ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O FUNCIONAMENTO DOS CENTROS COLABORADORES DO SERVIZO GALEGO DE COLOCACIÓN E SE ESTABLECEN AS BASES E A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DAS COMPENSACIÓNS ECONÓMICAS DAS ACCIÓNS QUE REALICEN OS CENTROS COLABORADORES.

I.  ANTECEDENTES


O día 30 de xaneiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen os centros colaboradores e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Dirección Xeral de Formación e Colocación ten asumidas as funcións de intermediación no mercado de traballo e, en concreto, as relativas á inscrición e rexistro de demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede Eures.



Estas funcións propias do Servizo Público de Emprego desenvolvénse cara ao público baixo a denominación Servizo Galego de Colocación, que presta parte dos seus servizos apoiándose nunha rede de centros colaboradores que complementan e reforzan as funcións das súas propias oficinas de emprego.

O proxecto normativo que se somete a ditame ten como obxectivo regular o funcionamento destes centros colaboradores na súa tarefa de apoio á intermediación no mercado de traballo, así como aprobar as bases e a convocatoria para a concesión de subvencións polas accións que realicen no ámbito da intermediación laboral en colaboración co Servizo Galego de Colocación, relativas á información, captación de ofertas de traballo e accións complementarias ao tratamento desas ofertas.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 15 de maio de 2006, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións formuladas por este Comité Delegado no ditame 23/06.

O novo proxecto normativo presenta as seguintes modificacións respecto ao borrador de orde do exercicio de 2006:

• A denominación de centros asociados substitúese pola de centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación.

• As axudas consisten en subvencións e non en compensacións económicas polas accións realizadas (artigo 1º).


• A captación das ofertas de traballo concrétase nunhas accións recollidas no artigo 4º, consistentes na posta en contacto co empregador e a remisión do impreso de captación de oferta (recollendo o perfil profesional da vacante a cubrir) á oficina de emprego correspondente, a cal rematará a tramitación de dita oferta.

• Deixan de recoñecerse como centros colaboradores as entidades públicas ou privadas constituídas baixo calquera forma xurídica. O novo  proxecto normativo recoñece dita condición exclusivamente ás entidades sen ánimo de lucro (artigo 7º).

• Suprímense algúns dos requisitos esixidos para ser recoñecido como centro colaborador (os relativos á obriga de dispoñer dunha conexión coa Rede Corporativa da Xunta de Galicia).

• Inclúese o traballo social como nueva titulación preferente (artigo 8º).

• Establécese unha puntuación para os criterios de adxudicación que se relacionan no artigo 10º.

• A resolución da convocatoria de axudas realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva (artigo 11º).

• As subvencións poden chegar como máximo a 9.960 euros ao ano (artigo 13º), cuantificándose os pagamentos tendo en conta o número de ofertas captadas e debidamente tramitadas ao mes perante a oficina de emprego correspondente (artigo 15º).  


• Enténdese por oferta debidamente tramitada, aquela oferta de traballo que unha vez captada polo centro e remitida á oficina de emprego correspondente para a súa xestión, se peche co resultado de contratación por parte da empresa oferente (artigo 15º).

• Por último,  respecto das entidades recoñecidas no exercicio anterior como centros asociados ao Servizo Galego de Colocación e que non podan continuar con dita condición ao non cumprir os requisitos establecidos no artigo 7º, o proxecto normativo establece, nas súas disposicións transitorias, que se procederá a efectuarlles a correspondente liquidación económica e a dalas de baixa como centros  colaboradores, tendo as referidas entidades o prazo dun mes para rematar coa tramitación das ofertas de traballo que se atopen en vigor.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o funcionamento dos centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen os centros colaboradores” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e dous artigos, cinco disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.



O día 9 de febreiro reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e catro consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).




DITAME 7/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen os centros colaboradores, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de febreiro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:






CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité Delegado propón que se revise a redacción do proxecto normativo para adaptala á normativa vixente para a escrita da lingua galega.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo 6º. Usuarios dos centros colaboradores.
As organizacións sindicais e empresariais observan que a redacción do apartado 1 é incorrecta, debendo ser a seguinte: “Poden ser usuarios dos centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación tanto as persoas demandantes como os ofertantes de emprego, ben sexan dirixidos polo Servizo Galego de Colocación a través dos seus servizos centrais ou das súas oficinas de emprego, ou ben o sexan por propia iniciativa ”.

Segunda.- Artigo 8º. Solicitude.
Este Comité propón que, no apartado 2, letra c) deste artigo, sexa incluida tamén como preferente a titulación en relacións laborais.

Respecto do establecido na letra j), este Comité propón a substitución do termo “Declaración xurada polo representante legal da entidade” polo de “Declaración formal asinada polo representante legal da entidade”, ao igual que no anexo I do proxecto normativo.

Finalmente, tendo en conta que a letra j é impropia da lingua galega, este Comité Delegado suxire que nos apartados 2 e 3 deste artigo sexa substituida pola seguinte que corresponda.

Terceira.- Artigo 11º. Tramitación e resolución.
No apartado 3 deste artigo establécese que “A resolución motivada dos expedientes … seralles notificada aos interesados”.

Este Comité Delegado propón o seguinte:

a) Engadir neste apartado 3 todo o que figura no apartado 5, modificándose o prazo para ditar resolución, propoñéndose o de tres meses contados desde o día do peche do prazo de presentación de solicitudes no correspondente rexistro.

b) Suprimir, en consecuencia co anterior, o apartado 5 deste artigo 11º.

Cuarta.- Artigo 12º. Obrigas dos centros asociados.
Este Comité Delegado considera que as letras j) e k) deben cambiarse polas seguintes que correspondan, por ser estas impropias da lingua galega.





Quinta.- Artigo 13º. Polas accións de captación de oferta.

Este Comité observa que, por erro, omitiuse no proxecto normativo o título deste artigo.
Por outra parte, este Comité propón substiuir o termo “captador” por “entidade”, por consideralo máis apropiado.

Sexta.- Artigo 22º. Participación institucional.
Este Comité Delegado considera que debe engadirse que a participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Galego de Colocación efectuarase tamén, ademáis do Comité Autonómico de Emprego, a través dos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

















ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos que as cuestións relativas á intermediación laboral deben ser competencia exclusiva das Oficinas de Emprego. Neste sentido procedería a supresión dos importes das partidas especificadas nesta Orde e a súa inclusión no capítulo I do orzamento da Consellería, incrementando a dotación de persoal da Rede de Oficinas de Emprego.

Polo tanto, suxírese o incremento do capítulo I da Consellería no importe correspondente ao consignado para estas axudas nas aplicacións 16.03.323V.461.0 e 16.03.323VB.481.3, co fin de dotar de técnicos de emprego a rede pública de Oficinas de Emprego.







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto.
Consideramos que non debe haber ningunha compensación económica polas accións realizadas polos centros colaboradores.

Segunda.- Artigo 2º. Accións.
Consideramos que se debe plantexar unha única acción que é “Captación das ofertas de traballo”.

Terceira.- Artigo 3º. Información.
Considérase que debe suprimirse este artigo. A información deberase dar polas oficinas de emprego. Así debese indicar que ante a solicitude de información ou a comprobación da carencia dela, remitirase á oficina de emprego correspondente.

Cuarta.- Artigo 12º. Obrigas dos centros asociados.
Considérase que o disposto na letra e) debe modificarse, posto que as organizacións sindicais son contrarias a que se realice unha xestión privada das ofertas de emprego.
Na letra f) establécese a obriga de “Manter á disposición do Servizo Galego de Colocación o documento de oferta asinado polo representante legal da empresa ofertante e, se é o caso, pola entidade autorizada para realizar o proceso de selección, mentres non este pechada a oferta e despois, enviala dentro dos quince días seguintes ao seu peche á Oficina de Emprego que lle corresponda”.
Consideramos que esta obriga debe suprimirse, tendo en conta o disposto no artigo 4º do proxecto normativo (o centro colaborador non vai realizar máis que a captación da oferta).

Así mesmo, e pola mesma razón exposta, debería suprimirse o disposto na letra p), ou, subsidiariamente, substituir o termo “expedientes vixentes” por “expedientes pendentes”.

Quinta.- CAPÍTULO III: Subvencións.

Proponse suprimir todo este capítulo, xa que entendemos que a tarefa de intermediación no mercado de traballo forma parte duna intervención integral das políticas activas de emprego, que non debe descansar, en ningún caso, en entidades que non desenvolvan o conxunto do itinerario de inserción.










ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira. Artigo 4º.- Captación de ofertas.
Novidade xa plasmada no proxecto de orde que regulará as actividades de información, orientación e busca de emprego é a relativa á xestión das ofertas de emprego, en especial, a súa fase final de remisión á oficina de emprego correspondente.

Como xa incidimos no seu momento, entendemos que isto redundará nunha dilación importante do proceso e xerará confusión aos empregadores, posto que a solicitude é presentada ante unha entidade que non se ocupará da súa xestión directa e serán varios os seus interlocutores.

Polo exposto, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería incluirse no proxecto normativo a posibilidade do tratamento das ofertas por parte dos centros colaboradores, tal e como recollía a anterior Orde de convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia o 16 de maio de 2005.

Segunda.- Artigo 7º. Definición e requisitos.
A Confederación de Empresarios de Galicia expresa o seu total desacordo coa falta de compensación económica polas ofertas captadas aos centros con recoñecemento para accións de información, orientación e busca de emprego.


Entende a CEG que a captación de ofertas, a axuda á empresa para unha correcta definición do posto de traballo ofertado e dos perfís profesionais necesarios para a súa cobertura, o seu seguimento e posterior peche cos resultados oportunos, sempre realizado por parte de profesionais suficientemente capacitados para dito asesoramento, tal e como establece a Orde, implica un gasto e unha especialización do persoal sen contraprestación económica. Polo tanto, lonxe de fomentar a consecución dun servizo profesionalizado integramente tramitado a través do Servizo Galego de Colocación, parécenos que esta medida potencia o contrario.

Por outra parte, deixan de recoñocerse como centros colaboradores ás entidades públicas ou privadas constituídas baixo calquera forma xurídica.

Con carácter subsidiario e tendo en conta outras consideracións que se manifestan sobre a necesidade de subvencionar as ofertas tramitadas e non pechadas e que as entidades colaboradoras podan facer tramitación, para o suposto de manterse o criterio de subvencionar exclusivamente as ofertas pechadas e de que as entidades non fagan tramitación habería que valorar a posibilidade de colaboración das entidades privadas tal e como se recollía na orde de convocatoria anterior, pois isto favorecería un aumento da porcentaxe de intermediación do Servizo Galego de Colocación e con as suficientes garantías na tramitación da oferta.

Así mesmo, proponse modificar o apartado a) detallando que se entende por “profesional suficientemente capacitado”. Neste senso, debe establecerse que o  citado profesional cumpla os seguintes requisitos:

• Estar en posesión dunha titulación media ou superior relacionada cos procesos de selección (psicoloxía, relacións laborais, orientación, etc.).
• Ter unha experiencia demostrable en selección de persoal ou noutros aspectos como orientación profesional, motivación cara o emprego, recursos humanos, xestión de bolsas de traballo ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral.

Terceira.- Artigo 13º.  Polas accións de captación de oferta.
No artigo 13º non se inclúe a compensación polas accións complementarias ao tratamento de ofertas de traballo. A Confederación de Empresarios de Galicia entende que a realización destas tarefas debe incrementar a contía máxima total subvencionada pola Administración.

Cuarta.- Artigo 15º. Forma de pagamento.
Neste artigo cuantíficanse os pagamentos das ofertas captadas e debidamente tramitadas, baseando este último aspecto en que a oferta sexa pechada con contratación por parte da empresa oferente. Así mesmo, establécense tramos cuantitativos para cifrar a subvención a percibir.
Sobre este particular, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que, de manterse a redacción actual do borrador da orde, que exclúe a posibilidade de tramitación das ofertas, non parece xusta a medida de que toda oferta, para ser valorada económicamente, teña que pecharse con contratación laboral tendo en conta que por parte da entidade realizouse exclusivamente o traballo de contactar co empregador e cumplimentar os impresos adecuadamente.