ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS A PLANS EMPRESARIAIS DE ESTABILIDADE LABORAL, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.

I. ANTECEDENTES



O día 20 de abril de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde establece unha política de fomento da contratación indefinida, mediante a concesión de incentivos xerais  tanto pola contratación inicial como por transformación de contratos temporais en indefinidos que se realicen como consecuencia de plans empresariais de estabilidade laboral.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde reguladora dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, publicado no DOG o día 28 de abril de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 20 de marzo de 2006, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

O procedemento de concesión non ten a consideración de concurrencia competitiva, senón que a concesión das axudas realízase pola comprobación da concurrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Na orde do exercicio de 2006 regulábase nesta orde o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade nos diferentes sectores de actividade; este ano regúlanse nunca orde independente, a Orde do 27 de abril de 2007, que foi publicada no DOG o pasado día 2 de maio.

Respecto ao ámbito de aplicación, os plans empresariais de estabilidade deberán vincularse a acordos sobre a taxa sectorial de actividade, acadados segundo o procedemento previsto na orde citada anteriormente, agás nos casos de empresas pertencentes a sectores de actividade nos que non existe acordo sectorial, esixíndose neste caso que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa que se acade como consecuencia das contratacións, sexa igual ou superior ao 72,5%, xunto con outros requisitos que sinala o artigo 5º.2 do proxecto normativo.

Os incentivos ás contratacións determinaranse en atención á taxa de estabilidade que a empresa acade, incrementándose este ano as contías, sendo a mínima de 2.500 euros e a máxima de 5.500 (nalgúns casos pasan de 3.500 a 4.500 euros: artigo 6º2.b.1.do proxecto normativo).

En canto ás solicitudes e prazo, obsérvase que se modifica o  prazo para a presentación dos xustificantes para o pagamento das axudas, que rematará o 15 de novembro de 2007 ( o ano pasado foi o 30 de outubro de 2006).

Modifícanse as obrigas das empresas beneficiarias, reguladas no artigo 14º do proxecto normativo, engadíndose a de adoptar as medidas axeitadas de difusión (apartado 4) e especificando, respecto da obriga de non modificar a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia, no seu cómputo anual (apartado 7) o que se entende por unha diminución substantiva da taxa de estabilidade acadada, esixíndose así mesmo non minorar a media anual de traballadores fixos, durante, polo menos, 3 anos dende o último mes no que se realicen contratacións.
Finalmente, engádese unha disposición adicional, a quinta, que establece que para o caso de empresas que se acolleron aos incentivos regulados na Orde do 21 de abril de 2006, non se terán en conta –para determinar o incremento da taxa de estabilidade- as medias do período comprendido entre os meses de outubro 2005 a setembro 2006, senón que a referencia para determinar os incrementos esixidos serán os resultados acadados coa execución do plan no dito ano.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, sete disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.

O día 8 de maio de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial e doce consideracións específicas, tamén de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén asi mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha manifestada polas organizacións sindicais representadas no Consello (anexo I), tres consideracións manifestadas pola CIG (anexo II) e cinco consideracións manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo III).




DITAME 17/07






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de abrilde 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de maio de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames entende que para ditaminar axeitadamente os contidos deste proxecto de orde, na medida en que se trata dunha norma que ten antecedente na anterior de contido semellante que tiña vixencia para o exercicio 2006, sería conveniente ter recibido da Consellería información dos resultados da aplicación da norma precedente, expresando cando menos o número de solicitudes e o número de contratos de traballo por elas afectados, así como –cando o prazo de resolución o permita- expresión das solicitudes resoltas en sentido favorable, total ou parcialmente, e das rexeitadas, para poder calibrar co apropiado coñecemento de causa o alcance e efectos da norma, e poder avaliar convenientemente as posibilidades de suxerir modificacións e reformas que poideran mellorar o cumprimento dos obxectivos da nova orde.

En aplicación do artigo 3º, apartado 2, letra g), da Lei 7/1988, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, solicítase que co envio de normas a ditaminar, ademáis das correspondentes memorias, se acompañen os datos antes sinalados, naqueles casos en que como este, se trate de normas destinadas a renovar para o ano actual outras promulgadas coas mesmas finalidades en exercicios anteriores.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 4. a) deste artigo establécese que a xestión deste programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Segunda.- Artigo 4º. Exclusións.

No apartado c) deste artigo establécese que exclúense dos incentivos as contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.
Este Comité considera que debe constar que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.
Terceira.- Artigo 5º. Definición.

Establece este artigo que se entende por plan empresarial de estabilidade e taxa de estabilidade.

Este Comité Delegado considera que neste artigo falta previsión respecto da necesidade de información aos representantes legais do persoal da empresa.

Así mesmo, no apartado 5 deste artigo alúdese a un modelo normalizado anexo ao proxecto normativo, que non foi remitido para ditame.

Cuarta.- Artigo 8º. Solicitudes e prazo.

O apartado 3 deste artigo establece que o prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 30 de xuño de 2007.

Este Comité Delegado considera o prazo moi curto tendo en conta que xa estamos no mes de maio, polo que suxire que se teña en conta a data en que se publicará a orde e se estableza un prazo axeitado.

Quinta.- Artigo 9º. Documentación.

No apartado 1 deste artigo esíxese, xunto coa solicitude, DNI e acreditación do NIF. Este Comité Delegado considera que se o solicitante é persoa física é suficiente co DNI, polo que suxire que non se esixa acreditación do NIF.

No apartado 4 deste artigo obsérvase un erro na data, xa que a referencia debe facerse ao 30 de xuño de 2007 e non de 2006 ou á data que se estableza para o caso de ter en conta o manifestado anteriormente na consideración cuarta.

Así mesmo, este Comité fai constar que os modelos normalizados e anexos que se citan neste artigo non foron remitidos para ditame.

Sexta.- Artigo 11º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera excesivo o prazo de seis meses, polo que propón que sexa de tres meses.

Sétima.- Artigo 12º. Xustificación do pagamento.

O apartado 1 deste artigo condiciona o pagamento das axudas á presentación dunha serie de documentos, figurando en primeiro lugar o DNI das persoas traballadoras contratadas.

Tendo en conta que o DNI é un documento persoal e instransferible, este Comité Delegado propón que a documentación a presentar poda ser orixinal ou cotexada.

Así mesmo, no apartado 3 deste artigo, establécese que non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención se o beneficiario é debedor en virtude de “resolución declarativa de procedencia de reintegro”.

Este Comité entende que debe decir “resolución firme, declarativa da procedencia de reintegro”.

Oitava.-  Artigo 13º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 4 deste artigo establece que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites fixados pola Unión Europea e polo artigo 78.8ª do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Este Comité Delegado considera que os citados límites deben establecerse expresamente no texto do artigo.

Novena.-  Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

O apartado 4 deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que son axeitadas.
Décima.-  Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado 7.b) establécese  un dos supostos nos que se entende que se produce unha minoración substantiva da taxa de estabilidade.

Este Comité considera que é difícil interpretar o parágrafo, polo que suxire que se substitúa a redacción por outra que se comprenda mellor.

Décimo primeira.-  Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado 8 deste artigo establécese a obriga das empresas beneficiarias de presentar o TC2 correspondente ao último mes no que se efectuaron as ditas contratacións.

Este Comité suxire que sexa a Administración, mediante algún convenio coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, a encargada de aportar o TC2 e facer, dese modo, o seguimento e control dos datos esixidos.

Décimo segunda.- Disposición derradeira primeira.

Esta disposición faculta ao director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Este Comité Delegado considera que o termo “aclaracións” debe substituirse polo de “instrucións”, para evitar deixalo á interpretación do director xeral.
ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 5º.- Definición.
O apartado 1, letra b), segundo parágrafo, deste artigo, establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teña en conta a propia vontade da persoa traballadora para o cómputo do cadro de persoal fixo e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.





ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Do texto articulado da Orde, dedúcese que outorga carácter xeral ás subvencións á contratación estable, por canto que delas serán beneficiarias as empresas que cumpran os requisitos establecidos nesta norma, cando contraten traballadores/as por conta allea, coa única condición de que se trate de persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, ou ben afectadas pola simple transformación dun contrato temporal noutro indefinido.

Neste sentido, a Confederación Intersindical Galega lembra o sinalado no Ditame 17/05 e noutros posteriores deste Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, que facéndose eco do manifestado polas organizacións sindicais en propostas unitarias anteriores (Avaliación e propostas en materia de Servizo Público de Emprego galego e Políticas Activas, Maio de 2003; e Propostas sindicais ante a situación do Servizo Público de Emprego de Galicia, Políticas Activas e Precariedade, 110 propostas concretas ao Comité Autonómico de Emprego, Setembro de 2003), insiste na necesidade de “redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á reducción da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 13º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.


Segunda.- Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, no seu apartado 5, obriga aos beneficiarios a manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

A Confederación Intersindical Galega considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento improcedente pode resultar moi inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.











ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 3º. - Ambito de aplicación.

No apartado 2, terceiro parágrafo, deste artigo sinálase que poderán subvencionarse as conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada celebrados con anterioridade á entrada en vigor da presente orde. Esta limitación deixaría fóra da posibilidade de incentivo a contratos temporais celebrados con posterioridade e vai en contra da regra xeral de subvencionar as contratacións realizadas ata o 30 de setembro de 2007.

Proponse a eliminación da devandita mención.

Sería tamén desexable incentivar igualmente, aínda que de modo proporcional, a conversión dun contrato a tempo completo temporal en contrato indefinido a tempo parcial, pois suporía igualmente unha execución dos acordos firmados, en concreto o Acordo sobre obxectivos e medidas para o emprego, por canto estaríase apostando pola estabilidade, máxime se no Plano de Estabilidade da empresa se acotan estes casos en función das circunstancias concretas e obxectivas.



Segunda. - Artigo 4º Exclusións.

Consideramos necesario eliminar a exclusión establecida no art.4º letra c, segundo parágrafo, no que se sinala que a exclusión establecida no parágrafo primeiro será tamén de aplicación “…no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que o solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no art. 44 do Real Decreto Lexislativo 1/1995, do 24 de marzo”.

Esta limitación exclúe do incentivo aquelas empresas que teñan obriga de subrogación, obriga que na negociación colectiva galega non é descoñecida para importantes sectores (v.gr. limpezas). Xeraríase polo tanto de novo unha diferenciación que non estaría xustificada no fin que persegue a medida.

Respecto a este mesmo artigo 4, apartado c), a exclusión debería contemplar unha excepción referida a que o contrato indefinido anterior se extinguise por causas distintas a un despido improcedente, por canto podería darse o caso de que unha empresa que pasou por unha situación de crise e se lle autorizou un ERE, se logo pasado ano e medio a empresa recupera  a actividade, e se ve na posibilidade de acollerse a estas bonificacións pese a que desexa recuperar aos seus antigos empregados, non podería acollerse aos incentivos.



Terceira. - Validez de causas de extinción do contrato (art. 4º, letra d).

En relación coas causas de extinción do contrato do traballador que se recollen como válidas para gozar da subvención, deberíanse engadir as restantes letras do art. 52 do Estatuto dos Traballadores.

Cuarta. - Definición e obrigas (artigos 5º e 14º).

Para poder acceder aos incentivos establécense uns requisitos que fan por un lado difícil acceder ás axudas e por outro doado a súa devolución:

Como requisitos para acceder establécense, ademáis de alcanzar a taxa de estabilidade mínima, o incremento do emprego fixo con respecto a un período de tempo, o incremento neto do emprego total tamén con respecto á media do mesmo período antes mencionado, así como a non diminución da totalidade de traballadores no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

Por último, en canto ás obrigas da empresa beneficiaria, unha vez exista resolución ao seu favor, establécense as de “non modificar a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia, no seu cómputo anual, da taxa de estabilidade alcanzada, nin minorar a media anual de traballadores fixos durante polo menos 3 anos dende o último mes no que se realicen contratacións”.

O criterio debe ser flexibilizar estes requisitos, establecendo para acceder á subvención só o requisito de alcanzar a taxa mínima e o incremento do emprego fixo, pois o emprego  temporal pode loxicamente sufrir variacións pola súa propia condición e natureza.

En canto ás obrigas establecidas no art. 14º, deberían tamén flexibilizarse, esixindo soamente o mantemento no cadro de persoal dos traballadores contratados durante polo menos tres anos e en canto ao mantemento da taxa de estabilidade, debería admitirse a posibilidade de establecer certos criterios correctores e mesmo a redución da mesma xustificada en causas económicas, técnicas, organizativas ou de producción.

Pénsese por exemplo nun sector como o da construción no que é habitual a alteración do cadro de persoal das empresas de xeito brusco en función ou non da existencia de carga de traballo. Difícilmente poderían empresas constructoras asumir o compromiso de mantemento ou incremento de cadro de persoal que con carácter xeral esixe a Orde como requisito para o acceso ás axudas. Neste caso, os criterios a seguir poderían ser varios, dende a introdución de coeficientes correctores en función da porcentaxe de contratos de fixos de obra, ou a habilitación dunha causa de excepcionalidade debidamente xustificada en, por exemplo, a terminación de obra que supoña polo menos un 15% da facturación media.

Quinta. - Artigo 9º. Documentación.

No número 6, esíxese unha declaración da estructura da empresa e do emprego. Consideramos que debería ser substituída por “declaración da estructura do emprego da empresa”.