ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA A PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.

I. ANTECEDENTES



O día 10 de xaneiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, e na Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia, e as organizacións sindicais e empresariais, co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, para o que é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego, en especial para aquelas persoas cuxa integración laboral comporte máis dificultades.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de accións específicas para a mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade e a súa inserción normalizada no mercado de traballo, regulando nos seus anexos A, B e C, respectivamente, os programas de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de promoción do seu emprego autónomo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 31 de marzo de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 8 de febreiro de 2006, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:
De acordo coa consideración xeral manifestada polos axentes sociais no Ditame emitido o ano pasado, tense incorporada a diferencia entre os xéneros ao longo do articulado do actual proxecto normativo.

Exposición de Motivos.

Na exposición de motivos consta expresamente que o procedemento de concesión das axudas reguladas por esta Orde non ten a consideración de concorrencia competitiva, senón que as mesmas concederanse pola comprobación da concorrencia dos requisitos no solicitante ata o esgotamento do crédito orzamentario. Así mesmo, admítese expresamente que na tramitación de concesión das axudas previstas na Orde poda procederse á tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 5º.- Solicitudes e prazo.

Este artigo establece, no seu apartado 2, que a presentación da solicitude de subvención comporta a autorización para que os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social sexan solicitados polo órgano xestor das axudas. Agora ben, no actual proxecto normativo admítese a posibilidade de que o solicitante poda denegar expresamente o consentimento, debendo aportar neste caso as correspondentes certificacións.

O apartado 4 establece un prazo xeral de presentación de solicitudes, que rematará o 15 de setembro de 2007.

Engádense dous novos apartados (os números 8 e 9).
Por un lado, o apartado 8 establece que mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluir e facer públicos os datos relativos ás axudas, nos rexistros públicos, conforme ao Decreto 132/2006, de 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos.

Doutra banda, o apartado 9 determina que as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Traballo, ao tempo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, de acordo coa Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública galega.

Artigo 7º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo, tendo a conta a consideración contida no Ditame emitido o 8 de febreiro de 2006, emprega a expresión “entenderase desestimada” en lugar de “poderase entender desestimada” para o suposto da resolución por silencio administrativo, o que xa se tiña feito na Orde publicada no DOG de 31 de marzo de 2006.

Disposición Adicional Terceira.


Esta disposición adicional, que regula a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo nos delegados/as provinciais e no director xeral de Promoción do Emprego, engade ás mesmas a de resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas, respecto das resolucións concesorias, das que traen causa, ditadas por delegación do conselleiro.

Disposición Adicional Oitava.

Esta nova disposición adicional prevé que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e de comunicación aos beneficiarios a cofinanciación dos fondos estructurais europeos no suposto de que algún dos tipos de axudas regulados na Orde sexan incluidos no novo marco aprobado pola Comisión Europea.

Disposición Transitoria.


Esta disposición permite que os expedientes que se atoparan en tramitación finalizado o exercicio económico do 2006, se resolvan con cargo aos créditos orzamentarios destinados para o 2007, sempre que, ademáis de acreditar o motivo que impediu resolver en prazo, o expediente non fora resolto expresamente e non fora impugnado o efecto do silencio e sempre que o solicitante non manifestara expresamente a súa vontade de desistencia da solicitude presentada.

ANEXO A: Programa de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria.

Terceira.- Exclusións e requisitos.
No apartado 3 suprímese a esixencia de que as contratacións, no caso de empregos ligados a un investimento, deban supoñer incremento neto de emprego.
Oitava.- Incompatibilidades e concorrencia.
Modifícase o apartado 2, incluindo unha referencia á compatibilidade das axudas coas bonificacións nas cotas empresariais á Seguridade Social establecidas no Real decreto lei 5/2006, do 9 de xuño, para a mellora do crecemento e do emprego.

Novena.- Obrigas dos beneficiarios.
Tendo en conta a consideración manifestada polos axentes sociais no ditame 6/06, o apartado 1 dispón que procede o reintegro parcial da subvención para o suposto de despedimento procedente ou baixa voluntaria dos traballadores, sen posibilidade de substitución ao non existir candidato idóneo no Servizo Público de Emprego.

Así mesmo suprímese neste apartado 1 a obriga de manter os postos de traballo durante un período de cinco anos, cando se trate de empregos ligados a un investimento.

ANEXO B: Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

Cuarta.- Proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego.
Engádese un parágrafo no apartado 2 desta base cuarta, establecéndose que unicamente serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que sendo cubertos con persoas con discapacidade con carácter estable, sexan creados a partir do 16 de setembro de 2006, e supoñan incremento respecto ao cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade que tiña o centro no derradeiro expediente de axudas.

ANEXO C: Programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade.
Non se observan cambios significativos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, doce artigos, oito disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras, ademais de tres anexos (A, B e C) que regulan os tres programas anteriormente citados.

O día 24 de xaneiro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén trece consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración xeral non unánime manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).




DITAME 4/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de xaneiro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de xaneiro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.-  Exposición de motivos.

No penúltimo parágrafo da exposición de motivos e na disposición adicional sétima faise a referencia á existencia de crédito para o financiamento das axudas previstas nesta orde no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2007.

Este Comité Delegado considera que a referencia debe facerse agora respecto á Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Segunda.- Artigo 1º. Finalidade.

No apartado 2, letra a), deste artigo establécese que a xestión destes programas realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Terceira.-  Artigo 2º. Concepto de persoa con discapacidade e persoa desempregada.

O apartado 1 deste artigo establece que, para os efectos das axudas previstas nesta orde, terán a condición de persoas con discapacidade as que teñan recoñecida, pola administración competente, unha minusvalidez nun grao igual ou superior ao 33%.

Este Comité considera que o establecido neste apartado debe axustarse ao disposto na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, que incorpora previsións que inciden nesta cuestión da noción legal de persoa con discapacidade e da determinación do grao de minusvalía.

Cuarta.-  Artigo 3º. Normativa aplicable.

Este Comité propón que o control sexa tamén incluído no texto deste artigo, quedando a súa redacción como segue: “As solicitudes, tramitación, concesión e control destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro e nesta orde”.

Quinta.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.

No apartado 2 deste artigo se establece que a presentación da solicitude comportará a autorización do interesado para que o órgano xestor poda solicitar varias certificacións.

Este Comité propón engadir que comporte tamén a autorización para que o referido órgano xestor poda solicitar no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego, dependente da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, as certificacións recollidas no capítulo II, artigos 3º, 4º, 7º e 8º do Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

Sexta.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.

O apartado 4 deste artigo establece que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 15 de setembro de 2007.

Na Orde reguladora das axudas no exercicio de 2006 o prazo remataba o 30 de setembro, polo que este Comité Delegado propón que se amplie ata esa data tamén para o exercicio de 2007.

O apartado 5 in fine, establece o prazo ata o 31 de marzo de 2007 para as actuacións subvencionables realizadas no período entre o 16 de setembro de 2006 e a data de publicación desta orde, propoñéndose por

este Comité que se estableza na orde o seguinte: “O prazo para a presentación destas solicitudes remata o 31 de marzo de 2007 ou, de ser o caso, no prazo dun mes desde a entrada en vigor desta orde”.

Sétima.- Artigo 7º. Resolución e recursos.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece, entre as funcións dos referidos Comités,  a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería (para o Comité Autonómico) ou das delegacións provinciais (para os Comités Provinciais). Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución polo órgano competente.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 7º se inclúa un apartado que estableza que, antes de ditarse resolución, deberá emitirse informe polo Comité Autonómico de Emprego ou polos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, segundo a resolución sexa competencia dos servicios centrais ou das delegacións provinciais.




Oitava.- Artigo 7º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Novena.- Artigo 8º. Incompatibilidades e concorrencia.

Neste artigo regúlanse as incompatibilidades das axudas e subvencións establecidas nesta orde.

Este Comité propón que se engada un apartado 4 no que se estableza a presentación, xunto coa solicitude, dunha declaración de non estar incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Décima.- Artigo 9º. Obrigas dos beneficiarios

No apartado b) deste artigo establécese a obriga de realizar a actividade que fundamente a axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos.

Este Comité considera que debe constar que a obriga se estenda a toda a duración do Plan presentado, polo que propón a seguinte redacción:
“b) Realizar a actividade que fundamente a axuda ou subvención durante o período de duración do Plan presentado, cun tempo mínimo de tres anos”.

Por último, este Comité propón engadir neste artigo un novo apartado no que se estableza que, se o beneficiario é un Centro Especial de Emprego estará obrigado ao cumprimento do disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

Décimo primeira.- Disposición adicional cuarta e bases 2ª.3 e 8ª do anexo C.

Nestas disposicións faise referencia ás letras j e k (parágrafos 4 e 5 da disposición adicional cuarta e anexo C, base segunda, apartado 3) e á letra j (anexo C, base oitava).

Este Comité Delegado considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan.

Décimo segunda.- Anexo A. Cuarta. Axudas.

No apartado 1, letra d) desta base cuarta, establécese que a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social. Así mesmo, faise referencia a este informe na base sétima, apartado 3, con motivo da xustificación do pagamento.

Este Comité propón que se considere a posibilidade de que o citado informe poda ser emitido tamén polo Delegado de prevención ou o Comité de Seguridade e Saúde na empresa, de ser o caso.

Igualmente este Comité considera que debe eliminarse o último inciso deste apartado 1, letra d), que dí: “Esta axuda, se non é solicitada pola empresa, poderá ser solicitada polo propio traballador ou traballadora”, porque segundo o disposto na base segunda, non é beneficiario o traballador, nin está previsto na orde o procedemento para que este poda percibir a axuda.

Décimo terceira.- Anexo A. Oitava. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 2 desta base oitava establece que as axudas establecidas á contratación indefinida neste programa serán compatibles coas bonificacións nas cotas á Seguridade Social establecidas no Real decreto lei 5/2006, do 9 de xuño, para a mellora do crecemento e do emprego.

Este Comité considera que a referencia debe facerse á Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego (BOE nº 312, do 30 de decembro de 2006).





ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, ven constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre o empresario na súa producción e rendabilidade polo feito de contar de traballadores con discapacidade.

Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas, a saber: os sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento. No anexo B do proxecto normativo alúdese aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, pero consideramos que non é suficiente.  


Se volvemos de novo á realidade, esta nos amosa a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con traballadores que posúen discapacidades prácticamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar a aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que en supostos de subrogación nos servicios non se poda producir a pertinente asunción de traballadores diminuídos pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as duas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas xa se están tomando medidas nese senso, como son as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non calificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dé cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora e conceder as axudas; facer unha selección estricta de todos os centros respecto do cumprimento dos

requerimentos legais para percibir as mesmas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, os axentes sociais galegos a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes Comités provinciais.

Así mesmo, consecuentemente co anterior, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debe suprimirse o apartado 3 da disposición segunda do anexo C do proxecto normativo, que establece os requisitos esixidos ás sociedades limitadas para seren beneficiarias da subvención financeira,  posto que podería ocorrer que as persoas con discapacidade fosen utilizadas para acceder á axuda, transgredíndose deste modo os obxectivos da integración laboral deste colectivo.











ANEXO II



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E O SN DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que na exposición de motivos debería facerse unha referencia ás medidas de emprego que se contemplan no Preacordo de Obxectivos e Medidas de Emprego de Galicia, de data 29 de decembro de 2006.

Igualmente, non se debe obviar a existencia neste Preacordo doutra serie de medidas en relación coa promoción da integración laboral das persoas con discapacidade, que non están incluidas no proxecto normativo que se somete a ditame e que deberían ter cumprido desenvolvemento nun futuro próximo.