ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO RÉXIME DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS LOCAIS DE EMPREGO (ILES) OU COMO INICIATIVAS DE EMPREGO RURAL (IER) COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.


I. ANTECEDENTES

O día 10 de xaneiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta Orde enmárcase nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Estratexia Europea de Emprego, e na Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia, e as organizacións sindicais e empresariais, e co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio.

Esta orde ten por obxecto o fomento da cultura emprendedora da poboación para potenciar o crecemento económico e do emprego no ámbito local e no medio rural, estimulando a iniciativa privada coa colaboración da Xunta de Galicia e das administracións locais de carácter territorial, facilitando a aparición de novas empresas innovadoras xeradoras de emprego.

Á vista do borrador agora remitido hai que sinalar que non se achegan os anexos aos que fai referencia a Orde e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o día 31 de marzo de 2006 e o ditame emitido polo Consello con data 2 de febreiro de 2006, observánse as seguintes novidades:

De acordo coa consideración xeral manifestada polos axentes sociais no Ditame emitido o ano pasado, tense incorporada a diferencia entre os xéneros ao longo do articulado do actual proxecto normativo.

Exposición de Motivos.

Na exposición de motivos consta expresamente que o procedemento de concesión das axudas reguladas por esta Orde non ten a consideración de concorrencia competitiva, senón que as mesmas concederanse pola comprobación da concorrencia dos requisitos no solicitante ata o esgotamento do crédito orzamentario. Así mesmo, admítese expresamente que na tramitación de concesión das axudas previstas na Orde poda procederse á tramitación anticipada dos expedientes de gasto

Artigo 3º.- Tipos de axudas.

No artigo 3º tense suprimido o último parágrafo da Orde do ano pasado, que establecía o seguinte: “cando se trate de traballadores autónomos, para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario os que, figurando inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realizasen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais”.

Artigo 12º.- Solicitudes e prazo.

Este artigo establece que a presentación da solicitude de subvención xa comporta a autorización para que os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social sexan solicitados polo órgano xestor das axudas. Agora ben, no actual proxecto normativo admítese a posibilidade de que o solicitante poda denegar expresamente o consentimento, debendo aportar neste caso as correspondentes certificacións.

O apartado 4 do artigo 12º establece un prazo xeral de presentación de solicitudes, que rematará o 15 de setembro de 2007, a diferencia do borrador da Orde do 2006 que fixaba o límite do prazo xeral no 30 de setembro dese ano.
Engádense dous novos apartados (os números 7 e 8).

Por un lado, o apartado 7 establece que mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluir e facer públicos os datos relativos ás axudas, nos rexistros públicos, conforme ao Decreto 132/2006, de 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos.

Doutra banda, o apartado 8 determina que as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Traballo, ao tempo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, de acordo coa Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública galega.


Artigo 13º.- Documentación

O apartado 1 deste artigo engade un novo apartado (f), que establece expresamente o deber de presentar, xunto coa solicitude de subvención, documentación acreditativa de encontrarse ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no suposto de que na solicitude se denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións correspondentes, en consonancia coa nova regulación do artigo 12º, xa comentada.



Artigo 15º. Resolución e recursos.

O apartado 2 do artigo 15º, tendo a conta a consideración contida no Ditame emitido o 2 de febreiro de 2006, emprega a expresión “entenderase desestimada” en lugar de “poderase entender desestimada” para o suposto da resolución por silencio administrativo, o que xa se tiña feito na Orde publicada no DOG de 31 de marzo de 2006.

Artigo 18º.- Exclusións

O apartado b) do artigo 18º, ao igual que o texto publicado no DOG de 31 de marzo de 2006, exclúe dos beneficios do programa establecido na Orde aos promotores e promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta como traballadores ou traballadoras autónomos/as en calquera réxime da Seguridade Social, o que supón unha reducción respecto ao prazo de seis meses que se regulaba no proxecto do 2006.

Disposición Adicional Terceira.-

Esta disposición adicional, que regula a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo nos delegados/as provinciais e no director xeral de Promoción do Emprego, engade ás mesmas a de resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas, respecto das resolucións concesorias, das que traen causa, ditadas por delegación do conselleiro.


Disposición Transitoria.-

Esta disposición permite que os expedientes que se atoparan en tramitación finalizado o exercicio económico do 2006, se resolvan con cargo aos créditos orzamentarios destinados para o 2007, sempre que, ademáis de acreditar o motivo que impediu resolver en prazo, o expediente non fora resolto expresamente e non fora impugnado o efecto do silencio e sempre que o solicitante non manifestara expresamente a súa vontade de desistencia da solicitude presentada.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e tres artigos, sete disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.


O día 24 de xaneiro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.



DITAME 3/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de xaneiro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de xaneiro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.-  Exposición de motivos.

No penúltimo parágrafo da exposición de motivos e na disposición adicional sétima faise a referencia á existencia de crédito para o financiamento das axudas previstas nesta orde no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2007.

Este Comité Delegado considera que a referencia debe facerse agora respecto á Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Segunda.- Artigo 3º. Tipos de axuda.


A Orde do 18 de marzo de 2006, reguladora destas axudas no exercicio pasado, establecía no apartado 3, último parágrafo, deste artigo que, cando se trate de traballadores autonómos, para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario os que, figurando inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

Este Comité Delegado observa que o referido parágrafo foi suprimido no proxecto normativo que se somete a ditame, propoñendo que se volva a incluir e considerando, ao igual que o fixo no ditame 3/06, que esta excepción, que actúa como un beneficio que amplía tal posibilidade, debería aplicarse ademáis de aos traballadores por conta propia aos traballadores por conta allea; hai que ter en conta que nalgunhas formas xurídicas, como as cooperativas ou as sociedades laborais, existe un dereito de opción polo réxime xeral da Seguridade Social correspondente a favor dos socios traballadores. Non estaría xustificado o feito de poder acceder nun caso, nos requisitos establecidos no citado parágrafo, e noutro non.

Terceira.-  Artigo 8º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

O último parágrafo do apartado 3 deste artigo establece que “en ningún caso serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo”.

Este Comité Delegado propón que se considere a posibilidade de subvencionar tamén os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.

Cuarta.- Artigo 10º. Incremento dos incentivos.

Este artigo establece un incremento do 10 por 100 na contía das axudas para determinados casos que se enumeran coas letras a) e b).

Este Comité Delegado propón engadir un novo apartado coa letra c), para o caso de axudas ás ILES, co obxecto de contribuír a evitar a despoboación, que estableza o incremento das axudas cando se trate de mozos e mozas desempregados/as, menores de 30 anos, que residan no medio rural.

Quinta.- Artigo 12º. Solicitudes e prazo.

O apartado 4 deste artigo establece que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 15 de setembro de 2007.

Na Orde reguladora das axudas no exercicio de 2006 o prazo remataba o 30 de setembro, polo que este Comité Delegado propón que se amplie ata esa data tamén para o exercicio de 2007.

O apartado 6, in fine, establece o prazo ata o 31 de marzo de 2007 para as actuacións subvencionables realizadas no período entre o 16 de setembro de 2006 e a data de publicación desta orde, propoñéndose por este Comité que se estableza na orde o seguinte: “O prazo para a presentación destas solicitudes remata o 31 de marzo de 2007 ou, de ser o caso, no prazo dun mes desde a entrada en vigor desta orde”.

Sexta.- Artigo 15º. Resolución e recursos.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece, entre as funcións dos referidos Comités,  a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería (para o Comité Autonómico) ou das delegacións provinciais (para os Comités Provinciais). Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución polo órgano competente.
Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 15º se inclúa un apartado que estableza que, antes de ditarse resolución, deberá emitirse informe polo Comité Autonómico de Emprego ou polos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, segundo a resolución sexa competencia dos servicios centrais ou das delegacións provinciais.

Cuarta.- Artigo 15º. Resolución e recursos.


O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.