ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE AMPLÍAN OS CRÉDITOS E OS PRAZOS PARA A PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES DE DETERMINADOS PROGRAMAS DE POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO QUE SE FINANCIARÁN E EXECUTARÁN CON CARGO AO ORZAMENTO DO ANO 2007, AO AMPARO DO I PLAN INTEGRAL DE EMPREGO PARA GALICIA.

I. ANTECEDENTES


O día 26 de febreiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e executarán con cargo ao orzamento do ano 2007, ao amparo do I Plan Integral de Emprego para Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto complementar a aportación financeira da Xunta de Galicia ao I Plan Integral de Emprego, coa aportación de 24 millóns de euros da Administración xeral do Estado, para o que se amplía o crédito de determinadas ordes de convocatoria de subvencións xa publicadas e a conseguinte ampliación de prazos para solicitalas.
A programación e aprobación das diferentes medidas e accións realizarase de acordo coa planificación presentada para o ano 2007 ao Comité Autonómico de Emprego.

Á vista do borrador remitido e tendo en conta o ditame emitido polo Consello en data 3 de maio de 2006 sobre o proxecto normativo do exercicio anterior (Orde publicada no DOG o 5 de xuño de 2006), obsérvase que se tiñeron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica algúns aspectos que se relacionan a continuación:

O artigo 1º, que regula o obxecto e financiamento, establece, no seu apartado 1, as catro ordes de convocatoria de subvencións xa publicadas nas que se amplían os créditos, que servirán para financiar as actuacións específicas vinculadas ao I Plan Integral de Emprego de Galicia: programas de cooperación (letra a); escolas obradoiro, casas de oficios, obradoiros de emprego e unidades de promoción e desenvolvemento (letra b); accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas a desempregados (letra c) e programas experimentais en materia de emprego (letra d).  O importe total é de 20.644.473,33 euros.

No artigo 2º regúlanse as actuacións que serán subvencionadas dentro dos programas de cooperación, destinados ao financiamento da contratación de persoas desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, por un importe global estimado de 12,6 millóns de euros.
No apartado b), establece que as actuacións con organizacións de discapacitados serán con entidades sen ánimo de lucro.
No apartado c), engádese que as actuacións cos concellos e organizacións sen ánimo de lucro para colectivos en risco de exclusión social poderán consistir na realización de servizos tendentes á mellora da súa empregabilidade.
No apartado e), engádese que poderán ser beneficiarias as asociacións sindicais para actuacións destinadas a capacitación e adquisición de experiencia de persoas desempregadas no ámbito da prevención de riscos laborais.
No apartado g), resérvanse as actuacións nos concellos rurais para mellorar a empregabilidade exclusivamente de mulleres desempregadas e de persoas paradas maiores de 45 anos.

O artigo 3º que regula os programas mixtos de formación emprego, establece para estas actuacións un importe global estimado de 2,9 millóns de euros.

O artigo 4º, referido a accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP, refírese as subvencións para a impartición de accións formativas por parte dos concellos e as universidades de Galicia para a formación dos desempregados en aquelas especialidades formativas de especial interese, por un importe global estimado de 1 millón de euros.

O artigo 5º establece a concesión de subvencións, dentro dos programas experimentais, para as Corporacións Locais, ademáis de para as asociacións empresariais e/ou sindicais. O importe global estimado é de 4,2 millóns de euros.

O artigo 6º que regula a presentación de solicitudes e procedementos, engade que, para o caso de solicitude de programas de cooperación, substituirase o anexo II previsto na orde do 31 de xaneiro de 2007, polo que se publica como anexo á presente orde.
Faise constar que non se achegou ao Consello o citado anexo e que figura un erro neste artigo ao citar a orde do 31 de febreiro cando é de xaneiro.

Modifícanse as Disposicións adicionais, engandíndose un novo parágrafo (o segundo) á disposición primeira, que permite os reaxustes dos créditos para o caso dunha asignación ou redistribución de fondos, e regulándose unha nova disposición adicional segunda, que permite utilizar os remanentes de créditos, de ser o caso, como ampliación dos créditos previstos nas ordes citadas no parágrafo primeiro do artigo 1º.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e executarán con cargo ao orzamento do ano 2007, ao amparo do I Plan Integral de Emprego para Galicia” consta de: Exposición de motivos, seis artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.



O día 8 de marzo de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.








DITAME 11/07



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e executarán con cargo ao orzamento do ano 2007, ao amparo do I Plan Integral de Emprego para Galicia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de febreiro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de marzo de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que, segundo puxeron de manifesto no Ditame 22/06, o financiamento estatal aportado ao I Plan Integral de Emprego de Galicia é moi inferior ao que se materializa noutras comunidades autónomas con Plans Integrais de Emprego en funcionamento. Efectivamente, a ratio Aportación do Estado ao Plan/Persoas en paro, no caso galego, é aproximadamente a mitade dos casos de Extremadura e Canarias. Dado que este Plan ten vixencia ata o exercicio de 2009, reiteramos que a Xunta de Galicia debería instar da Administración Xeral do Estado unha ampliación do financiamento aportado ao I Plan Integral de Emprego de Galicia, que resulte suficiente para achegarse ao equilibrio da ratio sinalada entre as diferentes comunidades.

Segunda.

Este Comité Delegado reitera as consideracións postas de manifesto nos ditames 39/06, 40/06, 41/06 e 42/06, emitidos sobre os borradores das Ordes referenciadas no artigo 1º deste proxecto normativo, expresamente naqueles aspectos que non foron tidos en conta no texto publicado no DOG de cada unha das referidas Ordes.


Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte as diferencias de xénero. Igualmente, considera que o texto debe adaptarse á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 2º. Programas de cooperación.

Este artigo contén un apartado que denomina “1”, considerando este Comité que é supérflua a súa numeración xa que é o único.

Por outro lado, na letra e), referente ás actuacións coas asociacións empresariais e sindicais para a capacitación e adquisición de experiencia de traballadores desempregados no ámbito da prevención de riscos, considera este Comité que deberían concretarse todos os sectores dos que se fala, ademáis do da construción, ou ben especificar o parámetro obxectivo que determina a posibilidade de desenvolvemento destas actuacións, xa que o concepto de “outros sectores con maiores índices de sinistralidade laboral” non é explícito.

Este Comité propón que sexa cada unha das entidades solicitantes as que determinen a quén van dirixidas tales actuacións, a teor dos índices de sinistralidade rexistrados na súa zona de actuación ou sector, ou ben considerando a existencia de carencias deste tipo de formación con independencia da sinistralidade.


Segunda.- Artigo 4º. Accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP.

Este artigo limita a concesión de subvencións aos concellos e ás universidades de Galicia. Este Comité considera que debe extenderse a todas as entidades recollidas na normativa do Plan FIP.

Ademáis, e como xa manifestamos no Ditame 10/06, consideramos que a subvención que se poda conceder ás universidades ten que ser excepcionalmente, para unha formación altamente cualificada que non sexa posible impartir, polos seus contidos, por outras entidades beneficiarias.


Terceira.- Artigo 5º. Programas experimentais.

Este artigo establece que só poderán concederse subvencións ás Corporacións Locais e ás asociacións empresariais e/ou sindicais.

Este Comité considera que o inciso e/ou entre asociacións empresariais e sindicais pode inducir a confusión, polo que propón a seguinte redacción:
“só poderán concederse subvencións ás Corporacións Locais, asociacións empresariais e  sindicatos.


Cuarta.- Artigo 6º. Presentación de solicitudes e procedementos.

Este Comité observa que non se achegou co proxecto normativo o anexo ao que fai referencia este artigo, polo que non se pode ditaminar sobre o contido do mesmo.

Obsérvase un erro no apartado 1 deste artigo, que fai referencia a unha orde do 31 de febreiro.