ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E BUSCA DE EMPREGO.


I. ANTECEDENTES


O día 28 de decembro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxectivo deste proxecto normativo é a posta en marcha dun sistema de orientación laboral, baseado en accións de información, orientación, busca activa de emprego, coa finalidade de mellorar a ocupabilidade dos demandantes de emprego; sistema que contempla a colaboración de entidades especializadas para incrementar a capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento aos usuarios e a atención a colectivos específicos.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 7 de marzo de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de xaneiro de 2006, observáse o seguinte:

Parece que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polo Consello Galego de Relacións Laborais no ditame emitido para o exercicio de 2006.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Non se achegan co proxecto normativo os anexos aos que fai referencia.

Artigo 2º.- Entidades colaboradoras.
Engádense, como entidades colaboradoras, as sociedades públicas e outros entes públicos que carezan de fins lucrativos, as corporacións locais, as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de ámbito territorial de Galicia sin fins de lucro; entidades especializadas en atención en determinados colectivos preferentemente con disminucións físicas, psíquicas ou sensoriais que carezan de fins lucrativos e realicen as accións de orientación profesional.

Artigo 3º.- Programas.
Engádese un novo apartado nos programas de información profesional (letra e) e de orientación laboral e busca de emprego (apartado 3), consistente na captación de ofertas de traballo.
Artigo 6º.- Solicitudes.
No apartado 2 deste artigo establécese que a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, conforme ao disposto na Lei de transparencia e boas prácticas na Administración Pública Galega (Lei 4/2006, do 30 de xuño).

Artigo 11º.- Selección e contratación do persoal para a realización das accións.
No proxecto normativo remitido para ditame no exercicio anterior non constaba o baremo para a selección dos técnicos, o que sí se incluíu no texto da Orde publicado no DOG e no actual proxecto normativo, con algúns cambios que se relacionan de seguido:

- Modifícase a puntuación mínima esixida aos técnicos en currículum, pasando de 4 puntos a 5.
- Modifícase a valoración da experiencia profesional, outorgándose 0,2 puntos/mes por cada período de seis meses realizando tarefas directamente relacionadas co posto ofertado (antes 0,4 puntos) e 0,05 puntos/mes para as tarefas que se relacionan indirectamente co posto (antes 0,1).

Artigo 12º.- Contía.
No apartado 1 deste artigo, increméntanse co IPC as contías máximas establecidas para as subvencións polos técnicos e persoal de apoio.


No apartado 2, atendendo unha consideración dos axentes sociais manifestada no ditame do exercicio pasado, modifícase a contía para gastos xerais, materiais, técnicos, dietas e desprazamentos, pasando dun 13% a un 15% do total da subvención aprobada.

Disposición adicional primeira.-
Nesta disposición figuran os créditos que financian as accións previstas no proxecto normativo, observándose o incremento dos consignados no programa 323V (antes 241B), posiblemente para atender as solicitudes das novas entidades colaboradoras que se relacionan no artigo 2º do proxecto normativo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 10 de xaneiro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén cinco consideracións xerais de carácter unánime, así como trece consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma e unha consideración específica non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo).




DITAME 1/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de decembro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de xaneiro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:
Primeira. O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece no apartado 5 do artigo 2º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, o seguinte: “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”.
Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro de Traballo.

Segunda. Non se deduce do texto da Orde a posibilidade de prórroga contractual do persoal que leva a cabo as accións subvencionadas, o que implicaría ou ben un deficiente servicio motivado pola súa suspensión temporal, ou ben un esforzo económico para a entidade colaboradora para poder manter a prestación de servizos.

Por este motivo, debe arbitrarse pola Consellería un procedemento que evite a existencia de períodos de lagoa non cubertos pola Orde e, polo tanto, sen servizo ou manter este sen subvención.

Terceira. Este Comité propón unha revisión do texto para respetar as diferencias de xénero na linguaxe do proxecto normativo.

Cuarta. Obsérvase que a profusión na numeración dos parágrafos e  apartados do articulado ao longo do proxecto da Orde pode producir confusión no administrado. O Comité Delegado propón neste sentido que se estableza un sistema unívoco que non induza a erros.

Quinta. Os anexos que se citan no proxecto da Orde non se adxuntan. Este Comité propón que se acheguen os mesmos para posibilitar o seu estudio.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigos 1º (Obxecto) e 3º (Programas)

O artigo 1º da Orde menciona os itinerarios de inserción profesional para articular as accións de información, formación e búsqueda de emprego.

Este Comité entende que esta Orde debería ser o marco axeitado para definir os IPIs (Itinerarios Personalizados de Inserción), establecendo, cando menos, os criterios necesarios para que unha persoa sexa asociada a un IPI, así coma a inclusión no artigo 3 do procedemento básico a seguir.

Segunda.- Artigo 2º. Entidades colaboradoras
O artigo 2º cita como entidades colaboradoras, entre outras, “as Corporacións Locais, as confederacións e asociacións empresarias e sindicais de ámbito territorial de Galicia sin fins de lucro”.

Este Comité considera que, por unha banda a expresión “de ámbito territorial de Galicia” pode impedir o acceso de posibles entidades beneficiarias cuxo ámbito territorial sexa inferior, e por outra banda que dicir “sin fins de lucro” carece de sentido neste lugar, polo que propón que o artigo 2º quede redactado do seguinte xeito “... se entende por entidades colaboradoras as Sociedades Públicas e outros entes públicos que carezan de fins lucrativos, as confederacións e asociacións empresarias e sindicais de Galicia, entidades especializadas en atención a determinados colectivos etc.”

Terceira.- Artigo 3º. Programa de orientación laboral e busca de emprego.

Obsérvase que no texto deste artigo falta a regulación dos itinerarios da inserción profesional que se mencionan no artigo 1º do proxecto normativo.

Por outra banda, o segundo parágrafo do item 1 do número 2 deste artigo regula a posibilidade de desenvolver accións colectivas, dirixidas á adquisición da capacidades básicas que permitan articular itinerarios activos e eficaces na busca de emprego, correspondendo á Dirección Xeral de Formación e Colocación a determinación da súa duración, número de usuarios e metodoloxía.

Na medida en que non consta que na práctica este tipo de accións colectivas se materializase en ningun suposto, este Comité propón a súa supresión ou ben, que, no caso de manterse, se especifique a financiación, criterios e organización das mesmas

Cuarta.- Artigo 6º. 3. Solicitude.

No apartado 3, letra g), item 6, deste artigo solicítase, para o proxecto-memoria sobre as accións a realizar, a previsión por parte da entidade solicitante da porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego para o período subvencionado.

Este Comité Delegado propón a supresión do establecido no citado item 6, xa que considera que resulta difícil poder determinar este extremo por canto non se posúe a información necesaria para avalialo.  

Quinta.- Artigo 6º.3. Solicitude.

O apartado 3 deste artigo establece exencións na presentación de determinada documentación para as entidades que no momento de presentar a súa solicitude posúan a condición de centros colaboradores do Servicio Galego de Colocación.

Este Comité Delegado propón engadir neste apartado a posibilidade de permitir, cunha simple comunicación á Dirección Xeral de Formación e Colocación, a continuidade dos centros asociados coas mesmas instalacións, persoal e demáis medios que foron aprobados no exercicio anterior.
Sexta.- Artigo 6º.4. Solicitude
O apartado 4 regula as entidades que, no momento da solicitude, están exentas de presentar a documentación das letras a), b), c), d) e e) do apartado 2.
Este Comité observa un erro nesta redacción, pois onde di “apartado 2 deste artigo”, debe dicir “apartado 3 deste artigo”, polo que propón a súa corrección.

Sétima.- Artigo 9º.5. Procedemento e concesión de subvencións

O apartado 5 do artigo 9º prevé que a resolución e notificación dos expedientes producirase “nun prazo de tres meses contados desde o día ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro”.

Este Comité considera que existe un erro neste apartado e propón a súa corrección do seguinte xeito: “....nun prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro”.

Oitava.- Artigo 9º.6. Procedemento e concesión de subvencións
O apartado 6 do artigo 9º establece que as resolucións dos procedementos de concesión de subvencións desta Orde esgotan a vía administrativa, sendo susceptibles de recurso contencioso administrativo.

Este Comité propón que se valore a posibilidade de que as resolucións sexan tamén revisables en vía administrativa a través de recurso de alzada por parte de quen reúna os requisitos necesarios para interpoñelo, modificando a redacción do apartado 6 no seu caso.

Novena.- Artigo 11º.1 Selección e contratación do persoal para a realización das accións
O apartado 1 do artigo 11 regula o baremo para a valoración do currículum vitae das persoas preseleccionadas. Este Comité propón que entre as titulacións académicas contempladas como preferentes se proceda á inclusión da Diplomatura de Relacións Laborais cunha puntuación de 2,5.
Así mesmo, o Comité Delegado non entende o motivo polo que se produce unha redución na puntuación outorgada á titulación de Socioloxía en relación coa orde do ano pasado (2 puntos no 2007), polo que propón un aumento ata os 2,5 puntos.

Na baremación da experiencia profesional obsérvase unha rebaixa na puntuación prevista tanto para as tarefas directamente relacionadas có posto ofertado (pasa de 0,4 puntos por mes na Orde anterior a 0,2 puntos no presente proxecto), coma nas indirectamente relacionadas co posto (para o 2007 fíxase en 0,05 puntos por mes, fronte a 0,1 puntos do ano pasado).
Este Comité considera que en ámbolos dous casos deberían manterse as puntuacións recollidas na Orde do ano anterior, por non entender xustificada a súa redución.

Décima.- Artigo 11º.3 Selección e contratación do persoal para a realización das accións
O apartado 3 deste artigo 11 menciona as titulacións esixidas aos técnicos seleccionados. Non obstante, nesta relación non figura algunha das que aparecen expresamente mencionadas no cadro do apartado 1 do mesmo artigo (en concreto Traballo Social).
Este Comité propón que se proceda a unha redacción coherente destes apartados, incluíndo no apartado 3 tódalas titulacións mencionadas no apartado 1 e, de acordo coa consideración sétima deste ditame, engadir tamén a Diplomatura en Relacións Laborais.

Décimo primeira.- Artigo 12º. Contía.

No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar, establecéndose o total que, en concepto de retribución, subvencionarase por cada técnico ou persoal de apoio.

Este Comité Delegado considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase na propia normativa que se subvencionará o total do coste do traballador/a, comprendendo non soamente o salario e a seguridade social, senón tamén as posibles indemnizacións por finalización de contrato que poidan esixirse legalmente.

Asi mesmo, neste apartado, nas letras a) e b) fíxase a contía máxima subvencionable, considerando este Comité Delegado que débese subvencionar o tope establecido e suprimirse no texto da orde os termos “ata un máximo”.

Décimo segunda.- Artigo 15º.1. Requisitos para o aboamento

O apartado 1 do artigo 15º prevé que “a presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia”.

Este Comité considera que debería admitirse a posibilidade de que sexa o interesado o que aporte estas certificacións, sen necesidade polo tanto de que nestes supostos se proceda a autorización ao órgano xestor para a súa solicitude. Por este motivo, este Comité propón que se engada no apartado 1 a expresión “agás que as certificacións se aporten polo propio interesado”.

Décimo terceira.- Artigo 20º. Participación institucional

Este Comité propón que se proceda a actualización do artigo 20 citando ao “Servizo Público de Emprego” no lugar onde se di “Servizo Galego de Colocación”





ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA


Artigo 3º.- Programas

No apartado e) do artigo 3 regúlase a captación de ofertas de traballo, mais non se contempla compensación económica algunha para as entidades colaboradoras e tampouco se especifica a quen corresponde o seguimento da oferta nen quen exercerá como mediador durante o proceso de selección dos posibles candidatos; por outra banda, obsérvase que a cumprimentación do impreso da captación de oferta inicial pode sufrir modificacións posteriores para adaptar a mesma ao perfil solicitado,, pois serían realizadas por distinto persoal.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que esta dobre participación, na que as entidades colaboradoras aparentemente só captarían a oferta, xerará confusión entre o empresariado, pois éste verase obrigado a tratar con dous mediadores diferentes, ao que hai que engadir que se ralentizará o proceso das mesmas. Por este motivo proponse que as organizacións empresarias poidan realizar tamén a tramitación das ofertas de traballo.