ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE REGULA O RECOÑECEMENTO DA CONDICIÓN DE ENTIDADE COLABORADORA EN CAPTACIÓN DE OFERTAS DO SERVIZO PÚBLICO DE EMPREGO DE GALICIA E A CREACIÓN DO REXISTRO ADMINISTRATIVO.


I. ANTECEDENTES

O día 4 de xuño de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de decreto polo que se regula o recoñecemento da condición de entidade colaboradora en captación de ofertas do Servizo Público de Emprego de Galicia e a creación do rexistro administrativo e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde recóllese que o día 5 de febreiro asinouse polo presidente da Xunta de Galicia, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, o secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores de Galicia e o secretario xeral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia o Acordo polo Emprego que, entre outros, supón un Novo Modelo de Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) no que se establece, como primeiro obxectivo, a colocación dos demandantes de emprego. Ese obxectivo realízase a través da intermediación entre demandantes e empresas. Parece necesario establecer procedementos que permitan que o SPEG acade índices de intermediación que non sexan testemuñais e, en función diso, deben establecerse todas as medidas correctoras necesarias. Co gallo de incrementar esta intermediación ata os niveis definidos nos obxectivos, estableceranse medidas concretas cara á captación de ofertas vinculadas ao SPEG e outras medidas que podan potenciar a utilización deste Servizo como elemento de intermediación.
En materia de xestión de ofertas de traballo, existía ata este ano unha rede de Centros Asociados ao Servizo Galego de Colocación, agora Servizo Público de Emprego, xunto á rede de centros colaboradores en orientación laboral para o emprego. Dada a asunción das funcións de inscrición, clasificación e intermediación como propias pola Rede de Oficinas de Emprego, precísase unha redefinición da función das entidades que ata agora viñan prestando a súa colaboración.

Non existen antecedentes do proxecto normativo, xa que é a primeira vez que se recibe para ditame.

O presente decreto regula a creación dun rexistro na Dirección Xeral de Formación e Colocación, onde se inscribirán as entidades colaboradoras en materia de captación de ofertas para a súa tramitación por parte das Oficinas de Emprego, así como as condicións e requisitos que deben cumplir as entidades para a súa inscrición.

Segundo establece o artigo 2º do proxecto de decreto, poderá ser recoñecida como entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego en captación de ofertas, calquera entidade con ou sen ánimo de lucro, cun ámbito de actuación relacionado co mercado laboral, agás as entidades recoñecidas como centros colaboradores en materia de información, orientación e busca de emprego.

A inscrición rexistral producirase en virtude de resolución do titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación e, de ser o caso, logo do informe do director da oficina de emprego onde esté ubicada a entidade solicitante (artigo 5º).

O artigo 8º establece que o servizo de captación de ofertas concretaranse nas seguintes accións:
- Posta en contacto co empregador.
- Cumprimentación do impreso de captación de oferta asinado polo empregador, onde aparecerá recollido o perfil profesional das vacantes a cubrir.
- Remisión de dito impreso á oficina de emprego correspondente, a cal tramitará dita oferta.

A Consellería de Traballo, segundo dispón o artigo 10º, poderá establecer concertos coas entidades inscritas no rexistro de entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego en captación de ofertas ao fin de percibir as compensacións económicas que se fixen polos servizos prestados.
Finalmente, na disposición derrogatoria, establécese que queda derrogada a Orde do 6 de maio de 2005, pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ao Servizo Galego de Colocación.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de decreto polo que se regula o recoñecemento da condición de entidade colaboradora en captación de ofertas do Servizo Público de Emprego de Galicia e a creación do rexistro administrativo” consta de: Exposición de motivos, dez artigos, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.


O día 18 de xuño de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais e unha consideración xeral  e dúas específicas sobre a valoración da norma,  tamén de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.







DITAME 25/07






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se regula o recoñecemento da condición de entidade colaboradora en captación de ofertas do Servizo Público de Emprego de Galicia e a creación do rexistro administrativo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de xuño de 2007, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de xuño de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:







CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que non procede entrar no fondo do asunto para ditaminar este proxecto de decreto, polas seguintes razóns:

Primeira.-  Vistos o contido e alcance deste proxecto normativo, consideramos inexcusable a súa consulta e debate no Comité Autonómico de Emprego con carácter previo á súa remisión ao Consello Galego de Relacións Laborais para ditame.

Segunda.- Na exposición de motivos do proxecto normativo sometido a ditame enúncianse varios parágrafos do Acordo polo Emprego asinado o 5 de febreiro de 2007. Consideramos que ningún destes xustifica o feito de recoñecer como entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego en captación de ofertas calquera entidade con ou sen ánimo de lucro (artigo 2º.1) e, ao mesmo tempo, se exclúa desta posibilidade ás entidades recoñecidas como centros colaboradores en materia de información, orientación e busca de emprego (artigo 2º.2).

Terceira.- O artigo 10º do proxecto normativo permite á Consellería de Traballo establecer concertos coas entidades inscritas no rexistro de entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego en captación de ofertas, coa finalidade de percibir as compensacións económicas que se fixen polos servizos prestados. Consideramos que non pode establecerse no proxecto normativo esa posibilidade sen especificarse o concreto financiamento dos concertos.

Cuarta.- En relación co establecido na disposición derrogatoria do proxecto de decreto, as organizacións sindicais manifestamos que, con data 9 de febreiro de 2007, o Consello Galego de Relacións Laborais emitíu ditame (Ditame 7/07) sobre o proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen os centros colaboradores. Ignoramos a relación deste proxecto de decreto co proxecto de orde citado e ditaminado, ao non especificarse nada neste sentido nin na súa exposición de motivos nin na súa memoria xustificativa.














CONSIDERACIÓNS XERAL  E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


Aínda que se valora positivamente a posibilidade que ofrece a regulación proxectada da colaboración doutras entidades, con ou sen ánimo de lucro, na captación das ofertas, a Confederación de Empresarios de Galicia fai as seguintes observacións no entendemento de que mellorarían, de ser aceptadas, o nivel de intermediación do Servizo Público de Emprego:

a) Consideración xeral

Consideramos que, cronoloxicamente, este proxecto de decreto regulador do recoñecemento da condición de entidade colaboradora en captación de ofertas do Servizo Público de Emprego de Galicia debería terse materializado con anterioridade á Orde do 8 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego.

De acordo co xa manifestado con respecto á Orde do 8 de marzo de 2007, debemos reiterar a posición da Confederación de Empresarios de Galicia recollida no Ditame 1/07, pois consideramos que todas as accións que supón a captación, tramitación, seguimento e peche de ofertas deberían estar centralizadas nunha mesma entidade, para así evitar confundir ao ofertante e minorar o proceso.


Así, no Ditame 1/07 manifestábase, o cal reiteramos tamén para o presente proxecto de Decreto (vid. art. 6º c) do proxecto de Decreto), que "a Confederación de Empresarios de Galicia considera que esta dobre participación, na que as entidades colaboradoras aparentemente só captarían a oferta, xerará confusión entre o empresariado, pois este verase obrigado a tratar con dous mediadores diferentes, ao que hai que engadir que se minorará o proceso destas. Por este motivo, proponse que as organizacións empresariais poidan realizar tamén a tramitación das ofertas de traballo", o cal podería establecerse mediante a modificación do art. 2.2, tendo en  conta o contido dos apartados 1.2 e 1.3 do Acordo sobre o novo modelo de Servizo Público de Emprego en Galicia.

Así mesmo, manifestamos a nosa desconformidade por non considerarse compensación económica pola actividade de captación de ofertas para as entidades que teñan recoñecida a concesión de subvención para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego, e a súa exclusión directa do proxecto de Decreto a través do art. 2.2.

Consideramos que estes dous aspectos non coadxuvan e supoñen un obstáculo de feito á potenciación da utilización do Servizo Público de Emprego como elemento de intermediación, dificultando, polo tanto, a consecución dos obxectivos de incremento dos niveis de intermediación do SPE establecidos nos acordos asinados o 5 de febreiro do presente exercicio.



b) Consideracións específicas.

Art. 6º.-
Os prazos de presentación, por parte das entidades colaboradoras, das ofertas de emprego captadas, ante a correspondente Oficina de Emprego son excesivos; cinco días como máximo é dilatar un proceso inadecuadamente, e máxime cando ata o momento se viñan mecanizando de xeito inmediato e na Orde do 8 de marzo de 2007 non se establece período ningún para levar a cabo a devandita acción.

Debería establecer con claridade o proceso e os sistemas de presentación das ofertas captadas, que deberían ter, por outra parte, unha tramitación telemática, pois as novas tecnoloxías son fundamentais para conseguir a axilidade que demandan as empresas.

Art. 7º.1.-
En canto aos requisitos impostos para o mantemento da cualificación, parece excesivo o número de ofertas requiridas con resultado de contratación por parte da empresa ofertante.

Por último, debería establecerse tanto algún sistema de seguimento e colaboración entre a entidade colaboradora e a oficina de emprego, para coñecer o resultado das ofertas, como tamén as compensacións económicas que recibirían as entidades colaboradoras, pois non existe unha mención concreta ao respecto.