ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBT), COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de febreiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora para aproveitar, principalmente, o potencial dos investigadores e titulados universitarios que pretendan xestionar os seus proxectos empresariais innovadores, e propiciar a transferencia do amplo coñecemento creado en universidades e centros de investigación en proxectos xeradores de novas actividades e novos postos de traballo de alta cualificación.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 31 de marzo de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de febreiro de 2006, obsérvase que foron tidas en conta dúas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Obsérvase que o texto do proxecto normativo contén algunhas referencias que poden supoñer a utilización dunha linguaxe sexista. Así, por exemplo, no artigo 2º figura “beneficiarios”, nos artigos 3º e 5º “expertos técnicos”; no art. 3º.3 “traballadores autónomos”, nos artigos 10º e 13º “interesados”, etc.

Obsérvase así mesmo que non se achegan os anexos aos que fai referencia o proxecto normativo.

Modifícase o disposto no apartado 1 do artigo 2º,  eliminándose o requisito esixido ás empresas privadas de ter a consideración de pemes.

Modifícase o disposto no apartado 4 do artigo 3º, eliminándose a necesidade expresada na orde anterior, de incorporar a unha persoa titulada universitaria desempregada por cada catro traballadores.
Ademais, se incorpora un novo apartado 5, que establece a necesidade de que o cadro de persoal posúa un 25% de titulados universitarios no momento de iniciar a súa actividade productiva.

Modifícase o disposto no artigo 4º, apartado 1, establecendo axudas pola creación de postos de traballo estables, xa sexan por conta propia ou allea, incrementándose ata os 6.300 € ou ata 6.600 se o posto é ocupado por unha persoa desempregada con titulación universitaria e 7.200 € no caso dunha muller con dita titulación.

Os apartados 2, 4 e 5 do artigo 4º son de nova redacción. No apartado 2, exténdense as axudas ás transformacións en indefinidos de contratos temporais, sempre que a transformación se realice no mesmo ano natural que o contrato temporal do que trae causa. Así, para os efectos desta orde, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos nos que ambas as dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos no que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar ao día seguinte ao do término da vixencia do contrato temporal, incorporándose á empresa con carácter estable sen ruptura de continuidade na relación laboral.

A contía dos incentivos ás transformacións de contratos temporais en indefinidos serán equivalentes ao 50% das contías sinaladas no punto 1 deste artigo 4º.

O apartado 5 establece que “Nos postos de traballo estables creados e polos que se solicite subvención, xa sexan por contratacións indefinidas iniciais ou por transformación de contratos temporais en indefinidos, deberá existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa o traballador e a categoría profesional pola que se lle contrata”.

O apartado 7 modifica o disposto no apartado 4 da orde do exercicio pasado, establecendo que poderán ser obxecto da axuda prevista neste artigo 4º os postos de traballo estables de carácter indefinido creados ata o 15 de setembro de 2007 (o ano pasado era ata o 31 de decembro).

No artigo 5º, apartado 1, refórmase o cálculo da contía da subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación. Agora a contía é do 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, segundo a duración do contrato, cun máximo de 12 mensualidades.

No apartado 3, elimínase a condición que establecía que a subvención só podía solicitarse no primeiro ano de actividade.

No artigo 6º, relativo ao apoio á función xerencial, modifícase o disposto no seu apartado 2, que establece que o gasto orixinado deberá producirse no ano 2007 (en lugar do primeiro ano de actividade), e haberá de xustificarse por medio de facturas e documentos acreditativos do pagamento antes do remate do plazo establecido na resolución de concesión, ou, no seu caso, ata o 30 de novembro de 2007.

No artigo 7º, apartado 2, se establece que a axuda máxima será o equivalente a redución de seis puntos do xuro fixado (fronte aos catro da orde anterior). A contía máxima será de 6.300 € por emprego estable creado no 2007 e só se terán en conta os postos de traballo creados ata o 15 de setembro de 2007.

No último parágrafo deste apartado 2, elimínase a condición que establecía que os investimentos obxecto da subvención debían realizarse no primeiro ano de actividade.

No artigo 8º, apartado 1, establécese que o importe máximo da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade estará en función do número de postos de traballo estables creados ao longo do ano 2007 (en lugar de “no primeiro ano da actividade), e os postos de traballo a considerar serán os creados ata o 15 de setembro de 2007.

No apartado 2 deste mermo artigo, amplíanse os gastos obxecto de axuda ao arrendamento de equipos informáticos e maquinaria, sempre que se realicen no ano 2007 e sexan efectivamente xustificados por medio de facturas e documentos acreditativos do pagamento antes do remate do prazo establecido na resolución de concesión, ou, no seu caso, ata o 30 de novembro de 2007.

No artigo 10º.2, ábrese a posibilidade de que o solicitante poda denegar expresamente o consentimento para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda, debendo achegalas él neste caso.
Seguindo no artigo 10º, no apartado 5 suprímese o primeiro parágrafo (que limitaba as actividades subvencionables ás que tivesen lugar no 1º ano de actividade), e fíxase como final de prazo de presentación de solicitudes o 15 de setembro de 2007. Asi mesmo, suprímese o antigo apartado 6.

No artigo 11º, apartado 1 suprímese o antigo punto d), que esixía a declaración da condición de PEME e de mantemento do emprego e engádese un novo punto e) referente a documentación adicional esixida.

Dentro do mesmo artigo 11º, no seu apartado 2, punto a), que trata da documentación específica a presentar, no seu primeiro parágrafo, elimínase a expresión “ou prevista”, tendo por tanto que expresarse a data de incorporación efectiva dos novos empregados.

O antigo segundo parágrafo pasa a dividirse en tres: presentación de DNI (común a todas as contratacións), requisitos para as contratacións iniciais (idéntico no seu contido ao parágrafo segundo da anterior orde) e requisitos para o caso de transformacións, de nova redacción, que queda como segue: “No caso de transformacións e para acreditar a situación de desemprego na data de formalización do contrato temporal do que trae causa, documento acreditativo dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, o contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación de variación de datos á Seguridade Social. E, se é o caso, certificación académica de terminación dos estudos ou copia compulsada do titulo universitario”.

No artigo 14º, apartado 1. B) referido á documentación específica para a xustificación do pagamento, na subvención ao apoio á función xerencial, pásase a esixir documentos acreditativos do pagamento das facturas de empresa, entidade ou persoa física.

Ademáis, engádese un novo apartado (4) neste artigo, coa seguinte redacción: “As empresas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento sinalado no punto 1 desde artigo no prazo establecido na resolución de concesión, ou, no seu caso, ata o 30 de novembro de 2007. Excepcionalmente este prazo poderá ser prorrogado en 15 días de forma extraordinaria e debidamente xustificado.”

O artigo 15º ve suprimido o antigo apartado 2, que impoñía un límite máximo dos incentivos establecidos equivalente ao 55% dos custos salariais totais dos postos de traballo xerados pola nova actividade en dúas anualidades.

O artigo 16º, apartado b), exclúe dos beneficios do programa ás persoas promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade (antes eran seis meses), estivesen de alta como traballadores autónomos en calquera réxime da Seguridade Social.

No artigo 17º, relativo a obrigas dos beneficiarios, modifícase o prazo fixado no apartado b) do punto 1, referente ao tempo mínimo requerido realizando a actividade obxecto da concesión de axuda (redúcese de cinco a tres anos).

Créase un novo apartado f) neste punto 1 do artigo 17º, que esixe crear, no primeiro ano de actividade, emprego estable para persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, respectando a proporción de 1 titulado universitario por cada 4 postos de traballo.

O apartado g) reduce o tempo, de cinco a tres anos, durante o cal os postos de traballo creados deberán manterse.

No punto 2 do citado artigo, créase un novo apartado c), referente á subvención financeira, que dispón o seguinte: “O beneficiario da subvención acreditará, no primeiro trimestre natural de cada ano e ata a súa completa xustificación,  mediante facturas, escrituras públicas ou contratos, así como os correspondentes xustificantes de pagamento, que o importe de préstamo subvencionado foi destinado a financiar os investimentos obxecto da subvención.
O beneficiario, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada”.

O artigo 21º establece expresamente que as axudas recollidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de axudas de mínimis, fixando os límites cuantitativos que non poderán exceder (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión da Unión Europea.

En canto as disposicións adicionais, na primeira engádese un carto parágrafo refrexando a obriga de cumprimentar un cuestionario para os efectos da realización dun seguemento anual.

Na terceira, amplíase a delegación de atribucións do conselleiro no director xeral de Promoción do Emprego para resolver os procedementos de reintegro das subvencións  indebidamente percibidas.

Incorpórase unha sexta disposición adicional indicando que será obxecto de publicación no DOG e comunicación aos beneficiarios a cofinanciación dos fondos estruturais europeos no suposto de que algún dos  tipos de axudas regulados nesta orde sexan inluídos no novo marco aprobado pola Comisión Europea.

Modifícanse as duas disposicións transitorias, destacando que tamén poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde as empresas resultantes dos proxectos empresariais cualificados como IEBT no ano 2006 ao abeiro da Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica, e que iniciasen a súa actividade produtiva a partir do 16 de setembro do ano 2006. Neste caso, só serán actuacións subvencionables as realizadas no ano 2007 e antes de que transcorra un ano desde o inicio da súa actividade, e sempre que se cumpran os requisitos e prazos esixidos nesta orde.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.





II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e ún artigos, seis disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras.



O día 12 de marzo de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dez consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais.

Así mesmo, contén, como anexos, unha consideración xeral e outra específica de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración específica de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).






DITAME 12/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de febreiro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de marzo de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte as diferencias de xénero. Igualmente, considera que o texto debe adaptarse á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.

No parágrafo terceiro da exposición de motivos establécese a estrutura normativa  do programa de apoio ás IEBT.

Este Comité Delegado considera que debe incluirse unha referencia ao Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, xeral de subvencións.


Segunda.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

Igual consideración que a citada anteriormente se reproduce para o disposto no apartado 2 deste artigo.

No parágrafo 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión do programa que se regula neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.


Terceira.- Artigo 2º. Beneficiarios.

No apartado 1 deste artigo elíminase o requisito esixido ás empresas privadas na orde do exercicio pasado, que deberían ter a condición de pemes.

Este Comité Delegado propón que se manteña este requisito no actual proxecto normativo e destinar as axudas soamente ás empresas que teñan a consideración de pemes.

Cuarta.- Artigo 3º. Tipos de axuda.

No apartado 3, último parágrafo, deste artigo establécese que, cando se trate de traballadores autonómos, para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario os que, figurando inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames entende que esta excepción, que actúa como un beneficio que amplía tal posibilidade, debería aplicarse ademáis de aos traballadores e traballadoras por conta propia aos traballadores e traballadoras por conta allea; hai que ter en conta que nalgunhas formas xurídicas, como as cooperativas ou as sociedades laborais, existe un dereito de opción polo réxime xeral da Seguridade Social correspondente a favor dos socios ou socias traballadores. Non estaría xustificado o feito de poder acceder nun caso, nos requisitos establecidos no citado parágrafo, e noutro non.

Quinta.- Artigo 3º. Tipos de axuda.

O apartado 5 deste artigo dispón que “o cadro de persoal no momento de iniciar a súa actividade produtiva deberá estar constituído nun 25%, como mínimo, por titulados universitarios.

Este Comité Delegado considera que debe figurar neste apartado que ten que existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa o traballador ou traballadora e a categoría profesional pola que se lle contrata, tal e como establece o apartado 5 do artigo 4º do proxecto normativo.

Sexta.- Artigo 8º. Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.

O último parágrafo do apartado 2 deste artigo establece que “en ningún caso serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo”.

Este Comité Delegado propón que se considere a posibilidade de subvencionar tamén os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.

Sétima.- Artigo 11º. Documentación.

Este Comité fai constar que os anexos aos que se refire este artigo non se poden ditaminar posto que non foron achegados ao Consello co proxecto normativo.


Oitava.- Artigo 13º. Resolución e recursos.


O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses. Este Comité considera o prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Novena.- Artigo 14º. Xustificación do pagamento.

No apartado 4 deste artigo establécese que as empresas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión, ou, no seu caso, ata o 30 de novembro de 2007.

Este Comité considera que a expresión “ou, no seu caso” debe substituirse por “ou, en todo caso”.

Décima.- Disposición derradeira primeira.

Esta disposición faculta ao director xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Este Comité Delegado considera que o termo “aclaracións” debe substituirse polo de “instrucións”, para evitar deixalo á interpretación do director xeral.




ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT- GALICIA, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E CIG:

O proxecto normativo establece, nos seus artigos 3º.a) e 4º, unha axuda á creación de emprego estable, introducindo este ano unha novidade, como é extender esta axuda aos postos de traballo creados pola transformación en indefinidos dos contratos temporais.

As organizacións sindicais manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que “promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados”.

Dito isto, consideran que non se pode subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 3º.a) do proxecto normativo (subvención para contratación de expertos técnicos de alta cualificación, apoio á función xerencial, subvención financeira e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).





CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT- GALICIA, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E CIG:


Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo establece no seu apartado 1.b) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos. Na orde do exercicio pasado este prazo era de cinco anos.

Igualmente, no seu apartado 1.g), obrigáse ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de tres anos. Na orde do exercicio pasado este prazo era de cinco anos.

As organizacións sindicais, sen prexuizo do manifestado na consideración xeral anterior, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos, polo que propoñen que se recollan as citadas obrigas b) e g) como estaban na orde do exercicio pasado.









ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 4º. Axuda á creación de emprego estable.

O apartado 2  deste artigo establece que serán subvencionables as transformacións en indefinidos de contratos temporais sempre que a transformación se realice no mesmo ano natural que o contrato temporal do que trae causa.

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que debería arbitrarse unha cláusula de transitoriedade, como a establecida na disposición transitoria segunda do proxecto normativo,  e exceptúar da obriga de realizar a transformación no mesmo ano natural  a aqueles contratos temporais celebrados a partir de setembro de 2006 e transformados no ano 2007.

Por outro lado, este apartado 2 “in fine” establece que a contía dos incentivos ás transformacións de contratos temporais en indefinidos serán equivalentes ao 50% das contías sinaladas no punto 1.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería incrementarse a citada porcentaxe.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

O apartado 4 deste artigo establece que “os expertos técnicos que sexan desempregados inscritos como demandantes de emprego e sexan contratados con carácter indefinido non poderán ser computados para os efectos do cálculo da subvención financeira e da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade”.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se computen igualmente os contratos dos referidos expertos técnicos.