ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE DETERMINA O CALENDARIO LABORAL PARA O ANO 2008 NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

I.  ANTECEDENTES

O día 12 de xuño tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2008 na Comunidade Autónoma de Galicia e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto do Decreto publicado no DOG o día 4 de agosto de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data do 4 de xullo de 2006, obsérvase o seguinte:

- Na elaboración do proxecto parece que non se tiveron en conta as consideracións feitas polo comité ao proxecto de decreto no seu ditame 26/06.
- O novo proxecto normativo non contén cambios substanciais respecto ao ditaminado en 2006.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2008 na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e unha disposición derradeira.

O día 20 de xuño de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións de carácter unánime.

Contén, como anexos, tres consideracións xerais sobre a valoración da norma e dúas consideracións específicas de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO. e CIG (anexo I) e unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).






DITAME 26/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2008 na Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de xuño de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de xuño de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado considera que a utilización, na exposición de motivos e no articulado do proxecto de decreto, da acepción “nacional” para referirse indistintamente aos ámbitos de Galicia e de España, debería corrixirse en aras da súa claridade interpretativa, propoñendo reservar o termo “nacional” para o ámbito de Galicia e utilizar o termo “estatal” para o conxunto de España.





Segunda.

A disposición derradeira di textualmente: “Este decreto producirá efectos a partir do día un de xaneiro do ano dous mil oito”.

Para os efectos de que non se poida entender excluído o día un de xaneiro, este Comité considera que debe dicir: “Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil oito”.


















ANEXO I


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  S.N. DE CCOO DE GALICIA E  CIG.


Consideracións xerais

Primeira.- As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e CIG fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego, a través da Comisión Mixta de Transferencias, inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de maniobra para poder fixar as súas festas, respectando, de ser o caso, os compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda fixar máis festas de carácter cívico ou laico.


Segunda.- O S.N. de CC.OO. de Galicia e a CIG propoñen a substitución do termo “Festa do Traballo” do día 1 de maio, por un termo máis acorde coas orixes da conmemoración, tal como “Día Internacional dos Traballadores”.



Terceira.- En concordancia co reflectido na exposición de motivos do proxecto de decreto, cando establece que na nosa comunidade autónoma síguese o “criterio de manter unha certa continuidade na determinación das festas laborais para conmemorar todo o que forma parte da nosa tradición, historia e cultura”, suxírese que a denominación de certas festas se axeite a esa tradición, historia e cultura, mudando a súa designación, para achegala máis preto da linguaxe actual da sociedade galega.

A titulo de exemplo, o 6 de xaneiro que na exposición de motivos se designa como Epifanía do Señor, debería designarse como Día de Reis, e o 25 de decembro que no artigo 1º se designa como Natividade do Señor, sería o Nadal.


Consideracións específicas

Primeira.- Seguindo coa liña argumental de anos precedentes e tendo en conta que o Parlamento Galego aprobou o día 9 de marzo de 2006 “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuir a traer pacificamente a democracia”, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

Segunda. - Proponse a substitución da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no proxecto de decreto como “Santiago Apóstolo. Día Nacional de Galicia” e pase a designarse o 25 de xullo como “Día da Patria Galega”.




ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería facerse uso da facultade regulamentada no artigo 37 do estatuto dos Traballadores, respecto á posibilidade de trasladar aos lúns as festas que teñan lugar entre semana, excluíndo as que o propio artigo 37 establece como non trasladables.

A finalidade desta substitución é evitar a perda de horas laborais que se produce cada ano nas empresas como consecuencia das denominadas “pontes”.