ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE O PROCEDEMENTO E OS REQUISITOS PARA ACADAR OS ACORDOS SOBRE A TAXA DE ESTABILIDADE EN SECTORES DE ACTIVIDADE.

I. ANTECEDENTES


O día 28 de marzo de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores de actividade, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


No Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego en Galicia, asinado o pasado 5 de febreiro pola Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia, UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia, establécese, entre outros, o obxectivo de incrementar a taxa de estabilidade no emprego, para o que proponse, entre outras medidas, a de poñer en marcha programas de promoción e xestión de plans de estabilidade que establezan taxas sectoriais a acadar e analicen a situación dos distintos sectores de actividade e o establecemento de cláusulas específicas nos convenios colectivos.

Neste senso, a Consellería de Traballo, consciente da importancia de que as taxas de estabilidade dos diferentes sectores de actividade se determinen mediante un acordo sectorial consensuado e pactado no ámbito territorial de Galicia,  regula para o  ano 2007 nunha orde independiente da dos incentivos a contratación por conta allea vinculados a plans de estabilidade, o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade nos diferentes sectores  de actividade, así como os sectores productivos que poderán ser obxecto de acordo sobre taxa sectorial de actividade, todo iso  coa finalidade da súa aplicación á orde que regule o programa de incentivos aos plans empresariais de estabilidade no emprego.

O proxecto normativo sometido a ditame desenvolve os artigos 1º e 2º da Orde do 21 de abril de 2006 pola que se regulan os acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade e se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, publicada no DOG o día 28 de abril, ditaminada polo Consello con data 21 de marzo de 2006 (Ditame 20/06).

O artigo 2º do proxecto normativo dispón o contido do acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade que, ao igual que no exercicio pasado, deberá establecer a taxa de estabilidade inicial do sector e a taxa de estabilidade mínima que deberán acadar as empresas para poder acceder aos incentivos do programa de plans empresariais de estabilidade no emprego no ano 2007, coa novidade que apunta na letra a) do referido artigo 2º, consistente en que a taxa de estabilidade inicial do sector, no caso de existir, será a recollida nun convenio colectivo sectorial.

O artigo 3º do proxecto normativo define os sectores produtivos que poderán ser obxecto de acordo, que son os cinco que xa se estableceron no exercicio de 2006:

a. Agricultura, gandería, caza e silvicultura. C.N.A.E.: 01, 02.
b. Industrial téxtil e da confección. C.N.A.E.: 17, 18
c. Construcción. C.N.A.E.: 45
d. Comercio polo miúdo, agás comercio de vehículos de motor, motocicletas e ciclomotores, reparación. C.N.A.E.: 52
e. Hostalaría. C.N.A.E.: 55

  Como novidade, o apartado 2 deste artigo 3º establece que ademáis poderán acadar estes acordos todos aqueles sectores de actividade nos que exista un convenio colectivo sectorial, inclúa ou non unha cláusula de estabilidade no sector.

O artigo 4º establece que as partes lexitimadas para a sinatura destes acordos son as organizacións sindicais e empresariais máis representativas en Galicia e as partes que negociaron e asinaron o convenio colectivo sectorial.


O acordo acadarase no seo do Consello Galego de Relacións Laborais.

En canto ao prazo, o artigo 5º establece o prazo no que os acordos deberán asinarse, dispoñendo o artigo 7º que, en ausencia de acordo no citado prazo, publicarase resolución do Director/a Xeral de Promoción do Emprego que establecerá as taxas de estabilidade inicial e mínima que hai que acadar respecto dos sectores citados no artigo 3º.

O artigo 8º regula un procedemento de seguemento e análise do sector, dispoñendo que cada acordo establecerá unha subcomisión cara á análise da contratación indefinida e temporal do propio sector no seo de cada Comité provincial de emprego e de seguimento da contratación laboral, que poderá solicitar a información que considere oportuna e, incluso, realizar unha mostraxe entre empresas do sector para analizar as causas da temporalidade.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

O día 9 de abril de 2007 a Consellería de Traballo comunica ao Consello que os artigos 2º. b e 5º do proxecto normativo resultaron modificados, polo que remite un novo texto do proxecto de orde.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, en xuntanza celebrada o día 9 de abril de 2007, á vista do proxecto normativo, acorda dirixir escrito á Consellería de Traballo solicitando aclaración sobre os seguintes puntos:

• O artigo 2º do proxecto de orde dispón que o acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade deberá establecer a taxa de estabilidade inicial do sector e a taxa de estabilidade mínima que deberán acadar as empresas para poder acceder aos incentivos do programa de plans empresariais de estabilidade no emprego no ano 2007. Porén, no penúltimo parágrafo da exposición de motivos figura que nos pactos de estabilidade fixarase a taxa existente no sector e a taxa a acadar no ano 2007.

O Comité considera que a taxa de estabilidade inicial do sector non é igual que a taxa existente no sector, polo que solicita que se modifique a exposición de motivos para facela concordar co disposto no artigo 2º.

• O artigo 3º do proxecto de orde, no seu apartado 1, establece cinco sectores produtivos que poderán ser obxecto de acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade, mais non fixa o ámbito territorial deses acordos, poidendo entenderse –como no exercicio de 2006- que teñen ámbito galego e vincularían ás catro provincias da nosa comunidade.

Igualmente, no apartado 2 do citado artigo 3º, establécese que poderán acadar estes acordos todos aqueles sectores de actividade nos que exista un convenio colectivo sectorial e ao non fixar o ámbito territorial non queda claro se afectan só ao ámbito galego ou poden afectar exclusivamente á provincia na que existe un convenio colectivo sectorial.

• O artigo 4º do proxecto de orde establece que estarán lexitimados para a sinatura dos acordos, por unha banda, as organizacións sindicais e empresariais máis representativas, e pola outra as partes que negociaron e asinaron o convenio colectivo sectorial.

O Comité entende que poidera pensarse, en terminoloxía negocial, que as dúas partes que se citan son as lexitimadas para asinar todos os acordos ou tamén poidera pensarse que as citadas en primeiro lugar –organizacións sindicais e empresariais máis representativas- son as lexitimadas para asinar os acordos dos sectores aos que se refire o artigo 3º.1 e as citadas en segundo lugar - as partes que negociaron e asinaron o convenio colectivo sectorial- as lexitimadas para asinar os acordos aos que se refire o artigo 3º.2.


Con data 13 de abril de 2007 recíbese escrito do subdirector xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores da Dirección Xeral de Promoción do Emprego manifestando o seguinte:

1. En relación coa corrección que se solicita para que concorde a exposición de motivos e o artigo  2º, entendemos que, se ben no último parágrafo da exposición de motivos figura que nos pactos de estabilidade fixarase a taxa existente no sector e a taxa a acadar no ano 2007, tal e como queda  reflectido ao longo do articulado da orde, nos pactos de estabilidade establecerase por un lado a taxa de estabilidade inicial do sector, que será a que hai que ter en conta como punto de partida e que en realidade refírese á existente no sector e a taxa de estabilidade mínima que deberán acadar as empresas para poder acceder aos incentivos establecidos no programa de plans empresariais de estabilidade no emprego no ano 2007. En definitiva, non debe existir problema en indentificar a “taxa existente” coa “taxa de estabilidade inicial” e a “taxa a acadar” coa “taxa de estabilidade mínima”, pois ambos termos deben entenderse como sinónimos


2. En relación co Artigo 3.1,  nos cinco sectores produtivos que poderán ser obxecto de acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade, os acordos que se acaden , vinculan ás catro provincias galegas, da mesma forma que  no exercicio 2006, como claramente se desprende da redacción da exposición de motivos da Orde onde se fai expresa referencia á continuidade, neste punto concreto, do establecido no ano 2006.

3. En relación co Artigo 3.2 onde se menciona os convenios colectivos sectoriais, o  ámbito territorial dos acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade será o que teñan os propios convenios: provincial ou autonómico ou o que marque o propio convenio colectivo sectorial.
4. En relación coa redacción do Artigo 4, en efecto parece ser que a mesma  da lugar a equívocos por canto se inclúe na última parte do seu primeiro párrafo “e doutra, as partes que negociaron e asinaron o convenio colectivo sectorial”. No penúltimo parágrafo da exposición de motivos do proxecto de orde textualmente se di: “Nas actividades económicas onde haxa un convenio colectivo sectorial.....poderanse realizar pactos sectoriais de estabilidade co mesmo procedemento que nos cinco sectores mencionados”. Este mesmo procedemento esixe que sexan as mesmas partes as lexitimadas para a súa sinatura polo que a devandita frase  debe resultar eliminada.
Por tanto, a redacción correcta do Artigo 4 sería como segue:
“Artigo 4º. Partes lexitimadas para a súa sinatura
Aos efectos destes acordos estarán lexitimados para a súa sinatura as organización sindicais e empresariais mais representativas en Galicia. O acordo acadarase no seo do Consello Galego de Relacións Laborais”.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores de actividade” consta de: Exposición de motivos, nove artigos e dúas disposicións derradeiras.



O día 17 de abril de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


Contén asi mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.









DITAME 14/07



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores de actividade”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de marzo de 2007, modificado posteriormente e remitido pola Consellería o 9 de abril, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de abril de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité Delegado pon de manifesto que para cumplir debidamente a función de ditaminar, o proxecto normativo que se remita debe ser o definitivo, evitándose situacións como a deste proxecto que sufríu dúas modificacións desde a súa recepción neste organismo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 5º. Prazos.

Establece este artigo que os acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade deberán asinarse no prazo dun mes desde a data de entrada en vigor desta orde.

Este Comité Delegado considera que o prazo dun mes é axeitado para os acordos que asinen os sectores produtivos sinalados no artigo 3º.1, pero curto para o resto dos acordos aos que se refire o apartado 2 do artigo 3º, tendo en conta que existen máis de cen convenios colectivos sectoriais, polo que propón que se amplíe o prazo no tempo que a Consellería estime oportuno.

Segunda.- Artigos 6º, 7º e Disposición Derradeira Primeira.

Estas disposicións conteñen referencias ao Director Xeral de Promoción do Emprego e ao Conselleiro de Traballo.

Este Comité Delegado considera que, para respectar as diferencias de xénero, as referencias deben ser feitas ao órgano administrativo, é dicir, á Dirección Xeral de Promoción do Emprego e á Consellería de Traballo.

ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 4º. Partes legitimadas para a súa sinatura.

Este artigo establece que “Aos efectos destes acordos estarán lexitimados para a súa sinatura, por unha banda as organizacións sindicais e empresariais máis representativas en Galicia, e doutra as partes que negociaron e asinaron o convenio sectorial”.

A Confederación  de Empresarios de Galicia considera que debera modificarse a redacción nos seguintes termos: “Aos efectos destes acordos estarán lexitimados para a súa sinatura, por unha banda as organizacións sindicais e empresariais máis representativas en Galicia no sector afectado polo acordo, e doutra as partes que negociaron e asinaron o convenio sectorial”.

Segunda.- Artigo 8º. Análise de aplicación dos acordos.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe eliminarse o disposto no parágrafo segundo deste artigo 8º, que establece a facultade de solicitar, por parte das subcomisions de seguimento creadas nos Comités Provinciais de Emprego, toda aquela información que considere oportuna, co fin de analizar as causas da temporalidade no sector para o cal se realizará unha mostraxe entre as empresas do sector.  

Entendemos que a información que haberá de utilizarse é a baseada en fontes oficiais e non en mostraxes cuxo contido se descoñece; así mesmo o que haberá que analizar é a evolución da contratación nos diferentes sectores, pero non “as causas da temporalidade”.

Polo exposto, a Confederación de Empresarios de Galicia propón a seguinte redacción alternativa: “…Esta subcomisión solicitará toda aquela información oficial que considere oportuna, co fin de analizar a evolución da contratación no sector, co obxectivo de determinar a eficacia do programa ao remate deste.”