ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA COMO MEDIDA PARA FAVORECER A INSERCIÓN DOS MOZOS MENORES DE 30 ANOS, COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.

I. ANTECEDENTES


O día 26 de abril de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción dos mozos menores de 30 anos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, e no Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego en Galicia, asinado o 5 de febreiro de 2007, entre a Xunta de Galicia, as organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia, co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, para o que é preciso adoptar políticas que promovan a inserción laboral dos mozos e mozas.

Regúlanse nesta orde un conxunto de incentivos que se configuran como un instrumento para o acceso e permanencia daqueles grupos de traballadores con maiores dificultades, e, pola súa vez , como una ferramenta para fomentar a estabilidade das novas contratacións e dos cadros de persoal das empresas galegas, coa finalidade de favorecer a creación de máis e mellores empregos e de avanzar no obxectivo de conseguir un mercado de traballo equilibrado cun nivel óptimo de emprego.  Así para reforzar a esixencia de estabilidade laboral, vincúlanse os incentivos á contratación á existencia dunha taxa de estabilidade nos cadros de persoal das empresas beneficiarias.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde reguladora dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción de os mozos e mozas menores de 30 anos, publicado no DOG o día 31 de marzo de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de febreiro de 2006, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

O procedemento de concesión non ten a consideración de concurrencia competitiva, senón que a concesión das axudas realízase pola comprobación da concurrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

O proxecto normativo, no apartado 3 do seu artigo 1º, considera como mozos e mozas as persoas cunha idade comprendida entre os 16 e os 30 anos, ambos inclusive.

O artigo 4º, apartado 5, establece que a presentación da solicitude de subvención xa comporta a autorización para que os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social sexan solicitados polo órgano xestor das axudas, admitíndose a posibilidade de que o solicitante poda denegar expresamente o consentimento, debendo aportar neste caso as correspondentes certificacións.

O apartado 6 de dito artigo establece que mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluir e facer públicos os datos relativos ás axudas nos rexistros públicos, conforme ao Decreto 132/2006, de 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos.

Doutra banda, o apartado 7 determina que as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Traballo, ao tempo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, de acordo coa Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública galega.

O anexo A do proxecto normativo regula o programa de fomento da contratación en prácticas de mozos e mozas con titulacións de difícil empregabilidade, co fin de proporcionar experiencia laboral a aqueles mozos e mozas  desempregados/as, cuxas titulacións profesionais presentan especiais dificultades de acceso ao mercado de traballo, esixíndose ás empresas que os contraten dous requisitos para acceder aos incentivos:

1. A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes anterior ao da contratación obxecto de solicitude de subvención, deberá ser igual ou superior ao 72,50%.

2. Como consecuencia da contratación que se fomenta ten que incrementarse o cadro global de persoal da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral.


No anexo B do proxecto normativo, regúlase o programa de fomento da contratación de mozos e mozas para substitución de traballadores e traballadoras que rematan a súa vida laboral, co que se pretende favorecer dita substitución a través da incentivación dos contratos de remuda e o de substitución por anticipación da idade de xubilación.

Na base cuarta establécese un incremento da taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa, que deberá ser igual ou superior ao 72,50% no mes anterior ao da contratación que se solicita subvencionar.

O incremento terá que ser superior á media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral, tanto para os contratos de remuda temporais como para os indefinidos, esixíndose ademáis para estes últimos que as contratacións para seren subvencionadas deben superar a dita media.

Na base novena que regula as obrigas dos beneficiarios, establécese para os contratos de remuda ou de substitución por anticipación da idade de xubilación de carácter temporal, a de manter a estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 72,50%, no seu cómputo anual, durante a duración do contrato temporal subvencionado. No caso dos contratos de remuda ou de substitución por anticipación da idade de xubilación de carácter indefinido, o prazo será de polo menos de tres anos dende o mes no que se realice a contratación subvencionada.

No anexo C do proxecto normativo regúlase o programa de creación de novos empregos para mozos titulados nas empresas de menos de 30 persoas traballadoras, redefinindo a súa finalidade, que pasa a ser a de facilitar a incorporación en prácticas de mozos/as titulados/as a novos postos de traballo creados en pequenas empresas galegas co obxecto de mellorar os sistemas organizativos e produtivos das mesmas e/ou a innovación.

A base cuarta regula os requisitos que deben cumprir as empresas, establecéndose, no apartado 1, que os postos deben ser de nova creación e que debe existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa o mozo/a desempregado/a e a categoría profesional pola que se lle contrata. No punto 2 desta base tamén corríxese a taxa de estabilidade esixida, que deberá ser igual ou superior ao 72,50%.

Na base novena que regula os obrigas dos beneficiarios, engádese a obriga de manter a estrutura do cadro de persoal da empresa cunha taxa de estabilidade mínima do 72,50% no seu cómputo anual, durante o tempo de duración do contrato temporal subvencionado.

Na base décima trátase o réxime de axudas, que será o de mínimis, o que implica que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comiisón da UE, de 15 de decembro (200.000 euros nun período de tres anos).

O anexo D, que regula os programas de fomento da contratación indefinida inicial de mozos e mozas desempregados/as,  ten como obxecto fomentar a incorporación dun xeito estable no mercado de traballo dos mozos e mozas entre 16 e 30 anos inclusive, a través de dúas medidas conxuntas: o custo cero do período de proba e a subvención da contratación indefinida inicial.

Na base cuarta establécese que haberá de incrementarse o cadro global de persoal da empresa no ámbito territorial galego de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral. O mesmo para o cadro de persoal fixo, sendo únicamente subvencionables as contratacións que superen a dita media

Na base novena que regula as obrigas dos beneficiarios, establécese a de manter  a estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 72,50%, no seu cómputo anual, durante polo menos tres anos dende o mes no que se realice a contratación subvencionada.


O anexo E, que regula o programa de incentivos á transformación en indefinidos de determinados contratos temporais celebrados con mozos e mozas,  ten como obxecto promover o acceso a un emprego estable a un colectivo, o da mocidade, que presenta en Galicia unha alta taxa de temporalidade, incentivando ás empresas que transformen os seus contratos temporais en indefinidos.

Na base terceira, establécese que os contratos temporais que se transformen deberán celebrarse con mozos/as que no momento da contratación temporal obxecto de transformación tivesen unha idade comprendida entre os 16 e os 30 anos, ambos inclusive.

Na base cuarta, esíxelles ás empresas que os contraten dous requisitos para acceder aos incentivos:

2. A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes da contratación obxecto de solicitude de subvención, deberá ser igual ou superior ao 72,50%.

2. Como consecuencia da contratación que se fomenta ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral, sendo unicamente subvencionables as contratacións que superen a dita media.

Así mesmo, na base novena, establécese a obriga da empresa beneficiaria de manter  a estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 72,50%, no seu cómputo anual, durante polo menos tres anos desde o mes no que se realice a transformación do contrato temporal en indefinido.

Finalmente, obsérvase que os anexos aos que fai referencia o proxecto normativo non foron remitidos para ditame.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción dos mozos e mozas, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007 ” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, once artigos, cinco disposicións adicionais, e dúas derradeiras, ademáis de cinco anexos (A, B, C, D e E) que regulan os cinco programas de fomento da contratación dos mozos e mozas.

O día 11 de maio de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral unánime, así como sete consideracións específicas unánimes sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma e dúas específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo I), así como cinco consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).




DITAME 20/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción dos mozos e mozas, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de abril de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de maio de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:









CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Este Comité considera que para ditaminar axeitadamente os contidos deste proxecto de orde, na medida en que se trata dunha norma que ten antecedentes nas anteriores de contido semellante que tiñan vixencia para os pasados exercicios, sería conveniente ter recibido da Consellería información dos resultados da aplicación das normas precedentes nos exercicios anuais xa pechados, expresando cando menos o número de solicitudes e o número de contratos de traballo por elas afectados, así como expresión das solicitudes resoltas en sentido favorable, total ou parcialmente, e das rexeitadas, para poder calibrar co apropiado coñecemento de causa o alcance e efectos da norma, e poder avaliar convenientemente as posibilidades de suxerir modificacións e reformas que poideran mellorar o cumprimento dos obxectivos da nova orde.

En aplicación do artigo 3º, apartado 2, letra g), da Lei 7/1988, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais (que sinala entre as funcións do Consello a de “solicitar e recibir dos órganos competentes da Xunta de Galicia canta información precise para o desempeño das súas funcións”), solicítase que, co envio de normas a ditaminar, ademáis das correspondentes memorias, se acompañen os datos antes sinalados, naqueles casos en que como este, se trate de normas destinadas a renovar para o ano actual outras promulgadas coas mesmas finalidades en exercicios anteriores.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.

No segundo parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo figura que a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UXT Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia conveñen en subscribir o 5 de febreiro de 2007 o Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego en Galicia.

Este Comité Delegado suxire que se corrixa o erro existente na denominación da organización sindical UGT-Galicia, xa que esta é a súa denominación correcta e non UXT-Galicia.

Segunda.- Artigo 4º. Solicitudes e prazo.

O apartado 3 deste artigo establece que o prazo para a presentación das solicitudes de axudas realizadas dende o 16 de setembro de 2006 e ata a data da publicación da presente orde poderán presentarse ata o 31 de amio de 2007.

Este Comité considera o prazo moi curto xa que hoxe é 11 de maio, polo que suxire que se teña en conta a data en que se publicará a orde e se estableza un prazo axeitado.

Terceira.- Artigo 6º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece o prazo para resolver e notificar será de seis meses que se computarán dende a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité considera este prazo excesivo, polo que propón que sexa de tres meses e se compute a partires de que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes”.

Cuarta.- Artigo 9º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 5 deste artigo establécese que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites establecidos pola Unión Europea e polo artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Este Comité considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben figurar expresamente os citados límites no texto da orde.

Quinta.- Artigo 10º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado c) deste artigo esíxese aos beneficiarios adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.



Este Comité considera ambiguo este parágrafo e propón que se aclare no texto normativo cales son as medidas axeitadas de difusión. Así mesmo, propón que se suprima do texto  a expresión ” se é o caso”, confinanciadas polo Fondo Social Europeo, xa que os programas regulados no proxecto normativo son cofinanciados en todo caso.


Sexta.- Anexo A. Base segunda. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

A finalidade deste programa é proporcionar experiencia laboral a aqueles mozos e mozas desempregados/as, cuxas titulacións profesionais presentan especiais dificultades de acceso ao mercado de traballo. No apartado 3 da base segunda faise referencia ao listado do anexo V-A, onde se definen os títulos de difícil empregabilidade.

Tendo en conta que non se enviou ao Consello Galego de Relacións Laborais o citado anexo V-A, este Comité descoñece cales son as titulacións de difícil empregabilidade e non se pode pronunciar ao respecto, considerando en todo caso que deben terse en conta os criterios apuntados por este organismo no ditame 16/05, sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora de empregabilidade de colectivos desfavorecidos (consideración específica cuarta sobre a redacción do Anexo B. Base quinta. Axudas pola contratación en prácticas).

Sétima.- Anexo D. Base sexta. Exclusións.

No apartado c) desta base establécese que exclúense dos incentivos as contratacións realizadas con traballadores e traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debe constar no citado apartado que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.
















ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Dada a diversidade e amplitude dos cinco programas regulados no proxecto normativo, prácticamente poderían ser obxecto de subvención a inmensa maioría dos contratos de traballo realizados con persoas traballadoras menores de 31 anos.

Neste sentido, a Confederación Intersindical Galega lembra o sinalado no Ditame 17/05 e noutros posteriores deste Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, que facéndose eco do manifestado polas organizacións sindicais en propostas unitarias anteriores (Avaliación e propostas en materia de Servizo Público de Emprego galego e Políticas Activas, Maio de 2003; e Propostas sindicais ante a situación do Servizo Público de Emprego de Galicia, Políticas Activas e Precariedade, 110 propostas concretas ao Comité Autonómico de Emprego, Setembro de 2003), insiste na necesidade de “redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:


• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á reducción da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 9º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 4 deste artigo dispón que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.


Segunda.- Artigo 10º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, no seu apartado e), en relación co disposto nos anexos D e E desta orde, obriga aos beneficiarios a manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

A Confederación Intersindical Galega considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento improcedente pode resultar moi inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.












ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Anexo A. Programa de fomento da contratación en prácticas de mozos e mozas con titulacións de difícil empregabilidade.

A CEG non entende que, contrariamente ao que autoriza o art. 11 ET, a contratación inicial deba ser de 12 meses, cando, ao noso xuízo, debería facerse encaixar coas previsións do art. 11 ET e sinalar o mínimo de 6 meses.

Tampouco entendemos por que este tipo de contratos deben ser de xornada completa cando en moitos casos poderían ser a tempo parcial, aínda cando as subvencións fosen proporcionais ao tempo contratado; debemos defender a experiencia laboral, que como finalidade sinala o apartado 1º do anexo A, daqueles/as mozos/as desempregados/as cuxas titulacións profesionais presenten especiais dificultades de acceso ao mercado de traballo, e iso tamén se pode conseguir coa contratación a tempo parcial.

A taxa de estabilidade esixida ás empresas de 72,5% debe rebaixarse tendo en conta o colectivo beneficiario final das axudas (mozos/as), pois do que se trata é de conseguir a finalidade da orde, que, segundo o seu apartado primeiro, non é outra que a de "proporcionarlles experiencia laboral a aqueles/as mozos/as desempregados/as cuxas titulacións profesionais presenten especiais dificultades de acceso ao mercado de traballo".

Non se entende como se vai computar a porcentaxe de estabilidade que se lles esixe ás empresas que non tivesen traballadores no mes anterior á contratación, polo que a dicción literal da cláusula cuarta 1º in fine debería ser máis clara e esixirlles exclusivamente a este tipo de empresas que a nova contratación supoña, simplemente, un incremento global do persoal.

Tampouco se entende o motivo de excluír da subvención os contratos realizados con determinados parentes (cónxuxe, descendentes e demais parentes ata o segundo grao) dos órganos que teñan cargo de dirección ou sexan membros dos órganos de administración, máxime se se ten en conta que determinados cargos deses órganos ben poderían ser non propietarios ou accionistas. Abondaría con facer referencia a que os contratos concertados deberán ser laborais e reunir tales requisitos.


Segunda.- Anexo B. Programa de fomento da contratación de mozos e mozas para substitución de traballadores e traballadoras que rematan a súa vida laboral.

Consideramos que a taxa de estabilidade requirida debería ser rebaixada.


Terceira.- Anexo C. Programa de creación de novos empregos para mozos e mozas titulados/as nas empresas de menos de 30 persoas traballadoras.

Consideramos que a taxa de estabilidade requirida debería ser rebaixada.

Tampouco compartimos que se a finalidade do programa é "facilitar a incorporación en prácticas de mozos/as titulados/as a novos postos de traballo en pemes co obxectivo de mellorar os sistemas produtivos e organizativos destas ou a innovación", non se permita a contratación a tempo parcial ou mesmo a contratación polo período mínimo que sinala o ET (6 meses) para este tipo de contratos.

Cuarta.- Anexo D. Programa de fomento da contratación indefinida inicial de mozos e mozas desempregados/as.

Consideramos que a taxa de estabilidade requirida debería ser rebaixada.

Nótese que aquí, a diferenza dos programas anteriores, sí se subvenciona a contratación a tempo parcial de maneira proporcional á xornada pactada.

Tampouco se entende por que se exclúen aqueles traballadores que nos 3 meses anteriores rematasen a súa relación laboral indefinida con outra empresa, coa excepción de que o despedimento sexa improcedente ou por algunha das causas do art. 51 e 52.c) ET, e non se fai tamén a salvidade de causas de extinción do art. 52 (ineptitude sobrevida, por exemplo).


Quinta.- Anexo E. Programa de incentivos á transformación en indefinidos de determinados contratos temporais celebrados con mozos e mozas.

Consideramos que a taxa de estabilidade requirida debería ser rebaixada.

A proposta, en correlación co sinalado o pasado ano, debe ser incentivar todo tipo de transformacións de contratos temporais e non só os enumerados na convocatoria (formación, prácticas, de relevo, de substitución da idade de xubilación e de interinidade).