ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 44/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN AXUDAS PARA O FOMENTO E CONSOLIDACIÓN DAS ASOCIACIÓNS DE COOPERATIVAS.

I. ANTECEDENTES.

O día 5 de decembro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O novo proxecto normativo que ten a finalidade de promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas e das súas estruturas representativas,  agrupa dúas clases de axudas, o programa para o fomento e consolidación do asociacionismo, que subvenciona parcialmente os gastos normais de funcionamento das cooperativas (alugueiros, gastos de persoal, etc.) e o programa que subvenciona a realización de actividades de promoción do cooperativismo, como cursos, xornadas, traballos de investigación, etc..

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde publicada no DOG o 7 de abril de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello (12/06) con data 10 de febreiro, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Subvenciónanse neste exercicio as actividades dirixidas á realización de procesos formativos de titores, especializados no asesoramento e acompañamento de proxectos cooperativos (artigo 1º.3).

A contía das axudas non poderá superar o 80% dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar así mesmo con outros financiamentos sen que en ningún caso excedan da contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia (artigo 3º.2).

A concesión e contía das axudas para os gastos normais de funcionamento, serán fixados, en primeiro lugar, en función da representatividade que teñan as asociacións solicitantes e, en segundo lugar, tendo en conta os niveis de actividade que desenvolvan, de acordo co baremo establecido no artigo 7º, apartados 1 e 2.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas” consta de: Exposición de motivos, trece artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

O día 18 de decembro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral unánime, así como tres consideracións específicas unánimes sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

DITAME 44/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que convocan axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de decembro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de decembro de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera necesario que se recolla no proxecto normativo o establecido no artigo 11º.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, General de Subvenciones, que di literalmente: “los miembros asociados de la entidad beneficiaria que se comprometan a ejecutar la totalidad o parte del plan de formación en nombre y por cuenta de la misma tendrán igualmente la consideración de beneficiarios”.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Artigo 2º. Financiamento e normativa reguladora.

No apartado 2 deste artigo establécese a normativa á que debe axustarse a tramitación e concesión das solicitudes.

Este Comité Delegado considera que debería engadirse a referencia á Lei 30/1992, do 26 de novembro, do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, por ser esta de aplicación.

Así mesmo proponse a eliminación, ao final do apartado, da expresión “e nesta orde” xa que a prioridade aplicativa das leis ás que se fai referencia non pode ser determinada por unha norma reglamentaria,  o que suporía descoñecer o principio constitucional de xerarquía normativa.

Segunda. Artigo 8º.- Resolución e recursos.

O apartado 3 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de tres meses e, no caso de que neste prazo non se ditase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica, polo que proponse substituir a forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

Terceira. Artigo 9º.- Forma de pagamento e xustificación.

O apartado 1 deste artigo establece que as axudas materializaranse a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

Este Comité non comprende os motivos polos que non procede o abono directo aos solicitantes da contía das axudas, considerando innecesaria a subscrición de convenios de colaboración.