ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.


I. ANTECEDENTES

O día 10 de xaneiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, e na Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia, e as organizacións sindicais e empresariais, co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, para o que é necesario adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego.

Esta orde ten como obxectivo fomentar a cultura emprendedora e apoiar actividades e iniciativas de autoemprego,  medidas consideradas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio.

Neste obxectivo principal de creación de emprego precísase potenciar a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, en especial das mozas e mozos, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido productivo galego.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 21 de marzo de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 8 de febreiro de 2006, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais; en concreto, tense incorporada a diferencia entres os xéneros na linguaxe do proxecto normativo, así como a necesidade de substituir a fórmula “poderase entender” pola de “entenderase ” no suposto da resolución por silencio administrativo regulada no apartado 2 do artigo 11º.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Non se achegan co proxecto normativo os anexos aos que fai referencia.

Na Exposición de Motivos sinálase que o procedemento de concesión das axudas reguladas por esta Orde non ten a consideración de concorrencia competitiva, senón que as mesmas concederanse pola comprobación da concorrencia dos requisitos no solicitante ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme ao Real Decreto 357/2006, do 24 de marzo,polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos de emprego e da formación profesional ocupacional. Así mesmo, admítese expresamente que na tramitación de concesión das axudas previstas na Orde poda procederse á tramitación anticipada dos expedientes de gasto.

O artigo 2º establece os que poderán ser beneficiarios das axudas deste programa, mencionando entre os colectivos que terán a consideración de beneficiarios, as persoas titulares de familias monoparentais e con cargas familiares (concepto que desenvolve a disposición adicional cuarta) e entre os desempregados en situación de risco de exclusión social aos membros da unidade familiar en desemprego dos preceptores da renda de integración social de Galicia ou aqueles que non poidan acceder a ela, aos internos de centros penitenciarios cuxa situación penitenciaria lles permita acceder a un emprego, ás mulleres que abandonaran o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral, aos emigrantes retornados (co límite de tempo do retorno e a alta no correspondente réxime da Seguridade Social que establece a disposición adicional cuarta) con graves necesidades persoais ou familiares e aos menores internos, así como aos que estean en situación de liberdade vixiada e os ex-reclusos.

Non obstante, o proxecto normativo para o 2007 suprime o último parágrado do punto 1 do artigo 2 da Orde de 20 de marzo de 2006.que consideraba tamén beneficiarios aos traballadores inscritos como demandantes de emprego, que realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, cando concurran as condicións do punto 1 do artigo 2.

No artigo 3º, que establece o concepto de desempregado como aqueles que figuren inscritos como demandantes de emprego e que carezan de ocupación, dende o momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

No artigo 6º establécese unha axuda excepcional para o financiamento dos gastos realizados nos dous meses anteriores e nos seis meses seguintes ao inicio da actividade. A súa contía será variable, de 800 ata 2.400 euros, en función da pertenza do solicitante a determinados colectivos de desempregados con dificultades de inserción laboral, e incrementándose ata 3.000 euros para os colectivos de desempregados en situación de risco de exclusión social.

O artigo 8º, que regula as solicitudes e o prazo destas, establece que a presentación da solicitude de subvención xa comporta a autorización para que os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social sexan solicitados polo órgano xestor das axudas.

O proxecto normativo para o 2007 incorpora como novidade a posibilidade de que o solicitante poda denegar expresamente o consentimento, debendo aportar neste caso as correspondentes certificacións.


No punto 6º deste mesmo artigo se establece un prazo distinto, que rematará o 31 de marzo de 2007, para a presentación de solicitudes relativas ás actuacións subvencionables nesta orde que se realizaron entre o 16 de setembro do 2006 e a data de publicación desta Orde




O artigo 14º regula entres as obrigas dos beneficiarios a de non ter débedas coa administración pública e de estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

Así mesmo, establécese neste artigo, a obriga de dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionables tanto pola consellería como as cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, conforme o regulamento (CE) 1159/2000, sobre actividades de información e publicidade.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.


O día 16 de xaneiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.



DITAME 2/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de xaneiro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de xaneiro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.
As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, na liña do manifestado en ditames de exercicios anteriores, sobre a necesidade de dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego, avaliamos positivamente que, no seo do Comité Autonómico de Emprego, se teña informado o conxunto da planificación destas políticas para o ano 2006.

Este Comité Delegado considera conveniente incluir na exposición de motivos deste proxecto normativo que se somete a ditame, unha referencia a esta planificación de conxunto, tal e como se recolle na exposición de motivos dos proxectos normativos de Escolas Obradoiro e Programas de cooperación.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 2º.  Beneficiarios.

No apartado 3 deste artigo establécese unha relación de colectivos enumerados con letras, entre as que figuran a letra j.) e a letra k.).

Este Comité Delegado considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan (serían l. e m.).

Segunda. - Artigo 9º.  Documentación.

Neste artigo establécese unha relación de documentos que deben acompañar á solicitude, figurando a letra j).
Este Comité Delegado considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debe substituírse pola que corresponda, neste caso, a letra l).

Terceira.-  Artigo 11º.  Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que, no caso de que no prazo de seis meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité propón que a resolución se dite no prazo de tres meses. Asi mesmo, considérase desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

Proponse substituir a forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

Cuarta.- Artigo 11º. Resolución e recursos.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.

Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial ou do Director/a Xeral.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 11º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou polo Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.

Quinta.- Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado f), segundo parágrafo, deste artigo se establece que “As persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa deberán manter durante un período mínimo de tres anos a fórmula empresarial elixida pola que se lles concedeu as axudas ou subvencións”.

Esté Comité Delegado propón que se substitúa a expresión “fórmula empresarial” por “forma xurídica” por considerar este termo máis axeitado e correcto xuridicamente