ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA DE PERSOAS DESEMPREGADAS PERTENCENTES A COLECTIVOS EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.”.

I. ANTECEDENTES


O día 3 de abril de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, e no Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego en Galicia, asinado o 5 de febreiro de 2007 entre a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia, a UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia, que, no seu apartado 8, establece medidas de fomento do emprego para favorecer a inclusión de colectivos en risco de exclusión e de marxinalidade, algún deles pertencentes a segmentos de poboación feminina que precisan dunha atención específica para a súa integración e reinserción.

Regúlanse nesta orde os incentivos dirixidos á contratación temporal daqueles grupos ou categorías de traballadores que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, co obxecto de mellorar a súa situación de emprego e corrixir os desequilibrios do mercado laboral, e os incentivos á contratación indefinida por conta allea, dirixidos a impulsar a estabilidade laboral nas empresas galegas, o crecemento global do emprego, así como a inserción laboral dos colectivos desfavorecidos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 31 de marzo de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 8 de febreiro de 2006 (Ditame 9/06), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións unánimes manifestadas polos axentes sociais e unha consideración manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.
O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos, relacionándose a continuación os máis significativos:

No artigo 4º engádese un apartado (ap.2) que establece: “Para os efectos do cálculo da taxa de estabilidade e do incremento do persoal fixo na empresa, ao persoal contratado con contratos de interinidade consideraráselle a mesma condición de fixo ou temporal que a persoa que substitúe. Se o traballador con contrato de interinidade substitúe a un traballador con obriga de cotización, e que consta no TC2, o interino non se computa”.

Modifícase a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa, esixida para poder acceder aos beneficios establecidos no proxecto normativo, pasando do 70% ao 72,50%.

Así, no suposto de contratación indefinida, inicial ou transformación, modifícase no apartado 1 do artigo 5º a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes da contratación obxecto de solicitude de subvención, establecendo que deberá ser igual ou superior ao 72,50%.
Engádese na letra b) deste artigo 5º.1 que son unicamente subvencionables as contratacións que superen a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral.

Igualmente, engádese neste artigo 5º.1 un novo apartado (letra c) que establece que “As contratacións indefinidas iniciais deberán supoñer incremento do cadro global de persoal da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral”.

No suposto de contratación temporal, (artigo 5º.2. a), modifícase tamén a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes anterior ao da contratación obxecto de solicitude de subvención, establecendo que deberá ser igual ou superior ao 72,50%.

Engádese un segundo parágrafo nesta letra a), que dispón: “As empresas de nova creación ou aquelas que non tivesen traballadores no mes anterior ao da contratación, poderán acollerse aos incentivos previstos nesta orde sempre e cando teñan unha taxa de estabilidade do 72,50%, excluído o novo contrato temporal, no mes da contratación e cumpran o resto dos requisitos establecidos na orde de convocatoria”.

Igualmente, modifícase o disposto na letra b) deste artigo 5º.2, establecendo que “As contratacións deberán supoñer incremento do cadro global de persoal da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral”.

Increméntanse as contías das axudas (artigo 6º), poidendo chegar ata os 12.000 euros no caso de contratación indefinida, e no caso de contratación temporal desde os 2.520 se o contrato é de 6 meses ata os 5.040 euros se é de 12 meses.


No artigo 7º, apartado c) desaparece a exclusión, para o suposto de contratacións indefinidas iniciais, das realizadas con traballadores ou traballadoras vinculados coa empresa por un contrato temporal.

O artigo 9º, que regula as solicitudes e o prazo para presentalas, establece que a presentación da solicitude de subvención comporta a autorización para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social, agás que o solicitante denegue expresamente o consentimento e achegue coas solicitudes as referidas certificacións.

O artigo 10º esixe, como novidade, que se achegue coa solicitude nómina correspondente ao mes no que se realiza a contratación do traballador obxecto de solicitude de subvención ou, no seu caso, declaración da empresa na que se faga constar os custos salariais totais do dito mes.

O artigo 19º dispón que as axudas establecidas nesta orde (por erro di “anexo”) están amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario polo seu sometemento ao Regulamento (CE) nº 2204/2002, da Comisión da Unión Europea, de 12 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais para o emprego.

Finalmente, a disposición adicional terceira habilita aos delegados/as provinciais e ao director xeral de Promoción do Emprego a resolver, por delegación do conselleiro de Traballo, os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 17 de abril de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén seis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.





DITAME 15/06





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de abril de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de abril de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:






CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.

No segundo parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo figura que a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UXT Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia conveñen en subscribir o 5 de febreiro de 2007 o Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego en Galicia.

Este Comité Delegado suxire que se corrixa o erro existente na denominación da organización sindical UGT-Galicia, xa que esta é a súa denominación e non UXT-Galicia.

Segunda.- Artigo 3º. Colectivos.

Neste artigo relaciónanse os colectivos en risco de exclusión social cunha serie de letras, figurando o j) e o k), así como na disposición adicional cuarta, na que se fai referencia á letra j).

Este Comité Delegado considera que estas letras son impropias da lingua galega, polo que deben substituírse neste artigo e na disposición adicional cuarta, polas que correspondan.

Terceira.- Artigo 12º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité Delegado considera este prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Cuarta.- Artigo 16º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 4 deste artigo establécese que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites establecidos pola Unión Europea e polo artigo 78º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Este Comité Delegado considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben figurar expresamente os citados límites no texto da orde.

Quinta.- Artigo 19º. Réxime de axudas.

Establece este artigo que as axudas recollidas neste anexo están amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario.

Este Comité Delegado considera que existe un erro, sendo a redacción correcta: “As axudas recollidas nesta orde ...”.



Sexta.- Disposición adicional terceira.

Esta disposición establece que se aproba a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo nos delegados/as provinciais e no director xeral de Promoción do Emprego.

Este Comité Delegado considera que se deben respectar as diferencias de xénero, polo que debería substituirse “conselleiro” por “a persoa titular da Consellería” e “director xeral” por “a persoa titular da Dirección Xeral