ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCA PARA O ANO 2007 A CONCESIÓN DAS AXUDAS DO PROGRAMA Á XERACIÓN DE ACTIVIDADE NO MARCO DO PROXECTO EUROPEO EQUAL COMPOSTELA SOCIAL, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO.


I. ANTECEDENTES


O día 18 de xaneiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan as axudas do programa á xeración de actividade no marco do proxecto europeo Equal Compostela Social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O proxecto Equal Compostela Social ten por obxecto promover o espírito de empresa e a creación de empresas nos concellos participantes, como medio para a incorporación sociolaboral das persoas con máis dificultades de inserción no mercado de traballo.
A Consellería de Traballo participa no referido proxecto a través da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, como órgano executor de parte das actuacións desenvolvidas no marco de Equal Compostela Social, en particular, a xestión das axudas para o fomento do autoemprego, que subvencionan tanto a creación e constitución de novas empresas como o inicio de actividade empresarial como autónomos/as, cun importe total para o ano 2007 de 56.000,00 euros, sendo financiados polo FSE nun 75%, recollidos na Lei 14/2006, de 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A convocatoria para o ano 2007 da concesión das mencionadas axudas seguirá o réxime de concorrencia competitiva. As bases reguladoras do citado programa de axudas foron aprobadas pola orde da Consellería de Traballo de 25 de setembro de 2006.

Á vista do texto desta Orde publicada no D.O.G nº 190, do 2 de outubro, obsérvase que se tiveron en conta a maioría das consideracións manifestadas no Ditame 28/06 emitido polo Consello en data 7 de xullo de 2006:

- A relativa ao artigo 2º. Este Comité propoñía que a convocatoria de axudas se realizase no primeiro trimestre do ano. O proxecto normativo sométese a ditame  en xaneiro, establecendo un prazo de presentación de solicitudes ata o 31 de marzo.

- A relativa á base segunda, apartado 1.b). Este Comité propoñía que se mellorase a redacción do establecido neste apartado, o que se fixo, recolléndose no DOG do seguinte xeito: “b) Ter iniciada a actividade e, no caso de persoa xurídica, ter constituida a sociedade co apoio, asesoramento e seguimento do proxecto Equal Compostela Social”.

- A relativa ao apartado 7 da base undécima. Este Comité propoñía, por considerala excesiva, a eliminación da habilitación que permitía ao director xeral de Promoción de Emprego proceder, excepcionalmente, ao rateo entre os beneficiarios do importe global máximo destinado ás axudas. Este apartado suprimíuse no texto da orde publicado no DOG.

- A relativa á base vixésima. O Comité propoñía a eliminación do inciso no que se facultaba ao director xeral de Promoción do Emprego para ditar as “...aclaracións...” necesarias para o desenvolvemento e cumprimento das bases. No texto da orde publicado no DOG eliminouse esta base vixésima.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan as axudas do programa á xeración de actividade no marco do proxecto europeo Equal Compostela Social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo” consta de: Exposición de motivos, tres artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

O día 29 de xaneiro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.




DITAME 5/07



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo, pola que se convocan as axudas do programa de á xeración de actividade no marco do proxecto europeo Equal Compostela Social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de xaneiro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de xaneiro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames valora positivamente a incorporación ao texto publicado no DOG das consideracións formuladas no ditame 28/06 sobre as bases reguladoras do programa de axudas á xeración de actividade no marco do proxecto europeo Equal Compostela Social (Orde do 25 de setembro de 2006), observando que, pola contra, non se incorporou a que propoñía substituir polas que correspondan as letras j) e k) que figuran nas bases oitava e décima, ao no existir estas na lingua galega.


Segunda.

Este Comité suxire que se revise a redacción do texto do proxecto normativo, no que se ten observado algunhas incorreccións lingüísticas.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.-  Artigo 1º. Convocatoria.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece, entre as funcións dos referidos Comités,  a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servizos centrais da Consellería (para o Comité Autonómico) ou das delegacións provinciais (para os Comités Provinciais). Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución polo órgano competente.
Polo exposto, este Comité Delegado propón que no artigo 1º, apartado 2 do proxecto normativo se estableza que, antes de ditarse resolución, deberá emitirse informe polo Comité Autonómico de Emprego, ao ser a resolución competencia do director xeral de Promoción do Emprego.
Segunda.- Artigo 3º. Presentación de solicitudes.
Este Comité non pode ditaminar o modelo de solicitude (anexo I) por non terse achegado xunto co texto do proxecto normativo.
Terceira.- Artigo 3º. Presentación de solicitudes.
Este artigo establece o prazo ata o 31 de marzo para a presentación de solicitudes.
Este Comité propón que se garanta o prazo dun mes desde a publicación da Orde de convocatoria de axudas.