ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN INDEFINIDA DAS MULLERES COMO MEDIDA PARA LOGRAR UN MERCADO DE TRABALLO IGUALITARIO, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.

I. ANTECEDENTES


O día 3 de abril de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


No marco das políticas activas de emprego, desenvolvidas pola Xunta de Galicia, os incentivos á contratación por conta allea configúranse como un instrumento para facilitar o acceso e permanencia no emprego de grupos de traballadores con maiores dificultades e pola súa vez como unha ferramenta para fomentar a estabilidade laboral das novas contratacións e dos cadros de persoal das empresas galegas.

Na programación dos incentivos para o ano 2007, o colectivo feminino segue a ser un dos especialmente atendidos no conxunto dos incentivos á contratación indefinida, co obxectivo de poñer a disposición das mulleres galegas medidas activas de política laboral que favorezan a súa inserción no mercado de traballo, a súa representación equilibrada en todas as profesións e sectores de actividade, así como unha maior participación na taxa de actividade e de ocupación, e que pola súa vez contribúan a reducir o diferencial da taxa de desemprego entre homes e mulleres.

Co dito fin, e para seguir incidindo na mellora da situación de emprego das mulleres galegas, no presente ano os incentivos á contratación por conta allea, plásmanse nunha orde propia dirixida exclusivamente ao colectivo de mulleres, na súa consideración de colectivo beneficiario, incidindo en todas aquelas situacións que dificultan o seu acceso ao mercado laboral.

Non existen antecedentes do proxecto normativo, xa que é a primeira vez que se somete a ditame.

Á vista do borrador remitido sinálanse neste novo proxecto normativo os seguintes aspectos a destacar:

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa de fomento da contratación por conta allea das mulleres desempregadas,
regulándose os incentivos á contratación indefinida tanto inicial como a transformación de determinados contratos temporais en indefinidos, dirixidos a impulsar a estabilidade laboral nas empresas galegas, o crecemento global do emprego, así como a inserción laboral do colectivo feminino.

Establécese nesta orde un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas realízase pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

As beneficiarias das axudas previstas no proxecto normativo deberán ser mulleres desempregadas maiores de 31 anos pertencentes a algún dos colectivos previstos no artigo 3º, poidendo ascender o importe da axuda a 7.500 euros (artigo 6º).

O artigo 16º  establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.
As axudas serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego, pero compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social e con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 17 de abril de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén nove consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.



Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galica e a Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo II) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo III).




DITAME 16/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de abril de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de abril de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.

No segundo parágrafo da exposición de motivos alúdese ao Acordo polo emprego asinado o 5 de febreiro entre a Xunta e os axentes sociais.

Este Comité Delegado considera que en lugar de referirse aos axentes sociais, deben especificarse as organizacións que asinaron o citado Acordo: UGT-Galicia, S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Segunda.-  Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 3. a) deste artigo establécese que a xestión deste programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.
Terceira.- Artigo 3º. Colectivos.

No primeiro parágrafo deste artigo defínense como colectivo beneficiario as mulleres desempregadas maiores de 31 anos nas que concurra algunha das circunstancias que se sinalan.

Este Comité Delegado considera que hai que ter en conta que hai mulleres que non son desempregadas e a súa contratación pode ser subvencionada, como no caso previsto no artigo 4º.b) para as transformacións en indefinidos  de contratos temporais, polo que se suxire que se modifique a redacción do citado parágrafo.

Cuarta.-  Artigo 9º. Solicitudes e prazo.

O apartado 3 deste artigo establece que as solicitudes polas contratacións, iniciais ou transformacións, de mulleres desempregadas realizadas dende o 16 de setembro do 2006 ata a data da publicación da presente orde, poderán presentarse ata o 31 de maio do 2007.

Este Comité Delegado suxire que se teña en conta a data da publicación da orde para fixar o prazo, estimando que debería ser polo menos dun mes.

Así mesmo, hai que ter en conta que se as contratacións son transformacións, as mulleres non son desempregadas, polo que suxírese que se substitúa a redacción pola de “as solicitudes presentadas ao abeiro desta orde realizadas ....”.
Quinta.- Artigo 10º. Documentación.

Este Comité Delegado fai constar que non foron remitidos ao Consello para ditame os anexos aos que se refire este artigo.


Sexta.- Artigo 12º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité Delegado considera este prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Sétima.- Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado 3 deste artigo esíxese a adopción de medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité Delegado considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben concretarse no texto da orde as medidas de difusión que deben adoptarse.




Oitava.- Disposición adicional cuarta.

Esta disposición establece que terá a consideración de titular de familia monoparental e con cargas familiares a muller que teña ao seu coidado fillas ou fillos menores de 21 anos ou persoas maiores incapacitadas e que non obteñan ingresos de calquera natureza superiores ao 75% do IPREM vixente no momento da solicitude.

Este Comité Delegado considera que debe figurar na citada disposición que a referencia á obtención de ingresos é per capita, rateándose a totalidade dos ingresos entre o número de membros da unidade familiar.

Novena.- Disposición derradeira primeira.

Nesta disposición facúltase ao director xeral de Promoción do Emprego para ditar as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Este Comité Delegado suxire que, para respetar as diferencias de xénero, en lugar de director xeral figure dirección xeral; así mesmo, propón que o termo “aclaracións” sexa substituído por “instrucións”.



ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia valoran positivamente a regulación dos incentivos á contratación por conta allea nunha orde propia, dirixida exclusivamente ao colectivo de mulleres, na súa consideración de colectivo beneficiario, incidindo en todas aquelas situacións que dificultan o seu acceso ao mercado laboral.






ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG).

Primeira.- Artigo 3º. Colectivos.

Este artigo define como colectivo beneficiario dos incentivos regulados nesta orde ás mulleres desempregadas maiores de 31 anos nas que concorra algunha das circunstancias que se citan no citado artigo, outorgando carácter xeral ás subvencións ao incluir na letra g) ás mulleres desempregadas que non estean incluídas en ningún dos colectivos anteriores.

A Confederación Intersindical Galega manifesta o xa sinalado no ditame 20/06, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á reducción da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.


• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”

Segunda.- Artigo 16º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.

Terceira.- Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, nos seus apartados 5, 6 e 7, obriga aos beneficiarios a manter no seu cadro de persoal fixo ás traballadoras contratadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.


A Confederación Intersindical Galega considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que pretende avanzar na estabilidade contractual das mulleres traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento improcedente pode resultar moi inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos.

















ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 4º. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

No apartado 1.b) deste artigo establécense axudas ás transformacións en indefinidos de contratos para a formación, en prácticas, de revezamento, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que deberían incluirse todas as modalidades de contratación temporal e non só as que se especifican na letra b).

Segunda.- Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.

O apartado 5 deste artigo establece que, no suposto de extinción da relación laboral da traballadora pola que se concedese a subvención, a nova traballadora deberá estar incluida nos colectivos citados no artigo 3º e deberá reunir os mesmos requisitos do contrato inicial.


A Confederación de Empresarios de Galicia considera que sería recomendable unha maior flexibilidade, permitíndose a contratación de calquera muller incluida en calquera dos supostos contemplados no artigo 3º, así como as transformacións dos contratos temporais nos termos da propia orde.