ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 45/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN SUBVENCIÓNS AOS CONCELLOS DE GALICIA PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN DO COOPERATIVISMO.

I.  ANTECEDENTES

O día 5 de decembro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Este programa ten como obxectivo estimular a realización de actividades de promoción do cooperativismo por parte dos concellos de Galicia, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social.

Regúlanse, nesta orde,  o proceso de selección daquelas iniciativas que resulten de maior interese para o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, co obxecto de contribuir ao seu financiamento mediante a concesión dunha subvención de ata o 80% dos gastos necesarios para a realización da actividade proposta.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 7 de abril de 2006 e tendo en conta o ditame 11/06, emitido polo Consello con data 10 de febreiro de 2006, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O incremento orzamentario da contía prevista para estas axudas ascende a 300.000 euros (70.000 no exercicio pasado).

O prazo  de presentación de solicitudes remata aos corenta días hábiles, a contar desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, mentres que no exercicio pasado remataba o 30 de abril de 2006.

Como novidade, o proxecto normativo, no artigo 6º.2,  impulsa a incorporación de novos concellos ao labor de promoción, outorgando unha puntuación adicional (28 puntos) no caso de tratarse da primeira ocasión que acceden á liña de axudas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo” consta de: Exposición de motivos, once artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

O día 18 de decembro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.

DITAME 45/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de decembro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de decembro de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira. Artigo 2º.- Beneficiarios e contía.

No apartado 2, segundo parágrafo deste artigo, establécese que procurarase a participación das asociacións de cooperativas. Sen embargo, non se establece a participación dos axentes sociais.

Este Comité Delegado considera que neste parágrafo debe constar expresamente que procurarase a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas, ademáis das asociacións de cooperativas.

Segunda. Artigo 5º.- Avaliación de solicitudes.

Este Comité Delegado considera que no apartado 2 deste artigo debe constar expresamente que na comisión de avaliación estarán representantes das organizacións sindicais e empresariais máis representantivas.

Terceira. Artigo 6º.- Criterios de avaliación.

Este Comité Delegado considera que existen evidentes contradicións entre os criterios de avaliación establecidos neste artigo 6º (apartado 2) e o disposto no apartado 2 do artigo 2º, primeiro parágrafo, nas actividades que figuran a título de exemplo, posto que estas xa son obxecto doutras vías de axuda da propia Consellería.

Asi mesmo,  este Comité Delegado considera que non debe priorizarse con 28 puntos os proxectos promovidos por concellos que non resultaron beneficiarios en anos anteriores, xa que o que debe avaliarse é o contido das actuacións que resulten de maior interese para o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, polo que proponse eliminar este apartado, suxirindo que os proxectos desas características só sexan tidos en conta en caso de empate de puntuación.

Cuarta.- Artigo 7º. Resolución e recursos.

No apartado 3, parágrafo segundo, deste artigo establécese que, transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

As organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituir a expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.

ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

O proxecto normativo ten por obxecto o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, contribuíndo ao financiamento daquelas iniciativas que resulten de maior interese mediante a concesión dunha subvencións aos concellos que as promovan.

A Confederación de empresarios de Galicia considera que as subvencións reguladas no proxecto normativo deberían extenderse, non só aos concellos, senón a todas aquelas entidades sen ánimo de lucro que veñen traballando en prol da difusión da cultura emprendedora.