ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS DESTINADAS A ACTIVIDADES DE FOMENTO DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA NO EXERCICIO DE 2007.

1. ANTECEDENTES


O día 30 de xaneiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras  das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a a cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover mellores nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral dos traballadores.

A Lei 54/2003, de 12 de decembro, que modifica a anterior, establece o obxectivo de combatir activamente a sinistralidade laboral e integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa, para o que se precisa instrumentar mecanismos que faciliten ás empresas galegas o cumprimento deste novo marco normativo.

A finalidade desta orde, da que non existen antecedentes no sistema normativo galego, é convocar axudas -dirixidas ás universidades e a entidades sen ánimo de lucro de Galicia- para o fomento da prevención de riscos laborais entre os traballadores galegos mediante actividades de formación (xornadas técnicas, seminarios, cursos de prevención), así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entres os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentando unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Do proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 1º detemina o obxecto da orde, que consiste no establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a convocatoria e a execución destas axudas.

O artigo 2º establece os beneficiarios das axudas, que se incluirán en dous programas diferenciados: as entidades sen ánimo de lucro que teñan sede social na Comunidade Autónoma, (programa A), e as universidades enclavadas na Comunidade Autónoma (programa B), quedando excluídas, entre outros, as administracións públicas, sociedades públicas e entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

O artigo 3º cita entre os gastos subvencionables as actuacións de formación de traballadores, estudos e traballos técnicos, a investigación e prospección dirixidas á mellora de prevención de riscos laborais e a difusión, sensibilización e intercambio de experiencias (conferencias, seminarios e publicacións).

O artigo 5º fixa o 15 de novembro de 2007 como data tope para o remate e xustificación das accións.

No capítulo III regúlase a convocatoria pública das axudas, sendo o prazo para a presentación de solicitudes dun mes (artigo 7º).

Na determinación da contía máxima que se subvencionará intervirá unha comisión de valoración, quen analizará a valoración do custo previsto da acción realizada pola entidade solicitante, avaliando as solicitudes segundo os criterios de puntuación que regula a orde no apartado 6 do artigo 8º.

O artigo 9º establece o prazo de seis meses para a resolución dos expedientes, transcorrido o cal sen resolución expresa, entederase denegada a solicitude.

O artigo 11º regula as obrigas dos beneficiarios das subvencións, citando, entre outras, o sometemento ás actuacións de control correspondentes, dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento das actividades obxecto de subvención e a acreditación de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2007” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, catorce artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 8 de febreiro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma. Así mesmo, inclúese unha consideración xeral de carácter non unánime manifestada pola organización sindical CIG (Anexo I) e unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG e UGT-Galicia (Anexo II).



DITAME 6/07



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2007 , con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de febreiro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Valórase positivamente o establecemento, por medio desta Orde, dunhas bases reguladoras para a convocatoria pública e a execución das axudas ás actividades de fomento da Prevención de Riscos Laborais xestionadas pola Consellería de Traballo, superando a anterior situación de inexistencia dunha norma que evitase a aplicación de criterios discrecionais na concesión das axudas. Consideramos que para futuros exercicios, a norma reguladora debería poñerse en directa relación cos obxectivos xerais e específicos que se determinen no seo do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Segunda. Este Comité considera necesaria unha revisión do texto para respectar as diferencias de xénero na linguaxe do proxecto normativo.

Terceira. Non se achegaron a este Comité Delegado, xunto co proxecto de Orde, os anexos I, II e III, que se sinalan no seu artigo 6º, polo que o seu contido non pode ser obxecto do preceptivo ditame.






CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.-  Artigo 1º. Obxecto e finalidade.
Neste artigo só se inclúe a mención ao fomento da prevención de riscos laborais entre os traballadores. Considerando que é necesario incluir ás empresas na mención ao seren estas as principias destinatarias das normas de prevención de riscos laborais, este Comité propón a seguinte redacción para o artigo 1º:

"Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais en Galicia, correspondentes ao exercicio de 2007, xestionadas pola Consellería de Traballo, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais”.

Segunda.-  Artigo 2º. Beneficiarios.
Este Comité propón que a mención aos beneficiarios do programa A quede recollida do seguinte xeito: “As organizacións empresariais e sindicais que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia; as entidades sen ánimo de lucro con sede social en Galicia que teñan entres os sus obxectivos o fomento da prevención de riscos laborais”.
Por outra parte, no apartado 2.b, tendo en conta o obxecto e finalidade da norma, consideramos que a exclusión das administracións públicas, sociedades públicas, e entidades vinculadas ou dependentes delas, debe ser absoluta, polo que este Comité propón suprimir o inciso “agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial”.

Terceira.- Artigo 8º. Procedemento.
No apartado 6 deste artigo fíxanse os criterios para avaliar as solicitudes por  parte da comisión de valoración.  

Este Comité entende, por un lado, que é un criterio totalmente errado primar a capacidade de cofinanciación por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de destinatarios da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo. Por iso, proponse a eliminación do último ítem, que outorga entre 0 e 3 puntos (a máxima puntuación prevista para calquera dos outros criterios) pola participación da entidade beneficiaria no financiamento da acción.

Por outro lado, no terceiro ítem alúdese á “dimensión rexional” da acción proposta. Se a dimensión se refire á totalidade de Galicia, debería substituirse a expresión “rexional” por “galega”.

Finalmente, este Comité considera que entre os criterios de avaliación deberían incluirse dous novos; un deles para valorar a incorporación na acción proposta pola entidade beneficiaria de outras entidades asociadas á execución do proxecto, outorgándolle unha puntuación maior nos casos en que esta colaboración inclúa a entidades representativas de traballadores/as e de empresas. O outro criterio a engadir debería incluir a experiencia do solicitante no desenvolvemento de accións de fomento da prevención de riscos laborais, sendo valorable de 0 a 3 puntos.

Cuarta.- Artigo 9. Resolución.
No apartado 2 deste artigo dase un prazo de seis meses para resolver, contados desde o día seguinte ao da publicación da Orde. Tendo en conta que o prazo de solicitude redúcese a un mes (Art. 7º.1); que a data tope para a presentación da documentación xustificativa é o 15 de novembro de 2007 (Art. 5º e 10º.2), e finalmente, considerando as datas do mes de febreiro nas que nos atopamos, entendemos que o prazo dispoñible para a execución das accións pode resultar extremadamente curto ata o punto de facela inviable. Por iso, e tendo en conta ademáis o criterio reiteradamente expresado por este Comité Delegado en anteriores ditames, entendemos que o prazo de resolución deberíase reducir a tres meses.

Quinta.- Artigo 10º. Xustificación do pagamento.
Este Comité propón a regulación no texto da orde da posibilidade do anticipo, así como a dos pagos parciais ata o 80% e a subcontratación, tento en conta as posibilidades legais que establecen tanto a Lei 38/2003 coma o Decreto 287/2000 da Comunidade autónoma de Galicia.



Sexta.- Artigo 11º. Obrigas dos beneficiarios.
O recollido no apartado 2 deste artigo non ten encaixe apropiado nun artigo con este título, polo que este Comité considera máis correcto levalo ao apartado 3 do artigo 10º que, por outra parte, é parcialmente reiterativo con éste.

Bótase en falta tamén a inclusión formal neste artigo, entre as obrigas das entidades beneficiarias, a de realizar as accións para as que aceptasen a subvención concedida. Neste sentido, propoñemos que se inclúa ademáis expresamente a obriga de realizar a execución completa da acción por parte da entidade beneficiaria, sen prexuizo do sinalado no último parágrafo da consideración específica terceira deste ditame.

Sétima.- Artigo 14º. Seguimento e control.
Este Comité entende que se debería modificar a frase “cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión” pola de “cumprir as obrigas que se establecen nesta orde e axustar a execución das accións á resolución de concesión”.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA

Deberíanse eliminar da exposición de motivos e do articulado todas as referencias á Formación, pois esta, transcorridos once anos da promulgación da Lei de Prevención de Riscos Laborais, non ten sentido que sexa xeneralista e débese impartir no centro de traballo. A única excepción podería ser a formación para as funcións de nivel básico de carácter obrigatorio para delegados e delegadas de prevención, pero para ela xa se dispón do Convenio de Formación da Consellería de Traballo cos interlocutores sociais.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA E UGT- GALICIA

Artigo 4º.- Período de imputación de gastos.

Entendemos que non é procedente a inclusión deste precepto na Orde. Por unha parte, ten moi dificil xustificación o efecto retroactivo previsto, entendendo que o inicio das accións que sexan obxecto de subvención pública debería estar condicionado á previa resolución aprobatoria do expediente de axuda que corresponda.  Por outro lado, a expresión final “ata o seu remate” pode resultar equívoca, en relación coa data tope que se sinala no artigo seguinte.