ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA O FOMENTO DA ESTABILIDADE NO EMPREGO, COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.

I. ANTECEDENTES


O día 26 de abril de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, e no Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego en Galicia, asinado o 5 de febreiro de 2007, entre a Xunta de Galicia, as organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia, co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio.

Regúlanse nesta orde un conxunto de medidas para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego que teñen como finalidade facilitar a creación de emprego estable e de calidade, poñendo especial atención en facilitar a inserción laboral de persoas desempregadas con maiores dificultades de integración no mercado de traballo e a permanencia nas empresas con contrato estable a aqueles que teñen na actualidade un contrato temporal.

Non se regulan neste proxecto de orde os incentivos para a contratación de mulleres que, polas súas propias características á hora de acceder a un posto de traballo e para este ano, regúlanse nunha orde independente.

Inclúese, así mesmo, un programa específico para apoiar e incidir naquelas empresas sen persoas asalariadas pero con potencialidade para a creación de emprego, establecéndose tamén unha liña específica de apoio á contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D, co fin de favorecer a innovación nas empresas galegas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 31 de marzo de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de febreiro de 2006, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

O procedemento de concesión non ten a consideración de concurrencia competitiva, senón que a concesión das axudas realízase pola comprobación da concurrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

No artigo 2º esíxese que as taxas de estabilidade das empresas beneficiarias deberán ser iguais ou superiores ao 72,5% (en 2006 era o 70%). Para os efectos do cálculo da taxa de estabilidade e do incremento do persoal fixo na empresa, ao persoal contratado con contratos de interinidade consideraráselle a mesma condición de fixo ou temporal que a persoa que substitúe. Se o traballador con contrato de interinidade substitúe a un traballador con obriga de cotización, e que consta no TC2, o interino non se computa.

No anexo A do proxecto normativo, que regula o programa de fomento da contratación indefinida inicial de colectivos de desempregados con dificultades de inserción laboral, contémplanse como colectivos beneficiarios exclusivamente aos homes maiores de 31 anos que sexan desempregados de longa duración ou que sexan desempregados titulares de familias monoparentais con cargas familiares ou ben desempregados de unidades familiares nas que ningún dos seus membros en idade laboral obteña rendas de calquera natureza superiores ao 75% do IPREM vixente no momento da solicitude. Increméntase considerablemente a contía dos incentivos neste programa.

No anexo B, que regula o programa de fomento da permanencia nas empresas con contrato estable a aqueles que teñen na actualidade un contrato temporal, son tamén os homes o colectivo beneficiario, sempre que sexan maiores de 31 anos no momento da contratación temporal.

O anexo C, que regula o programa de axudas a empresarias e empresarios sen persoas asalariadas pola contratación da súa primeira persoa traballadora fixa, non contén cambios significativos respecto á regulación anterior.

No anexo D, que regula os programas de fomento da contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D e ten como obxecto favorecer a inserción laboral con carácter estable dos mozos e mozas titulados universitarios ou de formación profesional de segundo grao ou de ciclo superior, establécese a obriga da empresa de manter a estrutura do seu cadro de persoal en Galicia cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 72,5% no seu cómputo anual, durante polo menos 3 anos desde o mes no que se realice a contratación subvencionada.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, once artigos, sete disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras, ademáis de catro anexos (A, B, C e D) que regulan os catro programas de fomento da contratación indefinida.

O día 9 de maio de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola CIG (anexo I) e dúas consideracións xerais e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).



DITAME 18/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de abril de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de maio de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:









CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que deberíase correxir a técnica normativa pola que se optou excluir ás mulleres traballadoras como posibles causantes das axudas establecidas nos programas regulados nos anexos A e B desta orde. Esta exclusión mesmo podería resultar inconstitucional, considerando esta norma unitariamente, ao poder estar aberto o prazo para presentar solicitudes ao abeiro desta, en tanto xa finalizou –ou viceversa- o prazo para solicitar ao abeiro da orde específica de fomento do traballo estable das mulleres.

Considera este Comité que sería máis correcta unha norma base ou horizontal, na que se inclúa como causantes das axudas a todas as persoas traballadoras que se atopen colectivamente nas circunstancias que a propia norma defina, pero sen exclusión ningunha por razón de xénero. Complementariamente, de ser o caso, poderíanse establecer nesta mesma ou noutra norma maiores axudas, primando aos colectivos (mulleres, por exemplo) que se definan.


Segunda.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames entende que para ditaminar axeitadamente os contidos deste proxecto de orde, na medida en que se trata dunha norma que ten antecedentes nas anteriores de contido semellante que tiñan vixencia para os pasados exercicios, sería conveniente ter recibido da Consellería información dos resultados da aplicación das normas precedentes nos ejercicios anuais xa pechados, expresando cando menos o número de solicitudes e o número de contratos de traballo por elas afectados, así como expresión das solicitudes resoltas en sentido favorable, total ou parcialmente, e das rexeitadas, para poder calibrar co apropiado coñecemento de causa o alcance e efectos da norma, e poder avaliar convenientemente as posibilidades de suxerir modificacións e reformas que poideran mellorar o cumprimento dos obxectivos da nova orde.

En aplicación do artigo 3º, apartado 2, letra g), da Lei 7/1988, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais (que sinala entre as funcións do Consello a de “solicitar e recibir dos órganos competentes da Xunta de Galicia canta información precise para o desempeño das súas funcións”), solicítase que, co envio de normas a ditaminar, ademáis das correspondentes memorias, se acompañen os datos antes sinalados, naqueles casos en que como este, se trate de normas destinadas a renovar para o ano actual outras promulgadas coas mesmas finalidades en exercicios anteriores.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos.

No segundo parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo figura que a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UXT Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia conveñen en subscribir o 5 de febreiro de 2007 o Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego en Galicia.

Este Comité Delegado suxire que se corrixa o erro existente na denominación da organización sindical UGT-Galicia, xa que esta é a súa denominación correcta e non UXT-Galicia.

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No parágrafo 5, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 4º. Solicitudes e prazo.

No apartado 7 deste artigo repítese, por erro, a expresión “nos rexistros públicos de axudas”, polo que se suxire que se suprima.

Cuarta.- Artigo 6º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran este prazo excesivamente longo, polo que propoñen que se reduza a tres meses.

Quinta.- Artigo 7º. Incompatibilidades e concorrencia.

No apartado 4 deste artigo establécese que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites establecidos pola Unión Europea e polo artigo 78º.9 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Este Comité Delegado considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben figurar expresamente os citados límites no texto da orde.




Sexta.- Artigo 8º. Obrigas dos beneficiarios.

Establece este artigo na letra d), que os beneficiarios teñen que adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité considera que deben aclararse no texto da orde que medidas son as axeitadas que hai que adoptar. Ademáis, debería suprimirse, na terceira liña, a expresión “e se é o caso”, xa que os programas regulados nesta orde son cofinanciados polo Fondo Social Europeo en todo caso.

Sétima.- Anexos A, B e D. Exclusións.

Na base sétima do anexo A, na sexta do anexo B e na quinta do anexo D, no apartado c), establécese que exclúense dos incentivos as contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debe constar nos citados apartados que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.





ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Do texto articulado da Orde, particularmente no que se refire ás axudas recollidas no Anexo B, dedúcese que serán beneficiarias as empresas que cumpran os requisitos establecidos nesta norma, pola simple transformación dun contrato temporal noutro estable.

Neste sentido, a Confederación Intersindical Galega lembra o sinalado no Ditame 17/05 e noutros posteriores deste Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, que facéndose eco do manifestado polas organizacións sindicais en propostas unitarias anteriores (Avaliación e propostas en materia de Servizo Público de Emprego galego e Políticas Activas, Maio de 2003; e Propostas sindicais ante a situación do Servizo Público de Emprego de Galicia, Políticas Activas e Precariedade, 110 propostas concretas ao Comité Autonómico de Emprego, Setembro de 2003), insiste na necesidade de “redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:


• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á reducción da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 7º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.


Segunda.- Artigo 8º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, no seu apartado e), en relación co disposto nos diferentes anexos desta orde, obriga aos beneficiarios a manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

A Confederación Intersindical Galega considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento improcedente pode resultar moi inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.











ANEXO II


CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) propón que se rebaixe a esixencia da taxa de estabilidade do 72,5% para poder ser beneficiario dos incentivos regulados no proxecto normativo, tendo en conta os colectivos que nesta orde se subvencionan.


Segunda.

A CEG propón a inclusión, entre os supostos subvencionables, da transformación de contratos temporais en indefinidos, con independencia do tipo de contrato temporal de que se trate. Na proposta da Administración a posibilidade do incentivo queda reducida aos contratos de obra, formativos, de interinidade e de relevo, non contemplándose outras modalidades de contratación temporal.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Anexos A, B, C e D. Exclusións.

Na base sétima do anexo A, na sexta do anexo B, na sexta do anexo C e na quinta do anexo C, no apartado a), establécese que exclúense dos incentivos as contratacións de traballadores e traballadoras para prestar servizos noutras empresas mediante contratos de posta a disposición.

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que esta mención debería eliminarse do texto da orde por ser discriminatoria e afectar a unhas determinadas empresas simplemente polo mero feito da  actividade empresarial e totalmente legal á que se dedican.

Segunda.- Anexos A, B e D. Exclusións.

Igualmente, nas bases sétima do anexo A, sexta do anexo B e quinta do anexo C, no apartado d),  exclúense dos incentivos ás traballadoras e traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores.


A Confederación de Empresarios de Galicia considera, en relación coas causas de extinción do contrato do traballador que se recollen como válidas para gozar da subvención, que deberíanse engadir as restantes letras do artigo 52 do Estatuto dos Traballadores.