ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 42/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REGULAN, PARA O EXERCICIO DO ANO 2007, AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN, NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS E COS ÓRGANOS E ORGANISMOS DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS DISTINTAS DA LOCAL, UNIVERSIDADES E ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

I. ANTECEDENTES

O día 29 de novembro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2007, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, se dirixen tanto ás entidades locais como ás administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro. Trátase de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural e de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional, das persoas traballadoras desempregadas que participen nos mesmos, en coherencia co segundo grande obxectivo fixado para o novo modelo de Servizo Público de Emprego, cal é a mellora das posibilidades de colocación dos desempregados.

Á vista do borrador agora remitido e dos textos desta mesma orde publicados no DOG o día 31 de marzo de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de febreiro de 2006, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais no citado ditame, aínda que inténtase respetar as diferencias de xénero, tal e como apuntábase no ditame 17/06 deste organismo.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Non se achegan os anexos aos que fai referencia o proxecto normativo.

No artigo 1º modifícase o financiamento das axudas establecidas na orde, incrementándose a súa contía.

No artigo 3º, apartado 2, procédese a incluir medidas tendentes a garantir o cumprimento das disposicións previstas no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos e as recollidas na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública Galega, no relativo á publicación das axudas concedidas.

No apartado 4.I. B.1) deste artigo suprímese o apartado c) da orde do exercicio pasado (remisión dun proxecto global) e númerase incorrectamente o actual apartado c).

No artigo 6º, apartado 1, in fine, que establece o prazo dun mes para remitir a documentación esixida, suprímese a data límite do 15 de outubro que establecía a orde de 2006.

O artigo 8º que regula os colectivos prioritarios establece, con carácter orientativo, unha orde de preferencia proporcional, que se modifica nas súas porcentaxes respecto á establecida na orde do exercicio de 2006.

O artigo 11º establece os requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios, sendo os mesmos que na orde de 2006, pero outorgando o novo proxecto normativo unha puntuación a cada un dos criterios de ata 10 puntos.

Modifícase o apartado 1 do artigo 12º, establecéndose que os traballadores e traballadoras contratados non poderán repetir a súa participación ata transcorridos tres anos (antes dous anos), sempre e cando foran contratados por un período superior a nove meses nos últimos tres anos.

O artigo 20º establece os requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios, suprimíndose algúns que figuraban na orde de 2006, e outorgándose este ano unha puntuación a cada un deles de ata 10 puntos.

Modifícase o apartado 1 do artigo 21º, establecéndose que os traballadores e traballadoras contratados non poderán repetir a súa participación ata transcorridos tres anos (antes dous anos), sempre e cando foran contratados por un período superior a nove meses nos últimos tres anos.

No artigo 26º, que regula os criterios de valoración no caso de axentes de emprego e unidades de apoio, suprímese da orde anterior como criterio de preferencia os proxectos que permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables e se engade como criterio de preferencia as prórrogas de subvencións concedidas en exercicios anteriores. Como novidade, todos os criterios teñen unha valoración de ata 10 puntos.

No artigo 28º que regula a contratación de axentes de emprego e de integrantes das unidades de apoio, modifícase o apartado 4 (na orde anterior era o artigo 30º), suprimíndose a esixencia de celebración dos contratos de traballo antes do 1 de decembro.

O novo proxecto normativo engade un artigo regulando a prórroga da subvención (artigo 29º) por cada axente de emprego contratado e/ou unidade de apoio, que competirán en réxime de concorrencia competitiva coas solicitudes novas.

Nas disposicións adicionais o proxecto normativo suprime tres da orde anterior (quinta, sexta e sétima), modifica a segunda no sentido de que non consta no novo proxecto normativo a porcentaxe financiada polo Fondo Social Europeo e engade unha, a quinta, que establece que as solicitudes de subvención para a contratación de mulleres vítimas de violencia non estarán suxeitas ao prazo de presentación previsto no artigo 3º.3 e terán sempre unha duración de doce meses, debendo iniciarse dentro do exercicio de 2007.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2007, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, trinta artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 13 de decembro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén asi mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.

DICTAME 42/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2007, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de novembro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de decembro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. Artigo 3º.- Presentación de solicitudes e procedemento.

No apartado 4. I. A) deste artigo se fai referencia a unha serie de documentación que deberá acompañar á solicitude nos modelos que se publican como anexos.

Este Comité Delegado manifesta que os referidos anexos non se achegaron xunto co proxecto normativo obxecto de ditame.

Igualmente, neste artigo 3º, no apartado 4.I. B.1), obsérvase un erro ao numerar incorrectamente o apartado c).

Segunda. Artigo 4º.- Competencia e resolución.

Como xa se puso de manifesto no Ditame 17/06, o Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, entre as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  entre as funcións dos Comités  provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial ou do Director/a Xeral.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que o artigo 4º do proxecto normativo inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou polo Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.

Terceira. Artigo 4º.- Competencia e resolución.

O prazo máximo que se establece para resolver as solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que este Comité propón que se resolvan nos tres meses seguintes ao da entrada da solicitude no rexistro correspondente.

Tamén chama a atención que, como noutras normas anteriores -e a pesar das consideracións manifestadas por este Comité ao respecto e de que as resolucións son ditadas polo director/a xeral ou polo delegado/a provincial-, non se estableza ningún tipo de recurso administrativo e se abra directamente a vía xurisdicional, polo que este Comité propón que se estableza un recurso de alzada previo para, na medida do posible, procurar a revisión das resolucións das solicitudes presentadas por entidades sen ánimo de lucro antes de acudir á vía xurisdicional.

Igualmente, neste artigo 4º, apartado 7, obsérvase un erro gramatical ao referirse a “porcentaje” cando o termo correcto é “porcentaxe”.

Cuarta. Artigo 10º.- Contía.

O artigo 10º regula a contía da subvención para a contratación, polas entidades locais, de desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

O apartado a) deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionada, por canto existen instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda cando é unha indemnización, tamén o é a bolsa de vacacións, por exemplo, ou un plus de distancia, e iso si sería subvencionable ao non se excluír na norma.

Igulamente, neste artigo, obsérvase que hai un erro na numeración dos apartados, xa que non se numera o apartado 1.

Quinta. Artigo 13º e artigo 22º.- Contratación dos traballadores e traballadoras.

Este Comité considera que debería suprimirse a referencia á necesidade de subscribir un contrato de duración determinada de interese social, por canto, ademais de non existir este tipo de contrato na lexislación laboral (será de obra, no seu caso), o subvencionable son os custos salariais por un período determinado, o que non lle debe impedir á empregadora elixir a modalidade contractual.

Sexta. Artigo 25º. Contía.

Este artigo establece a contía máxima da subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio para a creación de emprego, que ascenderá, conforme ao establecido no artigo 19º, ao importe dos custos salariais maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social dos traballadores contratados.

Existe un erro xa que o artigo fai referencia ao artigo 20º e ten que ser feita ao artigo 19º.

Este Comité considera que deberíase contemplar tamén neste artigo a concesión dunha subvención dun 10% para gastos de difícil xustificación, como fai a Dirección Xeral de Formación e Colocación no programa de subvención da contratación de orientadores laborais.
Polo exposto, se propón que se amplíe a contía da subvención contemplando un 10% para gastos de difícil xustificación.

Sétima.- Artigo 26º. Criterios de valoración

Este artigo regula os criterios de preferencia a ter en conta para efectuar a selección das entidades beneficiarias e das axudas a conceder.

Este Comité considera que debe engadirse un apartado e) coa seguinte redacción: “Os proxectos que, na súa realización, permitan e apoien a creación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas, sempre que dean resposta ao establecido nas letras b) e c) deste artigo”.

ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. Artigo 8º.- Colectivos prioritarios.

En canto a colectivos prioritarios, establécense unhas porcentaxes, con carácter orientativo, cuxa aplicabilidade real queda fóra de control por parte dos solicitantes, e, ademais, a redacción adoece dunha anarquía que é difícil de entender.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que sería máis aconsellable sinalar por orde de prioridade cales son os colectivos prioritarios, para que os posibles beneficiarios solicitantes coñecesen de antemán cales son os colectivos que a Administración puntuará de modo maior.

Segunda. Artigo 29º.- Prórroga da subvención.

A Confederación de Empresarios de Galicia destaca e valora positivamente que pola Administración se atendera a consideración que manifestaron no ditame 17/06, respecto de incluir no proxecto normativo a posibilidade de solicitar a prórroga da subvención concedida por cada axente contratado e/ou unidade de apoio, que competirían en réxime de concorrencia competitiva coas novas solicitudes.