ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/02

DICTAME SOBRE O BORRADOR DA ORDE DA CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DA CONCESIÓN DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS Ó PROGRAMA DE OBRADOIROS DE EMPREGO

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó programa de obradoiros de emprego, remitida pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en data do 15 de febreiro de 2002, con rexistro de entrada neste Consello do día 18 de febreiro, a efecto de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2.b) da Lei 7/1988, de 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o 27 de febreiro dos correntes, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen a continuación:



1. Artigo 12. Procedemento de selección de alumnos- traballadores.

Neste precepto establécense os requisitos mínimos que deben cumpri-los candidatos preseleccionados polo grupo de traballo mixto.
En relación ós baremos que se terán en conta para levar a cabo esta preselección, considérase conveniente establecer unha uniformidade nos mesmos, de maneira que no territorio da comunidade galega se apliquen baremos similares cando se trate de seleccionar ós posibles beneficiarios das liñas de axudas que estableza a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de cara ó fomento do emprego.

PROPOSTA: que a devandita Consellería, a través da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, dicte a correspondente Resolución para que poda aplicarse a mesma baremación a tódolos posibles beneficiarios das liñas de axudas establecidas por aquela en materia de fomento de emprego. Desa norma de desenvolvemento darase debido traslado, para á súa información, ó Comité Autonómico de Emprego.

2. Artigos 11, 12, 13, 14, 15 e 16. Selección e contratación do persoal.

Os axentes sociais con presencia neste Consello consideran imprescindible que no texto da Orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ó Comité Autonómico de Emprego.

3. Artigo 13. Procedemento de selección do director, docentes e persoal de apoio.

O precepto establece que a selección levarase a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.
Este Comité considera que a utilización da convocatoria pública só debería producirse no caso de que utilizando o sistema de oferta non existisen candidatos ou estes non resultaran idóneos.

PROPOSTA: modifica-la redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen candidatos ou estes non foran considerados idóneos, faríase a convocatoria pública”

4. Artigo 17. Solicitudes. Prazo de presentación.

Sen modifica-lo prazo de presentación das solicitudes, que como se dispón na Orde, estará aberto durante todo o ano 2002, este Comité considera máis axeitado que os proxectos se valoren conxuntamente con carácter trimestral.

5. Artigo 21. Comisión Central de Valoración.

Este Comité considera fundamental que formen tamén parte da Comisión Central de Valoración, á que se refire este artigo, un representante de cada unha das organizacións representadas no Comité Autonómico de Emprego.

6. Artigo 22. Criterios de valoración dos proxectos.

Este precepto establece, entre os criterios de valoración, a calidade do plan formativo e a súa adecuación entre as especialidades propostas e as ocupacións máis ofertadas no mercado de traballo.
Este Comité considera prioritario que a valoración do plan formativo proposto se faga en relación á obtención do certificado de profesionalidade.

PROPOSTA: redactar este apartado do xeito que segue: “calidade do plan formativo cara a obtención dos certificados de profesionalidade”

7. Artigo 23. Resolución.

A Orde precedente reguladora desta materia establecía un prazo de resolución de seis meses. Este Comité non comprende as razóns que levan a ampliar un prazo que xa pareceu no seu momento demasiado amplo.
PROPOSTA: reduci-lo devandito prazo de resolución a catro meses, e o mesmo referente ó prazo para considerar desestimada a solicitude de non recaer resolución expresa.

8. Artigo 39. Asistencia, seguimento e avaliación.

Unha vez máis, e co obxecto de dotar a norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obrigación de informar trimestralmente das accións realizadas ós Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA RESOLUCIÓN MANIFESTADAS POLA S.N. DE CCOO DE GALICIA, UGT E MAILA CIG

1. Artigo 2. Beneficiarios do programa.

Neste precepto establécense as condicións para poder ser beneficiarios do programa e establécense tamén determinadas prioridades.

Considerando que se está a abordar unha norma específica que ten por obxecto o fomento do emprego, e tendo en conta as especiais dificultades que atopan os parados de longa duración para saír da espiral do desemprego, as organizacións sindicais presentes no Consello consideran que este colectivo debería ter unha prioridade absoluta, senón excluínte, sobre tódolos demais.

Proponse, polo tanto, a redacción do precepto nos termos que seguen: “Poderán ser beneficiarios deste programa os desempregados de ambos sexos que, estando inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia, teñan vintecinco ou máis anos; tendo prioridade aqueles que leven polo menos un ano en situación de desemprego, entendendo esta como a ausencia de alta por un período superior a un mes, en calquera Réxime da Seguridade Social nos últimos doce meses”.

Esta mesma modificación habería que facela igualmente no artigo 12, no que se establecen, entre outras cousas, os requisitos mínimos que deben cumpri-los candidatos preseleccionados.

2. Artigo 11. Normas xerais: grupo de traballo mixto.

A norma establece que a selección de participantes levarase a cabo por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería e da entidade promotora.

As organizacións sindicais presentes no Consello consideran que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto cos representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas  onde se pretenden emprende-las accións.

PROPOSTA: Especificar no apartado 1º deste artigo que será o persoal da Oficina de Emprego correspondente á ubicación da escola-obradoiro ou casa de oficios quen formará parte do grupo mixto, en representación da Consellería.

3. Artigo 12. 1. Procedemento de selección dos alumnos traballadores.

As organizacións sindicais con presencia neste Consello consideran que as accións a emprender deben estar sempre condicionadas ó Plan de Emprego, que debe esixirse en tódolos casos; por conseguinte, parecería máis indicado que os perfiles que determine o grupo mixto para a selección dos candidatos teñan como referencia o devandito Plan de Emprego e se axusten ó posto de traballo a ocupar no obradoiro de emprego.

4. Artigo 39. Incumprimento de obrigas.

Os representantes sindicais deste Consello consideran preciso, unha vez máis, que a norma estableza as garantías necesarias no senso de informar ós Comités Provinciais de Emprego do posible incumprimento das obrigas por parte da entidade promotora. No suposto de que o incumprimento conleve o reintegro total das axudas daríase traslado ó Comité Autonómico de Emprego.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA RESOLUCIÓN MANIFESTADA POLA CEG

Artigo 26. Subvención para custos de formación ocupacional e educación básica.
A CEG considera excesivamente restrictiva a eliminación dalgúns gastos subvencionables, como é o caso do alugueiro.
Por outra, parte, a presentación de garantías non está contemplada entre os gastos subvencionables pola presente norma, polo que a CEG considera necesario incluíla.

Artigo 27. Cálculo da subvención para custos de formación ocupacional e educación básica.

Neste artigo establécese o incremento dos módulos para sucesivos anos, en tanto non se dicte disposición en contrario, no 3% anual.
A CEG considera que no incremento dos módulos habería que ter en conta a variación do IPC.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA RESOLUCIÓN MANIFESTADA POLO S.N. DE CC.OO

Artigo 18. Documentación.

En relación con este precepto, esta organización sindical propón engadir un novo apartado no que se esixa a achega dun Plan de emprego concreto dos traballadores participantes. Se o obradoiro de emprego está dirixido á creación dunha empresa de economía social, debería presentarse o proxecto concreto e o plan de viabilidade desta. No caso de tratarse dun plan dirixido á contratación por conta allea, será necesaria a certificación da(s) empresa(s) coa(s) que se conta para á súa colocación, da necesidade de traballadores e a súa intención de contratación ós participantes dese obradoiro de emprego. O Plan de emprego concreto, cando menos, debe ter previsións para o 60% dos participantes.