ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 32/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS DESTINADAS A ACTIVIDADES DE FOMENTO DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA NO EXERCICIO DE 2008.

I. ANTECEDENTES


O día 17 de outubro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras  das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a  cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover mellores nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral dos traballadores.

A Lei 54/2003, de 12 de decembro, que modifica a anterior, establece o obxectivo de combater activamente a sinistralidade laboral e integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa, para o que se precisa instrumentar mecanismos que faciliten ás empresas galegas o cumprimento deste novo marco normativo.

A finalidade desta orde é convocar axudas -dirixidas ás universidades e a entidades sen ánimo de lucro de Galicia- para o fomento da prevención de riscos laborais entre os traballadores galegos mediante actividades de formación (xornadas técnicas, seminarios, cursos de prevención), así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entres os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentando unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 2 de marzo de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 8 de febreiro de 2007, obsérvanse que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.



O proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

No artigo 2º, apartado 1.A, atendendo unha consideración deste Comité formulada no ditame 6/07, esíxese ás entidades sen ánimo de lucro que teñan sede social na Comunidade Autónoma e, como novidade, que polos seus fins teñan vocación de fomento da prevención de riscos laborais entre as empresas e as traballadoras/es de Galicia.

No apartado 2.b deste artigo 2º recóllense as entidades beneficiarias excluídas, que serán as administracións públicas, sociedades públicas e entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, eliminándose -atendendo tamén unha consideración deste Comité formulada no ditame 6/07- a excepción recollida no exercicio anterior de que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Como novidade, este artigo 2º establece un apartado 3, no que se recolle que as entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde poderán subcontratar, a realización das accións financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción subvencionada, e que deberá ser realizada consonte o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100% do importe da acción.

Modifícase o apartado 2 do artigo 3º, que regula os gastos subvencionables, engadíndose como actuación subvencionable a realización de ferramentas prácticas para implantación de actuacións en seguridade e saúde laboral.

Como novidade, este artigo establece un apartado 3, establecendo que o cobramento destas subvencións será incompatible coa percepción de calquera  outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

O artigo 5º fixa o 31 de outubro de 2008 como data tope para o remate e xustificación das accións, en lugar do 15 de novembro establecido para o exercicio anterior.

Modifícase o artigo 6º.1, que recolle a documentación necesaria que debe acompañar ás solicitudes, establecendo como novidade dous novos apartados: copia dos estatutos ou escritura pública de constitución da entidade (apartado b) e acta onde figure o nomeamento do representante legal da entidade (apartado c), e suprimindo o apartado f) recollido para o exercicio anterior, que establecía acreditar documentalmente estar ao corrente nas obrigas tributarias e social, acreditación que se esixe no artigo 12º.3 soamente ás entidades beneficiarias.

Engádese un novo artigo 7º, que regula a publicidade das axudas, establecéndose que, de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999 de protección de datos de caracter persoal, tendo dereito os beneficiarios a facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15 da Lei 9/2007. Igualmente, disponse a publicación das axudas no DOG e na páxina web oficial, nos termos previstos no artigo 13 da Lei 4/2006 de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Modifícase o apartado 3 do artigo 9º, que establece os criterios empregados pola comisión de valoración para avaliar as solicitudes, valorándose con un punto menos respecto ao exercicio anterior, a participación da entidade no financiamento da acción (valórase de 0 a 2 puntos en lugar de 0 a 3).

Ademais disto, atendendo unha consideración deste Comité formulada no ditame 6/07, engádense tres criterios de avaliación novos, a participación no proxecto a realizar de diversos axentes sociais, experiencia da entidade solicitante no desenvolvemento de acción de fomento da prevención de riscos laborais e o emprego da lingua galega na realización de actividades ou conductas para as que se solicita a axuda.

Engádese un apartado novo (apartado 7), outorgándolle a competencia para elevar a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver, á subdirectora xeral de Seguridade e Saúde Laboral, tendo en conta o informe da comisión de valoración.

Modifícase o disposto no apartado 2 do artigo 10º, atendendo unha consideración deste Comité formulada no ditame 6/07, establecendo que a  resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres meses, contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes (no exercicio anterior era de seis meses contados desde o dia seguinte  ao da publicación).  

Modifícase o apartado 2 do artigo 11º, que regula a xustificación do pagamento, establecendo que a data límite para a presentación da documentación será o 31 de outubro de 2008, en lugar do 15 de novembro tal e como se establecía no exercicio pasado.

Neste artigo 11º, engádese un novo apartado 4, atendendo unha consideración deste Comité formulada no ditame 6/07, establecéndose que se poderán acordar pagamentos parciais a medida que a entidade beneficiaria xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida.

Como novidade, engádese o artigo 13º, que regula o incumprimento das condicións, establecendo que o incumprimento por parte do beneficiario, do prazo de realización ou de xustificación das accións concedidas, suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida. Así mesmo, no caso de incumprimento parcial das accións realizadas, a cantidade a percibir polo beneficiario da subvención, quedará reducida de forma proporcional as accións non realizadas.

Modificase a disposición adicional segunda, ampliándose a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo na directora xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2008” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 29 de outubro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e trece consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, inclúese como anexo unha consideración específica non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo).



DITAME 32/07



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2008 , con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de outubro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de outubro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.

Aínda que se valora positivamente o establecemento, por medio desta Orde, dunhas bases reguladoras para a convocatoria pública e a execución das axudas ás actividades de fomento da Prevención de Riscos Laborais xestionadas pola Consellería de Traballo, este Comité considera que para futuros exercicios, a norma reguladora debería poñerse en directa relación cos obxectivos xerais e específicos que se determinen no seo do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Segunda.

Tendo en conta que no transcurso do período de vixencia da orde que se ditamina é posible que cambien as persoas titulares da Consellería de Traballo, da Dirección Xeral de Relacións Laborais e da Subdirección Xeral de Seguridade e Saúde Laboral, este Comité considera que estos cargos deberían identificarse de manera neutra respecto do sexo.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.-  Artigo 1º. Obxecto e finalidade.

Neste artigo só se inclúe a mención ao fomento da prevención de riscos laborais entre os traballadores/as. Considerando que é necesario incluir ás empresas na mención ao seren estas as principais destinatarias das normas de prevención de riscos laborais, este Comité propón a seguinte redacción para o artigo 1º:

"Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais en Galicia, correspondentes ao exercicio de 2008, xestionadas pola Consellería de Traballo, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais”.

Segunda.-  Artigo 2º. Beneficiarios.

Este Comité propón que se mencione expresamente como beneficiarios do programa A ás organizacións empresariais e sindicais que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.- Artigo 3º. Gastos que se subvencionarán.

No apartado 2 deste artigo establécense como subvencionables as actuacións de formación, destinadas aos traballadores/as galegos/as.

Este Comité propón que as actuacións de formación se subvencionen soamente cando estas teñan relación cos riscos específicos do posto de traballo.

Cuarta.- Artigo 4º. Período de imputación de gastos.

Este Comité considera que a expresión final deste artigo “ata que rematen” pode resultar equívoca en relación coa data límite que se establece no artigo seguinte (o 31 de outubro de 2008).

Quinta.- Artigo 5º. Remate e xustificación das accións.

Este artigo, ao igual que o artigo 11º.2, establecen como data límite para o remate das accións e para a presentación da documentación xustificativa a do 31 de outubro de 2008.

Este Comité suxire que se diferencie a data límite do remate das accións, que podería ser a do 31 de outubro de 2008, da data límite da presentación da documentación xustificativa, que proponse sexa a do 15 de novembro de 2008.


Sexta. Artigo 6º. Solicitudes.

No apartado 1 deste artigo relaciónase a documentación que debe acompañar á solicitude, esixindo no apartado c) “acta onde figure o nomeamento do representante legal da entidade”.

Este Comité propón a supresión deste apartado c) por consideralo redundante respecto ao establecido no apartado a) “documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude”.

Sétima. Artigo 9º. Procedemento.

No apartado 3 deste artigo fíxanse os criterios para avaliar as solicitudes por  parte da comisión de valoración.  

Este Comité entende, por un lado, que é un criterio totalmente errado primar a capacidade de cofinanciación por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de destinatarios da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo. Por iso, proponse a eliminación do último ítem, que outorga entre 0 e 2 puntos pola participación da entidade beneficiaria no financiamento da acción.

Por outro lado, no noveno ítem alúdese á “participación no proxecto a realizar de diversos axentes sociais (de 0 a 2 puntos)”.

Este Comité suxire que o criterio avaliable debe ser o da “participación no proxecto a realizar de organizacións sindicais e empresariais”, valorándose de 0 a 5 puntos.

Finalmente, no último ítem deste apartado 3, valórase o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas de 0 a 1 punto.

Este Comité considera que este criterio debe valorarse de 0 a 3 puntos.

Oitava. Artigo 9º. Procedemento.

No apartado 6 deste artigo, segundo ítem, establécese que a comisión de valoración actuará de acordo cos criterios, formas e prioridades de valoración establecidos nesta orde.

Tendo en conta que nesta orde soamente figuran criterios de valoración, este Comité suxire que se elimine a alusión a formas e prioridades.

Novena.- Artigo 11º. Xustificación do pagamento.

Este Comité propón a regulación no texto da orde da posibilidade do anticipo, por importe do 65% do total do importe da axuda, con análogo criterio ao que se establece nas ordes reguladoras do Plan FIP e da Formación continua.



Décima.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 1 deste artigo, apartado c), esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Este Comité propón que se elimine a expresión que figura entre comiñas “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Décimo primeira.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.

O recollido no apartado 2 deste artigo 12º non ten encaixe apropiado nun artigo con este título “obrigas das entidades beneficiarias”, xa que se refire a unha actuación da Dirección Xeral de Relacións Laborais despois de revisar a xustificación, polo que este Comité considera máis correcto que se recolla  no artigo 11º “xustificación do pagamento”.

Décimo segunda.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.

Bótase en falta a inclusión formal neste artigo, entre as obrigas das entidades beneficiarias, a de realizar as accións para as que aceptasen a subvención concedida. Neste sentido, propoñemos que se inclúa ademáis expresamente a obriga de realizar a execución completa da acción por parte da entidade beneficiaria.

Décimo terceira.- Artigo 16º. Seguimento e control.

Este Comité entende que se debería substituir a frase “cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión” pola de “cumprir as obrigas que se establecen nesta orde e axustar a execución das accións á resolución de concesión”.


ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 3º.- Gastos que se subvencionarán.

No apartado 2 deste artigo establécese como subvencionables as actuacións de formación destinadas aos traballadores/as galegos/as.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que a formación se destine tamén aos empresarios e empresarias, posto que -de acordo co Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais- o/a empresario/a pode asumir directamente a prevención, nas circunstancias previstas na normativa vixente, polo que é bo incluir aos empresarios/as dentro das actividades de formación.