ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE ESTABLECE UN PROGRAMA DE APOIO ÁS INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBT).



I. ANTECEDENTES


O día 7 de febreiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establece un programa de apoio ás Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT) e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo. Posteriormente, en data 12 de febreiro, a Secretaría Xeral remite para ditame borrador de Decreto que substitúe ao proxecto de Orde enviado, sen que afecte ao contido esencial do proxecto normativo.

A estrutura normativa deste programa desenvólvese en dúas ordes: a Orde do 23 de febreiro de 2001 (DOG nº 47, do 7 de marzo), que quedará derrogada á publicación do actual proxecto normativo, pola que se regulan os instrumentos e mecanismos de apoio e de avaliación técnica, así como os requisitos e condicións que deben reunir os proxectos e o procedemento para a súa cualificación e inscrición no rexistro de IEBT, e a Orde do 21 de marzo de 2006, onde se fixan as bases reguladoras do réxime de axudas económicas dirixido ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) e se procede a súa convocatoria para o ano 2006.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) ten por finalidade promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados.


Á vista do borrador de Decreto remitido e do texto da Orde do 23 de febreiro de 2001, publicado no DOG o día 7 de marzo de 2001, ditaminada polo Consello Galego de Relacións Laborais en data 27 de novembro de 2000, destácase o seguinte:

Requisitos das IEBT (artigo 2º).-  Como novidade, introdúcense dous novos requisitos:

- Que se prevea, no primeiro ano de actividade, a creación de emprego estable para persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, respectando a proporción de un titulado universitario por cada catro postos de traballo.

- Que o cadro de persoal no momento de iniciar a súa actividade produtiva estea constituído nun 25%, como mínimo, por titulados universitarios.


Axudas e subvencións (artigo 3º).- Poderán acollerse ás axudas e subvencións reguladas no proxecto normativo as empresas privadas resultantes de proxectos empresariais cualificados como IEBT, incluidos autónomos, sempre que se constitúan e inicien a súa actividade no prazo dun ano desde a cualificación.


Comité de IEBT (artigo 6º).- Este órgano de carácter consultivo estará formado por un presidente (que continúa sendo o director xeral de Promoción do Emprego), nove vocais (uno máis que na Orde de 2001, que é o representante do Instituto Galego de Promoción Económica) e un secretario. Correspóndelle a este Comité emitir informe sobre o carácter innovador, a orientación científica, a base tecnolóxica, as perspectivas de negocio e a potencialidade de crecemento e de creación de emprego do proxecto.

Análise de viabilidade dos proxectos (artigo 8º).- O informe do Comité de IEBT non terá carácter vinculante e deberá elaborarse nun prazo de vinte días, poidendo ser ampliado, a solicitude do consultor, ata dez días máis.

Competencia, resolución e recurso administrativo (artigo 10º).- O prazo de tres meses establecido para resolver quedará suspendido no caso de que o Comité xulgue conveniente solicitar ampliación ou aclaración sobre a viabilidade ou calquera outro aspecto do proxecto que poida resultar de interese.

Inicio da actividade e comunicación ao rexistro (artigo 12º).- Establécese neste artigo que os promotores poderán iniciar a actividade desde o día seguinte ao da presentación da solicitude de cualificación, tendo a obriga de constituír a empresa correspondente e iniciar a actividade produtiva obxecto do

proxecto no prazo máximo dun ano desde a data de cualificación do proxecto como IEBT; agás que, logo da proposta do Comité de IEBT, na resolución de cualificación se estableza outro distinto.

Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente Rexistro Mercantil ou, de ser o caso, no Rexistro de Cooperativas. No caso de empresario individual, cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

Non se achegan o anexo ao que fai referencia o apartado 2 do artigo 7º do proxecto normativo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se establece un programa de apoio ás Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT)” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, doce artigos, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.






O día 14 de febreiro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén una consideración xeral de carácter unánime, así como seis consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), así como unha consideración xeral  e unha consideración específica de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo II).




DITAME 8/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto pola que se establece un programa de apoio ás Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), da Consellería de Traballo, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de febreiro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

As organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran imprescindible a convocatoria previa do Comité Autónomico de Emprego, en canto órgano competente para establecer os criterios de actuación da Administración en materia de políticas activas de emprego en Galicia e no cal teñen participación activa os axentes sociais galegos, e sempre con anterioridade á publicación das diferentes normas que desenvolven aquelas.

Esa convocatoria previa do Comité Autonómico de Emprego evitaría, entre outras cousas, que se den situacións como a que orixina a presente norma que estamos a ditaminar:

O artigo 3º establece as liñas de axudas e subvencións para a promoción e impulso das iniciativas de emprego reguladas no proxecto normativo obxecto de ditame, pero tamén é certo que a Xunta de Galicia dispón doutras liñas de axudas a iniciativas de emprego, cun programa de corte xeralista que se xestiona noutras consellerías e organismos.

Estase a establecer, pois, varias liñas de axudas en distintos departamentos administrativos da Xunta de Galicia que poden solaparse entre sí e que orixinan una palpable inseguridade xurídica para os interesados que desexen acudir a elas. Sempre, iso sí, que sexan compatibles, porque en caso de non selo, debe clarificarse no propio Decreto.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.- Artigo 4º. Axentes de emprego especializados en IEBT.

No apartado 1 deste artigo establécese que os axentes especializados en IEBT prestarán apoio aos promotores destas durante os primeiros anos de lanzamento da actividade.

Este Comité Delegado considera que debe concretarse no proxecto normativo durante cantos anos prestarán os axentes o citado apoio.

Segunda.- Artigo 7º. Solicitude de cualificación.

Este Comité fai constar que non pode ditaminar o modelo normalizado de solicitude xa que non foi remitido como anexo ao proxecto normativo.

Terceira.- Artigo 10º. Competencia, resolución e recurso administrativo.

No apartado 3 deste artigo establécese que transcorrido o prazo para resolver sen que recaese resolución expresa, poderase entender desestimada a solicitude de cualificación.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderase entender”, xa que pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
Proponse substituir a forma “poderase entender” por “entenderase”.
Cuarta.- Artigo 11º. Rexistro administrativo de IEBT.

No apartado 2 deste artigo establécese a información que se fará constar no rexistro administrativo de IEBT, figurando na letra b) “Datos de identificación do proxecto/empresa, con indicación do nome ou razón social, domicilio social e localidade”.

Este Comité propón engadir nesa letra b) que se indique o NIF ou CIF, así como suprimir o termo “localidade” por redundante, xa que figura no domicilio social.

Quinta.- Artigo 12º. Inicio da actividade e comunicación ao rexistro.

Este Comité valora positivamente o disposto no apartado 1 deste artigo, que non se recollía na Orde reguladora anterior do 23 de febreiro de 2001, referente á posiblidade, establecida agora no proxecto normativo, de que os promotores podan iniciar a actividade desde o día seguinte ao da presentación da solicitude de cualificación.

Sexta.- Disposición derradeira primeira.

Esta disposición faculta ao director xeral de Promoción do Emprego para que dite as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento deste decreto.

Este Comité suxire que o termo “aclaracións” sexa substituido polo de “instrucións” e que se respete a diferencia de xéneros, empregando a expresión “titular da dirección xeral” en lugar de “director xeral”.

ANEXO I
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 4º. Axentes de emprego especializados en IEBT.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que o labor dos axentes de emprego especializados debe ampliarse con tarefas de detección de posibles emprendedores, motivación, formación e difusión de axudas específicas para iniciativas de base tecnolóxica. Nunha segunda fase onde se encadraría a elaboración do plan de empresa, trámites de constitución e apoio nos primeiros anos de actividade. Esta segunda fase debe estar moi ligada ás incubadoras ou viveiros de empresas existentes xa en Galicia, pois estes mecanismos son ideais para reducir os riscos e custos que supoñen a creación deste tipo de empresas.

Entende a CEG que debera separarse este labor da rede de axentes especializados en IEBT da propia do consultor de apoio, que figura no artigo 5º, máis especializado na viabilidade técnica e a innovación do proxecto de empresa, que nos aspectos de viabilidade económica e financeira.

Segunda.- Artigo 6º. Comité de IEBT.
A CEG manifesta que no Comité de IEBT debe estar presente a organización empresarial intersectorial máis representativa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con ao menos un representante, ao considerar que no ámbito da investigación e a innovación debe existir, a todos os niveis, unha necesaria coordinación da Administración pública, Universidades e sector empresarial.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Requisitos das IEBT.

No apartado 1, letra c) deste artigo, ao igual que no apartado 1 do artigo 3º e no apartado 2 do artigo 12º, establécese que as empresas que teñan a súa orixe en proxectos cualificados como IEBT deberán constituirse nunha empresa privada, incluídos autónomos.

As organizacións sindicais consideran que a expresión “empresa privada” debe substituirse por “empresa, calquera que sexa a súa forma xurídica”.

Segunda.- Artigo 6º. Comité de IEBT.

As organizacións sindicais, tendo en conta que no Comité de IEBT non estarán presentes os interlocutores sociais polo carácter meramente técnico do mesmo, consideran necesario que se inclúa un apartado neste artigo que estableza que deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou polo Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.