ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 43/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS DE FOMENTO DO EMPREGO EN EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL E DE PROMOCIÓN DO COOPERATIVISMO E SE PROCEDE A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de decembro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Este proxecto normativo agrupa dous programas que neste exercicio de 2006 se regulaban por separado, abréndose a convocatoria tanto para solicitar axudas e subvencións destinadas á promoción, divulgación e difusión do cooperativismo como ao fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e sociolaboral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os programas regulados no proxecto normativo son os seguintes:

·Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.
·Programa II: Mellora da competitividade en cooperativas e sociedades laborais,
·Programa III: Impulso de proxectos empresariais cooperativos.
·Programa IV: Fomento do acceso á condición de socio e socia traballador/a.
·Programa V: Actividades de promoción do cooperativismo e adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde reguladora do programa de fomento do emprego, publicado no DOG o día 31 de marzo de 2006 (ditaminado polo Consello con data 2 de febreiro de 2006), así como do texto da orde reguladora do programa de promoción do cooperativismo, publicado no DOG o día 7 de abril de 2006 (ditaminado polo Consello con data 10 de febreiro de 2006), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións formuladas nos ditames 5/06 e 12/06, en particular a de respetar no texto da norma as diferencias de xénero.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Regula en primeiro lugar o obxecto, finalidade e financiamento das axudas previstas nos distintos programas, así como as normas comúns de solicitudes, documentación e procedemento, para, posteriormente, incorporar en anexos as bases reguladoras de cada un dos cinco programas que integran o proxecto normativo, que, en xeral, coinciden coas establecidas nas ordes do exercicio pasado, cunhas pequenas modificacións que se apuntan a continuación, mellorando en claridade a regulación das axudas.
Non se achegan os modelos aos que fai referencia o artigo 4º. 6 do proxecto normativo.
O prazo xeral para a presentación de solicitudes de axudas dos programas I, II, III e IV finalizará o 15 de setembro de 2007 e para o programa V, o 31 de maio de 2007.
O programa I, de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (Base primeira) establece un conxunto de axudas orientadas a facilitar a incorporación de persoas desempregadas como socios e socias traballadores/as ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas do autoemprego colectivo como medidas eficaces para a creación de emprego e xeración de riqueza.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como socios e socias traballadores/as ou de traballo ás persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego pertencentes a algún dos colectivos que figuran no artigo 2.1 do citado programa, que son os mesmos que figuraban na orde do exercicio pasado, engadíndose, respecto ao colectivo de emigrantes retornados con graves necesidades persoais ou familiares, a esixencia de que cumpran coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.
O programa II, de mellora da competitividade en cooperativas e sociedades laborais (Base segunda) está dirixido a apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación e modernización das empresas de economía social, mediante unha mellora da súa competitividade, facilitando así a súa consolidación, mediante subvencións financeiras e subvencións directas para financiación e adquisición de inmobilizado material ou inmaterial e mediante axudas para a contratación de directores/as ou xerentes/as que melloren a xestión empresarial cara a procurar a viabilidade da empresa e a boa fin do proxecto de investimento.
O programa III, de impulso de proxectos empresariais cooperativos (Base terceira) ten como finalidade esencial fomentar e promover o cooperativismo no ámbito da Comunidade Autónoma, concedendo axudas económicas que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais que se articulen baixo a fórmula cooperativa, tanto para aqueles que sexan de nova creación como para os xerados polas entidades existentes.
Procúrase, así mesmo, facilitar a incorporación de socios e socias traballadores/as procedentes de procesos de reestruturación, reconversión ou peche de empresas, aos devanditos proxectos.
As actividades obxecto de axuda deberán realizarse entre o 16 de setembro de 2006 e o 15 de decembro de 2007, poidéndose unicamente presentar unha solicitude por cada proxecto empresarial.
Modifícanse os límites na contía das axudas, establecéndose, no artigo 3.1, un máximo de 2.000 euros por promotor/a  co límite de 30.000 euros por proxecto.
Como novidade, na regulación da axuda excepcional a entidades de nova creación para o lanzamento de actividade de cooperativas de traballo asociado ou que asocien traballadores/as, suprímese a esixencia  de que estean constituídas exclusivamente por mulleres e mozos/as menores de 30 anos e engádense, como subvencionables, os gastos de publicidade.
O programa IV, de fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a (Base cuarta) ten como obxectivo o fomento do acceso á condición de socios e socias traballadores/as de cooperativas, como xeito de promocionar o cooperativismo facilitando a participación e plena integración na empresa, mediante a concesión de axudas económicas destinadas a financiar, parcialmente, a achega ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio.
Modifícase a contía das axudas: no exercicio anterior establecíase que podería ser de ata 5.000 euros, sen que en ningún caso exceda do 75% da achega que cada novo socio deba desembolsar, cun tope máximo de 5 socios traballadores. Para este exercicio, dispón o artigo 3, que a contía das axudas poderá ascender ata 4.000 euros, sen que en ningún caso poda ser superior á contía que corresponda en concepto de achega de capital social e cota de ingreso pola incorporación como socio e socia traballador/a.
Respecto ao importe das axudas, establécese que será recoñecido como achegas obrigatorias desembolsadas do novo socio ao capital social, engadíndose neste exercicio, que igualmente poderá ser recoñecido como cota de ingreso, incorporándose ao Fondo de Reserva Obrigatorio da entidade.
Finalmente, o programa V, de actividades de promoción do cooperativismo e adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións (Base quinta), que agrupa dúas modalidades de axuda reguladas por separado no exercicio pasado, ten como finalidade apoiar o desenvolvemento de actividades para o fomento do cooperativismo e a incorporación das cooperativas ás tecnoloxías da información e as comunicacións, subvencionando parcialmente os gastos necesarios para a súa realización e para o desenvolvemento dos procesos de adaptación necesarios.
Como novidade, nas axudas de fomento do cooperativismo, establécese un máximo de 20.000 euros por beneficiario, existindo os seguintes límites subvencionables:

·Actividades divulgativas ou formativas de duración inferior a 10 horas, ata 2.000 €.
·Actividades divulgativas ou formativas de duración superior a 10 horas, ata 3.000 €.
·Asistencia a feiras e mostras, ata 5.000 €.
A contía das axudas  para adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións continúa sen poder superar o 75% dos gastos necesarios para a súa realización, ata un máximo de 6.000 euros por beneficiario/a, agás –novidade deste exercicio- as axudas para a elaboración da páxina web da entidade cooperativa e a súa incorporación a redes informáticas, nas que se establece un máximo de 3.000 euros.
Suprímense os criterios de avaliación establecidos no exercicio anterior para as axudas  para adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións, sendo neste exercicio obxecto de avaliación iguais criterios para as dúas modalidades de axuda, que se corresponden cos establecidos no exercicio pasado para as axudas de promoción do cooperativismo, engadíndose, no artigo 4, unha puntuación ata un máximo de entre 15 e 30 puntos, para cada un dos catro criterios referidos no citado artigo 4.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, trece artigos, catro disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras e un anexo coas bases reguladoras de cada un dos cinco programas de axudas.
O día 18 de decembro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén asi mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.

DITAME 43/06
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de decembro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de decembro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera necesario que se recolla no proxecto normativo o establecido no artigo 11º.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, General de Subvenciones, que di literalmente: “los miembros asociados de la entidad beneficiaria que se comprometan a ejecutar la totalidad o parte del plan de formación en nombre y por cuenta de la misma tendrán igualmente la consideración de beneficiarios”.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 2º. Financiamento e normativa reguladora.

No apartado 2 deste artigo establécese a normativa á que debe axustarse a tramitación e concesión das solicitudes.
Este Comité Delegado considera que debería engadirse a referencia á Lei 30/1992, do 26 de novembro, do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, por ser esta de aplicación.
Así mesmo proponse a eliminación, ao final do apartado, da expresión “e nesta orde” xa que a prioridade aplicativa das leis ás que se fai referencia non pode ser determinada por unha norma reglamentaria,  o que suporía descoñecer o principio constitucional de xerarquía normativa.

Segunda. Artigo 3º.- Competencia.

Este Comité non entende a distribución de competencias entre os distintos programas e o motivo polo que non se seguíu o criterio territorial ou xerárquico.

Terceira. Artigo 4º.- Solicitudes, prazo e documentación.

Solicitudes.- O apartado primeiro deste artigo establece que as solicitudes dos distintos programas deberán formalizarse por separado cada un deles.
Este Comité delegado propón que aqueles beneficiarios que soliciten máis dun programa non teñan que reiterar a documentación de carácter común.

Prazo.- Este Comité considera que os prazos establecidos neste artigo 4º deberían ser comúns a todos os programas regulados no proxecto normativo.

Documentación.- O Comité Delegado pon de manifesto que non se achegaron ao Consello os modelos aos que fai referencia como anexos o artigo 4º. 6 do proxecto normativo.

Cuarta. Artigo 6º.- Resolución e recursos.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.
Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 6º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

Quinta. Artigo 6º.- Resolución e recursos.

Resolución. O apartado 3 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses e, no caso de que neste prazo non se ditase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses. Así mesmo, considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica, polo que proponse substituir a forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

Recursos.- Ademáis do recurso previo de reposición, previsto no apartado 4 deste artigo, este Comité considera que as resolucións ditadas polos delegados/as provinciais ou pola directora xeral de Relacións Laboais non deberían esgotar a vía administrativa, para posibilitar a interposición de  recurso de alzada ante o conselleiro de Traballo.

Sexta. Artigo 7º.- Forma de pagamento e xustificación.

O apartado deste artigo establece que “de non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo que sinale a notificación de resolución de concesión, da documentación xeral e da específica que corresponda”.

Este Comité considera que debería figurar expresamente no artigo prazo para presentar a documentación que corresponda.

Sétima.- Disposición adicional cuarta.

Nesta disposición establécese que “Se, unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta Consellería reserva para si a facultade de incrementar a contía das axudas previstas nesta orde, efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes”.

Este Comité Delegado considera  que en ningún caso debería admitirse o incremento da contía das axudas, pois podería supoñer unha discriminación, suxirindo que se permita soamente reabrir o prazo, quedando o texto da disposición adicional como segue: “Se, unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta Consellería poderá reabrir o prazo de presentación de solicitudes”.

Oitava. Base Primeira.- Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

No apartado 2.1, establécese que poderán acollerse ás axudas previstas neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como socios e socias traballadores/as ou de traballo a aquelas persoas que, no momento da incorporación sexan desempregadas, máis non define claramente o momento no que se adquire esa condición (se é cando se outorga a escritura, cando se inscribe a constitución da cooperativa, …).

Por esta razón, as organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, propoñen que se clarifique cando se adquire a condición de socio/a traballador/a ou de traballo.

Neste apartado 2.1. aparecen as letras j. e k. Este Comité Delegado considera que estas letras son impropias do idioma galego, polo que deben substituírse polas que correspondan (serían l. e m.).

No apartado 2.1.b) proponse substituir a expresión “Mocidade maior de 25 anos e menor de 30 que finalizaran ...” pola de “persoas maiores de 25 e menores de 30 que finalizaran ..”

No apartado 2.1. l) parece que se queren establecer dous períodos para considerar un desempregado como de longa duración. Este Comité Delegado considera que débese suprimir o último inciso, xa que os menores de 25 anos están expresamente citados na letra a).

ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. Base Primeira.- Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

O apartado 2.1.ñ) refírese, dentro dos colectivos beneficiarios, a traballadores e traballadoras desempregados/as por mor dalgunha das causas previstas nos artigos 50, 51 e 52 b) e c) do Estatuto dos Traballadores...

A Confederación de Empresarios de Galicia non comprende o motivo de non incluir nesta letra ñ) o apartado a) do artigo 52 do Estatuto dos Traballadores (ineptitude anterior descoñecida).

Segunda. Base Terceira.- Programa III: Impulso de proxectos empresariais cooperativos.

A consideración formulada anteriormente ponse de manifesto para o último parágrafo do apartado 3.3 deste programa.