ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PARA O ABOAMENTO DE COTAS Á SEGURIDADE SOCIAL A TRABALLADORES E TRABALLADORAS QUE PERCIBISEN A PRESTACIÓN POR DESEMPREGO NA SÚA MODALIDADE DE PAGAMENTO ÚNICO, PARA O ANO 2007.

I. ANTECEDENTES


O día 9 de marzo de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se procede á convocatoria para o aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real Decreto 1044/1985, do 19 de xuño, regula o aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único como medida de fomento de emprego, coa finalidade de propiciar a iniciativa de autoemprego dos traballadores desempregados.
A Orde do 19 de maio de 2006 estableceu as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único e procedeu a súa convocatoria para o ano 2006.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da referida Orde de 19 de maio de 2006 publicado no DOG o día 30 de maio e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de febreiro de 2006, obsérvase que foi tida en conta unha das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O proxecto normativo ten como obxecto soamente a convocatoria de axudas para o ano 2007, especificándose no seu artigo 1º, apartado 2, que se rexirá polo previsto na referida Orde do 19 de maio de 2006, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas, que mantén a súa vixencia en todo canto non se opoña á presente orde.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.




II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se procede á convocatoria para o aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, dous artigos, unha disposición transitoria e dúas derradeiras.



O día 16 de marzo de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.










DITAME 13/07



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se procede á convocatoria para o aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, para o ano 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de marzo de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de marzo de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
O apartado 2 do artigo 1º dispón que a convocatoria de axudas obxecto do proxecto normativo rexirase polo previsto na Orde do 19 de maio de 2006, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas, que mantén a súa vixencia en todo canto non se opoña á presente orde.
Tendo isto en conta, este Comité Delegado reproduce as seguintes consideracións manifestadas no Ditame 2/06 sobre as bases reguladoras do referido procedemento, aprobadas por Orde do 19 de maio de 2006:

En primeiro lugar, o apartado c) do artigo 1º esixe terse constituido como traballador ou traballadora autónomo/a sempre que se trate dunha persoa cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por 100.
Este Comité Delegado quere propoñer que se teña en conta o xa permitido na lexislación vixente, respecto aos traballadores/as que se teñan constituido como autónomos/as, establecéndose que poderán capitalizar o 40% da súa prestación por desemprego para afrontar os gastos de inicio da actividade; o resto da prestación abonarase para o pagamento das cotizacións á Seguridade Social.
É dicir, considérase que o citado apartado c) deste artigo 1º debería incluir como beneficiario a cualquier traballador ou traballadora autónomo/a e non soamente a aqueles ou aquelas que teñen discapacidade.

No artigo 7º establécese que o prazo para resolver e notificar será de seis meses. Este Comité Delegado propón que sexa de tres meses tal e como figuraba na Orde do exercicio de 2005.

Por último, este Comité Delegado considera que a técnica xurídica de deixar vixente a Orde do ano 2006, en canto non se opoña á nova, pode introducir confusións interpretativas nos administrados, polo que non parece a máis idónea; en todo caso, aspectos como o prazo para a presentación de solicitudes deberían figurar na nova orde para 2007.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos.

Obsérvase un erro na exposición de motivos e no artigo 1º.2 do proxecto normativo na data de publicación no DOG da Orde do 19 de maio de 2006, xa que a data correcta é 30 de maio de 2006.

Segunda.-  Exposición de motivos.

Na exposición de motivos consta que foi consultado o Consello Galego de Cooperativas. Este Comité Delegado considera que a consulta a este organismo non é necesaria.

Así, de acordo coa normativa reguladora do citado organismo, concretamente o Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, é función propia do Consello Galego de Cooperativas (artigo 3º.d) “emitir informe, con carácter preceptivo, sobre os proxectos e disposicións legais e regulamentarias e demáis normas que afecten directamente ás cooperativas ou ás súas organizacións …”.

A afectación directa á que se refire o texto do decreto supón que non todo tipo de normas poderían ser obxecto de ditame preceptivo polo Consello Galego de Cooperativas.

A orde obxecto de ditame ten como beneficiarios traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, polo que o seu carácter xeral e non específico para os socios/as e traballadores/as de cooperativas exclúe a necesidade de consulta ao Consello Galego de Cooperativas, pois de entenderse de outra forma, toda medida de política activa de emprego debería pasar a consulta preceptiva do devandito organismo. Téñase en conta, ademáis, que a propia Orde do 19 de maio de 2006 non foi obxecto do trámite de consulta do mencionado organismo. Polo tanto, debe rexer neste caso o aforismo “Accesorium non ducit, sed sequitur suum principalei”.

Pola contra, consideramos que debería incluirse a consulta do Comité Autonómico de Emprego, cuxos fins e funcións encaixan nunha consulta previa. Así, o Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico e os comités provinciais de emprego e seguimento da contratación laboral, establece como función deste “participar e informar sobre as políticas activas de emprego” e “emitir informe sobre a programación das medidas das políticas activas de emprego …”.

Terceira.- Artigo 1º. Obxecto e regulación.

O apartado 3 deste artigo establece que a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

En relación coa aplicación do disposto neste apartado, este Comité Delegado considera que debe terse en conta que, ao tratarse de persoas físicas beneficiarias, haberá que aplicar rigurosamente o establecido na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal.


Cuarta.- Disposición transitoria.

Esta disposición establece, no seu primeiro parágrafo, que os expedientes de subvención que se atoparan en tramitación unha vez finalizado o exercicio económico 2006, resolveranse con cargo aos créditos orzamentarios destinados para o dito fin para o ano 2007, en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Este Comité Delegado propón a substitución da expresión subliñada anteriormente pola de “en función da normativa aplicable”, xa que a normativa de aplicación é a mesma ao estar en vigor a Orde do 19 de maio de 2006.

Na letra b) desta disposición figura como requisito que o expediente non fora resolto de forma expresa e  non fora impugnado ao efecto do silencio.

Este Comité considera que existe un erro na expresión “ao efecto do silencio”, sendo a correcta “o efecto do silencio”.

Na letra c) figura a expresión “o solicitante”, considerando este Comité que debe figurar “persoa solicitante” co obxecto de respectar a diferencia de xéneros.

Quinta.- Disposición derradeira primeira.

Nesta disposición figura que se faculta á directora xeral de Relacións Laborais para ditar resolucións e instrucións necesarias.

Este Comité considera que debe substituirse a referencia á directora xeral para respectar a diferencia de xéneros, polo que debe figurar que se faculta á Dirección Xeral de Relacións Laborais.