ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE DA CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DE EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE, POLA QUE SE REGULAN AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN CON ÓRGANOS E ORGANISMOS DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS DISTINTAS DA LOCAL, UNIVERSIDADES E ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO, PARA O EXERCICIO DO ANO 2002

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde da Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, pola que se regulan as axudas e subvencións para o Fomento do Emprego, no ámbito de colaboración con órganos e organismos das Administracións Públicas, distintas da local, Universidades e entidades sen ánimo de lucro, remitido pola Dirección Xeral de Fomento de Emprego, con rexistro de entrada neste Consello o 1 de marzo do ano 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de marzo de 2002, acordou POR UNANIMIDADE, pronunciarse en canto as seguintes consideracións e propostas de modificación:


1.- Artigo 2. Liñas de axuda

O precepto establece que esta Orde subvencionará ás entidades previstas nos artigos 9 e 19, que contraten a traballadores desempregados, axentes de emprego e/ou unidades de apoio.
Neste punto a PROPOSTA que se achega é que concrete máis polo miúdo cales son os colectivos polos que se poida recibi-la subvención.

2.- Artigo 5.1º. Resolución

O prazo máximo que se establece para resolve-las solicitudes presentadas é de seis meses. Este período temporal considérase excesivo polo que se PROPÓN como máis axeitado o de 3 meses seguintes á data de entrada da solicitude de axuda no rexistro correspondente.

Asemade, segundo a dicción deste precepto,  transcorrido o prazo para dictar resolución sen que esta recaia expresamente, as solicitudes entenderanse desestimadas.
A liña de axudas que establece este borrador de Orde xera importantes intereses económicos para os solicitantes das mesmas, polo que debería esixirse, en todo caso, a obrigatoriedade de dictar resolución expresa e motivada pola Administración cando a mesma fose desestimatoria.

PROPOSTA: Modifica-lo precepto que nos ocupa no senso de que a regra xeral sexa que a Administración cando desestime unha solicitude o manifeste ó interesado por escrito de xeito expreso, non procedendo  así a aplicación do silencio negativo.

3.- Artigo 6. 1.c). Pagamento.

Neste primeiro parágrafo do artigo 7 relaciona a documentación a presentar para proceder ó aboamento da subvención correspondente e o seu inciso c) require unha certificación que conteña as retribucións mensuais dos traballadores detalladas por conceptos incluíndo a parte proporcional das pagas extraordinarias e mailas cotizacións á Seguridade Social.
Dado que existe un documento que especifica con claridade todos estes extremos como son os TC2 e que, sen dúbida, obran en poder da entidade beneficiaria, considerase procedente e útil que acompañen á documentación á que se refire o inciso.

PROPOSTA: Engadir ó contido deste inciso c) o seguinte:
“… incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mailas cotizacións á Seguridade Social, acompañado dos correspondentes TC2.”

4.- Artigo 9 (beneficiarios das axudas e subvencións) e artigo 19 (beneficiarios).

Cando os Capítulos II e III deste borrador normativo establecen quen son os beneficiarios das correspondentes liñas de axuda reguladas en cada un deles, di que os posibles beneficiarios das mesmas deben dispoñer de “recoñecida solvencia e capacidade técnica” para executa-lo correspondente proxecto.
Ámbolos dous conceptos entrecomiñados son excesivamente indeterminados, inconcreción que redunda en todo caso na inseguridade xurídica dos posibles interesados.

PROPOSTA: Especificar nos dous supostos de referencia qué se entende por recoñecida solvencia e capacidade técnica dos beneficiarios.

5.- Artigo 10. Contía

Dado que a contía da subvención non cubre o 100% do custo salarial, se solicita que esa cobertura sexa total.
Asemade, nos programas onde non exista a partida de financiamento de gastos xerais, se inclúa tamén unha porcentaxe do 10% en concepto de cobertura destes custos.

6.- Artigo 12.3º. Requisitos e criterios para a selección de traballadores.

Este parágrafo terceiro regulamenta que cando a subvención se atope vinculada a plans estratéxicos de emprego, a selección de traballadores realizarase na forma e co procedemento que se estableza nos mesmos.
Pois ben, a PROPOSTA que se fai respecto desta disposición é, que para saber a qué se refire, urxe a existencia dunha norma concreta que defina os plans estratéxicos de emprego ou plan de emprego, inexistente neste momento.

7.- Artigo 13.1º Contratación de traballadores.

Recolle esta norma a obriga de que a entidade beneficiaria, trala selección dos traballadores segundo o artigo 12, procederá á súa contratación utilizando a modalidade de contrato temporal de inserción, de acordo co disposto na normativa aplicable que o propio precepto reproduce e identifica.
Si ben o marco legal de referencia é o correcto, este Comité Delegado PROPÓN que non se restrinxa a esta única modalidade contractual a posible contratación dos traballadores, pois segundo os casos, pode que proceda acudir a outro tipo de contrato, como pode se-lo de obra ou servicio determinado, por exemplo.
Deste xeito, a redacción do precepto podería se-la que segue: “…resolución de concesión de axudas, utilizando as modalidades de contratación que sexan aplicables segundo o marco legal vixente.”

8.- Artigo 18.1º. Obxecto (Programa das subvencións para a contratación dos axentes de emprego).

Preceptúa o artigo que os axentes de emprego terán unha serie de funcións que se desagregan en catro incisos. Unha das funcións que realizan os mesmos é a de facilita-la mellora da empregabilidade das persoas desempregadas, e que non se recolle na referida relación.

PROPOSTA: Incluí-lo seguinte apartado como inciso a), o que leva implícito a modificación na numeración correlativa dos seguintes apartados:
“a) A realización de todas aquelas funcións que permitan mellora-la empregabilidade dos demandantes de emprego.”

9.- Artigo 21.2º. Selección dos axentes de emprego.

Este parágrafo establece como requisito “imprescindible” para ser seleccionado como axente de emprego que os interesados deben te-los estudios universitarios que se especifican no precepto, pechando así a posibilidade de participar na selección a persoas que posúan titulacións diferentes as que aquí se sinalan.

PROPOSTA: Deixar aberto o abano de titulacións universitarias non restrinxindo as mesmas ás enumeradas literalmente do precepto.

10.- Artigo 21. Documentación.

O modelo de solicitude de axuda debe ir acompañado, segundo este artigo, dunha serie de documentación. En concreto, o seu apartado e) , fala da necesidade de presentar unha memoria fundamentando a solicitude, incluíndo unha descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación e as tarefas a desenvolver polo axente de emprego.
En concordancia co manifestado no apartado anterior, enténdese que non se debe facer un elenco de titulacións restrinxindo posibles proxectos de emprego, pois existen titulacións que se exclúen do listado do artigo 20.2º.

PROPOSTA: Engadi-la seguinte precisión a este apartado e):
“ … as tarefas a desenvolver polo axente de emprego, identificando o seu perfil e titulación.”

11 .- Artigo 23. Duración da subvención.

Este precepto establece que a duración máxima da concesión da subvención regulada por esta Orde será de 4 anos.
Esta limitación temporal considérase restrictiva pois outros programas de axuda desa consellería (por exemplo, de orientación laboral) non teñen límite de tempo.
Preséntase, pois, a supresión dese tope máximo de 4 anos.






ANEXO I

CONSIDERACIÓNS Ó ARTICULADO POR PARTE DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS DE UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG


1.- As organizacións sindicais con presencia neste Consello propoñen, unha vez máis,  que en tódalas normas referentes a liñas de axuda para o fomento do emprego, se faga constar expresamente que unha vez publicada a norma correspondente, pechada a convocatoria, recibidas as solicitudes e puntuadas estas pola Xunta de Galicia ( a través das respectivas comisións de valoración que fan a proposta técnica previa á resolución definitiva), os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou, no seu caso, o Comité Autonómico de Emprego, informen os distintos proxectos con carácter previo e preceptivo á resolución definitiva, establecendo as prioridades de cada un deles.

PROPOSTA: Para cumpri-lo que se acaba de precisar, en cada publicación das Ordes que establezan liñas de axuda para o fomento do emprego, debe constar expresamente que unha vez pechada a convocatoria, recibidas as solicitudes e puntuadas pola comisión de avaliación da Xunta de Galicia, deberán someterse a informe previo dos comités provinciais ou autonómico, no seu caso, antes de dicta-la correspondente resolución definitiva.

Esta proposta está ademais en concordancia co establecido polo Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, nos seus artigos 2.2º e 6.3º.

2.- Cómpre salientar tamén a disposición contida no artigo 11.2º.a) deste borrador cando establece cales son os criterios para selecciona-las obras ou servicios que se van a subvencionar, recolle o de “… creación permanente de maior número de postos de traballo estables…”.

Este requisito debe ser tido en conta con prudencia, pois debe primarse ante todo a calidade na contratación, diante sempre da cantidade.

3.-  Artigo 12.1º. Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.

Este artigo require que os traballadores que sexan contratados para realiza-las obras e servicios subvencionados pola correspondente liña de axudas, sexan desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia.

A esta condición de desempregados debería engadírselle o requisito adicional de que leven inscritos en situación de desemprego e sen ocupación 12 meses alomenos, e que nos dous últimos anos non foran contratados a través destes programas de cooperación coa mesma entidade.
A xustificación desta proposta reside en tentar atender ós colectivos máis desfavorecidos e evitar así que o programa de cooperación se utilice para cubrir vacantes nas administracións públicas, universidades…

PROPOSTA: Engadir a este apartado 1 do artigo 12 o que segue:
“ …inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia, levando inscritos como desempregados e sen ocupación doce meses, alomenos, e que nos dous últimos anos non foran contratados a través deste programa de cooperación coa mesma entidade.”



ANEXO II

CONSIDERACIÓN A ESTE BORRADOR DE ORDE PRESENTADA  POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)



1.- Artigo 14 e artigo 22 letra c).

En ámbolos dous preceptos esíxese a presentación de “…fotocopia compulsada de escritura pública e dos estatutos de constitución da entidade solicitante…”.
  
En todo caso, enténdese que a esixencia de ámbolos dous requisitos debería ser alternativa (…escritura pública ou dos estatutos…) e non esixi-la presentación dos dous tipos de documentación, dado que as entidades sen ánimo de lucro de base asociativa carecen da obriga de formaliza-la súa constitución en escritura pública.