ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN PARA O ANO 2007 AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE AXENTES DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL NO ÁMBITO DA COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS.


I. ANTECEDENTES

O día 20 de xuño de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan, para o ano 2007, as axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local no ámbito da colaboración coas entidades locais, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese á importancia da creación de postos de traballo a nivel local, xa que é neste ámbito onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego. Por esta razón é fundamental a presencia de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada, que actúen como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa, centrándose sobre todo en aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

O obxecto deste proxecto normativo é establecer as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación polas entidades locais de axentes de emprego e desenvolvemento local, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 14 de agosto de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de xullo de 2006, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais no ditame 29/06.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se mencionan a continuación:

Non se reciben xunto co proxecto normativo os anexos aos que fai referencia o artigo 5º.

Obsérvase no artigo 1º, apartado 2, o incremento dos créditos consignados para o financiamento das axudas reguladas no proxecto normativo,  sendo o importe de 6.300.000 € (5.750.000 € en 2006); porén, a contía máxima das subvencións segue a ser de 27.046 euros anuais por cada contratación subvencionada (artigo 4º).


No artigo 5º, apartado 4 I), establécese como novidade na letra d) que as solicitudes deberán ir acompañadas, entre outra documentación, dunha certificación do secretario da entidade solicitante na que consten as retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación.

Así mesmo, modifícase o esixido no artigo 5º, apartado 4. V), substituíndose “declaración xurada” por “declaración responsable” de cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de beneficiarios/as.

Como novidade, esíxese no artigo 13º.g), para xustificar o pagamento da subvención, a presentación dunha fotografía do cartel informativo e a súa ubicación.

Regúlase, no artigo 16º, a prórroga da subvención, establecéndose que as entidades beneficiarias poderán  solicitar á Consellería de Traballo a prórroga da subvención concedida por cada axente de emprego e desenvolvemento local contratado ao abeiro da Orde do 2 de agosto de 2006, no prazo e coa documentación previstos nese artigo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan para o ano 2007, as axudas e subvencións para a contratación de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local no ámbito da colaboración coas entidades locais” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 29 de xuño de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e nove específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.

















DITAME 27/07






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo pola que se convocan para o ano 2007, as axudas e subvencións para a contratación de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local no ámbito da colaboración coas entidades locais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de xuño de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de xuño de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:










CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.
  O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que, naqueles concellos onde non haxa persoas desempregadas suficientes para acadar cando menos un axente de emprego e desenvolvemento local, deberá preverse a posibilidade de agrupación cos da súa comarca para chegar a un número suficiente.

Segunda.
Este Comité avalía positivamente a modificación dalgún artigo en sintonía con algunha das consideracións realizadas no ditame 29/06.

Terceira.
Este Comité non pode pronunciarse sobre o contido dos anexos I, II, III, IV e V aos que fan referencia os artigos 5º e 13º do proxecto normativo, xa que non foron remitidos a este Consello.

Cuarta.
Este Comité suxire a revisión do texto do proxecto normativo na procura da súa adaptación á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego.








CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No sétimo parágrafo da exposición de motivos establécese que esta convocatoria de axudas e subvencións axustarase ao disposto na Lei Xeral de Subvencións e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, entre outras normas aplicables.

Este Comité considera que sería conveniente facer referencia tamén á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 25 de xuño de 2007 e que entrará en vigor o 25 de setembro de 2007, antes de que expire a vixencia da norma que se ditamina.

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto e financiamento.

O apartado 4 deste artigo establece que as entidades beneficiarias das axudas deben someterse ao cumprimento das obrigas relacionadas coas medidas de publicidade impostas polo Regulamento da Comisión (CE) núm. 1159/2000, do 30 de maio.

Este Comité considera que deben explicitarse no texto do artigo as medidas de publicidade que esixe o citado Regulamento europeo.


Terceira.- Artigo 4º. Contía máxima e duración da subvención

O apartado 4 deste artigo, ao igual que o artigo 9º, o apartado c) do artigo 13º e o apartado 2.c) do artigo 14º, alude a subvencións procedentes de entes públicos nacionais.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituirse por “estatal ou estatais”.

Cuarta.- Artigo 6º. Procedemento.

Obsérvase que falta a preposición “por” no apartado 3 deste artigo, relativo aos membros da Comisión de Valoración. Debe dicir: “Para os efectos previstos nesta orde, a Comisión de Valoración estará composta por:”

Quinta.- Artigo 8º.- Resolución e recursos.

No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de seis meses, que se considera excesivo. Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de dous meses, contados desde que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Sexta.- Artigo 9º.- Modificación da resolución de concesión.

Obsérvase que o previsto neste artigo para o caso de concorrencia de subvencións é incoherente e contraditorio co establecido no artigo 4º apartado 4 da mesma norma, que establece a incompatibilidade destas axudas con outras subvencións ou axudas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade,  procedentes doutras administracións.
Sétima.- Artigo 13º. Xustificación e pagamento.

O apartado 2 deste artigo establece a obriga de remitir a documentación xustificativa no prazo dun mes desde o inicio da contratación e, con carácter xeral, como data límite o 28 de decembro do ano 2007.

Este Comité suxire substituir a expresión “con carácter xeral” pola de “en todo caso”, por considerala máis axeitada.

Oitava. Artigo 14º. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 1 deste artigo obrígase ás entidades beneficiarias a poñer a disposición dos Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local os equipos informáticos precisos, figurando entre paréntese “incluído lector de CD-Rom”.

Considerando que o lector de CD-Rom é algo hoxe tecnoloxicamente obsoleto, este Comité suxire que se suprima esta expresión.

Novena. Artigo 14º. Obrigas das entidades beneficiarias.

Este Comité observa a existencia dun erro na numeración deste artigo, xa que nas letras c), d) e e) do apartado 2 non se relaciona ningunha documentación, polo que se propón que o disposto nesas letras figure cun número (3,  4 e 5), quedando o apartado 2 coas letras a), b) e c), esta última co disposto na letra d).




ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG.

A duración prevista das axudas á contratación previstas no proxecto normativo por parte da Consellería de Traballo, sen que se establezan mecanismos para a consolidación do posto de traballo no cadro de persoal da entidade local, opera en contra da estabilidade do emprego, contribuíndo a incrementar as xa altas taxas de precariedade na Administración Local.







ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A Confederación de Empresarios de Galicia considera aconsellable homoxeneizar as ordes que emite a Consellería de Traballo en materia de contratación de técnicos de emprego (enténdase axentes de emprego, técnicos locais de emprego, coordinación e cooperación para o emprego...).

Esta proposta ten a súa razón de ser, no feito de que, por exemplo, na orde reguladora das axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, no apartado de asignación de contías e de selección dos técnicos, establécense criterios diferentes respecto desta que estamos a ditaminar.

Por outra banda, no que respecta aos requisitos para a selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local, hai unha diferenza importante: para ser axente de emprego os candidatos teñen que ser desempregados, mentres que para ser axente de emprego e desenvolvemento local non é obrigatorio este requisito xa que, no caso de que os candidatos remitidos polo Servizo Público de Emprego non sexan idóneos, a entidade local pode acudir a outros procesos de selección, o que concede unha certa “flexibilidade” ás entidades locais no momento de contratar o seu persoal.


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 10.- Selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local.

No apartado 3 deste artigo non se priorizan, como sería desexable, aquelas titulacións, másters e posgraos que teñen relación co ámbito de xestión empresarial (empresariais, económicas ou outras).

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se faga esa priorización.