ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS ÁS UNIDADES DE APOIO Á ACTIVIDADE PROFESIONAL NO MARCO DOS SERVIZOS DE AXUSTAMENTO PERSOAL E SOCIAL DOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.

I. ANTECEDENTES


O día 7 de febreiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axustamento persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Mediante o programa regulado neste proxecto normativo mellóranse as medidas establecidas para a integración laboral das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, nos que os servizos de axustamento persoal e social poden resultar un instrumento moi útil para orientar as funcións das persoas con discapacidade cara un axuste laboral que permita superar os obstáculos para a súa incorporación plena a un posto de traballo, así como a permanencia e progresión no mesmo.


Dadas as características e tipoloxía dos centros especiais de emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, nesta orde duplícanse as contías das subvencións establecidas na normativa estatal, coa finalidade de favorecer a constitución de unidades de apoio á actividade profesional naqueles centros que conten con persoas con discapacidade severa no seu cadro de persoal, facendo un tratamento especial aos centros especiais de emprego de pequena dimensión que ten maiores dificultades para o financiamento dos custos dos profesionais destas unidades. Este incremento de subvención financiarase con cargo a créditos de fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

As bases reguladoras do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta  necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas realizase pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o día 24 de agosto de 2006 e o ditame emitido polo Consello con data 26 de xullo de 2006, observánse que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Do contido do proxecto normativo destácase o seguinte:

Non se achegan os anexos aos que fai referencia o artigo 11º.

Contía das subvencións (artigo 7º).- Increméntase a contía de 1.200 euros anuais a 2.400 euros por cada traballador co tipo de discapacidade e grao de minusvalía indicados no punto 1 do artigo 5º contratados por tempo indefinido ou mediante contrato temporal de duración igual ou superior a seis meses. Non obstante, aqueles centros especiais de emprego que teñan no seu cadro de persoal cinco ou menos traballadores con discapacidade cun contrato indefinido e a xornada completa, poderán percibir unha subvención de ata o 50 por cento dos custos da unidade de apoio á actividade profesional, segundo o previsto no punto 1 deste artigo.

Solicitudes (artigo 10º).- No apartado 4 deste artigo establécese que a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, conforme ao disposto na Lei de transparencia e boas prácticas na Administración Pública Galega (Lei 4/2006, do 30 de xuño).


As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes, desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Dito prazo establécese tamén para aqueles centros especiais de emprego que constituíran unha unidade de apoio á actividade profesional ou comezasen a desenvolver as súas funcións dende o 1 de outubro de 2006. Non obstante, para os centros especiais de emprego que, con posterioridade ao prazo previsto anteriormente, constitúan unha unidade de apoio á actividade profesional e comecen a desenvolver as funcións previstas no artigo 4º desta orde, o prazo finalizará o 31 de outubro de 2007.

Pagamento e xustificación (artigo 14º).- Esíxese no actual proxecto normativo a presentación dun orzamento de gastos relativos aos custos salariais e de Seguridade Social dos traballadores indefinidos das unidades de apoio á actividade profesional polos que se concedeu a subvención, referido ao período polo que se solicita o pagamento parcial, xunto con copia das nóminas, e documento de transferencia bancaria que xustifique o pagamento destas.

As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento antes do 15 de decembro de 2007. Poderán acordarse pagamentos parciais a conta da liquidación definitiva,  a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, ata unha porcentaxe non superior ao 80% da subvención concedida.

Obrigas dos beneficiarios (artigo 15º).- Cando se produzan vacantes do persoal que integra as unidades de apoio á actividade profesional, deberán ser cubertas no prazo dun mes dende a data da baixa (no exercicio anterior o prazo era de 15 días).

Así mesmo, os beneficiarios deberán aportar certificación da permanencia ou variacións dos traballadores con discapacidade do centro especial de emprego en cada trimestre natural do período subvencionado.

Seguimento e control (artigo 18º).- Os centros especiais de emprego que perciban as subvencións deberán aportar unha memoria anual conforme ao previsto no artigo 8º do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de centros especiais de emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

Disposición adicional cuarta.- Establécese que, en todo caso, consideraranse afectados por unha minusvalía igual ou superior ao 33 por cento, os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e os pensionistas de Clases Pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos a acreditación do grao de minusvalía realizarase conforme ao previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade aos efectos da Lei 51/2003, de 2 de decembro de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axustamento persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, seis disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 14 de febrero de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.










DITAME 9/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axustamento persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de febreiro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de febrero de 2007 acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:






CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 1º. Finalidade.

No parágrafo 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Segunda.- Artigo 8º. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.

Este artigo establece que as unidades de apoio á actividade profesional estarán compostas por técnicos de grao medio ou superior. Este Comité considera que deberían concretarse as titulacións preferentes para acceder á categoría de técnico, tendo en conta o obxectivo da orde e o colectivo específico ao que se refire a mesma, do mesmo xeito que se fai noutros proxectos normativos.

Por outra banda, menciona tamén este artigo aos encargados de apoio á produción como integrantes das unidades de apoio á actividade profesional. Este Comité propón que se regule con maior concreción esta figura.

Terceira.- Artigo 11º. Solicitudes e documentación.

Este artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude, mais obsérvase que non se achegan os anexos que se mencionan, polo que non poden ser obxecto de ditame por este Comité Delegado.

Así mesmo, este Comité propón substituir as letras j) e k), que figuran no apartado 2 deste artigo, polas que correspondan, dado que son impropias da lingua galega.

Cuarta.- Artigo 14º. Pagamento e xustificación

O apartado 2 deste artigo establece que as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento, ata o 15 de decembro de 2007.

Este Comité considera que este prazo debería ampliarse ata a finalización do ano para posibilitar a presentación da documentación xustificativa correspondente para aqueles centros especiais de emprego que teñan no seu cadro de persoal 5 ou menos traballadores con discapacidade, cun contrato indefinido e a xornada completa, pois nestes supostos a subvención que poden percibir é de ata o 50 por cento dos custos da unidade de apoio á actividade profesional, de acordo co artigo 7.2 do proxecto normativo.

Quinta.- Artigo 15º. Obrigas dos beneficiarios

O apartado g) deste artigo menciona entre as obrigas dos beneficiarios das subvencións a adopción das medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo.

Este Comité considera necesario que se concreten as medidas “axeitadas” de difusión que deben adoptarse.