ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE CONVOCA PARA O ANO 2007 OS INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DIRIXIDOS A FAVORECER A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR.

I. ANTECEDENTES


O día 26 de abril de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2007 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, e no primeiro Acordo polo Emprego, asinada o 5 de febreiro de 2007, entre a Xunta de Galicia, UGT-Galicia, S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia, co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, para o que é necesario adoptar políticas que promovan a conciliación da vida profesional e persoal de homes e mulleres.

Esta orde ten como obxectivo o reforzamento da política de igualdade de homes e mulleres, articulando un conxunto de medidas destinadas a mellorar o acceso das mulleres ao mundo laboral e co obxecto de promover a corresponsabilidade do home e da muller nas tarefas que levan consigo a paternidade/maternidade e o coidado de familiares.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 31 de marzo de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 8 de febreiro de 2006, obsérvase que foron tidas en moitas das consideracións xerais e específicas de carácter unánime manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas realízase pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

No proxecto normativo exclúense das axudas as situacións que dean lugar ás bonificacións previstas pola normativa estatal (disposición adicional sexaxésima quinta da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006 e artigo 4.2 da Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego).

O artigo 7º, apartado 6, establece que a presentación da solicitude de subvención xa comporta a autorización para que os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social sexan solicitados polo órgano xestor das axudas. Agora ben, no actual proxecto normativo admítese a posibilidade de que o solicitante poda denegar expresamente o consentimento, debendo aportar neste caso as correspondentes certificacións.

O apartado 7 de dito artigo establece que mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluir e facer públicos os datos relativos ás axudas nos rexistros públicos, conforme ao Decreto 132/2006, de 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos.

Doutra banda, o apartado 8 determina que as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Traballo, ao tempo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, de acordo coa Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública galega.

Finalmente, suprímense as disposicións transitorias que figuraban na orde do exercicio pasado e modifícase o artigo 17º, relativo ao réxime de axudas de mínimis, establecéndose que os incentivos regulados no proxecto normativo non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión Europea.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2007 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezasete artigos, cinco disposicións adicionais e dúas derradeiras.

O día 9 de maio de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma e catro específicas de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).





DITAME 19/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2007 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de abril de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de maio de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:












CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.  

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames entende que para ditaminar axeitadamente os contidos deste proxecto de orde, na medida en que se trata dunha norma que ten antecedentes nas anteriores de contido semellante que tiñan vixencia para os pasados exercicios, sería conveniente ter recibido da Consellería información dos resultados da aplicación das normas precedentes nos exercicios anuais xa pechados, expresando cando menos o número de solicitudes e o número de contratos de traballo por elas afectados, así como expresión das solicitudes resoltas en sentido favorable, total ou parcialmente, e das rexeitadas, para poder calibrar co apropiado coñecemento de causa o alcance e efectos da norma, e poder avaliar convenientemente as posibilidades de suxerir modificacións e reformas que poideran mellorar o cumprimento dos obxectivos da nova orde.

En aplicación do artigo 3º, apartado 2, letra g), da Lei 7/1988, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais (que sinala entre as funcións do Consello a de “solicitar e recibir dos órganos competentes da Xunta de Galicia canta información precise para o desempeño das súas funcións”), solicítase que, co envio de normas a ditaminar, ademáis das correspondentes memorias, se acompañen os datos antes sinalados, naqueles casos en que como este, se trate de normas destinadas a renovar para o ano actual outras promulgadas coas mesmas finalidades en exercicios anteriores.


Segunda.

A conciliación da vida laboral e familiar debe enfocarse, fundamentalmente, desde medidas directas á persoa que precisa de dita conciliación e a través dunha rede de servicios sociais de calidade.

Primeiro, hai que atopar medidas para solucionar os problemas familiares que dan lugar á necesidade de conciliar ambas as dúas facetas da vida e logo, atopar axudas para acadar a inserción laboral do beneficiario, que é a fase que regulamenta esta Orde.

Considérase pois imprescindible contemplar as dúas situacións, que poderían ter acollida no parágrafo 3º da exposición de motivos do proxecto normativo: hai que afrontar os problemas previos que xorden para incorporarse ao mercado de traballo, tendo en conta, fundamentalmente, as situacións dos traballadores e traballadoras e non só considerar estas situacións desde a perspectiva de inserción laboral.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 7º. Solicitudes e prazos.

Os apartados 3 e 4 deste artigo establecen a data do 31 de maio de 2007 como límite para a presentación das solicitudes de axudas pola reincorporación á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade e pola contratación de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares que, cumprindo os requisitos establecidos na presente orde se realizaran entre o 16 de setembro de 2006 e a data de publicación desta orde.

Este Comité Delegado considera o prazo moi curto xa que hoxe é 9 de maio, polo que suxire que se teña en conta a data en que se publicará a orde e se estableza un prazo axeitado.

Segunda.- Artigo 10º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que o  prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera excesivo o prazo de seis meses, polo que propón que sexa de tres meses.



Terceira.- Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios.

O apartado c) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que son axeitadas.


Cuarta.- Disposición derradeira primeira.

Esta disposición faculta ao director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Este Comité Delegado considera que o termo “aclaracións” debe substituirse polo de “instrucións”, para evitar deixalo á interpretación do director xeral.








ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 12º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 2 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A CIG considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.

Segunda.- Artigo 13º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, no seu apartado e), obriga aos beneficiarios a manter na empresa á persoa traballadora subvencionada ao abeiro desta orde que se reincorpore tras un proceso de maternidade/paternidade por un período mínimo de un ano.

A CIG considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento improcedente pode resultar moi inferior á subvención percibida pola contratación, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.
ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Exclusións.

No primeiro parágrafo deste artigo establécese que exclúense dos beneficios previstos nesta orde aos traballadores contratados para prestar servizos noutras empresas a través de contratos de posta a disposición.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a exclusión dos traballadores contratados a través de Empresas de Traballo Temporal supón unha discriminación polo mero feito do tipo da empresa, debendo eliminarse do texto da norma.

Segunda.- Artigo 13º. Obrigas dos beneficiarios.

Na letra e) deste artigo sinálase como obriga  da empresa beneficiaria que os traballadores que se reincorporen a ela tras un proceso de maternidade/paternidade deberán permanecer na empresa durante un ano, como mínimo; establecéndose que, se antes de transcorrer o dito prazo se produce, por calquera causa, a extinción da relación laboral do traballador reincorporado, a empresa deberá proceder a reintegrar a subvención concedida.


A CEG considera que dita obriga só deberíase aplicar cando a relación laboral se extinga inxustificadamente pola empresa, pois coa actual redacción do artigo incluso unha extinción do contrato derivada da “morte do traballador” tamén obrigaría ao reintegro da axuda.

Propoñemos que nestes casos, nos que a relación laboral se extinga por causas xustificadas ou por causas distintas á vontade do empresario, a empresa reintegre soamente a parte proporcional da subvención concedida.