ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE REGULAN OS CENTROS INTEGRADOS DE FORMACIÓN PROFESIONAL NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

I.  ANTECEDENTES


O día 27 de abril de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de decreto polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, no seu artigo 9º, di que a formación profesional abrangue un conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para garantir o acceso a esta de diferentes colectivos, a lei establece as liñas básicas dos centros integrados de formación profesional.

O obxecto do presente decreto é a regulación dos centros integrados de formación profesional no marco do artigo 11.4º da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, e ao abeiro do disposto no Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se remite para ditame, polo que non existen antecedentes.

O artigo 2º establece que terán a consideración de centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia aqueles que ofrezan e impartan formación profesional inicial ou regrada, e formación para o emprego, debendo contribuir a alcanzar os fins do Sistema Nacional das Cualificacións e da Formación Profesional, e disporán dunha oferta modular flexible, con alcance aos subsistemas existentes, para dar reposta ás necesidades formativas dos sectores produtivos, así como ás necesidades individuais e ás expectativas persoais de promoción profesional. Para iso, estes centros han de facilitar a participación dos axentes sociais máis representativos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os centros integrados contarán co profesorado, formadores e expertos que permitan cubrir as necesidades derivadas dos diferentes programas formativos.

Con carácter anual, as consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo e os axentes sociais con representación no Consello Galego de Formación Profesional, xunto coas aportacións dos órganos de goberno dos centros correspondentes, definirán un plan de actuación para o conxunto dos centros integrados (artigo 9º.1). Dito plan establecerá as directrices das accións formativas para desenvolver, así como aquelasoutras demandas que pudieran xurdir consonte aos obxectivos sinalados para os centros integrados.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado  “Decreto polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, vinte e dous artigos, unha disposición transitoria, tres disposicións derradeiras e unha disposición derrogatoria.



O día 14 de maio reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manisfestadas polas organizacións empresarial e sindicais.


Contén asi mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes: unha xeral e oito específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I), dúas consideracións específicas manifestadas pola CIG (anexo II) e unha xeral e cinco consideracións específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo III).








DITAME 21/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de abril de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de maio de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

As organizacións sindicais e empresarial que  integran o Consello Galego de Relacións Laborais valoran positivamente o esforzo feito polas Consellerías de Educación e de Traballo na elaboración deste proxecto de decreto, sen menoscabo das consideracións formuladas unanimemente e das que se fan constar nos anexos polas organizacións que fan parte deste organismo.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

Este Comité observa que no ultimo parágrafo da exposición de motivos falta indicar que este proxecto de decreto foi sometido a ditame do Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 4º. Creación e autorización dos centros integrados.

O segundo parágrafo deste artigo establece que as Consellerías de Educación e de Traballo poderán crear ou autorizar centros integrados de formación profesional, unha vez oído o Consello Galego de Formación Profesional.

Na anterior regulación, a competencia para crear e autorizar centros correspondíalle ao Consello da Xunta, por proposta conxunta de ambas as dúas consellerías.

Este Comité considera que sería técnicamente máis acertado manter a competencia no Consello da Xunta, oído o Consello Galego de Formación Profesional.

Terceira.- Artigo 13º. Nomeamento e funcións do director ou a directora.

No apartado 2 deste artigo, ao igual que no artigo 14º deste proxecto normativo figura a letra j) e no artigo 15º, ademáis a letra k).

Este Comité considera que as letras j) e k) deben cambiarse polas seguintes que correspondan, por ser estas impropias da lingua galega.

Cuarta.- Artigo 16º. Órganos colexiados de participación.

No apartado 1, letra c), deste artigo, establécese a representación das organizacións empresariais e sindicais con maior representatividade e con representación no Consello Galego de Formación Profesional, limitando a dous o número de representantes das organizacións sindicais.

Este Comité considera que, sendo tres as organizacións sindicais máis representativas en Galicia, ao abeiro do disposto na Lei Orgánica de Libertade Sindical, e ostentando as tres capacidade e lexitimación para participar nos organismos institucionais que teñan prevista a participación sindical, como de feito ocorre no Consello Galego de Formación Profesional que se menciona neste artigo, debe preverse a participación de tres representantes das organizacións sindicais no Consello Social e, consecuentemente, outros tres das organizacións empresariais máis representativas segundo se establece no Estatuto do Traballador; ou ben, se isto devén limitado por causa legal, que se garanta a presenza de todas as organizacións con dereito a ela e se pondere o seu voto no organismo.

Quinta.- Artigo 20º. Regulamento orgánico de centros integrados.

Establece este artigo que a consellería de que dependan os centros integrados desenvolverá un regulamento orgánico específico para eles.

Este Comité considera que todos os centros integrados, independentemente da consellería da que dependan, deben ter un único Regulamento Orgánico e que cada centro, no marco dese regulamento, elaborará o seu plan anual específico.

ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

A promulgación deste Decreto en Galicia debería constituir unha boa oportunidade para corrixir os aspectos máis negativos da norma estatal (RD 1558/2005), incidíndose no carácter público dos centros integrados de formación profesional e na súa xestión democrática. O proxecto que se somete a ditame, sen embargo, reproduce case textualmente o RD 1558/2005.

Neste sentido, entendemos que as consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo, deberían ter unha actuación orientada a que a rede de Centros Integrados sexa unha rede pública, evitando no posible a autorización de centros integrados privados e non concedendo concertos ou subvencións a eses centros privados, se é que chegan a existir.

Por outro lado, consideramos que as administracións educativa e laboral galegas deberían demandar a modificación do repetido Real Decreto 1558/2005, en tanto en canto invade competencias das comunidades autónomas, restrinxindo seriamente a capacidade de desenvolver normativa propia en Galicia e en función das nosas realidade e necesidades.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 6º. Funcións dos centros integrados de formación profesional.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que no apartado 2 deste artigo deberíase eliminar a frase “e os Centros integrados privados concertados, que conten coa autorización administrativa a tales efectos”, xa que funcións como a avaliación e acreditación de competencias teñen que ser exclusivas dos centros públicos, ademáis do xa anteriormente apuntado no sentido de que a Rede de Centros Integrados debe ser de carácter público.

Obsérvase un erro na letra c) do apartado 2 deste artigo ao figurar “colaboraren en la promoción” cando debe ser “colaboraren na promoción”.

Segunda.- Artigo 8º. Condicións que teñen que reunir os centros integrados.

Entendemos que se debe modificar o inciso “e expertos”, que figura no apartado 4 deste artigo, no sentido de que a contratación dos mesmos debe ser excepcional, recorrendo a ela só cando non existan nos corpos de profesores e profesoras os perfís correspondentes á formación a impartir.

Terceira.- Artigo 13º. Nomeamento e funcións do director ou a directora.

O apartado 1 deste artigo establece que a dirección dos centros integrados de titularidade pública será provista polo procedemento de libre designación.


Consideramos que se debería modificar o marco legal vixente (Art. 11 da L.O. 5/2002 das Cualificacións e a Formación Profesional), para evitar a imposición da figura do director do centro por parte das administracións competentes, permitindo a elección directa do mesmo no propio centro para garantizar o funcionamento democrático dos Centros Integrados. Compre decir, a este respecto, que na Universidade, modelo que semella querer reproducirse co Consello Social previsto neste borrador de decreto, a elección do Reitor e dos Decanos é directa por parte dos diferentes sectores da comunidade educativa.

Cuarta.- Artigo 13º. Nomeamento e funcións do director ou a directora.

No apartado 2 deste artigo relaciónanse as funcións do director ou directora dun centro integrado.
Entendemos que se deben eliminar, na letra d), a frase “fixar e aplicar..... até... normas aplicables” e a totalidade da letra g), pois a política de recursos humanos debe ser competencia das administracións das que dependan os centros. Consideramos excesivo que sexa o director quen a fixa e ademais contrata e, por outra parte, tampouco debería ser o director, senón a inspección, quen adopte as resolucións disciplinarias referidas ao persoal do centro.

Quinta.- Artigo 16º. Órganos colexiados de participación.

No apartado 1, letra b), deste artigo, establécese que formarán parte do consello social catro representantes do centro, do que formará parte o xefe de estudios e tres serán elixidos polo claustro.


Entendemos que se debería substituir o que figura neste apartado polo seguinte: “Catro representantes do centro, que serán elixidos polo claustro”.

No Consello Social debería terse contemplado o aumento da representación do propio centro, de xeito que ésta constituise a maioría dos seus membros. De non poder ser así, o que non ten sentido é que parte da representación do propio centro sexa designada polo director.

Sexta.- Artigo 17º. Profesorado.

O apartado 2 deste artigo refírese á contratación de expertos. Consideramos que este apartado deberíase iniciar co inciso “Excepcionalmente”.

Sétima.- Artigo 19º. Persoal que desenvolve as funcións de aplicación dos procedementos de avaliación das competencias profesionais.

De acordo co que xa expusemos anteriormente na consideración xeral, entendemos que se debe suprimir a frase “e nos centros integrados privados concertados autorizados para o efecto”.

Oitava.- Artigo 22º. Centros integrados privados.

Do mesmo xeito, entendemos que se debe suprimir o terceiro parágrafo deste artigo. A maior abundamento argumental, a existencia de centros integrados privados está recollida na lexislación estatal como potestativa (“poderá haber”), e aínda no caso de existir centros privados, non deberían ser concertados, pois a Formación Profesional é un ensino non obrigatorio, polo que debería situarse á marxe do réxime de concertos educativos.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 3º. Tipoloxía de centros integrados de formación profesional.

O apartado 1 deste artigo establece que os centros integrados de formación profesional poderán ser públicos ou privados.

Consonte ao sinalado na consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais, a CIG entende que se debería eliminar “ou privados” no texto deste precepto.


Segunda.- Artigo 17º. Profesorado.

En relación co apartado 3 deste artigo, a CIG considera que non se debe producir a impartición de accións formativas con horas extra do profesorado, que permite a adicional primeira, apartado 2, da L.O. 5/2002, polo que se debería instar a modificación deste precepto.





ANEXO III


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


A CEG manifesta a súa consideración en xeral positiva da norma obxecto do presente ditame, que se adapta por un lado ao marco normativo vixente e, por outro, aos acordos asinados no marco do diálogo social galego o pasado 5 de febreiro de 2007.

A diferenza da norma que se substitúe, recoñécese regulamentariamente a existencia de centros privados, pois a anterior consentía esta pero non os enunciaba.

Como novidade e respecto da regulación anterior, cómpre salientar que a citada norma regulamentaria xa non ten como obxecto "a autorización, con carácter experimental, e a regulación como centros integrados de formación profesional -ex art. 1 Decreto 325/2003-, senón que o seu obxectivo é establecer unha regulación "definitiva" deste tipo de centros, consolidando definitivamente a opción de integración dos tres subsistemas de formación profesional: regulada, continua e ocupacional.

A regulación é máis clara, concreta e, sobre todo, recalca o sistema integral, á vez que fai referencia ao sistema de acreditación de competencias adquiridas por vías non formais (certificados de profesionalidade).




Ademais debemos remarcar o carácter positivo da previsión dun método de traballo ou de planificación máis conectado co mercado de traballo, así como con outros instrumentos de coordinación (plans nacionais ou de CA); e, conforme se prevé nos acordos do diálogo social sobre a "Formación para o emprego", prevese a participación dos axentes sociais –neste caso, os que teñan participación no Consello Galego de Formación Profesional.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. Exposición de motivos.

Hai que sinalar que deben actualizarse as referencias normativas incluídas na exposición de motivos, mencionando tamén o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego.

Segunda.- Artigo 4º. Creación e autorización dos centros integrados.

A CEG propón manter como criterio a ter en conta para a creación e autorización destes centros o de "colaboración e apoio ás empresas do sector ou sectores obxecto da integración".


Terceira.- Artigo 10º. Autonomía dos centros integrados.

Debe redactarse de novo o número 3 deste precepto, ao resultar a redacción actual bastante confusa.


Cuarta.- Artigo 16º. Órganos colexiados de participación.

No art. 16º.1 sinálase que o Consello Social estará integrado por catro representantes da Administración, entre os que figurará o director do centro...

Debe lembrarse que, de acordo co art. 3º.1, os centros integrados de formación profesional poderán ser públicos ou privados, polo que non en todos os supostos o director, ou a directora, do centro reunirá a condición de funcionario; iso acontecerá só en caso de que o centro sexa público, circunstancia que debería terse en conta na redacción do art. 16º.

Por outra parte, debe preverse o voto de calidade do presidente, dirimente en casos de empate.

Quinta.- Art. 22. Centros integrados privados.

Por outra parte, a esixencia de aplicación do art. 16º.1 aos centros privados concertados antóllasenos exorbitante, pois, a través da aprobación tanto do plan anual coma do proxecto funcional do centro por parte do Consello Social, desnaturalízase o poder de dirección do centro privado. Al menos no caso do proxecto funcional, debería bastar o mero "informe" e non a aprobación, por parte do Consello Social.