ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCA A REALIZACIÓN DAS PROBAS PARA A OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE EN DETERMINADAS OCUPACIÓNS.


I.  ANTECEDENTES

O día 11 de setembro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se convoca a realización das probas para a obtención dos certificados de profesionalidade en determinadas ocupacións e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O artigo 8º da Lei Orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das Cualificacións e da Formación Profesional, sinala que os certificados de profesionalidade teñen carácter oficial e validez en todo o Estado e acreditan as correspondentes cualificacións profesionais a quen os obtivera, establecéndose as condicións e o procedemento para a obtención dos certificados na Orde TAS/470/2004, de 19 de febreiro.

O fin dos certificados de profesionalidade é que as persoas dispoñan dunha certificación oficial e con validez estatal que acredite a competencia profesional que efectivamente posúen, independentemente do camiño empregado para a súa adquisición.

O proxecto de orde que se somete a ditame ten como obxecto convocar as probas, en determinadas ocupacións, para a obtención dun certificado de profesionalidade ou para a acreditación parcial dunha ou varias das súas unidades de competencia en convocatoria única para o ano 2007 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 3º do proxecto de orde establece os requisitos xerais e a documentación necesaria para acceder á realización das probas.

Nos anexos I e II do proxecto de orde recóllense as ocupacións para as que se convocan as probas, as unidades de competencia pertencentes a cada certificado de profesionalidade, así como os centros onde se levarán a cabo as probas:
Anexo I: Ocupacións de traballador forestal, xardineiro, electrónico de mantemento e mecánico de vehículos lixeiros.
Anexo II: Auxiliar de axuda a domicilio.

No Anexo III recóllense os criterios de baremación de solicitudes para cada unha das unidades de competencia para cando existan máis candidatos/as que prazas.


Non existen antecedentes xa que é a primeira vez que este proxecto de orde se recibe para ditame.


Obsérvase que non se respetan as diferencias de xénero no texto do proxecto normativo; por exemplo, debería figurar “persoas traballadoras” en lugar de “traballadores”, “persoas desempregadas” en lugar de desempregados, “persoa solicitante” en lugar de “o solicitante”, etc.

Así mesmo, á vista do último parágrafo da exposición de motivos, obsérvase que falta unha referencia a que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, así como, de ser o caso, o Consello Galego de Formación Profesional.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convoca a realización das probas para a obtención dos certificados de profesionalidade en determinadas ocupacións” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, unha disposición adicional, dúas disposicións finais e tres anexos, nos que se recollen as ocupacións para as que se convocan as probas, as unidades de competencia pertencentes a cada certificado de profesionalidade, así como os centros onde se levarán a cabo as probas.



O día 19 de setembro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.





DITAME 29/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se convoca a realización das probas para a obtención dos certificados de profesionalidade en determinadas ocupacións, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de setembro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de setembro de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.

Obsérvase que  na  exposición de motivos  do proxecto normativo non se fai referencia á consulta previa ao Consello Galego de Relacións Laborais, considerándose que debe constar a citada consulta.

Segunda.

Obsérvase que non se respectan as diferencias de xénero no texto do proxecto normativo; por exemplo, debería figurar “persoas traballadoras” en lugar de “traballadores”; “persoa solicitante” en lugar de “o solicitante” …..

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte as diferencias de xénero. Igualmente, considera que o texto debe adaptarse á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego.


Terceira.

Valórase positivamente que se convoquen as probas para a obtención dos certificados de profesionalidade en novas ocupacións.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Primeira.- Artigo 2. Prazas, certificados de profesionalidade, unidades de competencia e centros.

Este artigo establece a convocatoria de 50 plazas e doutras 300 prazas para a obtención do certificado de profesionalidade en cada unha das ocupacións que se detallan, respectivamente, nos anexos I e II do proxecto de orde.

Este Comité considera que non debería haber límite de prazas e seren admitidas á realización das probas todas as persoas que o soliciten e reúnan os requisitos esixidos no artigo 3 do proxecto de orde.

Segunda.- Artigo 3. Requisitos xerais e documentación para acceder á realización das probas.

No apartado 1 deste precepto figuran os requisitos para acceder á realización das probas para todos os solicitantes.

Este Comité Delegado considera que debería  figurar tamén como requisito para acceder á realización das probas: “Estar empadroado nalgún concello de Galicia cunha antigüidade de ao menos 1 ano”.

No último ítem deste apartado 1 figura a palabra “minusvalía”. Este Comité propón que sexa  substituída por “discapacidade” por considerala mais apropiada.


Terceira.- Artigo 4. Axudas e compensacións económicas.

Este artigo establece axudas de transporte, aloxamento e manutención para o caso de que as persoas participantes sexan desempregadas.

Este Comité considera que debería especificarse no artigo o importe en euros das axudas e o procedemento para a obtención das mesmas.


Cuarta.- Artigo 5. Solicitude de acceso ás probas.

O apartado 1 deste artigo establece un prazo de 15 días hábiles para presentar a solicitude para participar nas probas, contados desde o día seguinte á publicación desta orde no Boletín Oficial do Estado.

Este Comité considera que este prazo é demasiado reducido e polo tanto, propónse a súa ampliación a 30 días, propoñéndose asi mesmo que a convocatoria das probas se difunda dun xeito máis amplio a través doutros medios de información pública  e non só coa súa publicación no BOE e no DOG.

Por outra banda, no apartado 6 deste artigo establécese que os aspirantes poderán presentar as reclamacións e/ou subsanacións de erros no mesmo centro.

Este Comité propón que se permita que os aspirantes poidan presentar as reclamacións, ao igual que a solicitude, no rexistro da Consellería de Traballo.




Quinta.- Artigo 6. Admisión de candidatos.

O parágrafo segundo fai referencia ao proceso de selección de aspirantes e o parágrafo terceiro refírese á publicidade dos aspirantes seleccionados.

Este Comité propón que se permita realizar as probas a todas as persoas que reúnan os requisitos do artigo 3º.

Sexta.- Anexo III.

No anexo III recóllense os criterios de baremación de solicitudes para cada unha das unidades de competencia para cando existan máis candidatos/as que prazas.

No último parágrafo do citado anexo establécese o seguinte: “No caso de empate entre candidatos a selección farase por data de entrada no rexistro. No caso de persistir o empate, realizarase un sorteo público que será anunciado con 24 horas de antelación no taboleiro de anuncios do centro no que se realizarán as probas”.

Este Comité, como consta na consideración específica primeira deste ditame, considera que as prazas non deben limitarse a un número determinado. Subsidiariamente, de non aceptarse esta consideración, proponse a supresión do último parágrafo do anexo III, transcrito anteriormente, xa que o seu contido é algo que debe establecerse no articulado e así está practicamente recollido no apartado 2 do artigo 6, debendo engadirse soamente que “ o sorteo será anunciado con 24 horas de antelación no taboleiro de anuncios do centro no que se realizarán as probas”.


Igualmente, este Comité considera que, de manterse este anexo III, debería engadirse un último apartado que valore ata 18 puntos os certificados de profesionalidade ou unidades de competencia acreditados pola Xunta de Galicia con anterioridade á entrada en vigor do Real Decreto 1506/ 2003, do 28 de novembro.