ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA, DE ÁMBITO AUTONÓMICO, PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS MEDIANTE CONTRATOS PROGRAMA PARA A FORMACIÓN DE PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/2783/2004, DE 30 DE XULLO, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DAS CITADAS SUBVENCIÓNS, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO CORRESPONDENTES AO EXERCICIO DE 2007.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de xuño de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria, de ámbito autonómico, para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de persoas traballadoras ocupadas, en aplicación da Orde TAS/2783/2004, de 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo correspondentes ao exercicio de 2007 e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional continua ten como finalidade proporcionarlles ás persoas traballadoras ocupadas a cualificación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas axeitados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior competitividade coa mellora da capacitación profesional e promoción individual da persoa traballadora.

Entre as iniciativas que recolle o Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, figuran os plans de formación continua, financiados mediante a subscrición destes contratos programa, que teñen por obxecto tanto a mellora das competencias e cualificacións como a actualización e especialización profesional dos traballadores ou traballadoras ocupados, sen que para isto sexa necesaria a intermediación das empresas nas que prestan os seus servizos.

Son obxecto de subvención neste proxecto normativo distintos tipos de contratos programas para a execución de plans de formación continua intersectorais, plans de formación sectoriais, plans de formación específicos da economía social e plans de formación dirixidos a traballadores autónomos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 30 de xuño de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 5 de abril de 2006, obsérvase que foron tidas en conta dúas das consideracións manifestadas polos axentes sociais, as relativas á proposta de incremento da porcentaxe aboada como anticipo, que pasa do 50% ao 65% do total do orzamento de gastos do contrato programa e á proposta de engadir no anexo VII accións da construción, pompas fúnebres e enerxías renovables.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Modifícase o financiamento das axudas previstas no proxecto normativo: o crédito consignado para 2007 é de 21.224.573,34 euros, distribuido pola Comisión Galega de Formación Profesional e Continua do seguinte xeito: Entre un 40% e un 60% do financiamento previsto destinarase a contratos programa intersectoriais; entre un 40% e un 60% aos contratos programas sectoriais e entre un 0 e  un 10% aos autónomos e ás entidades de economía social.

Suprímese o apartado 2 do artigo 1º, que establecía: “A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva”.

Modifica a numeración dos artigos e dos capítulos respecto á establecida na orde do exercicio de 2006.

Engádese no novo proxecto normativo un apartado 1 no artigo 5º (antes 4º) que establece que “a impartición das accións de formación profesional continua poderán realizarse nos centros de formación profesional propios da Xunta de Galicia”.

Modifícanse os requisitos para seren entidades beneficiarias da concesión de subvencións públicas para execución de plans mediante contratos programa:  
- Para os contratos programa de execución de plans de formación intersectoriais, serán beneficiarias as organizacións empresariais e sindicais máis representativas no ámbito autonómico con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia;

- Para os contratos programa de execución de plans de formación sectoriais, serán beneficiarias: a) as organizacións empresariais e sindicais máis representativas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia; b) as entidades creadas ao abeiro da negociación colectiva sectorial, representativas no ámbito autonómico; e c) as organizacións empresariais e sindicais que participan na negociación colectiva sectorial no ámbito autonómico ou provincial directamente ou a través das organizacións que a integran ou nas que se integran.

- Para os contratos programa de execución de plans da economía social, serán beneficiarias as confederacións e federacións de cooperativas e/ou de sociedades laborais con notable implantación no ámbito autonómico e que estean legalmente constituídas con anterioridade á data de publicación desta convocatoria, acreditándose o requisito de notable implantación para as cooperativas mediante unha certificación expedida polo encargado do rexistro central de cooperativas e para o caso dos socios/as, acreditarase mediante declaración individual ou conxunta dos mesmos. A acreditación do requisito de notable implantación das confederacións e federacións de sociedades laborais realizarase mediante certificación do rexistro mercantil correspondente ao ámbito territorial de implantación e do número de persoas afiliadas.

Engádese un novo apartado f) no artigo 6º (art. 5º en 2006), que establece que os traballadores desempregados poderán participar nos plans intersectoriais previstos nesta orde, cun límite máximo dun 25% do total de participantes de cada plan.

Respecto ás persoas destinatarias prioritarias das accións formativas (artigo 7º do proxecto normativo), a taxa de participación da muller no conxunto de cada plan formativo deberá ser de, polo menos, 5 puntos porcentuais superior á taxa xeral de ocupación da muller no correspondente ámbito territorial/sectorial -- con exclusión do sector público- sempre que esa taxa sexa inferior ao 50% e aplicarase unha porcentaxe inferior se con ela se chega ao 50%.

No apartado 3 do citado artigo 7º, establécese que, para os efectos desta orde, terán a consideración de pequenas e medianas empresas (Pemes), as que empreguen a menos de 250 persoas, cun volume de negocio anual que non exceda de 50 millóns de euros (40 millóns en 2006) ou cun balance xeral anual que non exceda de 43 millóns de euros (27 en 2006) e que cumpran o criterio de independencia.

Suprímese neste artigo 7º a prioridade dos colectivos de empregados de fogar e traballadores do réxime especial agrario da Seguridade Social por conta propia para participar nas accións recollidas nesta orde.

Modifícase o artigo 8º relativo a accións formativas, en cumprimento do disposto no artigo 33º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, polo que “na totalidade das actividades formativas de formación profesional, ocupacional, continua ou de inserción laboral activa financiadas polo departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo introducirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de cinco horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas e de dez horas nos cursos  de duración superior a cincuenta horas.

As entidades beneficiarias poderán incorporar alumnos dentro do seu primeiro cuarto, suprimíndose no novo proxecto normativo a necesidade de que se produzan baixas durante o desenvolvemento da acción formativa (apartado 4 do artigo 9º).

No artigo 12º establécese un sistema que permite elaborar e tramitar as solicitudes de plans de formación continua mediante apoio das novas tecnoloxías de información.

Establécense novos criterios de valoración no artigo 17º (antes o art. 14º):

a)  En relación coas accións formativas que integran o plan:
- Contidos das accións formativas. Otorgarase maior valoración as accións formativas que incorporen algún módulo de alfabetización informática, sensibilidade ambiental, formación para a seguridade e saúde laboral cuxa duración non poderá exceder das 10 horas.
- Instalacións, medios didácticos e material previsto.
- Certificación das accións formativas. Otorgarase maior valoración a aquelas especialidades que, estando incluídas nalgún dos certificados de profesionalidade publicados, inclúan módulos que se poidan considerar complementarios deles, é dicir, que pertenzan á mesma área ou ocupación pero que non estean desenvolvidos.
- Mecanismos de seguimento, avaliación e control do aprendizaxe.
Os criterios contidos neste apartado tendran un peso do 60% da valoración total.

b) Adecuación das accións formativas do plan ás necesidades do ámbito ou sector.
Os criterios contidos neste apartado tendrán un peso do 20% da valoración total.

c) Capacidade acreditada da entidade solicitante para impartir o plan presentado, tendo en conta experiencias anteriores e os medios persoais e materiais propios ou alleos postos a disposición para a execución do plan.
Os criterios contidos neste apartado tendran un peso do 20% da valoración total.

d) Terase en conta o grao de execución e cumprimento das condicións nas que se otorgou a subvención acreditados polo solicitante na última convocatoriade plans de oferta liquidada podendose reducir por ditas causas ata un 10% de valoración técnica.


Finalmente, no artigo 22º (art. 19º en 2006), relativo ao pagamento e liquidación das subvencións, establécese un anticipo da subvención de ata o 65% do total do orzamento de gastos do contrato programa (50% en 2006).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria, de ámbito autonómico, para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de persoas traballadoras ocupadas, en aplicación da Orde TAS/2783/2004, de 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo correspondentes ao exercicio de 2007” consta de: Exposición de motivos, oito capítulos, vinte e nove artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 8 de xuño de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e sete consideracións específicas de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais, sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración específica, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia.




DITAME 23/07






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria, de ámbito autonómico, para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de persoas traballadoras ocupadas, en aplicación da Orde TAS/2783/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo correspondentes ao exercicio de 2007, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de xuño de 2007, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de xuño de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité valora positivamente os cambios introducidos na mellora da xestión, que facilitan a eficiencia na execución dos contratos programa, particularmente o disposto na letra f) do artigo 6º, con independencia das consideracións específicas que se manifestan de seguido, especialmente no relativo ao establecido no artigo 22º.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo 6º. Participación das traballadoras e dos traballadores.

Na letra f) deste artigo establécese que poderán participar as persoas traballadoras desempregadas, pero só nos plans intersectoriais previstos na orde, cun límite máximo dun 25% do total de participantes de cada plan.

Este Comité considera que debe establecerse a participación das persoas traballadoras desempregadas non só para plans intersectoriais, senón tamén para plans sectoriais, de acordo co aprobado pola Comisión Galega de Formación Continua.

Segunda.-  Artigo 20º. Resolución.

O proxecto normativo que se somete a ditame establece no apartado 1 deste artigo que, no caso de que no prazo de tres meses non se ditase resolución expresa, “as persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderán entender”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

Polo exposto, este Comité propón a substitución da forma “poderán entender” por “entenderán”.

Terceira.- Artigo 22º. Pagamento e liquidación das subvencións.

O apartado 1 deste artigo establece que “Non poderá realizarse o pagamento da subvención cando a entidade solicitante sexa debedora por resolución firme de procedencia de reintegro”.

Este Comité considera máis axeitado substituir o disposto no citado apartado 1 polo que establece o apartado 1 do artigo 21º do Regulamento da Lei de Subvencións, aprobado por Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, suxirindo a redacción seguinte: “Non poderá realizarse o pagamento da subvención cando a entidade solicitante teña débedas coa Administración concedente por reintegros de subvencións en período executivo ou teña débedas non atendidas en período voluntario, no caso de beneficiarios ou entidades colaboradoras contra os que non proceda a utilización da vía de apremio”.

Así mesmo, no apartado 6 deste artigo “Sistemas de pagamento”, establécese que os anticipos serán ata o 65 por 100 (letra a) e que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c).

Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia transforme esta orde nun Decreto que recolla a posibilidade de establecer anticipos de ata o 100 por 100.

Subsidiariamente, no caso de non ser aceptada esta proposta, este Comité Delegado suxire que se inclúa de forma expresa neste apartado, como custos asociados á actividade formativa, os correspondentes custos financeiros orixinados polas operacións formalizadas entre as entidades financeiras e as entidades beneficiarias no importe que excede do 65% de anticipo máximo.

Así mesmo, este Comité suxire unha nova redacción para a letra c) deste apartado 6, no sentido de susbstituir a expresión “libramentos anteriores”, quedando a nova redacción do seguinte tenor: “ Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que a/o beneficiaria/o xustifique os anticipos verificados anteriormente, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida”.


Tendo en conta que a situación financeira e de tesourería das entidades formativas agrávase pola imposibilidade do anticipo do 100%, habería que evitar os desfases entre as solicitudes de anticipo e os pagamentos efectivos destes.

Cuarta.- Artigo 25º. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 4. b) deste artigo esixe, no segundo ítem, que se identifique a persoa coordinadora ou responsable da acción formativa.

Este Comité, considerando que a coordinación poden levala a cabo máis dunha persoa, suxire que sexa substituido pola expresión “as persoas coordinadoras ou responsables”.

Quinta.- Artigo 25º. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 8 deste artigo esixe a contratación dun seguro de accidentes. “A súa duración abranguerá estritamente o período da acción formativa”.

Este Comité considera que debe quedar aberta a posibilidade de contratar unha póliza colectiva para o conxunto das accións formativas, polo que suxire que debe substituirse a frase citada anteriormente pola de “A súa duración abranguerá estritamente os períodos de cada unha das accións formativas”.



Sexta.- Artigo 25º. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 25 deste artigo esixe que os datos da xestión das accións formativas deberán introducirse en liña a través da aplicación informática que a Dirección Xeral de Formación e Colocación poñerá a disposición dos centros.

Este Comité considera que, para unha mellor xestión, debe engadirse a este apartado o seguinte: “A Administración velará para que nestas comunicacións se respeten as normativas da administración electrónica e, polo tanto, admitiranse como comunicacións arquivos de saída dos sistemas dos solicitantes”.

Sétima.- Anexo IV.

Este Comité considera que no anexo IV cando se di no ítem décimo “Accións para operadores/as de guindastre móbil, retroexcavadora e similares”, débese suprimir a expresión “e similares” e incluir o que xa figuraba no anexo VII da orde do exercicio pasado, debendo redactarse do seguinte xeito:

“Accións para operadores/as de guindastre móbil, retroexcavadora e outros vehículos de carga que conduzan á obtención de certificacións polos participantes”.





ANEXO


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar unha referencia ao proceso de Diálogo Social de Galicia, e que como resultado do mesmo, a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO.de Galicia subscribiron o 5 de febreiro de 2007 o Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego de Galicia, que establece os obxectivos que cómpre acadar en materia de emprego neste período na liña de converxencia coa media do Estado e coa de Europa, e as medidas e recursos que se implementarán cara a consecución destes obxectivos, iniciándose unha nova etapa no marco das relacións laborais.