ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REXEN DETERMINADOS PROGRAMAS DE AXUDAS PARA O EXERCICIO DO ANO 2002 DA CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE, QUE, BAIXO A RÚBRICA XERAL DE PROGRAMAS DE COOPERACIÓN, ESTÁN DESTINADAS Ó FINANCIAMENTO DE ACCIÓNS DE FOMENTO DE EMPREGO POR PARTE DAS ENTIDADES LOCAIS E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se establecen as bases que rexen determinados programas de axudas que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento do emprego por parte das entidades locais para o ano 2002, remitido pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego , con rexistro de entrada en data do 12 de marzo de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de marzo de 2002, acordou por UNANIMIDADE,  face-las seguintes consideracións e propostas de modificación:

1.- Antes de analizar polo miúdo o articulado da Orde considerase conveniente face-las seguintes consideracións de carácter xeral:

a) No Preámbulo deste borrador de Orde establécese que nunha convocatoria distinta a esta, regularanse os programas de corporación coas entidades locais para a contratación de mozos menores de 30 anos e sen experiencia laboral.


Pola súa banda, no Capítulo II, regulador das subvencións para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social, o artigo 12, in fine, di que “En todo caso, terán prioridade os maiores de 30 anos.”, do cal se pode deducir que tamén están recollidos nos supostos deste Capítulo os menores de 30 anos.
Deste xeito, a regulación ó respecto da norma resulta confusa, polo que se suxire que se manteña a regulamentación ó respecto como se viña facendo na Orde precedente: incluír nesta Orde ós menores e maiores de 30 anos, sen facer distintos campos de regulación, que o único que producirían sería confusión e inseguridade nos posibles beneficiarios.

b) Moitos dos servicios que prestan as entidades locais que se cobren coas axudas previstas nesta Orde (como poden se-los de axuda a domicilio, coidado de nenos…) teñen o carácter de servicios “permanentes”, polo que ó cubri-los coas subvencións procedentes destes programas estase a incentivar formas de contratación en precario dentro do ámbito da Administración, en clara contradicción co que se intenta evitar na actividade da empresa privada.

Dada a existencia destas situacións, a Xunta de Galicia, a través de Plans concretos, debe artella-los mecanismos necesarios que corrixan estas situacións, e o ámbito axeitado para establecelos e discuti-las posibles vías de solución ben constituído polo marco do Comité Autonómico de Emprego.

c) A Orde que estamos a dictaminar é para fomenta-lo emprego en determinados colectivos e cando se dean unha serie de condicionantes que a propia norma establece, nunca para darlle cobertura a actividades ou traballos “estables” que xeren as entidades locais que deberán acollerse a outros programas de axuda pero non a este.
Considerase que é, unha vez mais, o Comité Autonómico de Emprego é quen debe analiza-lo desenvolvemento dos programas desta Orde (e de tódalas ordes sobre políticas activas de emprego) para poder corrixir estas disfuncións que se producen na práctica.

2.- Artigo 2.1º. Liñas de axuda

Respecto desta disposición fanse as seguintes consideracións:
Primeira. Segundo este precepto, cando as entidades locais contraten a prestación de servicios públicos con empresas, estas, entre outros, deben reuni-lo requisito de ser empresas de economía social dirixidas e constituídas preferentemente, por algún dos seguintes colectivos: menores de 30 anos, mulleres, traballadores parados de longa duración, traballadores que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional ou mozos titulados universitarios.

PROPOSTA: Engadir un inciso a este apartado d) no que se estableza que dentro destes colectivos que se enumeran se de preferencia, sobre os demais, ós parados de longa duración.

Segunda.  Sería conveniente introducir un parágrafo neste artigo no que se estableza a esixencia de que, en todo caso, se trate de traballadores que nos últimos 18 meses non tiveran ningún tipo de relación contractual coa Entidade Local. Deste xeito estáselle dando maior preferencia ós parados de moi longa duración e tenta evitarse que estas axudas sirvan para financiar servicios ou actividades estables daquelas.
PROPOSTA: O artigo 2 quedaría do seguinte xeito:
“ 2. Tratarase en todo caso, de traballadores que nos últimos 18 meses non tiveran ningún tipo de relación contractual coa Entidade Local.

3.- Artigo 3. 3º. Solicitudes
Di este parágrafo que o prazo de presentación de solicitudes será de 20 días.

Dada a súa brevidade ó entender deste Comité Delegado, proponse a súa ampliación a 2 meses dende a data de publicación da presente Orde.
PROPOSTA: Redactaríase a disposición así:
“ 3. O prazo para a presentación de solicitudes será de dous meses dende a data de publicación da presente Orde.”

4.- Artigo 5. 2º. Resolución

Establece este parágrafo que no caso en que a resolución non fose expresa, o prazo para interpoñe-lo recurso contencioso administrativo, se é o caso, será de seis meses a contar dende o día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.
Ademais de reivindicar que, en todo caso, a Administración dicte resolución expresa e xustifique a denegación de peticións que impliquen intereses económicos para os interesados, enténdese que o prazo no caso de silencio negativo é excesivamente longo, abondando na inseguridade xurídica e desamparo dos administrados.
Por esta razón a PROPOSTA que se inxire é que este prazo sexa de tres meses, ó sumo.

CAPITULO II. DAS SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE TRABALLADORES DESEMPREGADOS PARA A REALIZACIÓN DE OBRAS OU SERVICIOS DE INTERESE XERAL E SOCIAL
5.- Artigo 13.1º. Contratación dos traballadores.

Segundo esta disposición, seleccionados os traballadores, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación  utilizando a modalidade de contrato temporal de inserción.
Si ben o marco legal á que se refire o precepto é correcto, este comité Delegado PROPÓN que non se restrinxa a esta única modalidade contractual a contratación dos traballadores seleccionados, pois segundo qué casos, pode ser máis axeitado acudir a outra modalidade contractual. Por exemplo, a realización de obras ou servicios que se subvencionan pola Orde requiren unha experiencia profesional ou laboral que unha persoa contratada ó abeiro dun contrato de inserción non acostuma posuír.
A redacción do artigo podería se-la que segue: “… resolución de concesión de axudas, utilizando as modalidades de contratación que sexan aplicables segundo o marco legal vixente.”


III. PROGRAMA DAS SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE SERVICIOS PÚBLICOS CON EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO, CON CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO OU CON EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL CONSTITUÍDAS POR XOVES OU POR DESEMPREGADOS QUE PARTICIPASEN NALGÚN OBRADOIRO DE EMPREGO OU CURSO DE FORMACIÓN OCUPACIONAL OU POR PARADOS DE LONGA DURACIÓN OU POR MULLERES

6.- Artigo 18. Obxecto

Nos mesmos termos que o manifestado respecto do artigo 2:

Segundo este precepto, cando as entidades locais contraten a prestación de servicios públicos con empresas, estas, entre outros, deben reuni-lo requisito de ser empresas de economía social dirixidas e constituídas preferentemente, por algún dos seguintes colectivos: menores de 30 anos, mulleres, traballadores parados de longa duración, traballadores que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional ou mozos titulados universitarios.

PROPOSTA: Engadir un inciso a este apartado b) no que se estableza que dentro destes colectivos que se enumeran se de preferencia, sobre os demais, ós parados de longa duración.

7 .- Artigo 21.a) 1º en relación co artigo 11.1º.c)

Ámbolos dous preceptos ós que nos referimos reproducen as obras ou servicios a realizar ás que considera de interese xeral e social de competencia das entidades locais.
Dentro da relación de obras e servicios que reproducen inclúense os servicios de vixilancia e seguridade, ós que, a entender deste Comité Delegado, son de dubidoso interese xeral, e respecto dos cales se entende que deben ser sufragados por outros recursos da entidade local, ben distintos as axudas reguladas por esta Orde.

PROPOSTA: Supresión dos servicios de vixilancia e seguridade da relación establecida por estes preceptos.


ANEXO I
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADAS POLA UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO DE GALICIA E A CIG


1.- Respecto da segunda das consideracións de carácter xeral que encabezan este Dictame, as organizacións sindicais presentes neste Consello queren poñer de manifesto que se teñen detectado fraudes nas contratacións realizadas ó abeiro desta Orde no seguinte senso: as entidades locais crean “hipotéticos” centros especiais de emprego, empresas ou cooperativas, que en realidade son iniciativas empresariais instrumentais para que determinados servicios que a Administración debe prestar por si mesma os preste a través delas, co obxectivo de abarata-los custos desa prestación.
As organizacións sindicais deste Comité Delegado queren facer extensiva a referencia do Comité Autonómico de Emprego ós comités provinciais de emprego, para que se lles informe das solicitudes tramitadas nos seus respectivos ámbitos territoriais.

Incidindo neste mesmo punto, cando o Artigo 4.3º (Procedemento) se refire ás fases de estudio e proposta de resolución dos expedientes de solicitude, debería incluírse o trámite necesario de pedir informe ós Comités Provinciais de Emprego e de Seguimento da Contratación sobre as propostas de resolución, facendo efectiva a participación dos axentes sociais nos procedementos e cumprindo un dos obxectivos fundamentais destes comités provinciais.

2.- Artigo 11.1º Requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios

Neste punto compre manifesta-lo seguinte:
- Respecto do apartado b) que fala de obras destinadas á construcción ou reparación de instalacións para poñelas a disposición dos promotores de iniciativas de emprego, para a posta en marcha das anteditas iniciativas, PROPONSE a súa supresión, por entender que é idéntico ó establecido no inciso a) do propio parágrafo 1º.
- Polo que atinxe ó apartado c) tamén se PROPÓN a súa supresión porque se considera que as obras ou servicios a que fai referencia non teñen a suficiente entidade como para conformar un apartado diferenciado e teñen cabida perfectamente no inciso i).

3.- Artigo 12. 4º. Requisitos e criterios para a selección de traballadores

Este parágrafo 4º di que o 60% do total dos traballadores desempregados seleccionados e contratados polas entidades beneficiarias para cada obra ou servicio deberán pertencer ós colectivos que se establecen como prioritarios e que se reproducen nos inciso a), b) e c).
Respecto desta relación PROPONSE facer un engadido ó parágrafo no senso de que dentro dese 60%, alomenos as 2/3 partes deberán ser mulleres e un 10%, cando menos, xoves titulados cos que sexa posible concertar contratos en prácticas, para establecer destinatarios prioritarios deste programa, dentro do colectivo de parados de longa duración.

4.- Artigo 18. 2.b) Obxecto

Entende a Orde neste apartado como entidades de economía social ós autónomos que, pertencendo a algún dos citados colectivos, teñan contratados, como mínimo, dous traballadores por conta allea, dos que alomenos un, estea incluído nun destes colectivos.

As organizacións sindicais deste Comité Delegado non comparten esta cualificación da norma polo que fan a PROPOSTA de suprimir este inciso b).