ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE ACCIÓNS COMPLEMENTARIAS E DE ACOMPAÑAMENTO Á FORMACIÓN, DE ÁMBITO AUTONÓMICO, CORRESPONDENTES AO EXERCICIO DO ANO 2007, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/2782/2004, DO 30 DE XULLO, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DAS CITADAS SUBVENCIÓNS, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO.


I. ANTECEDENTES

O día 12 de xuño de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2007, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo , polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, ten como obxeto ofrecer ás persoas traballadoras tanto ocupadas como desempregadas unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo e que atenda aos requerimentos de produtividade e competitividade das empresas e ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento personal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e para o acceso ao emprego. Entre as iniciativas que recolle o citado Real Decreto, figuran as accións complementarias e de acompañamento á formación, que se regulan nesta orde.

O obxecto dos proxectos que se van financiar neste exercicio mediante esta orde de convocatoria mellora a calidade das accións formativas de Formación Profesional Contínua e estende o subsistema de formación profesional contínua cara a ámbitos nos que aínda non está plenamente introducido, especialmente ás pequenas e medianas empresas, co fin de facilitar o acceso á formación dos seus traballadores e traballadoras.

Trátase tamén, non só de incorporar novas tecnoloxías nas ferramentas utilizadas para a impartición, seguimento e avaliación das accións formativas, senón de darlles un enfoque específico, de forma que melloren a calidade e eficiencia dos procesos de formación, e aceleren a transmisión do coñecemento aos traballadores e traballadoras das pequenas e medianas empresas que participan na experiencia.



Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 4 de setembro de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello (Ditame 24/06) con data 18 de maio de 2006, obsérvase que foron tidas en conta catro das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Obsérvase que non se teñen recibido xunto co proxecto normativo o anexo I ao que fai referencia o artigo 4º, nin os anexos II e III aos que remite o artigo 7º.

Modifícase o apartado 2 do artigo 4º; atendendo a unha das consideracións manifestadas polos axentes sociais no Ditame 24/06, suprimíndose a especial consideración das accións destinadas á sensibilización e incorporación de boas prácticas ambientais no sector de turismo e hostalaría, así como as accións de formación en idiomas para o transporte.

Suprímese, tamén neste artigo 4º os apartados 5 e 6, relativos aos  requisitos esixidos ás empresas colaboradoras no desenvolvemento do proxecto.

Modifícase o contido da letra f) do apartado 1 do artigo 7º, referido aos extremos aos que se fará referencia na memoria-proxecto que hai que acompañar á solicitude, que se amplían.

Modifícanse os criterios de valoración técnica das solicitudes (artigo 9º, apartado 5), diferenciando a valoración respecto das solicitudes de accións prioritarias, do plantexamento xeral e deseño da acción e das entidades que desenvolven o proxecto e o equipo técnico.

Modifícase o disposto no artigo 12º, referido ao pagamento das subvencións, permitíndose anticipos de ata o 65% do total do orzamento de gastos de cada acción subvencionada (o 50% en 2006).

Finalmente, suprímese a disposición adicional segunda e o seu contido figura no apartado 5 do artigo 8º, relativo ao procedemento e á comisión de valoración.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2007, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, vinte artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 13 de xuño de 2007 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e doce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración específica, de carácter non unánime, manifestada pola CEG e as organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (anexo I), catro consideracións específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola CEG (anexo II) e unha específica tamén non unánime, manifestada polo S.N. de CC.OO. de Galicia (anexo III).


DITAME 24/07



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2007, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de xuño de 2007, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de xuño de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte as diferencias de xénero. Igualmente, considera que o texto debe adaptarse á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Exposición de motivos.

Este Comité considera que debe modificarse a redacción do sexto parágrafo da exposición de motivos, polo que suxire a seguinte: “O obxecto dos proxectos que se van financiar neste exercicio mediante esta orde de convocatoria, ademais de mellorar a calidade das accións formativas de Formación Profesional Contínua, estende o subsistema de formación profesional contínua cara a ámbitos nos que aínda non está plenamente introducido, especialmente ás pequenas e medianas empresas, co fin de facilitar o acceso á formación dos seus traballadores e traballadoras.

Igualmente, consideramos que debe aclararse o que se quere dicir no parágrafo sétimo coa expresión “ …. calidade e eficiencia dos procesos de relación na formación …”.

Finalmente, no parágrafo oitavo, última liña, consideramos que en lugar de dicir “.. manter e fortalecer a situación competitiva das empresas e dos traballadores ocupados”, debe dicir “manter e fortalecer a situación competitiva das empresas e a cualificación das persoas traballadoras ocupadas”.

Segunda.- Artigo 2º. Finalidade e principios que rexen a concesión de subvencións.

O apartado 2 deste artigo establece que os proxectos financiados por esta convocatoria non poden dirixirse especialmente ao ámbito da Administración Pública.

Este Comité suxire a substitución do termo “especialmente” por “especificamente”.

Terceira.- Artigo 3º. Requisitos das entidades solicitantes, acreditación e límites de participación.

No apartado 3 deste artigo sobre os requisitos das entidades solicitantes, establécese que unha mesma entidade non poderá propoñer a súa colaboración como participante en máis de catro solicitudes nesta convocatoria, agás aquelas cuxa participación se limite ás xornadas de difusión do proxecto.

Este Comité considera que as entidades que participen na negociación colectiva non deben resultar afectadas pola limitación establecida neste apartado de non poder colaborar en máis de catro solicitudes, tal e como figuraba na Orde do 11 de novembro de 2004, reguladora destas subvencións (DOG de 15 de novembro de 2004), polo que a redacción do último punto dese apartado 3 debería ser a seguinte: “Para os efectos desta limitación, non se terán en conta as entidades que participen na negociación colectiva, nin aquelas cuxa participación se limite ás xornadas de difusión do proxecto”.


Cuarta.- Artigo 4º. Accións financiables.

No apartado 1 deste artigo establécese que serán accións financiables as de estudo e investigación, especificándose que os estudos realizaranse prioritariamente nos sectores e ámbito que se relacionan no anexo I desta convocatoria.

Este Comité fai constar que non ten recibido o referido anexo, polo que non pode ditaminalo; porén solicita se teña en conta, de ser o caso, o apuntado na consideración terceira do Ditame 24/06, relativa ao artigo 4º e a dito anexo, no sentido de que debería xustificarse o feito de priorizar os sectores e ámbito relacionados no anexo, debendo incluirse tamén as necesidades formativas en orientación cara ás certificacións profesionais.




Quinta.- Artigo 7º. Solicitudes.

No apartado 1, letra f) deste artigo establécese que a solicitude deberá ir acompañada dunha memoria proxecto na que se fará referencia a unha serie de extremos que se citan a continuación, figurando no punto décimo “Experiencia e cualificación do equipamento técnico e recursos humanos previsto no desenvolvemento da acción”.

Este Comité considera mais axeitada a seguinte redacción: “Experiencia e cualificación dos recursos humanos e descrición do equipamento técnico previstos no desenvolvemento da acción”.

Sexta.- Artigo 7º. Solicitudes.

Este Comité observa que na enumeración por letras que figura no apartado 1 deste artigo falta a letra i).

Sétima.- Artigo 11º. Resolución.

No apartado 2 deste artigo establécese que “A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de seis meses … Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude”.

Este Comité considera que o prazo para ditar resolución é excesivamente longo, propoñéndose o de tres meses contados desde o día da presentación da solicitude no correspondente rexistro.
Asi mesmo, propón a substitución, para non xerar inseguridade xurídica, da expresión “poderán entender desestimada” por “entenderán desestimada”.

Oitava.- Artigo 12º. Pagamento das subvencións.

No apartado 1, letra a), deste artigo establécese que os anticipos serán ata o 65 por 100  do total do orzamento de gastos de cada acción subvencionada e na letra c) establécese que os pagos parciais nunca serán superiores ao 80 por 100 da subvención concedida.

Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

Para o caso de non ser aceptada esta proposta, este Comité suxire a inclusión expresa neste apartado, como custos asociados á actividade formativa, dos correspondentes custos financeiros orixinados por operacións formalizadas polas entidades beneficiarias con entidades financeiras, no importe que excede do 65% de anticipo máximo.

No caso de manterse o actual sistema de pagamento, este Comité considera que deberían adoptarse medidas administrativas conducentes a evitar os persistentes retrasos no aboamento dos anticipos e liquidacións das axudas, tendo en conta que as entidades beneficiarias son entidades ou organizacións sen ánimo de lucro.

Así mesmo, este Comité suxire unha nova redacción para a letra c) deste apartado 1, no sentido de susbstituir a expresión “libramentos anteriores”, por “pagamentos verificados anteriormente, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida”.

Novena.- Artigo 13º. Condicións para adquirir e conservar o dereito á subvención.

A adquisición e conservación do dereito á subvención implica para o/a beneficiario/a cumprir cunha serie de obrigas, establecéndose no apartado 1, letra c), a de presentar a xustificación do cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión da subvención, así como da realización e dos custos da actividade que fundamenta a concesión.

Este Comité suxire a substitución da expresión que figura subliñada pola seguinte: “así como da realización da actividade que fundamenta a concesión e dos seus custos”.

Décima.- Artigo 13º. Condicións para adquirir e conservar o dereito á subvención.

Este Comité observa que na enumeración por letras que figura no apartado 1 deste artigo falta a letra i).

Decimo primeira.- Artigo 17º. Xustificación dos custos.

O apartado 1, letra b) deste artigo contén unha referencia ao “Regulamento que regula as obrigas de facturación”.

Este Comité suxire se substitúa a expresión “Regulamento que regula” pola de “Regulamento que establece”.

Decimo segunda.- Disposición adicional sétima.

Esta disposición establece que a Dirección Xeral de Formación e Colocación publicará as contías das subvencións que se outorguen ao amparo desta convocatoria, así como os seus beneficiarios.

Este Comité considera que debe figurar no texto da disposición que a publicación farase respectando a normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e demais normativa de desenvolvemento.










ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar unha referencia ao proceso de Diálogo Social de Galicia, e que como resultado do mesmo, a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO.de Galicia subscribiron o 5 de febreiro de 2007 o Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego de Galicia, que establece os obxectivos que cómpre acadar en materia de emprego neste período na liña de converxencia coa media do Estado e coa de Europa, e as medidas e recursos que se implementarán cara a consecución destes obxectivos, iniciándose unha nova etapa no marco das relacións laborais.






ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- A Confederación de Empresarios de Galicia considera que o proxecto normativo debe contemplar expresamente, ao igual que o fai a Orde reguladora das subvencións para accións formativas dirixidas a traballadores ocupados, que as entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria, permitíndose a subcontratación por riba do 50%, conforme ao disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Segunda.- No antepenúltimo parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo establécese que os artigos da  Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe incluirse tamén neste parágrafo a referencia ao Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

Terceira.- A Confederación de Empresarios de Galicia considera que non debería esixirse ás entidades solicitantes a documentación que xa está en poder da Administración.

Cuarta.- No artigo 10º, apartado 3, establécense os custos directos e asociados que se considerarán financiables para os efectos da convocatoria de subvencións reguladas neste proxecto normativo, dispoñéndose no apartado B), punto 3, que “a suma dos custos asociados non poderá superar o 10% do total dos custos directos das accións complementarias”.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón establecer o límite do 15% en lugar do 10%.















ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO S.N. DE CC.OO. DE GALICIA


Artigo 9º. Valoración técnica das accións.

O S.N de CC.OO. de Galicia propón unha redacción alternativa ao apartado 5 do artigo 9º do proxecto normativo, establecéndose os seguintes criterios de valoración:

Apartado 1º: “Solicitude de accións prioritarias”, ata un máximo de 50 puntos:
1. Por solicitar accións prioritarias: ata 40 puntos
2. Por solicitar accións ligadas a certificacións profesionais: ata 10 puntos

Apartado 2º: “Plantexamento xeral e deseño da acción”, ata un máximo de 50 puntos:
1. Presentar unha metodoloxía de traballo ben definida e axeitada ao obxecto da investigación: ata 45 puntos
- Descrición da planificación e desenvolvemento do proxecto/ descrición do ámbito da investigación/ obxectivos xerais e específicos (ata 10 puntos)
- Fontes documentais e institucionais a consultar, e información que se pretende obter (ata 5 puntos)
- Descrición da metodoloxía de análise, especificando as técnicas que aseguren a coherencia dos resultados cos datos recollidos (universo obxecto de estudo nas accións que proceda) (ata 25 puntos)
- Carácter innovador da acción (ata 5 puntos)

2. Mellora da planificación das accións de difusión -páxinas web, prensa, radio,... e calquera outra medida que serva para difundir os resultados a maiores da obrigada xornada de presentación dos resultados- : ata 5 puntos

Apartado 3º: “Entidades que desenvolven o proxecto e o equipo técnico”
1. Experiencia na elaboración de proxectos de iguais ou similares características realizados pola entidade solicitante e/ou colaboradora: ata un máximo de 15 puntos
- 1 a 3 proxectos..........................   5 puntos
- 4 a 6 proxectos.......................... 10 puntos
- Máis de 6 proxectos .................  15 puntos

2. Valoración do perfil do persoal técnico da entidade solicitante e/ou colaboradora: ata un máximo de 25 puntos
- Valoración do curriculum vitae acreditado do coordinador do proxecto:  ata un máximo de 10 puntos
- Valoración do curriculum vitae acreditado do equipo de desenvolvemento: ata un máximo de 15 puntos.  

3. Adecuación do orzamento ao proxecto presentado: ata un máximo de 20 puntos.