ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE DITAN NORMAS DE PROCEDEMENTO PARA A XESTIÓN DAS AXUDAS PREVISTAS NO DECRETO 106/1994 DO 21 DE ABRIL, DA XUNTA DE GALICIA E NA ORDE DO 5 DE OUTUBRO DE 1994, DO MINISTERIO DE TRABALLO E SEGURIDADE SOCIAL, POLA QUE SE REGULA A CONCESIÓN DE AXUDAS PREVIAS Á XUBILACIÓN ORDINARIA NO SISTEMA DA SEGURIDADE SOCIAL, A TRABALLADORES AFECTADOS POR PROCESOS DE REESTRUTURACIÓN DE EMPRESAS


I.  ANTECEDENTES

O día 16 de xullo de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se ditan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994 do 21 de abril, da Xunta de Galicia e na orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As axudas previstas no proxecto normativo que se somete a ditame teñen como obxectivo facilitar unha cobertura económica aos traballadores e traballadoras afectados por procesos de extincións de relacións de traballo, por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción, sempre que se cumpran os requisitos e condicións esixidos na orde, en tanto non accedan á situación de xubilación na súa modalidade contributiva no sistema da Seguridade Social.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde publicado no DOG o día 7 de agosto de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data do 31 de maio de 2006, obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións feita polos axentes sociais no Ditame 25/06.

Obsérvase que non se respetan as diferencias de xénero nin no título nin no texto do proxecto normativo, por exemplo, debería figurar “persoas traballadoras” en lugar de “traballadores”.

Así mesmo, á vista do penúltimo parágrafo da exposición de motivos e do apartado 3 do artigo 1º, obsérvase que falta unha referencia á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que entrará en vigor o 25 de setembro de 2007 e, polo tanto, antes de que remate o exercicio de 2007.



O proxecto normativo presenta as seguintes modificacións respecto da Orde do exercicio anterior:

No artigo 5º que regula o financiamento, redúcese a dotación orzamentaria das axudas reguladas nesta orde (809.522,30 €) en relación ao exercicio pasado (839.776,85 €).

No artigo 6º, relativo a solicitudes e documentación, suprímese a esixencia de acompañar coa solicitude documentación acreditativa de estar ao corrente das obrigas tributarias  e da Seguridade Social, establecéndose agora na letra k) do proxecto normativo que “a presentación da solicitude de subvención pola empresa solicitante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Engádese un novo parágrafo no apartado 1 “in fine” do artigo 8º, sobre avaliación das solicitudes, establecéndose que “En todo caso, e antes de ditar a proposta de resolución de concesión, o beneficiario deberá atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias, estatais ou autonómicas, e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma”.

Finalmente, na disposición adicional quinta, engádese o seguinte parágrafo: “O beneficiario quedará sometido ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Traballo e ás de control financeiro que lle corresponde á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas”.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se ditan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994 do 21 de abril, da Xunta de Galicia e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dez artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 26 de xullo de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.








DITAME 28/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se ditan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994 do 21 de abril, da Xunta de Galicia e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de xullo de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de xullo de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


Primeira.

A exposición de motivos deste proxecto normativo fai unha referencia expresa, como antecedente e sustento normativo do propio desenvolvemento da futura orde,  ao Decreto 106/1994, do 21 de abril, da extinta Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo. Dentro do articulado deste Decreto, fálase de “Axudas á xubilación anticipada de traballadores de empresas en crise non suxeitas a plans de reconversión”, (na súa exposición de motivos e nos artigos 2º e 3º).

En aras dunha maior claridade normativa, o contido e a denominación do Programa regulado no Capitulo II do Decreto 106/1994, do 21 de abril, da Xunta de Galicia, debe estar consonte coa denominación e contido, en termos xerais, tanto da Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social como desta futura Orde que estamos a ditaminar.

A título de exemplo, polo que respecta ao obxecto perseguido por estes corpos legais, tanto a Orde Ministerial como esta futura Orde autonómica manteñen unha dición familiar: “…facilitar unha cobertura económica aos traballadores afectados por procesos de extinción de relacións de traballo, por causas…”.

Pola súa banda, o Decreto 106/1994, fala de “Facilitar ás empresas non suxeitas a plans de reconversión a posibilidade de axeitar os seus cadros de persoal á súa realidade produtiva, mediante axudas que lles permitan anticipar a xubilación aos traballadores…”

Tendo en conta, pois, a íntima relación existente entre as tres normas ás que nos acabamos de referir e que neste proxecto normativo se desenvolven os contidos da Orde Ministerial de 1994 e do Decreto autonómico 106/1994, proponse que a denominación e mais o contido do programa das axudas que nos ocupa no referido Decreto sexa semellante ao que figura na Orde Ministerial e no propio borrador da Orde que estamos a ditaminar.


Segunda.

Obsérvase que non se respetan as diferencias de xénero nin no título nin no texto do proxecto normativo; por exemplo, debería figurar “persoas traballadoras” en lugar de “traballadores”.

Este Comité propón unha revisión do texto para respetar as diferencias de xénero na linguaxe do proxecto normativo.











CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira.- Artigo 3º.1. Contía da axuda.

Neste precepto tómase como base para calcular a contía das axudas as bases de cotización por continxencias profesionais, cando o normal sería calculalas a partires das bases de cotización por continxencias comúns, por ser estas as que cobren a prestación de xubilación.

En consecuencia, este Comité propón calcular as axudas partindo das bases de cotización por continxencias comúns.


Segunda.- Artigo 5º. Financiamento.

Segundo este artigo, corresponde o financiamento das axudas e das cotizacións á Seguridade Social, nun 60% á empresa solicitante, e o 40% restante correrá con cargo á partida orzamentaria habilitada para o efecto.

Debería considerarse a posibilidade de aplicar unha fórmula distributiva dese financiamento máis equilibrada, reducíndose a porcentaxe que lle correspondería pagar á empresa, cando se trate de empresas con problemas económicos que xustifiquen unha situación de crise.





Terceira.- Artigo 6º. Solicitudes e documentación.

O apartado 2 deste artigo relaciona a documentación que debe xuntarse á solicitude, en orixinal ou copia autenticada.

Para acadar unha maior simplificación do procedemento, sempre favorecedor para a/o administrada/o, este Comité considera que pode ser suficiente unha fotocopia cotexada do documento de que se trate ou, incluso, o mero contraste ou verificación desta polo órgano ou autoridade que teña no seu poder tal documentación, desenvolvendo así unha tarefa de cotexo.

Este Comité propón a seguinte redacción para este apartado: “Á solicitude deberase xuntar a seguinte documentación, en fotocopia autenticada, cotexada ou mediante o seu cotexo polo órgano que a teña no seu poder, consonte á lexislación vixente”.


No apartado 2. b) esíxese acompañar, nos supostos previstos polo artigo 52.c) do Estatuto dos traballadores, o acordo adoptado entre a empresa e os representantes legais da persoa traballadora afectada pola medida onde conste o compromiso daquela de financiar o custo da axuda ao seu cargo.

Proponse neste senso, que cando non exista representación legal das persoas traballadoras na empresa en cuestión, se permita substituír o acordo desta, polo acordo subscrito entre a empresa e a persoa traballadora afectada.


Por outra banda, as axudas que esta Orde prevé, segundo a filosofía que informa á Orde Ministerial que desenvolve, son aplicables tanto a extincións “colectivas” de contratos de traballo como ao suposto de extinción contractual á que se refire o artigo 52. c) do Estatuto dos Traballadores.

Neste último suposto, o Estatuto dos Traballadores non esixe intervención previa da autoridade laboral que determine as correspondentes causas económicas, técnicas, organizativas e de produción, de extinción de contratos.

Por todo o exposto, non se entende o motivo de establecer nesta letra b) “in fine” a posibilidade de que o acordo adoptado entre a empresa e os representantes legais do traballador afectado pola medida, poda ser homologado pola autoridade laboral competente.

Este Comité considera innecesaria a esixencia de homologación pola autoridade laboral competente do referido acordo, pois asemella ser suficiente o compromiso da empresa de financiamento do custo da axuda e a acreditación fidedigna do consentimento do traballador de acollerse á mesma e de cesar na súa relación laboral na empresa.

No apartado 2. c), ao igual que en anos precedentes, establécese que a empresa solicitante debe presentar unha relación das persoas traballadoras para as que solicita as axudas, facendo constar, entre outras cousas, os seus DNI e os correspondentes certificados de nacemento.

A Orde Ministerial do 5 de outubro de 1994 non esixe entre os requisitos que enumera o seu artigo 4º.2.c) a presentación de tales certificados de nacemento, postura lóxica, dado que xa se esixen os DNI.



Este Comité propón redactar esta letra c) nos termos empregados no artigo 4º.c) da Orde Ministerial mencionada.


O apartado 2. k)  debe figurar como 2. l), xa que a letra k é impropia da lingua galega. Este Comité propón que sexa substituida pola seguinte que corresponda.


Segundo o establecido no apartado 2. l), a persoa que instrúe o expediente de concesión das axudas ou a comisión de valoración están habilitados para requirir ao solicitante calquera outra documentación, ademais da referida anteriormente neste apartado 2, “que se considere esencial” para a avaliación e resolución dos expedientes.

Tal posibilidade ven limitada pola Lei 30/1992, do 26 de outubro, no seu artigo 35.f), posto que o/a administrado/a non ten que presentar documentos non esixidos polas normas aplicables ao procedemento de que se trate ou que xa se atopen en poder da Administración actuante.

Proponse, polo tanto, limitar o disposto neste apartado 2.l) aos casos excepcionais de empresas en situación de crise cun financiamento distinto ao establecido no artigo 5º do proxecto normativo, segundo se recolle na consideración segunda deste ditame.





Cuarta.- Artigo 9º. Resolución.

O parágrafo primeiro deste artigo establece que as solicitudes serán resoltas polo conselleiro de Traballo.

Este Comité propón que o órgano encargado de resolver sexa a Dirección Xeral de Relacións Laborais e, consecuentemente, ao non poñer fin á vía administrativa, que se poda interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Traballo.

O parágrafo segundo deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera que o prazo de seis meses para resolver é excesivo, propoñendo que se reduza a tres meses como máximo.


Igualmente, neste parágrafo segundo, establécese que transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se dite resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

Considérase que a Administración debe resolver expresamente o procedemento, sobre todo cando a resolución contén a denegación da axuda, e isto non só por eficacia e seguridade xurídica para os/as administrados/as, senón tamén en consonancia co establecido ao longo da Orde cando se esixe anticipación de aportacións dinerarias aos seus posibles beneficiarios/as.





Quinta.- Artigo 9º. Resolución.

No parágrafo terceiro deste artigo establécese, con carácter excepcional e motivadamente, a posibilidade de resolver este tipo de axudas fóra do prazo máximo legal de seis meses establecido no parágrafo precedente.

Esta disposición está a superar os prazos que establece a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ademais atenta contra a seguridade xurídica dos posibles beneficiarios/as das axudas, que teñen dereito a un procedemento administrativo áxil e eficaz.


Este Comité considera que, en todo caso, esta posibilidade de ampliación do prazo resolutorio das axudas só tería sentido dentro do suposto que recolle a disposición adicional primeira deste proxecto normativo, cando prevé que o conselleiro de Traballo poida propoñer a concesión de axudas extraordinarias como medida de apoio ás reguladas na presente Orde, naqueles supostos de empresas galegas de interese social e público e de especial relevancia para a economía galega, con problemas económicos e sociolaborais.


En consecuencia, este Comité propón suprimir o parágrafo terceiro deste artigo 9º.



Sexta.- Artigo 10º. Forma de ingreso das aportacións con cargo á empresa e á Administración Pública.

Este artigo, no seu parágrafo segundo, fai referencia ao xeito en que se deben ingresar as aportacións que lle corresponde sufragar ás empresas solicitantes: en tantas anualidades como anos permanezan os/as traballadores/as percibindo as axudas, cun máximo de cinco.

Este Comité considera que sería máis axeitado establecer fraccionamento de tal aportación, que axudara a soportala máis desafogadamente .


Este Comité propón que no texto da futura Orde se prevea a posibilidade de que as empresas beneficiarias aporten a parte que lle corresponde facendo ingresos semestrais.













ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA  POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 6º.- Solicitudes e documenación.

No apartado 2. f) esíxese un documento no que se recolla o compromiso da empresa de anticiparlles aos traballadores/as as axudas previas á xubilación ordinaria que lles fosen recoñecidas, se transcorridos tres meses dende a súa concesión non se fixeran efectivas por causas imputables a ela.

Para dotar á Orde dunha maior seguridade xurídica na interpretación do disposto nesta letra f), habería que, a titulo exemplificativo, establecer unha relación aberta das posibles causas imputables á empresa que puideran dar lugar á anticipación das axudas recoñecidas á persoa traballadora.