ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS DIRIXIDAS A TRABALLADORES OCUPADOS COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO PARA O EXERCICIO DE 2007.

I. ANTECEDENTES

O día 14 de febreiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2007, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde, segundo establece a súa exposición de motivos, é a regulación das accións formativas dirixidas a traballadores ocupados subvencionadas todas elas pola Xunta de Galicia e confinanciadas pola Unión Europea, quen, a través do Fondo Social Europeo, apoiará accións encamiñadas a facilitar o acceso ao emprego e a inserción no mercado de traballo, as poíticas de fomento e mellora da formación profesional e da formación en xeral.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 13 de marzo de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 28 de decembro de 2005, obsérvase que foron tidas en conta agunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Por outra banda, é preciso sinalar que non se achegan os anexos aos que fai referencia o proxecto normativo.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Artigo 2º.- Finalidade e principios

No actual proxecto normativo engádese un novo artigo 2º, no que se declara que a finalidade das accións de formación dirixidas a traballadores ocupados obxecto de financiamento consistirá na mellora das competencias e cualificacións, así como a actualización e especialización profesional das persoas traballadoras ocupadas, calquera que sexa o sector ou rama de actividade en que a persoa traballadora presta os seus servizos.

Así mesmo, neste artigo establécese que a concesión das subvencións realizarase atendendo aos principios de concurrencia, publicidade e obxectividade.

Artigo 3º.- Accións subvencionables

A tipoloxía das accións formativas do proxecto normativo para o 2007 inclúese nun único programa denominado “Programa II (ocupados)”, simplificando así a regulación anterior, que diferenciaba dous subprogramas distintos.

No apartado 2 incorpórase un límite de 250 horas como duración máxima das accións formativas, que excepcionalmente será ampliable pola pecualiaridade da propia acción normativa ou do colectivo ao que se dirixa.

Artigo 4º.- Entidades beneficiarias

No novo proxecto normativo inclúese as universidades públicas galegas como entidades beneficiarias da concesión destas subvencións:.

Artigo 5º.- Axudas

O apartado 1 deste artigo engade un límite de financiamento nas axudas, que se aplicará exclusivamente aos casos de empresas que formen os seus propios traballadores.

Artigo 6º.- Custos subvencionables

No último parágrafo do apartado a) deste artigo regúlanse os custos de asesoría en relación coa acción de formación que serán subvencionables.

Incorpóranse neste concepto os gastos de xestión e coordinación das accións formativas, non previstos pola orde anterior.

Por outra banda, no novo proxecto normativo as entidades impartidoras non poderán imputar por este concepto un importe superior ao 15 por cento do importe total do orzamento da acción formativa, límite que eleva o do 10% establecido na orde do 2006.

Artigo 8º.- contía das axudas e subvencións

No novo proxecto normativo, así como na orde publicada no DOG de 13 de marzo de 2006 (artigo 7º), regúlanse de forma expresa os criterios segundo os cales se establecerá a intensidade da axudas, distinguindo se a formación ten carácter xeral ou específico.

O apartado 6 deste artigo permite ás entidades beneficiarias subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións formativas financiadas con cargo á orde.

De acordo co manifestado polo Comité Delegado no Ditame 41/2005, esta subcontratación pode chegar ata o 100% da acción formativa, consideración xa incorporada ao texto publicado no DOG de 13 de marzo de 2006.

Artigo 9º.- Obrigas das entidades beneficiarias

Do mesmo xeito que na orde publicada no DOG de 13 de marzo de 2006, a rúbrica deste artigo refírese ás obrigas das entidades “beneficiarias”, e non ás entidades “colaboradoras”, como facía o texto do anterior proxecto normativo no seu artigo 8º.

No novo proxecto normativo regúlanse certos aspectos relativos ás accións formativas de teleformación e a distancia (xa recollidos no texto da orde de 2 de marzo de 2006,:publicado no DOG de 13 de marzo):

- No apartado 3 exceptúase a este tipo de accións formativas da obriga de enviar mensualmente á Dirección Xeral de Formación e Colocación fotocopia do parte de asistencia.

- O apartado 4 obriga ás entidades beneficiarias a expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo da acción formativa, os dereitos e deberes dos alumnos e da entidade impartidora, así como a relación dos docentes e o horario, con referencia aos organismos cofinanciadores da acción formativa e á porcentaxe que cofinancia cada un deles. Nas accións formativas da modalidade teleformación e a distancia esta información tamén debe estar disponible na plataforma ou, no caso da modalidade a distancia, na guía didáctica enviada co material do curso.

- No apartado 6 establécese que as entidades beneficiarias deberán contratar un seguro de accidentes para os alumnos, obriga da que quedan excluidas as accións formativas nas modalidades de teleformación e a distancia.


Engádese dous novos apartados neste artigo (os número 17 e 18).

O apartado 17 establece que as entidades adxudicatarias de subvencións deberán acreditar que están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

Así mesmo, a presentación da solicitude de concesión de axudas ou subvencións comportará autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

O apartado 18 obriga á entidade beneficiaria a comunicar á Dirección Xeral de Formación e Colocación a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou ente público.

Artigo 11º.- Pagamento e liquidación das subvencións.

Nas letras a) e d) do apartado B (sistemas de pagamento) elévase o concepto subvencionable como anticipo ao 65% do total do orzamento de gastos de cada acción formativa (50% na orde anterior).

Así mesmo, suprímese a referencia a un límite específico na porcentaxe máxima de anticipo no suposto de corporacións locais.

Artigo 13º.- Remate e xustificación das accións formativas

A data límite para o remate e xustificación das accións formativas será o 30 de novembro de 2007. O novo proxecto normativo non establece a posibilidade, recollida na orde anterior, de que excepcionalmente, por causas xustificadas, logo da solicitude do interesado, e sempre procedendo a autorización do director xeral de Formación e Colocación, as accións formativas poidan rematar con posterioridade a esta data.

Artigo 17º.- Solicitudes

O novo proxecto normativo simplifica a regulación anterior ao non diferenciarse dous subprogramas, de acordo co previsto no artigo 3º.

Engádense dous novos apartados neste artigo (os números 3 e 4).

O apartado 3 establece que a presentación da solicitude de concesión de axudas ou subvencións polo interesado comportará a autorización á Consellería de Traballo para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

O apartado 4 dispón que a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web, de conformidade coa  Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 19º.- Instrucción do procedemento

No apartado 1 do presente proxecto normativo establécese que o órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Formación e Colocación, previsión xa recollida no texto da orde publicada no DOG de 13 de marzo de 2006.

O apartado 7 deste artigo regula de xeito novedoso os criterios de valoración para a concesión das axudas:

a) Que a entidade forme a seus propios traballadores 40 puntos.
    Que a entidade non forme a seus propios traballadores 0 puntos.

b) Contido das accións formativas ata 20 puntos:
- Carácter estratégico respecto do tecido produtivo de Galicia.
- Accións formativas de alfabetización informática, de sensibilización ambiental ou formación para a igualdade.
- O carácter xeral da formación.

c) Inclusión das accións solicitadas no sistema de cualificacións: Valoraranse quelas especialidades que, estando incluídas nalgún dos certificados de profesionlidade publicados, inclúan módulos que se poidan considerar complementarios desles, é decir, que pertenzan á mesma área ou ocupación pero que non estean desenvolvidos 10 puntos

d) Experiencia e calidade  da entidade solicitante no desenvolvemento da acción formativa de semellante naturaza ata 30 puntos.
Poderase puntuar negativamente por informes de anos anteriores.

Para poder acceder á programación será necesaria unha puntuación mínima de 35 puntos.




Artigo 20º.- Resolución

Respecto do proxecto anterior, o actual proxecto normativo incorpora dous modificacións, xa recollidas no texto publicado no DOG de 13 de marzo de 2006.

Por unha banda engádese un novo apartado (o número 2), no que se contempla a posibilidade de que as axudas previstas na orde podan materializarse a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

Por outra banda, de acordo coa consideración manifestada polos axentes socias no Ditame 41/2005, o apartado 3 reduce o prazo de resolución dos expedientes a tres meses a partir do día seguinte ao da publicación da orde (6 meses no proxecto anterior).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2007” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 26 de febreiro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén sete consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais en relación co establecido nos artigos 6º, 7º, 10º, 11º e 19º do proxecto normativo.




DITAME 41/05




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2006, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de decembro de 2005, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de decembro de 2005, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, representadas no Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, fan as seguintes propostas de modificación:



Primeira.- Artigo 6º. Custos subvencionables.

Este Comité propón que, ademáis dos relacionados no artigo 6º, sexan subvencionables os seguintes gastos:

- Gastos de personal dos centros de preparación, seguimento e control docente da actividade.
- Concretar, no punto terceiro do apartado a), dentro dos gastos correntes tales como materiais e subministracións, que están incluidos os gastos de medios e materiais didácticos (textos, material dun só uso polo alumno) e os materiais funxibles utilizados durante a realización da actividade.
- Gastos de personal directivo e administrativo da entidade xestora.


Segunda.- Artigo 7º.- Contía das axudas e subvencións.

O apartado 1 deste artigo establece que o importe das axudas non poderá exceder dos límites establecidos no Regulamento CE 68/2001, do 12 de xaneiro.

Este Comité propón que se expliciten no texto da Orde os límites cuantitativos aos que fai referencia o devandito Regulamento.

Terceira.- Artigo 7º.- Contía das axudas e subvencións.

O apartado 2, punto 2, do artigo 7º establece que, excepcionalmente, poderase autorizar a aprobación dun módulo superior que non poderá superar os 16 euros por alumno e hora de formación.
Este Comité propón que a cantidade límite sexa de 18 euros, tendo en conta as especiais circunstancias dalgúns cursos formativos.

Cuarta.- Artigo 7º.- Contía das axudas e subvencións.

O apartado 2, punto 6, deste artigo 7º, permite a subcontratación da realización de accións formativas.
Este Comité propón engadir que se permita a subcontratación por riba do 50%, establecido como tope na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Quinta.- Artigo 10º. Pagamento e liquidación das subvencións.

O apartado B “sistemas de pagamento” establece o modo en que se fará efectivo o aboamento da subvención, regulando a posibilidade de pagamentos parciais e anticipos sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Traballo.

Este Comité  considera que a redacción deste artigo debe modificarse tendo en conta os gastos financeiros que xeran ás entidades impartidoras os sistemas de pagamento establecidos.

Sen prexuizo do manifestado no ditame sobre a orde reguladora das subvencións mediante contratos programa (consideración unánime terceira), este Comité considera que se debe aboar, como mínimo, un anticipo de ata o 50% do total do plan de formación, non de cada acción formativa.

Asi mesmo, este Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames propón que se consideren como custos asociados á actividade formativa, os correspondentes custos financeiros orixinados polas operacións formalizadas entre as entidades financeiras e as entidades beneficiarias no importe que excede do 50% de anticipo máximo.

Sexta.- Artigo 11º. Seguimento e control das accións formativas.

O apartado 1 deste artigo establece que para verificar o cumprimento do disposto na orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán un sistema de seguimento e control, engadindo que o seguimento e control poderá facelo o persoal que se contrate para o efecto.

Este Comité considera que o sistema de seguimento e control é unha competencia exclusiva da Dirección Xeral de Formación e Colocación ou das súas delegacións provinciais e non pode levarse a cabo por persoal contratado para o efecto, polo que propón que se suprima esa referencia.

Sétima.- Artigo 19º. Resolución.

Establece este artigo, no seu apartado 2, como tempo máximo de resolución dos expedientes o de seis meses. En concordancia co manifestado por este Comité Delegado noutros ditames precedentes, considérase oportuno acortar ese prazo a tres meses para conseguir así que os interesados na percepción das axudas non vexan dilatado no tempo a súa expectativa a percibir ou non as mesmas.