ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DE CURSOS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTE AO EXERCICIO DE 2008.


I.  ANTECEDENTES


O día 15 de outubro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional ocupacional dirixidos aos traballadores desempregados, que teñen por obxecto a súa cualificación para o acceso a un emprego.

A formación profesional ocupacional constitúe unha vía fundamental para conseguir un incremento da competencia, da empregabilidade e das posibilidades de inserción laboral dos traballadores desocupados.

Os orzamentos previstos nesta Orde financian o Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 28 de decembro de 2006 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 17 de novembro de 2006, obsérvanse que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestada polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións:

Na exposición de motivos engádense dous parágrafos  en relación coa aprobación en 2007 do Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema  de formación profesional para o emprego. Este Real Decreto  ten como obxecto ofrecer aos traballadores unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo e que atenda aos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas e as aspiracións de promoción profesional e desarrollo persoal dos traballadores, de forma que os capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e para o acceso ao emprego.

A disposición transitoria do referido Real Decreto 395/2007 establece que os procedementos de concesión de subvencións en materia de formación ocupacional e continua iniciados con anterioridade á entrada en vigor da normativa de desarrollo de este real decreto rexeranse pola normativa anterior que lles sexa de aplicación o antedito R.D. 631/1993.

Así mesmo, na exposición de motivos, figura que é de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establecendo que a concesión de axudas e subvencións axustarase aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

Tamén se engade que será de aplicación o RD 357/2006, de 24 de marzo, polo que se regulan a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional.

Modifícase o financiamento das axudas previstas nesta orde que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, sendo achegado polo Fondo Social Europeo o 70%, en lugar do 75% da orde de 2006 e o 30% pola Administración do Estado, en lugar do 25% anterior.

No artigo 2º. a) non se observan modificacións respecto do proxecto de orde para o exercicio de 2007 que foi remitido ao Consello, pero sí existen respecto do texto da orde publicada no DOG o 28 de decembro de 2007, pois suprímense como entidades beneficiarias que poderán participar na presente convocatoria, as corporación locais e as universidades públicas.

No artigo 2º. b), se ben no DOG suprímense da Orde, no proxecto remitido para ditame inclúense como entidades beneficiarias as persoas físicas, as entidades xurídicas e institucións, que desenvolvan unha actividade que teña relación directa coa formación, no caso de acollerse á vía de programación 1b.do artigo 10º.

O artigo 3º, no referido a acreditación documental, no apartado 2 letra h) engádese a esixencia de presentar xustificación documental de ter cumprido na execución das accións formativas concedidas na convocatoria anterior co compromiso de inserción laboral ou de prácticas profesionais non laborais nas empresas, de ser o caso.

As vías de programación 1b e 2 regularanse segundo o artigo 9 do Decreto 158/2001, do 29 de xuño, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no censo de centros colaboradores de formación ocupacional.

Como novidade, este artigo 3º regula nos apartado 6, 7 e 9 disposicións relativas ao Rexistro Público de Subvencións, concretamente:

- No apartado 6 establécese que as entidades beneficiarias quedan informadas da esixencia do Rexistro Público de subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal, tendo dereito os beneficiarios a facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no apartado 15 da Lei 9/2007.

- No apartado 7 disponse que os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no DOG as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa de crédito orzamentario ao que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención.

- No apartado 9 establécese que os beneficiarios das axudas concedidas, tal e como se recolle no artigo 16 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, autorizan a inclusión destas axudas no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e mais o de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006 co contido e a forma que regulamentariamente se determine.

No artigo 4º.1 establece como novidade a letra c), establecendo que o órgano instrutor do procedemento, para as vías de programación 2 e 3, é a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

No artigo 4º.4 a letra a) que regula o primeiro criterio de avaliación, modifícase no sentido de avaliar con 20 puntos non soamente se a programación se axusta á prevista no Anexo IV, senón tamén se a especialidade formativa se considera experimental ou innovadora.

No artigo 4º.4 na letra b) que regula o segundo criterio de avaliación, establécese que as prácticas profesionais non laborais nas empresas que se valoran son as realizadas fora do programa formativo do curso, engadíndose que teñen que ter un mínimo dun 5% das horas totais do curso. Ademáis, engádese que aquelas entidades que non cumpriran o seu compromiso de prácticas na convocatoria anterior  poderanse puntuar negativamente ata 20 puntos.

No artigo 4º.4 na letra c) que regula o terceiro criterio de avaliación, engádese que aquelas entidades que non cumpriran o seu compromiso de inserción na convocatoria anterior  poderanse puntuar negativamente ata 30 puntos.

No artigo 4º.4 a letra e) que regula o último criterio de avaliación, é modificada, establecéndose que a calidade do centro ou experiencia docente relacionada coa familia profesional solicitada puntuarase de 30 puntos ata  menos 30 puntos, en lugar de ata 20 puntos que establecía a orde do exercicio pasado.

No artigo 4º.4 establece como novidade a letra f), que dispón que o emprego da lingua galega na realización das accións formativas, puntuarase con 10 puntos.

Así mesmo, modifícase a puntuación mínima para poder acceder á programación, pasando de 40 puntos a 45.

No artigo 5º, relativo ás resolucións dos expedientes,  omítese o seguinte parágrafo: “Dentro do prazo de seis meses contados desde a presentación da solicitude en calquera rexistro, a orde para resolver e notificar a pertinente resolución sería primeiro as solicitudes da vía 1a do artigo 10º e posteriormente os expedientes da vía de programación 1b. No caso de solicitudes acollidas á vía 2 e 3 do artigo 10º, os expedientes iranse resolvendo a medida en que estes sexan completados ata esgotar os orzamentos”.

Así mesmo, neste artigo 5º, suprímese o seguinte: “No caso de presentar o compromiso de inserción de alumnas e alumnos non se aboará a liquidación final en canto o centro non remita as copias dos contratos de traballo rexistrados”.

No apartado 1 do artigo 6º inclúese como novidade a obriga dos centros colaboradores de requirir de cada alumno/a, no momento da súa incorporación, copia do título do modulo transversal ou obrigatorio de ser o caso.

No apartado 3 do artigo 6º modificase o disposto anteriormente referido á obriga de remitir a certificación municipal da residencia, no caso de que teñan alumnos con dereito á axuda de aloxamento e manutención, non esixíndose distancia mínima desde o lugar de residencia ao lugar de impartición do curso.

No apartado 1 do artigo 8º, modifícase a cantidade a aboar en concepto de anticipo, que será ata o 65%, en lugar do 50% do exercicio pasado.

No artigo 9º, engádese que o incumprimento por parte do beneficiario do prazo de realización ou de xustificación das accións concedidas, suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida e que, no caso de incumprimento parcial das accións realizadas, a cantidade a percibir quedará reducida de forma proporcional as accións non realizadas.

O artigo 12º, que establece a data do remate das accións, marca como data límite o 30 de novembro de 2008, e excepcionalmente, por causas xustificadas, e sempre logo de autorización do órgano competente, ata o 15 de decembro do 2008.

Engádese o disposto no artigo 13º.3, relativo á selección do alumnado, establecendo, para o suposto de que as baixas sexan por colocación dos alumnos, que se deberá intentar a súa substitución durante a primeira metade do curso .

O artigo 14º regula o seguimento e control dos cursos mediante a aplicación dun sistema de seguimento e control propio, consistente na realización de visitas a tódolos cursos aprobados, suprimíndose o concurso público.

O artigo 15º.1 que regula as especialidades formativas, engade ademais de que os cursos serán de carácter presencial que a súa duración e horario non se poderá modificar respecto do solicitado no anexo II, salvo autorización expresa do Director Xeral de Formación e Colocación.

Como novidade, este artigo 16º establece un apartado 8 dispoñendo que nos proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata non será obrigatoria a impartición de ningún dos módulos previstos nos apartados 1, 2 e 3 deste artigo.

No artigo 18º, que regula as axudas dos alumnos, inclúese, como novidade, que os alumnos que acrediten unha discapacidade nun grao superior ao 33%, terán dereito a cobrar a axuda de asistencia os días de ausencia por causa xustificada.

Tamén terán dereito a cobrar a axuda de asistencia os demandantes non perceptores de prestacións de Servizo Público de Emprego Estatal (artigo 18º, terceiro parágrafo) sempre que non se negasen a participar en actividades contempladas no seu IPI, segundo certificación da oficina de emprego.

No artigo 19º. 3, que regula dereitos e deberes dos alumnos, inclúese, como novidade, no suposto de ter xa cursado algún módulo transversal, que non será necesario que volvan a realizalo, sempre e cando o xustifiquen documentalmente.

No artigo 19º.4, inclúese, como novidade, que as faltas de asistencia por actividade laboral , cun máximo de cinco ao mes, xustificaranse cunha copia do contrato de traballo.

Como novidade, entre os requisitos que regula o artigo 23º.2 para os proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata, permítese acudir a este procedemento ás empresas cuxo compromiso de contratación sexa superior ao 90%.

Modifícase no artigo 29 o prazo de presentación de solicitudes, que rematará o 30 de xuño de 2008, en lugar do 30 de setembro do exercicio pasado.

Suprímese a disposición adicional oitava.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2008” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, trinta e dous artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 23 de outubro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dezasete consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I) e unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo II).




DITAME 30/07




En relación coa solicitude de ditame sobre novo proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2008, da Consellería de Traballo, remitido pola Secretaría Xeral o 15 de outubro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de outubro de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Este Comité suxire que debería cambiarse a estrutura da orde por considerar máis razoable, espacialmente falando, regular primeiro as vías de programación, definíndoas e concretándoas, para logo regular o procedemento, solicitude e obtención de axudas para cada unha delas.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.-  Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación.

O apartado 2 deste artigo establece que “a convocatoria das subvencións previstas nesta orde, agás as recollidas no artigo 10º.2 e o artigo 10º.3 realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva”.

Este Comité suxire que debería especificarse textualmente neste apartado cales son as accións que non están sometidas a concorrencia competitiva, non só por referencia aos artigos 10º.2 e 10º.3, e así sinalar que “ ... agás as vías de convenios de colaboración consideradas necesarias pola Dirección Xeral de Formación e Colocación e os proxectos formativos con compromiso de contratación, aos que se refiren os apartados 2 e 3 do artigo 10º desta orde”.


Segunda.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias.

No apartado b) deste artigo vólvense a considerar posibles entidades beneficiarias as persoas físicas e as entidades xurídicas e as institucións que desenvolvan unha actividade que teña relación directa coa formación.

Este Comité propoñía no ditame 37/06, sobre o proxecto normativo do exercicio pasado, a supresión das persoas físicas como posibles beneficiarias, para evitar a discrecionalidade, así como esixir  ás entidades xurídicas e as institucións unha experiencia demostrable previa dun ano. Dita consideración parece que foi aceptada pola Administración, posto que no texto da Orde do 21 de decembro de 2006 (DOG do 28 de decembro) figuran soamente as empresas e institucións sen fin de lucro.

Tendo en conta o referido anteriormente, este Comité propón novamente que, para evitar a discrecionalidade, se supriman as persoas físicas como posibles beneficiarias e se esixa ás entidades xurídicas e as institucións unha experiencia demostrable previa dun ano.

Terceira.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias.

No apartado c) deste artigo citánse, entre outras posibles beneficiarias, as universidades públicas, entidades legalmente autorizadas para impartir estudos universitarios e aquelas entre cuxos fins se atope a colaboración entre a universidade pública e empresas.

Este Comité insiste na creación dun novo apartado neste artigo 2, que sería o d),  para estas entidades, cunha regulación autónoma, debendo limitarse a súa intervención a accións formativas de carácter experimental que figuren como de grado 3 ou superior no Sistema Nacional de Cualificacións Profesionais.

En consecuencia co anterior, no apartado c) do proxecto normativo deberían figurar como entidades beneficiarias, exclusivamente, as organizacións empresariais, sindicais, ou fundacións constituídas por ditas entidades empresariais ou sindicais entre cuxos fins estea a formación e os concellos.


Cuarta.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.

No apartado 2.g) deste artigo esíxese que a solicitude veña acompañada de planos e unha descrición dos inmobles e instalacións.

Este Comité considera que debería suprimirse o requisito de achegar os planos oficiais dos inmobles e instalacións, sendo suficiente coa memoria de inmobles e instalacións que se esixe no apartado 3 deste artigo 3º.

Quinta.- Artigo 4º. Procedemento.

Este Comité considera que a redacción deste artigo é confusa.

Proponse que se concrete o seu apartado 4, pois non determina o procedemento para a tramitación das vías de programación 2 e 3.



Deberían mencionarse os artigos concretos. Cando se fai referencia “pola vía 10.1.a”, debería dicir “pola vía dos programas recollidos no artigo 10.1.a”, e así as outras referencias que se fan ao longo do articulado.

No apartado 2 deste artigo 4º establécese que o procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Este Comité considera que debe citarse tamén o nome da lei “Lei de subvencións de Galicia”.


Sexta .- Artigo 5º.4. Resolución.


Este Comité considera que o prazo para resolver debe ser de tres meses en lugar dos seis que prevé este artigo, tendo en conta ademáis o sentido negativo do silencio administrativo.

Sétima.- Artigo 6º. Obrigas dos centros colaboradores.


No apartado 18 deste artigo esíxese un informe individualizado de cada alumno calificando os progresos acadados en cada un dos módulos profesionais da acción formativa.
Este Comité considera que a estes efectos deberíase elaborar unha plantilla informatizada única, que podería estar integrada na aplicación informática SIFO.


Oitava.- Artigo 7º. Custos subvencionables.

Nos apartados 1; 2. c); 6 e); 6 f) deste artigo, establécense diversas limitacións na imputación dos gastos que non poderán superar unha determinada porcentaxe dos módulos A (art. 7º.1) ou B (art. 7º.2.c); 7º.6.e) e 7º.6.f)).

O Comité propón a supresión destes límites ou ben establecer unhas porcentaxes máis altas que se acheguen aos custos reais xerados polas accións formativas.

Este Comité chama a atención sobre o establecido no último punto do apartado 6.e)  deste artigo, que, a suxerencia deste Comité, foi ampliado en 2006 do 25% ao 30% e que de novo volve a reducirse.

Novena.- Artigo 8º. Pagamento.

Este Comité, aínda valorando positivamente o incremento dos anticipos, fai as seguintes consideracións:

Establécese neste artigo, no seu apartado 3, que poderanse aboar anticipos de ata o 65 por 100 da subvención concedida, sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Traballo. Sen embargo, na Orde do 19 de abril de 2005, pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, no seu artigo 19º “Sistemas de pagamento”, non se esixe a constitución desta garantía.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que para as organizacións sindicais e empresariais se manteña a posibilidade de obter anticipos sen a constitución da garantía, como se permite nos contratos programa, tendo en conta que as citadas organizacións están asumindo un alto grao de colaboración coa Consellería de Traballo na realización de actividades de formación continua e ocupacional.

Subsidiariamente e para o caso de que non se acepte esta proposta, tendo en conta que a constitución de garantía a favor da Consellería ocasiona unha serie de gastos financeiros que terá que soportar o centro impartidor, para que este poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, becas de alumnos, etc., este Comité Delegado suxire que estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, posto que teñen relación co programa formativo en cuestión.

Por outra parte, o apartado 1 deste artigo 8º regula o aboamento da subvención, establecendo, na letra a), que poderá concederse ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos de cada curso, en concepto de anticipo.
Proponse que o anticipo sexa de ata un 80 por 100, suprimíndose en consecuencia o apartado 2 deste artigo 8º.

Décima.- Artigo 10º. Vías de programación.

O Comité observa que, aínda que se achega o anexo IV, este debería revisarse e actualizarse. Ademáis, considera que debe incluirse neste artigo unha referencia aos procedementos previstos para a tramitación de cada unha das vías de programación.


Décimo primeira.- Artigo 12º. Remate das accións.

Este artigo establece como data límite do remate e xustificación dos cursos o 30 de novembro de 2008, permitíndose excepcionalmente, con autorización do órgano competente, rematar os cursos con posterioridade.

Este Comité considera que é preciso incluir no texto deste artigo que a referida autorización comportará unha prórroga no prazo de xustificación.

Décimo segunda.- Artigo 13º. Selección de alumnos.

O apartado 1. a) deste artigo establece un prazo mínimo de 15 días hábiles antes da realización da proba de selección, para solicitar á oficina de emprego a lista de desempregados. O mesmo artigo, no apartado 1. e), fixa un prazo de 15 días de espera para poder realizar a convocatoria pública.

Este Comité Delegado propón reducir o prazo a 10 días hábiles, que se entende suficiente, xa que os 15 días hábiles poden supoñer unha demora innecesaria na programación e xestión das accións formativas. Esta reducción a 10 días xa se recollía na orde do exercicio pasado de 22 de decembro de 2005.

O apartado 5 deste precepto prevé que, excepcionalmente, por razón da peculiaridade do colectivo ao que se dirixe a acción formativa, a entidade poderá seleccionar directamente os alumnos. Este Comité considera que deberían concretarse as características dos colectivos aos que se refire este apartado.


Décimo terceira.- Artigo 16º. Módulos transversais.

O apartado 1 deste artigo establece que o módulo “Formación para a igualdade” ten unha duración de cinco horas lectivas.

Este Comité considera que o disposto neste apartado entra en contradición co disposto no artigo 33 da Lei 2/207, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, por canto o módulo formativo sobre “igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”  e  sobre “corresponsabilidade familiar e doméstica” deben ter unha duración de cinco horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas e de dez horas nos cursos de duración superior a cincuenta horas.

Décimo cuarta.- Artigo 18º. Axudas dos alumnos.

Este Comité considera que debería retirarse deste artigo toda referencia á axuda de asistencia equivalente ao 75% ou 100% do IPREM, vinculada ao itinerario individual de inserción, xa que esta debería ter unha regulación global e autónoma, sen que interfira na xestión dos cursos do Plan FIP.

Décimo quinta.- Artigo 20º. Diplomas.

Este Comité considera que debe suprimirse o número 5 que figura, por erro, en todos os apartados deste artigo.

Décimo sexta.- Artigo 27º. Contratos de traballo.

O apartado 1 deste artigo establece que a contratación realizarase dentro do ano de imparticion do curso.

Este Comité propón substituir “dentro do ano de impartición do curso” por un prazo determinado desde a finalización do curso.


Décimo sétima.- Artigo 29º. Solicitudes.

A nova letra m) -antes k)- establece que os programas deberán ser remitidos inescusablemente en soporte informático, e virán redactados polo menos en lingua castelá.

Este Comité suxire que se suprima a esixencia de vir redactados en lingua castelá.





















ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  UGT- GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

As organizacións UGT- GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA amosan a preocupación porque non se consiga levar a cabo os principios reflectidos no RD 395/2007, que regula os subsistemas de formación profesional para o emprego.








ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


Artigo 21º. Prácticas en empresas.

O apartado b) deste artigo, regula as prácticas a maiores das horas lectivas do curso.

Este Comité considera que este apartado b) debería suprimirse, ou ben, incluirse no capítulo V “Proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata”.