ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS PARA PROMOVER A AFILIACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL DAS PERSOAS COTITULARES OU TITULARES DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2007.

I. ANTECEDENTES


O día 8 de maio de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A disposición adicional cuadraxéximo novena da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, estableceu unha reducción durante tres anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas cotitulares de explotacións agrarias, sempre que se trate de persoas menores de 40 anos e que o seu ou a súa cónxuxe, cotitular dunha explotación agraria, estea de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social.

A Consellería de Traballo, coa finalidade de facilitar a alta na Seguridade Social das persoas cotitulares de explotacións agrarias, estableceu, mediante Orde do 15 de maio de 2006, a regulación dun programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social destas persoas, incorporando un complemento do 20 por cento á redución estatal do 30 por cento, o que fai unha redución total do 50 por cento na correspondente cotización.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 24 de maio de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 24 de febreiro de 2006, obsérvase que foron tidas en conta dúas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

O apartado 2 do artigo 2º establece que poderán ser beneficiarias do programa as mulleres de corenta e cinco ou menos anos de idade, titulares de explotacións agrarias, incorporadas ao réxime especial agrario da Seguridade Social a partir do 1 de xaneiro de 2006, sempre que o seu cónxuxe, cotitular da mesma explotación agraria, estea de alta no mesmo réxime especial.

Así mesmo, o apartado 3 deste artigo 2º, establece como beneficiarias ás mulleres de ata 45 anos que accedan á titularidade dunha explotación agraria en determinados supostos que cita textualmente, consistindo a axuda no aboamento do 50 por 100 de cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria que corresponda ingresar, calculada en función da base de cotización que corresponda e o tipo de cotización do 18,75 por cento.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007” consta de: Exposición de motivos, catorce artigos, cinco disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 21 de maio de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e nove consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.




DITAME 22/07



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de maio de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de maio de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:





CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité considera que, dada a especial incidencia da problemática da muller rural en Galicia en relación co resto do Estado, é necesario que o Goberno galego inste o urxente cumprimento do artigo 30º, apartado 1, da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, no que se regula a obriga dos Ministerios de Traballo e Asuntos Sociais e de Agricultura, Pesca e Alimentación de desenvolver a figura xurídica da titularidade compartida, co fin de que se recoñezan os dereitos das mulleres no sector agrario, a súa correspondente protección de Seguridade Social, así como o recoñecemento do seu traballo.


Segunda.

No título, así como en diversos preceptos da norma, utilizáse a expresión “cotitular ou titular”, para referirse ás posibles persoas beneficiarias das axudas que se establecen.

Dadas as peculiaridades do réxime de propiedade existente en Galicia, este Comité considera máis apropiado utilizar a expresión “cónxuxe ou parella de feito do titular” en lugar de “cotitular”, para non privar das axudas ás persoas que obxectivamente deberan ser beneficiarias, pero que en rigurosos termos legais poden non ostentar a condición de cotitulares.

Terceira.

Este Comité valora positivamente que o proxecto normativo estableza que poden ser beneficiarias do programa as mulleres de 41 a 45 anos (sempre que cumpran os requisitos que se sinalan no artigo 2º, apartados 2 e 3), extendendo as axudas establecidas na orde correspondente ao exercicio de 2006 para as menores de 41 anos de idade, que aplicaba mimeticamente a norma estatal (disposición adicional 49ª da Lei 30/2005, de Orzamentos Xerais do Estado para 2006). Sen embargo, considerando que en Galicia existe un importante colectivo de mulleres maiores de 45 anos que deberían ser obxectivamente beneficiarias destas axudas, proponse, para favorecer a finalidade social desta norma, extender o seu ámbito, establecendo un incentivo para as persoas maiores de 45 anos, de contía igual ao previsto no artigo 3º, apartado 2, deste proxecto de orde, dado que estas en ningún caso poden acollerse ás axudas establecidas a nivel estatal.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No parágrafo 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión do programa que se regula neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Segunda.-  Artigo 2º. Persoas beneficiarias.

Tendo en conta o sinalado nas consideracións xerais segunda e terceira deste ditame, este Comité considera que debería suprimirse o apartado d) deste artigo, xa que, por unha parte, podería darse o caso de que persoas menores de 40 anos, que non teñen a condición legal de cotitulares, non podan solicitar a axuda estatal.
Por outra parte, hai que ter en conta que as persoas maiores de 45 anos, para as que este Comité entende que deberíanse establecer axudas superiores, en ningún caso poderán acollerse á norma estatal.

Terceira.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.

Este Comité propón que no apartado 2 deste artigo se engada un parágrafo que estableza a prórroga automática durante os dous exercicios seguintes daquelas solicitudes que resulten aprobadas.

Así mesmo, considérase que no apartado 5 deste artigo debe figurar que a presentación da solicitude de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar non só a certificación a emitir pola Tesouraría de Seguridade Social, senón tamén as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, ou, de ser o caso, que se recolla a posibilidade de que as referidas certificacións sexan achegadas polo solicitante se denega expresamente o consentimento para solicitalas.

Cuarta.- Artigo 6º. Documentación.

Este artigo establece, no seu apartado 1, que a solicitude deberá presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde, facendo referencia así mesmo aos anexos II e III (letras b e c).


Este Comité manifesta que non pode pronunciarse sobre os referidos anexos por non terse remitido pola Consellería xunto co borrador do proxecto normativo.

Por outra banda, este Comité observa que neste artigo falta esixir a acreditación de que o cónxuxe ou parella de feito da persoa que solicita a subvención é titular dunha explotación agraria.

Quinta.- Artigo 8º. Resolución e recursos.

Este artigo, no seu apartado 4,  establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, considerando o de seis meses excesivamente longo.

Sexta.- Artigo 9º. Xustificación do pagamento e pagamentos parciais.

O apartado 2 deste artigo establece que poderá acordarse o pagamento parcial a conta da liquidación definitiva ata o 80% da subvención concedida, a medida que a persoa beneficiaria xustifique os libramentos anteriores.

Este Comité considera que debería establecerse un procedemento similar ao que figura para a bonificación de cotas á Seguridade Social no caso de contratación de determinados traballadores/as, co obxecto de garantir á
persoa beneficiaria o cobro da axuda o máis axiña posible, preferiblemente, por exemplo, mediante un convenio Xunta de Galicia- Tesouraría da Seguridade Social, de maneira que a beneficiaria deduza a porcentaxe de bonificación directamente no boletín de cotización e a Seguridade Social a recupere da Xunta de Galicia.

Sétima.- Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias.

Este Comité considera que debe figurar expresamente no apartado c) deste artigo cales son as obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Oitava.- Artigo 13º. Revogación e reintegro.

Considera igualmente este Comité que neste artigo deben figurar expresamente os casos e os termos previstos, para a revogación e reintegro, no citado artigo 78, así como no artigo 19 do Decreto 287, 2000, do 26 de novembro.

Novena.- Disposición Adicional Quinta.

Esta disposición establece que a concesión das axudas estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, sendo por importe de 500.000 euros, para o exercicio de 2007.




Dado o carácter da norma que se somete a ditame e a súa finalidade, este Comité considera que non debería figurar unha limitación de crédito que poda conducir a que algunhas solicitudes que cumpran todos os requisitos (entre eles, a alta da afectada na Seguridade Social) resulten denegadas por insuficiencia de crédito orzamentario.

Así mesmo, este Comité manifesta que, ao non ter recibido xunto co proxecto normativo a súa memoria económica, non entende que ampliándose as persoas beneficiarias das axudas neste reguladas se reduza á metade o crédito consignado para o seu financiamento.

Finalmente, reitérase a proposta, manifestada na consideración xeral terceira, de ampliar o ámbito das axudas ás persoas maiores de 45 anos.