comisión de Valoración, recabarase informe preceptivo dos Comités provinciais de emprego e de seguemento da contratación ou do Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos”.

Novena.- Artigo 18º. 2. Resolución.
Establece este artigo, no seu apartado 2, que transcorrido o prazo de resolución dos expedientes sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude.

Na mesma liña que o manifestado en ditames precedentes, este Comité considera máis adecuada a expresión “os interesados deberán entender desestimada a súa solicitude”.