ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 41/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA OS PROGRAMAS DE ESCOLAS OBRADOIRO E CASAS DE OFICIOS, DE OBRADOIROS DE EMPREGO E DE UNIDADES DE PROMOCIÓN E DESENVOLVEMENTO NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.

I. ANTECEDENTES

O día 29 de novembro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2007 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde regula, dunha banda, as axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego dirixidos a mellorar a ocupabilidade dos desempregados menores ou maiores de vintecinco anos, segundo proceda, a través da súa cualificación profesional e mediante a súa formación en alternancia coa adquisición de experiencia laboral promovendo a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Pola outra regula as unidades de promoción e desenvolvemento, entendidas como módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter supramunicipal, que constitúen un instrumento básico e fundamental na dinamización e detección de novas expectativas de emprego e de iniciativas emprendedoras no ámbito local, especialmente as relacionadas cos novos filóns de emprego.

Estas medidas teñen como obxectivo proporcionar aos mozos e mozas demandantes de emprego accións de formación e/opu ocupación que lles faciliten a súa incorporación ou reincorporación ao mercado de traballo cunha perspectiva de estabilidade.

Na exposición de motivos do proxecto normativo consta que, en coherencia coa planificación presentada ante o Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión de 21 de novembro de 2006, introdúcense criterios obxectivos para a distribución territorial dos fondos e se establecen, a título orientativo, as porcentaxes indicativas dos colectivos prioritarios de beneficiarios/as das políticas activas de emprego.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 31 de marzo de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 8 de febreiro de 2006, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais, en particular a de respetar no texto da orde as diferencias de xénero.

O novo proxecto normativo modifica e engade o seguinte:

Na exposición de motivos fanse constar as novidades máis salientables como consecuencia dos primeiros acordos acadados no marco do Diálogo Social en Galicia, sinalándose a priorización daqueles proxectos que xurdan como consecuencia de Pactos Territoriais de Emprego, entendidos como un terceiro ámbito de participación para a planificación e xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan ao emprego nunha área xeográfica.

O artigo 5º que regula as persoas beneficiarias dos programas, establece, no apartado 3, con carácter orientativo, unha orde de preferencia proporcional, que se modifica nas súas porcentaxes respecto á establecida na orde do exercicio de 2006.

O artigo 6º introduce, como entidades promotoras, ás universidades (apartado c).

Engádese, no artigo 11º, dentro da formación complementaria a impartir nos proxectos, un módulo de sensibilización en igualdade de xénero.
No artigo 30º, apartado 3, procédese a incluir medidas tendentes a garantir o cumprimento das disposicións previstas no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos e as recollidas na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública Galega, no relativo á publicación das axudas concedidas.

Obsérvase un erro neste artigo 30º, apartado 4, relativo ao prazo de presentación de solicitudes, debendo referirse ao 15 de xullo de 2007 e non de 2006.

O artigo 36º segue a manter o prazo de nove meses para ditar resolución, pero recolle a consideración formulada no ditame 10/06 do Consello (xa recollida no DOG) respecto a entender desestimada a solicitude transcorrido o citado prazo.

O artigo 38º  introduce modificacións no financiamento das subvencións, incorporándose en 2007 800.000 € para os proxectos promovidos polas universidades, reducíndose en 2.874.173 €  para os promovidos polas entidades locais e incrementándose en 887.827 € para as entidades sen ánimo de lucro. Establécese tamén o financiamento para exercicios futuros que varía respecto ao establecido no exercicio pasado.

O artigo 48º, que regula a subvención para custos salariais, establece un lixeiro incremento respecto ao exercicio de 2006 (17.418,09 € en lugar de 16.910,77 €).

O artigo 49º, que regula a subvención para gastos de funcionamento, establece un lixeiro incremento respecto ao exercicio de 2006 (3.205,39 € por persoa traballadora e ano en lugar de 3.112,03 €).

Suprímense as disposicións adicionais oitava e décima da orde do exercicio de 2006, así como a disposición transitoria segunda.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, cincuenta e oito artigos, oito disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O día 13 de decembro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

DICTAME 41/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de novembro de 2006, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de decembro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Primeira. Artigos 9º e 10º.- Etapa de formación en alternancia coa práctica profesional.

Nestes artigos establécese que o alumnado- traballador de escolas obradoiro, casas de oficio e de obradoiros de emprego será contratado pola entidade promotora na modalidade de contrato para a formación.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames considera que debería modificarse o apartado 1 do artigo 9º e o apartado 2 do artigo 10º no senso de suprimir a remisión que neles se fai á Lei 12/2001 do 9 de xullo, por canto o artigo 11.2 do ET (que regula o contrato para a formación) foi modificado polo Real decreto lei 5/2006, do 9 de xuño, para a mellora e crecemento do emprego.

Nótese que na citada reforma legal se distinguen claramente límites de idade para a incorporación como alumnado en escolas taller e casas de oficios (ata 24 anos) e en talleres de emprego (sen límite de idade).

A nova redacción do artigo 11.2 ET, ao noso xuízo, pode causar certa incidencia nos beneficiarios dos programas de escolas obradoiro e casas de oficios, por canto para estes casos é moi dubidoso que se poida concertar un contrato de traballo para a formación. Así, este artigo sinala no seu apartado a) que este tipo de contratos se " poderán celebrar con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21 anos .."; deseguido ese límite ten dúas excepcións e sinálase expresamente para o caso de escolas obradoiro e casas de oficios que "o límite máximo de idade será de 24 anos".

Polo tanto, tendo esto en conta para o caso de persoas que se incorporen como alumnado- traballador aos programas de escolas obradoiro e casas de oficios, o contrato para a formación poderase celebrar con traballadores maiores de 16 anos e menores de 24.

É, desde logo, unha interpretación gramatical e simple que debería terse en conta, posto que, tanto no artigo 5º do proxecto normativo que establece a idade esixida para seren beneficiarios/as como no artigo 9º, que di textualmente que o contrato a concertar pola entidade promotora co alumnado- traballador será de "formación" e podería existir un colectivo (o de 24 a 25 anos) ao que non se lle poderá facer este tipo de contratos.

Segunda. Artigo 15º.- Normas xerais: grupo de traballo mixto.

Este artigo establece que a selección dos alumnos-traballadores así como a do persoal directivo, docente e de apoio participante no proxecto, será realizada por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería de Traballo e da entidade promotora.

Este Comité, reiterando o manifestado no ditame 10/06, considera que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto cos representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas onde se pretenden emprender as accións.

Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que o persoal da Oficina de Emprego correspondente á ubicación da escola- obradoiro, casa de oficios ou obradoiro de emprego formará parte do grupo mixto.

Terceira. Artigo 16º.- Procedemento de selección dos alumnos-traballadores.

Os axentes sociais con presencia neste Consello consideran imprescindible que no texto da orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ao Comité Autonómico de Emprego.

Cuarta. Artigo 17º.- Procedemento de selección do director, docentes e persoal de apoio.

Este artigo establece que a selección do persoal directivo, docente e de apoio se levará a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Na selección do persoal directivo e docente, consideramos que deberían establecerse uns criterios máis obxectivos de selección, por canto faculta a Comisión de Selección para poder utilizar, ao seu criterio, o sistema de oferta de emprego tramitada pola oficina, convocatoria pública ou ambas as dúas.

Aínda cando non sexan de aplicación os principios reitores de selección de persoal ao servizo da Administración pública, o certo é que a dimensión pública deste tipo de instrumentos merece e esixe a máxima transparencia na súa articulación e posta en funcionamento, máxime se ten en conta que se está a seleccionar o persoal directivo e docente que é quen lle dará á iniciativa maior ou menor prestixio.

É por iso polo que deberían dedicarse polo menos uns parágrafos a establecer unha serie de criterios para ser valorados polo grupo de traballo mixto, como poden ser: méritos, experiencia previa, etc.; todos eles tendentes a garantir a libre concorrencia, a igualdade de oportunidades e, sobre todo, a oportunidade de decisión que se adopte; oportunidade na que debe ter un peso especial a capacidade acreditada e recoñecida dos candidatos.

Así mesmo, as organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que utilizando o sistema de oferta non existisen candidatos ou estes non resultaran idóneos, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen candidatos ou estes non foran considerados idóneos, faríase a convocatoria pública”.

Quinta. Artigo 20º.- Incidencias e reclamacións.

Para o caso da selección do persoal directivo e docente, este Comité bota en falta unha mínima regulación deste tipo de reclamacións, onde parece que se lle atribúe personalidade xurídica ao grupo de traballo mixto, cando este carece dela; ademáis, tendo en conta que o artigo 29º (referido ás Unidades de Promoción e Desenvolvemento) remite expresamente a este artigo 20º, a prol dunha maior claridade e seguridade xurídica, deberíase deixar constatado ante quen e en que prazo poderán formularse as reclamacións.

Consideramos que debería sinalarse expresamente, e para evitar dúbidas, as reclamacións que se poidan suscitar á xurisdición ante a cal debe comparecer o reclamante, e a necesidade ou non de esgotar vías previas.

Sexta. Artigo 30º.- Solicitudes. Prazo de presentación.

Este Comité observa un erro no apartado 4 deste artigo, que establece o prazo de presentación de solicitudes, xa que fai referencia ao 15 de xullo de 2006 e o correcto é 2007.

Sétima. Artigo 35º.- Criterios de valoración dos proxectos.

No apartado 1 deste artigo utilízase a letra j), impropia do idioma galego, considerando este Comité que debe substituirse pola seguinte que corresponda (letra l).

Oitava. Artigo 36º.- Resolución.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.

Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial ou do Director/a Xeral.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 36º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou polo Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.

Novena. Artigo 36º.- Resolución.

Este artigo establece un prazo de resolución de nove meses.

Este Comité non comprende as razóns deste prazo tan excesivo, sobre todo tendo en conta o establecido no artigo 34º.2 do proxecto normativo, que dispón a avaliación dos proxectos en dúas fases, a primeira ata o 15 de abril e a segunda, ata o 15 de xullo. Polo exposto, este Comité propón que os proxectos sexan resoltos con carácter trimestral e o mesmo referente ao prazo para considerar desestimada a solicitude de non recaer resolución expresa.

Décima. Artigo 52º.- Garantías.

Establece este artigo que as entidades promotoras que teñan a condición xurídica de ente de dereito privado deberán constituir garantía a favor da Consellería para responder da correcta aplicación da subvención concedida.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que debe admitirse a posibilidade de pagamentos parciais da subvención ata o 80% do seu importe, sen necesidade da constitución de garantía, a decisión da entidade subvencionada. Para o caso de que esta opte polo abono de anticipos, a garantía que debe constituir tería que considerarse como custo de formación e seren incluida nos gastos xerais do proxecto.

Décimo primeira. Artigo 58º.- Asistencia, seguimento e avaliación.

Unha vez máis, e co obxecto de dotar á norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas aos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, para asegurar o exercicio das funcións que o referido Decreto 32/1999, do 5 de febreiro lles encomenda.